Archives

A nova conselleira do Medio Rural asegura que os pagos dos ecorreximes da PAC ingresaranse antes do 30 de xuño

Os pagos polos ecorréximes da PAC cubrirán en Galicia preto de 23.000 solicitudes na actual campaña, cun importe de case 15 millóns de euros, que se aboarán no prazo establecido, segundo avanzou este mércores a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión no Pleno do Parlamento. A conselleira explicou que pediron estas achegas case o 67% dos solicitantes galegos da PAC, que o importe a pagar representa en torno a un 7% do total das axudas da Política Agraria Común en Galicia e que “estas achegas están dentro do prazo normal de pago”. Engadiu que os pagamentos pendentes da campaña 2023 “efectuaranse dentro do prazo fixado, antes do 30 de xuño de 2024”. Todo isto, advertiu Gómez, malia o “pouco atractivo” dos ecorréximes para os produtores galegos. Así, a conselleira sinalou que “esta novidade da PAC, lonxe de representar un polo de captación de fondos, instaurouse en detrimento da nosa comunidade, xa que moitos dos ecorréximes ou non teñen aplicación en Galicia ou contan con requisitos moi dificultosos de acadar que non lles compensan ás explotacións, en consideración dos baixos importes que percibirían”.

Modificación da PAC

Por iso, censurou o enfoque dado polo Goberno central a esta cuestión, cunha “ollada posta no sur de España” e sen mirar cara Galicia. Nesta liña, María José Gómez lembrou que a Xunta demandou, en todas as propostas de modificación da PAC solicitadas ao Ministerio -desatendidas, en maior medida- o cambio dos ecorréximes. Así, manifestou que se procurou unha postura común coas comunidades da Cornixa cantábrica, así como coas principais asociacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia, a prol dunha modificación e adaptación da PAC á totalidade do territorio, fronte á súa orientación claramente “mediterránea”. Nesta liña, Gómez engadiu que “Galicia non só demanda a adaptación dos ecorréximes, senón que tamén reclama a súa simplificación, e por iso aplicou na convocatoria de 2023 todas as axilizacións que permite a normativa estatal.” “Así, reduciuse a un total de 90 días o período mínimo no continuo do pastoreo; estableceuse nos meses de xullo e agosto o período de non aproveitamento das superficies de pastos permanentes e temporais obxecto de sega sostible e consolidouse un período obrigatorio de catro meses -desde o 1 de decembro ata o 31 de marzo- no que a cuberta vexetal debe permanecer viva”, explicou.

Principais cambios trala flexibilización das normas para granxas de vacún

As protestas de agricultores e gandeiros levaron tanto á Comisión Europea como aos Gobernos da maioría de países a reaccionar. En España, o Ministerio de Agricultura anunciou un paquete de 43 medidas que contan co beneplácito de organizacións agrarias como UPA ou Unión de Unións, pero que son consideradas insuficientes por COAG e Asaja. Algúns dos cambios máis destacados afectan ás granxas de vacún, modificando as últimas normativas aprobadas, ben nos prazos da súa entrada en vigor ou nos requisitos esixidos, flexibilizando deste xeito a súa aplicación. Repasamos a continuación os principais cambios tanto para ganderías de leite como de carne: O veterinario de explotación atrásase un ano Unha das modificacións anunciadas terá aplicación inmediata. É a relativa á designación de veterinario de explotación por parte de todas as granxas de gando vacún con máis de 5 UGM. A obrigatoriedade de nomear a un facultativo como responsable da granxa antes do próximo día 18 de maio posponse un ano, ata o 1 de xuño de 2025, “co obxectivo de proporcionar máis tempo aos titulares das explotacións para adaptarse á normativa”, argumenta o Ministerio.
A designación dun facultativo de referencia será obrigatoria a partir do 1 de xuño de 2025 e desde o 1 de xullo do 2025 levarase a cabo a identificación electrónica dos animais nados na granxa
Así mesmo, prorrógase durante un ano a esixencia de contar con Plan Sanitario Integral. Trátase dun documento previsto no Real Decreto 364/2023 que integra medidas sanitarias, de hixiene, bioseguridade e uso racional de medicamentos, que deberá ser elaborado polo veterinario de explotación e que forma parte do Sistema Integral de Xestión das Explotacións (SIGE), ao que deberán adherirse as granxas de vacún que conten con 20 ou máis UGM. Modificarase tamén o Real Decreto 787/2023 aprazando un ano a obrigatoriedade da identificación electrónica en bovino, prevista para os animais nados a partir do 30 de xuño deste ano e que pasará a aplicarse aos animais nados a partir do 30 de xuño de 2025. Plan de Benestar Animal a partir de 2027 Outro dos cambios afecta a aspectos relativos á normativa de benestar animal incluídos no Real Decreto 1053/2022 de Ordenación de Granxas Bovinas. O Plan de Benestar Animal, esixible a todas as explotacións de vacún, aplicarase a partir de 2027 en todos os casos, eliminando a súa entrada en vigor con anterioridade no caso das granxas de nova creación (que estaba previsto para 2026) e nas xa existentes de maior tamaño (o 1 de xaneiro de 2025 nas de máis de 180 UGM).
O Ministerio regulará as características que deberán ter os patios exteriores ao que deberán ter acceso os animais estabulados
Durante este impasse de tempo, o Ministerio procederá a clarificar diversos aspectos da normativa, relativos á mobilidade dos animais entre as explotacións e o acceso a un ambiente exterior, xa que en lugares con climatoloxía adversa como Galicia a viabilidade destes patios exteriores fora posta en dúbida polos representantes do sector.  En canto ás explotacións que realizan pastoreo cos seus animais, o Goberno comprométese á posta en marcha dun Foro de gandería extensiva, no que participarán tamén as organizacións agrarias e as comunidades autónomas co obxectivo de que as súas conclusións sirvan para reorientar a lexislación aplicable e propoñer medidas para garantir a continuidade e rendibilidade das granxas facendo fronte a desafíos sanitarios como a Enfermidade Hemorrágica Epizoótica. O MAPA avanza, neste sentido, que participará no financiamento dos gastos sanitarios que se deriven do tratamento da EHE por parte das explotacións. Caderno dixital voluntario e incentivado Como xa anunciara o Ministerio, a posta en marcha do caderno dixital, prevista para o mes de setembro deste ano en explotacións de máis de 30 ha declaradas na PAC, terá carácter voluntario. Concederanse axudas tanto á creación e prestación de servizos de asesoramento dixital aos agricultores e gandeiros, así como á formación e intercambio de coñecementos, de modo que estes servizos sexan gratuítos para os produtores. Do mesmo xeito, o Ministerio reitera, ainda que sen concretalos, que concederá incentivos directos aos agricultores e gandeiros que utilicen o caderno dixital de maneira voluntaria, simplificando ademais o contido e información que se deberá envorcar nel. Máis tempo para enterrar o esterco nas fincas En relación ao Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas, o Ministerio ofrece “flexibilizar as condicións de apilamiento de estercos na explotación e a ampliación do prazo para a aplicación no solo mediante enterramento”, fixado actualmente na normativa nas 12 horas posteriores, aínda que sen aclarar un novo prazo. Para a aplicación de xurros, tamén se propón “flexibilizar os requisitos en determinadas zonas onde non é posible o uso de medios de aplicación mellorados”, o que abre a porta para permitir a utilización de cisternas convencionais en fincas de pequeno tamaño e a autorizar como alternativa a inxectores e tubos colgantes outros sistemas como o prato invertido.
A obrigatoriedade de contar con plans de abonado e analíticas de chans atrásase a setembro de 2025
En canto aos prazos establecidos na normativa para que as explotacións de máis de 10 ha de superficie se doten de plans de abonado, nos que se realice unha estimación dos nutrientes necesarios en cada parcela, atrásase un ano esta obriga, de modo que queda establecida a partir de setembro deste ano para granxas situadas en zonas vulnerables a nitratos e a partir de setembro de 2025 no resto dos casos. Tal como está recollido na normativa, o plan de abonado deberá contar con análise de chan de cada parcela así como con analíticas sobre a composición dos abonos orgánicos que se apliquen. Tamén se apraza un ano a necesidade de contar con asesoramento técnico, de forma que as explotacións situadas en zonas non vulnerables deberán contar cun asesor en fertilización (ou no seu caso cunha aplicación informática validada oficialmente) a partir do 1 de setembro de 2026.

Marcha atrás na condicionalidade reforzada e modificación dos ecorreximes da PAC

Poderase sementar durante tres anos millo na mesma finca e no cuarto rotar con pradeira Outro dos bloques principais nos que o Ministerio actuará para satisfacer as demandas dos produtores será na aplicación da PAC, mediante diversas modificacións do Plan Estratéxico español (PEPAC). Estes cambios tocan algúns dos aspectos clave introducidos para o novo período 2023-2027, como son o cumprimento da condicionalidade reforzada para o dereito a cobro das axudas, da que se exime ás granxas de menos de 10 ha e suavízase para o resto de explotacións, ou os incentivos establecidos mediante prácticas beneficiosas para o medio ambiente (ecorreximes), cuxos requisitos se volven tamén menos esixentes.
Da exención da condicionalidade reforzada nas explotacións de menos de 10 hectáreas beneficiaranse 345.000 produtores, máis da metade do total de perceptores da PAC en España
Algúns destes cambios (como as excepcións establecidas á cobertura mínima do chan en terras de cultivo, a eliminación da obrigatoriedade de manter un 4% de superficie como non produtiva ou os cambios nas rotacións de cultivos esixidas) teñen efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2024, polo que se aplicarán xa á actual campaña de solicitude da PAC deste ano, que xa está en marcha. Rotación de cultivos O cambio máis significativo para as explotacións lácteas galegas introdúcese na BCAM 7 sobre rotación en terras de cultivo, de forma que se dá a posibilidade de cumprir con esta esixencia ben mediante a rotación de cultivo na parcela tras tres anos do mesmo cultivo ou ben mediante a diversificación, cos mesmos limiares de cultivos principais definidos para o pago verde no período PAC anterior.
Non será necesario deixar un 4% da superficie sen cultivar para poder cobrar a PAC
No caso de que a explotación opte pola rotación, o ano de referencia para comezar a computar será 2023 no canto de 2021, de modo que unha granxa poderá sementar unicamente millo na mesma finca en 2023, 2024 e 2025 sempre que rote en 2026. Así mesmo, admitirase o uso dun cultivo secundario dentro do mesmo ano (por exemplo unha rotación intraanual millo-herba) para cumprir nunha campaña co requisito de rotación sen que a explotación tivese que facer uso deste cultivo secundario nas dúas campañas anteriores, tal como se establecía até o de agora.
A obriga de rotación de cultivos iguálase ás condicións do pago verde anterior
En canto aos ecorreximes, a porcentaxe de elementos non produtivos necesarios para o cobro do ecorrexime de illas de biodiversidade redúcese do 7% ao 4% da superficie de pastos a explotación. Do mesmo xeito, para cumprir cos requisitos fixados no ecorrexime de sega sostible, o gandeiro poderá decidir o período de 2 meses no que non realizará a sega e non se limitará o número de cortes fóra dese período. Unha única inspección anual por granxa O Ministerio propoñerá á Comisión Europea que se elimine a obriga de que os agricultores tomen fotos xeorreferenciadas das distintas parcelas para demostrar o estado dos seus cultivos, polo que cando a Administración responsable (no caso de Galicia o FOGGA) requira estas fotos para realizar un control, o seu envío será voluntario, e en caso de negarse o agricultor a realizar esta tarefa, a Administración deberá realizar o control por outros medios. Cando haxa indicios de incumprimento, descontarase a parcela obxecto da incidencia, sen que se apliquen penalizacións.
Os titulares das explotacións non estarán obrigados a enviar fotos xeorreferenciadas das parcelas para demostrar os cultivos existentes
De igual forma, preténdese que as comunidades autónomas acaden o compromiso de coordinar aos seus servizos de inspección de maneira que se unifiquen todos os controis a realizar nunha explotación nunha única visita que concentre os distintos aspectos a comprobar, con independencia do tipo de control e a normativa de aplicación. A nivel fiscal, os ecorreximes manterán a súa exención de tributación ata 2027 e ampliarase de 20.000 a 25.000 euros o límite para o cobro de axudas de minimis para agricultura e gandería tanto a nivel de subvencións convocadas a nivel estatal como de comunidades autónomas ou outras administracións.

Esta é a proposta do Ministerio para modificar o Plan Estratéxico da PAC

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), remitiu o pasado venres ás Comunidades Autónomas, como Autoridades Rexionais de Xestión, unha proposta de modificación do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), que servirá de base para comezar o diálogo informal coa Comisión Europea. "O documento, que foi debatido en reunións técnicas e nas sesións do órgano de coordinación do PEPAC celebradas os días 4 e 13 de marzo, elaborouse en base ás propostas remitidas polas Autoridades Rexionais de Xestión, así como ás contribucións realizadas polas organizacións profesionais agrarias e cooperativas agroalimentarias nestes últimos meses, e ten en conta a experiencia do primeiro ano de aplicación do plan. Para a súa elaboración considerouse ademais a necesidade de garantir a coherencia do Plan Estratéxico no seu conxunto e a capacidade de alcanzar os logros e obxectivos establecidos no mesmo", aseguran desde o Ministerio que dirixe Luís Planas. O documento recolle flexibilidades para agricultores e gandeiros, en particular no relativo á condicionalidade reforzada e aos ecorrexímes. No relativo á condicionalidade reforzada, a proposta incorpora xa as flexibilidades que incluíu a pasada semana a Comisión Europea na súa proposta de modificación dos regulamentos de base da PAC. "Esta proposta supón un claro avance e responde a maioría das solicitudes realizadas por España nos últimos meses e no Consello de Ministros de Agricultura do pasado 26 de febreiro", aseguran.

O Ministerio non contempla suprimir a BCAM 10

Así, e en uso da maior subsidiariedade que se outorga aos Estados membros,  proponse flexibilizar os requisitos sobre Boas Condicións Agrarias e Ambientais (BCAM) que deben cumprir os agricultores e gandeiros para poder percibir integramente as axudas da PAC. En concreto, solicítase a flexibilidade nos relativos á xestión da labranza (BCAM 5), ás normas para manter unha cobertura mínima do chan (BCAM 6), á rotación de cultivos (BCAM 7) e proponse suprimir a obriga de ter que destinar unha parte da superficie explotación a superficies non produtivas (BCAM 8). Porén, non se contempla por parte do Ministerio de Agricultura a supresión da BCAM 10, unha normativa para reducir a contaminación do solo por nitratos -cuxo orixe principalmente son as granxas de porcino- pero que repercutirá negativamente nas gandarías de vacún de leite, especialmente as de Galicia e da Cornixa Cantábrica, con medidas como a obrigatoriedade de realizar analíticas de chan a todas as leiras ou de implantar plans de abonado. Por outra banda, desde o Ministerio de Agricultura proponse flexibilizar de forma significativa o deseño dos ecorreximes, axudas que remuneran a aqueles agricultores e gandeiros que leven a cabo prácticas beneficiosas para o clima e o medio ambiente. "De entre estas flexibilidades, cabe destacar as propostas que se realizan para favorecer unha maior acollida das prácticas en superficies de pastos por parte dos gandeiros da Cornixa, e en particular nas prácticas de sega sustentable e illas de biodiversidade", destacan desde o Ministerio.  Proponse flexibilidades importantes para as prácticas de cubertas vexetais e inertes en cultivos leñosos, en especial nas plantacións de secaño, nas que resulta máis difícil establecer estas cubertas. Permitirase establecer estas cubertas en rúas alternas, o pastoreo nas mesmas, e laboreo vertical en determinados períodos. No documento trasladado polo ministerio contémplanse ademais numerosas propostas de modificación en relación coas intervencións de desenvolvemento rural que foron presentadas por parte das Autoridades Rexionais de Xestión, que abarcan desde a inclusión de novas intervencións, a cambios no deseño das mesmas ou nas asignacións financeiras. O contido final e a aplicación do conxunto de propostas está condicionada por unha banda á aprobación da modificación do PEPAC por parte da Comisión Europea, e por outro á adopción por parte do Parlamento Europeo e do Consello do texto que foi adoptado no día de hoxe pola Comisión Europea. O momento de aplicación de cada unha das flexibilidades dependerá dos textos finalmente aprobados, aínda que unha boa parte das novas propostas en materia de condicionalidad aplicaranse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2024, e por tanto, terán xa efecto para a solicitude única deste ano.

Galicia traballa a prol dunha “alianza cantábrica” para lograr unha PAC “adaptada á realidade dos nosos territorios”

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reuniuse hoxe de forma telemática cos seus homólogos das comunidades da Cornixa cantábrica para avanzar nunha ampla alianza común -na que tamén participan as organizacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia- co fin de reclamar, de maneira conxunta, maior flexibilidade na PAC e a súa adaptación á realidade destes territorios. Na videoconferencia convocada desde Galicia participaron, ademais do representante da Xunta, Marcelino Marcos, consejero de Medio Rural y Política Agraria do Principado de Asturias; Pablo Palencia, consejero de Desarrollo Rural, Ganadería, Pesca y Alimentación do Goberno de Cantabria e Arantxa Tapia, consejera de Desarrollo Económico, Sostenibilidad y Medio Ambiente e Bittor Oroz, viceconsejero de Agricultura, Pesca y Política Agroalimentaria, ambos do Goberno Vasco. Segundo explicou o conselleiro galego, o que se pretende con estas xuntanzas -a de hoxe e a do luns cos representantes do sector- “é continuar incorporando consensos para reforzar a posición de Galicia e o resto dos territorios da España húmida diante da negociación entre o Goberno central e as comunidades autónomas para modificar o Plan Estratéxico da PAC, o chamado PEPAC”. Este encontro coincide no tempo co que celebra en Madrid o Órgano de Coordinación do PEPAC, no que participan as comunidades autónomas -entre elas Galicia- e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Nesta xuntanza de carácter técnico púxose de manifesto, a xuízo da Xunta, que “a Comisión Europea está sendo mesmo máis ambiciosa que o Ministerio á hora de abrirse á flexibilización da PAC, grazas á presión negociadora das comunidades autónomas”. Por iso, neste sentido José González sinalou que do que se trata é de tentar consolidar unha alianza cantábrica, porque “estamos vendo que, da mesma forma que na negociación da PAC a unión destes territorios foi positiva, entendemos que agora temos que volver ter esa unión”, remarcou. Así, -indicou o conselleiro- ao igual que se fixo coas organizacións agrarias, pedíuselles a estas comunidades que trasladen as súas propostas para enriquecer a batería de medidas nas que está traballando Galicia, con demandas claves para o futuro do sector, arredor das políticas estatais e comunitarias. Deste xeito, como exemplos de reclamacións concretas, o conselleiro mencionou a redución da carga burocrática que soportan agricultores e gandeiros derivada da nova PAC, a voluntariedade do caderno dixital das explotacións e a non aplicación da normativa vencellada á figura do veterinario das explotacións. Sobre as trabas da burocracia, José González subliñou que estas “vense moi agravadas por circunstancias coincidentes na Cornixa cantábrica”, caso do minifundismo, a pluviometría, o relevo e o tamaño das explotacións ou os tipos de solo, entre outras. Nesta liña, José González advertiu que as propostas de modificación do PEPAC realizadas ata o de agora polo Ministerio de Agricultura “son insuficientes e non se adecúan nin a Galicia nin ao resto da Cornixa cantábrica, xa que teñen moito máis en conta á España mediterránea que á húmida”.

Adaptar os ecorrexímenes e a condicionalidade reforzada aos territorios

No mesmo sentido, o conselleiro insistiu en demandar a modificación dos ecorrexímenes e a chamada “condicionalidade reforzada”, para adaptarse á realidade específica da Cornixa e non prexudicar os seus agricultores e gandeiros. Nesta liña, González advertiu que “non hai ningún produtor que estea en contra das esixencias medioambientais da PAC, pero se están poñendo enriba da mesa ecorrexímenes imposibles de cumprir” para os agricultores e gandeiros destes territorios. Así, sobre a condicionalidade, considérase que deberían reducirse ou adaptarse determinados requisitos non axeitados para a Cornixa e que resultan moi difíciles de cumprir nas explotacións galegas e dos demais territorios cantábricos. Canto aos ecorrexímenes, insístese en que os do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) non están adaptados a estas zonas e apenas tres das sete prácticas actuais teñen viabilidade no territorio cantábrico. Desta forma, proponse mellorar os relativos ao pastoreo extensivo, ás illas de biodiversidade e á rotación de especies mellorantes e introducir outros novos. Entre estes últimos estarían o de cultivos tradicionais de baixos insumos, con especial referencia ao grelo; o de cultivos existentes, como a pataca e as especies hortícolas -que en Galicia se producen de xeito máis sustentable- ou o de pastoreo con vacún de aptitude cárnica, ovino, cabrún e mesmo equino en zonas con elevado risco de incendios forestais. En relación con estas propostas, o conselleiro advertiu que todas elas xa foron trasladadas ao Ministerio ao longo da negociación do novo PEPAC e que “están avaladas polas organizacións profesionais agrarias”, sen que se tiveran en conta. A maiores, José González tamén explicou que se está procurando unha alianza común para fixar unha posición conxunta en cuestións estratéxicas para o futuro do agro, a nivel estatal e comunitario. Nesta liña, referiuse ao documento, actualmente en elaboración, que conten diferentes demandas, entre elas a revisión de toda a normativa nacional derivada das directivas europeas da nova PAC, con especial énfase na necesidade de reducir a burocracia.

Instar ao Goberno a modificar a Lei da Cadea Alimentaria

Tamén se quere procurar consensos para reclamar igualdade nas regras de xogo nos mercados para todos os produtores, de forma que nos tratados internacionais con terceiros países se inclúan cláusulas espello que garantan un trato idéntico para todos os produtos. Sobre os prezos, úrxese ao Goberno á modificación da Lei da cadea alimentaria para que se cumpra dun xeito efectivo. Por parte da Xunta, en concreto, reclámase a introdución de mecanismos como os deseñados por Galicia -Contaláctea e Contacarne- e traballar en coordinación coas comunidades autónomas para que os prezos que perciben os agricultores e gandeiros cubran os seus custos, máis a marxe de beneficio correspondente. Outra demanda estratéxica ten que ver coa mellora da fiscalidade para o agro.

Así quedan os importes das axudas por ecorreximes

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), dependente do Ministerio de Agricultura, acaba de publicar os importes unitarios provisionais revisados dos pagos por ecorrexímes, unha das principais novidades da Política Agrícola Común (PAC) que entrou en vigor esta campaña 2023. Trátase de réximes voluntarios para o agricultor, consistentes en prácticas en favor do clima e o medio ambiente, as cales van máis aló da liña de base (condicionalidade reforzada), e que os agricultores e gandeiros que as cumpran recibirán un pago directo anual por hectárea. O pago anual destas axudas poderase realizar en dous períodos: un anticipo do 70 % do importe total ao que ten dereito cada agricultor ou gandeiro, que se poderá realizar do 16 de outubro ao 30 de novembro do ano de solicitude da axuda, e un pago do saldo que se realizaría entre o 1 decembro e o 30 de xuño do ano natural seguinte ao de solicitude. Para este pago do saldo o FEGA deberá establecer os Importes Unitarios (EU) provisionais revisados, para facer efectivo o primeiro pago do saldo a partir do 1 de decembro, o cal poderá alcanzar até o 90% do importe total da axuda. Neste sentido, os importes unitarios provisionais revisados desta campaña 2023 establecéronse cos datos de superficies solicitadas polos agricultores e gandeiros na súa solicitude única de axudas da PAC, e comunicadas ao FEGA por parte das comunidades autónomas (CCAA). É importante destacar que as superficies solicitadas utilizadas para o cálculo da EU provisionais revisados son diferentes ás superficies utilizadas para o cálculo dos importes provisionais establecidos para abonar o anticipo no mes de setembro, dado que as solicitudes xa foron depuradas nesta fase de xestión. Á hora de calcular a EU provisionais revisados, do mesmo xeito que cando se calcularon a EU provisionais en setembro, é preciso ter en conta que nas prácticas de sementeira directa e de cubertas vexetais, a normativa establece un complemento de plurianualidade de 25 euros/ha, que debe ser pagado integramente aos titulares que contraesen o compromiso de realizar novamente estas prácticas na próxima campaña. Así mesmo, para o cálculo tívose en conta a condición de insularidade das superficies das Illas Baleares nos Ecorrexímes nos que se aplica. En base a todo o anterior, os importes unitarios provisionais revisados para o primeiro pago do saldo quedan fixados en: Posteriormente, a partir da nova información que remitan as comunidades autónomas correspondente á superficie total determinada tras os controis para o cobro das axudas en abril do próximo ano, establecerase o importe unitario definitivo, co cal se poderá realizar o segundo pago do saldo das axudas ao 100%.

Descarga aquí a nota informativa do FEGA

PROTEINMASTER, unha mestura con leguminosas para pradeiras que cumpre coa PAC

A nova PAC, que entrou en vigor o pasado 1 de marzo, esixe levar a cabo unha serie de boas prácticas por parte dos agricultores e gandeiros, entre as que se atopa a rotación de cultivos e a introducción de especies mellorantes nas pradeiras.

O Grupo Soaga ofrece unha ampla gama de solucións para pradeira dentro do seu completo catálogo de sementes pratenses e cultivos de inverno, con diferentes combinacións de raigrases, leguminosas e cereais que se adaptan ás distintas necesidades das explotacións agrogandeiras.

PROTEINMASTER está específicamente deseñada para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes da PAC

Algunha destas mesturas está específicamente deseñada para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes, que esixe labrar cando menos o 5% das terras de cultivo da explotación con leguminosas, ben soas ou en combinacións onde estas sementes sexan maioritarias.

En concreto, PROTEINMASTER, elaborada pola cooperativa francesa Cérience, que subministra fórmulas de sementes ao Grupo Soaga, inclúe un 51% de leguminosa (trevo rojo diploide, trevo encarnado e trevo branco xigante) e un 49% de raigrás (híbrido tetraploide e híbrido diploide). A dose recomendada desta mestura é de 35 kg/ha.

Esta mestura aporta comodidade á hora de sementar e excelentes resultados á hora de colleitar

Con PROTEINMASTER, ademais de cumprir as esixencias normativas da nova PAC lógrase unha excelente produción forraxeira, tanto en cantidade como en calidade de ensilado, con altas porcentaxes de proteína na ración, o que serve para reducir as necesidades de concentrados e abaratar o custo de alimentación do gando, ao mesmo tempo que se está a mellorar o solo para o cultivo seguinte, ao fixar nitróxeno atmosférico e airear a terra.

Na seguinte ligazón pódese descargar o catálogo completo de sementes pratenses de Cérience que ofrece Soaga, con indicación das doses de sementeira recomendadas.

Outras fórmulas tanto para pasto como para ensilado

O cultivo de inverno con diferentes mesturas de raigrás e leguminosas achega proteína e reduce as necesidades de fertilización do cultivo de verán ao fixar nitróxeno ambiental

O Grupo Soaga traballa a maiores coa empresa de sementes DLF, ofrecendo no seu catálogo distintas mesturas de gramíneas, cereais e leguminosas pensadas tanto para o ensilado como para o pastoreo directo. Conta tamén coa marca propia GRAOS, coa que fai fórmulas e combinacións a medida para os seus clientes.

O departamento técnico de Soaga, formado por enxeñeiros agrónomos, está a disposición dos agricultores e gandeiros para axudarlles a elixir a mestura que mellor se adapta ás súas necesidades, en función de factores como o tipo de chan ou a duración e destino final da pradeira.

Podes contactar co Grupo Soaga no teléfono 986 516 035 ou a través da páxina web www.gruposoaga.com.

“Hai que apostar por cultivos que o gandeiro saiba manexar e sexa capaz de rendibilizar”

Manuel Crespo, membro do equipo técnico de Soaga

Este ano a campaña de sementeira de pradeiras estará condicionada polas novas regras da Política Agraria Común. “Para cumprir co ecorrexime de rotación con mellorantes, unha gandería que bota unha superficie de 100 hectáreas de millo tería que labrar a herba no inverno o 50% das súas terras, é dicir, 50 hectáreas, das que 10 ha terían que levar especies mellorantes e cando menos 5 leguminosas como especie predominante”, explica Manuel Crespo, técnico do Grupo Soaga.

Existe un amplo abano dentro da listaxe de especies mellorantes aceptadas por Bruxelas, pero Manuel Crespo recomenda “labrar cultivos que se saiban manexar e cos que se estea habituado a traballar”. “Se sementas algo para cumprir coa PAC que non coñeces ben e co que non estás familiarizado non serás capaz de rendibilizalo”, asegura.  

Por iso, seguir apostando por fórmulas de raigrás con trevo e outras leguminosas como as que distribúe o Grupo Soaga, que se adaptan á perfección ás condicións edafoclimáticas da comunidade e coas que as explotacións galegas levan moitos anos traballando, supoñen unha garantía á hora de obter bos resultados.

Non sementar pradeiras monofitas

Entre as recomendacións á hora de sementar pradeiras, Manuel Crespo fai fincapé nas vantaxes de incorporar leguminosas. “Se queremos aproveitar un cultivo de inverno rendibilizámolo moito máis coas mesturas de gramíneas e leguminosas que usando unicamente unha soa variedade de gramínea e a vantaxe dos raigrases é que nos permiten facer combinacións para aproveitar as mellores características de cada unha das especies”, explica.

A vantaxe dos raigrases é que nos permiten facer mesturas para aproveitar as mellores características de cada unha das especies

“O raigrás hibrido dá calidade e produción, pero se lle sumamos un raigrás inglés, aumentan os contidos de proteína e os azucres estruturais, o que vai mellorar a calidade dos ensilados”, detalla. As garantías de produción tamén son maiores, porque “se falla unha das especies sempre tes as outras”, evidencia.

Variedades resistentes

Manuel recomenda incluír as leguminosas nas mesturas “non só para cumplir coa PAC senón tamén para mellorar os chans”. “O obxectivo da UE para 2030 é reducir nun 20% de uso de fertilizantes en un 50% a perda de nutrintes do solo sen perder capacidade produtiva. Para iso vai ser fundamental o uso especies mellorantes como son as leguminosas, que fixan nitróxeno atmosférico e descompactan o chan”, lembra.

Pero á hora de decantarse por unha variedade ou outra ou por unha semente ou outra, á parte da capacidade produtiva que poida ter a leguminosa hai que ter en conta tamén outros aspectos, como os que teñen que ver coa sanidade vexetal.

En Galicia hai que sementar raigrases resistentes á rolla e trevos aos que non lles afecte o oídio

“Non debemos usar calquera tipo de trevo, porque os trevos son moi sensibles aos fungos, fundamentalmente ao oídio, por iso en Galicia debemos empregar especies resistentes ao oídio e no caso das gramíneas, é fundamental a resistencia á rolla, unha enfermidade que ataca moito aos raigrases en Galicia”, explica o técnico do Grupo Soaga.

Tipos de solos

Unha das claves para garantir unha boa implantación das pradeiras é a elección das variedades idóneas para cada tipo de solo. “Hai que facer unha boa escolla das fincas e dos tipos de solo onde facer as pradeiras para optimizar ao máximo o rendemento”, defende. “Por exemplo, os cereais son moi sensibles aos encharcamentos, a produción pode reducirse á metade en terreos moi mollados e que encharquen”, indica.

É fundamental coñecer que tipos de fincas tes para decidir que sementar en cada caso; en solos arxilosos que encharquen con facilidade o mellor é non sementar cereais

Por iso, en solos arxilosos que encharquen con facilidade o mellor é non sementar cereais. Ademais, unha boa opción en terreos húmidos é non facer a sementeira das mesturas de cereais de inverno e leguminosas no outono, senón en xaneiro, explica.

Momento da sementeira

Outra das recomendacións ten que ver coa escolla do momento óptimo da sementeira. “As leguminosas necesitan horas de luz (fotoperiodo) para implantarse ben. Canto antes sementemos unha pradeira de leguminosas mellor se implantarán, ao contrario que os cereais de inverno, que necesitan horas de escuridade”, conta Manuel Crespo.

Por iso aconsella sementar antes as pradeiras de raigrás con trevo e deixar para as sementeiras máis tardías as mesturas de cereais de inverno con leguminosas.

Éxito ou fracaso dos ecorreximes en Galicia?

Que ecorreximes pediron as explotacións galegas? Por que se reducen finalmente as contías previstas inicialmente? Atopamos a resposta se temos en conta o importante volume de solicitudes que se observan no conxunto do Estado, onde case 9 de cada 10 hectáreas declaradas na PAC se enmarcan dentro dalgún ecorrexime. 

As explotacións agrogandeiras galegas, sen embargo, recibiron con menos entusiasmo unha das principais novidades da PAC neste primeiro ano de aplicación, malia que a Xunta mesmo se esforzou a animar aos produtores a acollerse a eles indicando que nesta campaña non se van realizar controis sobre o seu cumprimento.

Pero finalmente só 291.968 hectáreas están adscritas a algunha destas prácticas a favor do clima e o medio ambiente do total de 468.827 hectáreas incluídas nas declaracións únicas da PAC deste ano en Galicia, presentadas por 24.395 titulares de explotacións, o que significa que en 4 de cada 10 hectáreas preferiron non acollerse a estes pagos extra, que implican esixencias a maiores das incluídas na condicionalidade da PAC, aínda que de vinculación anual na maioría dos casos.

A Xunta mesmo animou aos produtores a acollerse a algún dos ecorreximes indicando que este ano non se ían realizar controis sobre o seu cumprimento

O principal ecorrexime solicitado polas explotacións agrogandeiras galegas foi o de pastoreo extensivo, para o que foron solicitadas 228.467 hectáreas, principalmente por parte de ganderías de vacún de carne, e representan o 64% da superficie total destinada a pastoreo na comunidade (pastos permanentes e temporais), unha cifra moi inferior á media do conxunto do Estado (92%). 

A segunda práctica con máis hectáreas solicitadas, fundamentalmente por parte de ganderías de vacún de leite que botan millo,  foi a da rotación de cultivos en terras de labor, cun total de 57.429 hectáreas, o que equivale ao 56% das terras totais de cultivo declaradas na PAC en Galicia, unha porcentaxe que está 10 puntos por baixo da media de toda España (dos 10,47 millóns de hectáreas de terras de cultivo 6,94 acolléronse a este ecorrexime) e é sensiblemente inferior á de comunidades da cornixa cantábrica como Cantabria (71%) ou o País Vasco (95%), aínda que similar á de Asturias (55%).

Tivo máis ‘éxito’ entre os produtores galegos o ecorrexime de pastoreo que o de rotación de cultivos

As cubertas vexetais en cultivos leñosos permanentes, por exemplo viñedo ou froiteiras, ocupan un total de 3.197 hectáreas, das que 2.135 sitúanse en parcelas de elevada pendente (+10%) ou cultivadas en bancais. Finalmente, ao ecorrexime de espazos de biodiversidade acolléronse un total de 2.873 hectáreas en Galicia.

“Imos cobrar por vaca a metade que os do leite; non nos parece xusto”

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas en Mazoi (Lugo)

Os produtores de vacún de carne en extensivo séntense “enganados” polo Ministerio e “novamente prexudicados” polas decisións tomadas en relación á PAC. “Dinnos que imos cobrar unha cantidade e en función diso cada un fixo as súas cábalas e tomou as súas decisións e agora modifican os importes, unha vez xa que non temos marxe de manobra”, quéixase Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

“Vén saír o que nós viñamos denunciando desde fai meses, que imos cobrar por vaca a metade que os do leite. Non temos nada en contra dos nosos compañeiros gandeiros de leite, pero non nos parece xusto”, di.

Lembra ademais que a prima por vaca de carne, fixada para este ano en 81,53€, levaba conxelada desde o ano 2014, polo que considera “incomprensible que en vez de aumentala, incluso se diminúa”; mentres a que se cobra por vaca leiteira pasou no mesmo período de 120€ a 157 na actualidade, o que equivale a unha revalorización do 30%.

Con respecto á última campaña a axuda por vaca nodriza descende un 4%, mentres a prima por vaca leiteira aumenta un 30%

O descenso no importe final da axuda asociada a vaca nodriza, que cae un 10% con respecto ao previsto inicialmente para o período da PAC 2023-2027 e un 4% respecto ao cobrado na última campaña, e a diminución do 28% do valor do ecorrexime de pastoreo, que queda fixado en 44,72€, vai supoñer unha nova perda de ingresos para as explotacións nun momento de custos de produción elevados e estancamento no prezo de venda dos xatos.

Por iso, desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema esixen ás Administracións “unha liña de subvencións para compensar a perda de axudas nos ecorreximes e na vaca nodriza”. “Nos ecorreximes tamén nos penalizan, non se está fomentando o que di a PAC, que é a extensificación para coidar o medio ambiente e combatir incendios; non se está primando iso que se está vendendo”, denuncia.

“Moita xente vai deixar de pedir o ecorrexime”

A importante redución na contía do ecorrexime de pastoreo, considera Santiago, “vai desincentivar á xente a pedilo o ano que vén”. “Este ano era un pouco de proba e ao ver a contía final do importe e os requisitos que tes que cumprir, entre outros o de levar un caderno de pastoreo, moitas explotacións van deixar de solicitalo”, argumenta.

Santiago achaca a menor porcentaxe de hectáreas acollidas ao ecorrexime en Galicia (64%) en comparación co total do Estado (92%) a diversos factores, entre outros ao tipo de explotacións, máis pequenas e menos profesionalizadas, ou á estrutura da propiedade. “Non é o mesmo facer pastoreo aquí que facelo en Castela ou Estremadura, aquí temos o minifundio e o problema do lobo”, engade.

“A axuda pola seca non dá nin para mercar un rolo de herba”

Os produtores de Suprema séntense “dobremente enganados polo Ministerio”, despois de que a axuda anunciada para paliar os efectos da seca tamén vira reducido o seu importe final. “Anunciáronse 100 euros que despois quedaron en 35,87 euros por vaca nodriza, é unha cantidade ridícula”, di.

A palla está a 200€ a tonelada, o rolo de herba seca a 40€ e o de silo a 60. Quen aguanta o gando no inverno con estes custos?

Prevese o seu cobro polas ganderías en outubro pero de pouco vai servir para aliviar a situación das granxas. “A tonelada de palla está a máis de 200€, os rolos de herba seca a 40 euros e os de silo chegan incluso aos 60. A axuda non dá nin para comprar un rolo por vaca e en todo o inverno unha vaca come moitos rolos”, quéixase Santiago.

“Prevese que este inverno haxa falta de gando”

Ante a falta de forraxe e os altos prezos, explica, moitas explotacións optaron por diminuír o número de cabezas polo que pensa que “nos vindeiros meses van escasear os xatos de Suprema”. “Prevese que no inverno haxa falta de gando. Imos para unha época na que sempre sobraba carne, pero este ano non vai ser así”, prognostica.

Ternera Gallega permitirá cebar no prado os xatos de Suprema pero esixirá o acurralamento dos animais

As modificacións no Regulamento da IXP Ternera Gallega, acordadas no seo do Consello Regulador e que previsiblemente se farán públicas o mes que vén, esixirán unha finalización mínima de 2 meses dos animais, ben sexa en interior ou, se é no exterior, con acurralamento. “Vai encarecer o custo final dos becerros para as explotacións que non estaban cebando, pero é algo necesario para potenciar unha Suprema mellor, porque non se pode seguir devaluando o selo marcando animais que non cumpren”, defende Santiago Rego.  

Finalmente, tamén haberá cambios en relación á axuda comprometida pola Xunta para primar a Suprema, unha medida arrincada polos produtores ao conselleiro logo das mobilizacións levadas a cabo en Lugo esta pasada primavera. A axuda abrirase no 2024 e non será finalmente por quilo de carne, senón por canal certificada, para poder encadrar esta subvención dentro do PDR, segundo explican desde Gandeiros Galegos de Suprema.

O Ministerio reduce nun 30% o importe do ecorrexime de pastoreo e nun 20% o de rotación de cultivos

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) fixo públicos este luns os importes provisionais dos ecorreximes para a campaña da PAC deste ano 2023, que recollen mermas considerables nas cantidades previstas inicialmente para as principais prácticas ás que se poden acoller os agricultores e gandeiros galegos. Deste xeito, segundo a nota publicada polo FEGA, o importe do ecorrexime de pastoreo extensivo pasa dos 62,16€ previstos inicialmente a 44,72€, o que supón un descenso do 28%, mentres que o de rotación de cultivos con especies mellorantes baixa de 85,72€ a 68,64€, un 20% menos.
Os ecorreximes son prácticas anuais beneficiosas para o medio ambiente ás que se poden acoller voluntariamente os produtores
A redución nestas axudas supón a perda de case 18€/ha no caso dos produtores galegos que solicitaron o ecorrexime de pastoreo e 17€/ha para os que se acolleron ao de rotación con especies mellorantes en terras de cultivo. Tamén se reduce nun 22% (13 euros menos por hectárea) o importe fixado para o ecorrexime de espazos de biodiversidade e superficies non produtivas, así como nun 5% (8 euros menos por hectárea) a utilización de cubertas vexetais en cultivos en bancais ou con pendentes superiores ao 10%. 
Existe unha redución importante por degresividade nos ecorreximes de rotación de cultivos, sementeira directa e cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10%
Existe a maiores unha redución importante por degresividade ao superar as 30 primeiras hectáreas nos ecorreximes de rotación de cultivos e sementeira directa en secaño (20 euros menos por hectárea) e as 25 hectáreas en regadío (42 euros menos por hectárea), así como no uso de cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10% cando se superan as primeiras 15 hectáreas (57 euros menos por hectárea).  Non varía o importe de 25€/ha a maiores previsto na normativa da PAC para os produtores que se comprometan a realizar tamén as prácticas de sementeira directa e cubertas vexetais sobre as mesmas parcelas na vindeira campaña.
O FEGA aclara que os importes publicados son o resultado das solicitudes da PAC efectuadas nesta campaña
Os importes resultantes establecéronse en base aos datos das superficies solicitadas polos agricultores e gandeiros na solicitude única da PAC deste ano, comunicadas ao FEGA polas comunidades autónomas.  O cobro destas cantidades terá lugar en dous prazos, un primeiro pago ou anticipo do 70% entre o 16 de outubro e o 30 de novembro deste ano e un segundo pago da cantidade restante, até completar o importe total establecido, entre o 1 de decembro deste ano e o 30 de xuño do ano que vén.
A redución das cantidades a percibir polos produtores redundará en máis gastos e menos PAC
A incorporación destas primas por ecorreximes voluntarios é unha das novidades fundamentais do novo período da PAC até 2027 e implica a adopción de determinadas prácticas por parte dos produtores. Algunhas delas implican gastos a maiores (rotación de cultivos ou cubertas vexetais) ou levan implícita unha perda de produtividade (illas de biodiversidade), polo que a redución agora das cantidades compensatorias previstas inicialmente vai redundar nun menor cobro de axudas por parte dos produtores que se acolleron a estes ecorreximes e un maior custo de produción para estas explotacións. 

Non haberá penalizacións por incumprir os ecoesquemas da PAC en 2023

O Consello de Ministros aprobou este martes un real decreto para establece o marco normativo necesario para aplicar as correspondentes penalizacións a todo o conxunto de intervencións integradas no Plan Estratéxico Nacional da Política Agrícola Común (PAC). As penalizacións defínense como as reducións a aplicar ás axudas no caso de que se detecte un incumprimento dos requisitos de subvencionabilidad, compromisos ou outras obrigacións, co obxectivo de garantir unha protección eficaz dos intereses financeiros da Unión Europea (UE). A norma aprobada mantén o statu quo de forma xeral e flexibilizáronse algunhas cuestións. En particular, contémplase un período transitorio na aplicación das penalizacións dos novos ecorrexímenes en favor do clima e do medio ambiente, de forma que, no ano 2023, ao ser o primeiro de desenvolvemento desta medida, non se aplicarán penalizacións, e para o ano 2024 reduciranse á metade. Redúcense tamén á metade as penalizacións a aplicar en caso de intervencións na que se controlaron á totalidade das persoas beneficiarias mediante o sistema de monitorización de superficies. Este novo real decreto completa o marco lexislativo da PAC, e desenvolve o establecido pola Lei 30/2022, de 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión desta e outras materias conexas no que se refire ás penalizacións. O real decreto aprobado onte introduce tamén determinados axustes técnicos nalgúns dos aprobados anteriormente para o desenvolvemento da PAC, co fin de mellorar a aplicabilidade dos mesmos.