O Ministerio reduce nun 30% o importe do ecorrexime de pastoreo e nun 20% o de rotación de cultivos

A candidade a percibir por prácticas de pastoreo extensivo pasa dos 62,16€ previstos a 44,72€, mentres que a rotación con especies mellorantes en terras de cultivo baixa de 85,72€ a 68,64€

Importe provisional ecorreximes FEGAO Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) fixo públicos este luns os importes provisionais dos ecorreximes para a campaña da PAC deste ano 2023, que recollen mermas considerables nas cantidades previstas inicialmente para as principais prácticas ás que se poden acoller os agricultores e gandeiros galegos.

Deste xeito, segundo a nota publicada polo FEGA, o importe do ecorrexime de pastoreo extensivo pasa dos 62,16€ previstos inicialmente a 44,72€, o que supón un descenso do 28%, mentres que o de rotación de cultivos con especies mellorantes baixa de 85,72€ a 68,64€, un 20% menos.

Os ecorreximes son prácticas anuais beneficiosas para o medio ambiente ás que se poden acoller voluntariamente os produtores

A redución nestas axudas supón a perda de case 18€/ha no caso dos produtores galegos que solicitaron o ecorrexime de pastoreo e 17€/ha para os que se acolleron ao de rotación con especies mellorantes en terras de cultivo.

Tamén se reduce nun 22% (13 euros menos por hectárea) o importe fixado para o ecorrexime de espazos de biodiversidade e superficies non produtivas, así como nun 5% (8 euros menos por hectárea) a utilización de cubertas vexetais en cultivos en bancais ou con pendentes superiores ao 10%. 

Existe unha redución importante por degresividade nos ecorreximes de rotación de cultivos, sementeira directa e cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10%

Existe a maiores unha redución importante por degresividade ao superar as 30 primeiras hectáreas nos ecorreximes de rotación de cultivos e sementeira directa en secaño (20 euros menos por hectárea) e as 25 hectáreas en regadío (42 euros menos por hectárea), así como no uso de cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10% cando se superan as primeiras 15 hectáreas (57 euros menos por hectárea). 

Non varía o importe de 25€/ha a maiores previsto na normativa da PAC para os produtores que se comprometan a realizar tamén as prácticas de sementeira directa e cubertas vexetais sobre as mesmas parcelas na vindeira campaña.

O FEGA aclara que os importes publicados son o resultado das solicitudes da PAC efectuadas nesta campaña

Os importes resultantes establecéronse en base aos datos das superficies solicitadas polos agricultores e gandeiros na solicitude única da PAC deste ano, comunicadas ao FEGA polas comunidades autónomas. 

O cobro destas cantidades terá lugar en dous prazos, un primeiro pago ou anticipo do 70% entre o 16 de outubro e o 30 de novembro deste ano e un segundo pago da cantidade restante, até completar o importe total establecido, entre o 1 de decembro deste ano e o 30 de xuño do ano que vén.

A redución das cantidades a percibir polos produtores redundará en máis gastos e menos PAC

A incorporación destas primas por ecorreximes voluntarios é unha das novidades fundamentais do novo período da PAC até 2027 e implica a adopción de determinadas prácticas por parte dos produtores. Algunhas delas implican gastos a maiores (rotación de cultivos ou cubertas vexetais) ou levan implícita unha perda de produtividade (illas de biodiversidade), polo que a redución agora das cantidades compensatorias previstas inicialmente vai redundar nun menor cobro de axudas por parte dos produtores que se acolleron a estes ecorreximes e un maior custo de produción para estas explotacións. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información