O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou hoxe un paquete de medidas para atender ás demandas de agricultores e gandeiros, que desde hai semanas se están a mobilizar a nivel de toda España. Planas reuniuse esta tarde coas organizacións agrarias Asaja, Upa e Coag, coas que comprometeu unha serie de cambios.
“Escoitamos e damos resposta. Pero os sentementos e inquietudes do agro teñen que transformarse en cuestións concretas que sexamos capaces de resolver”, valorou Planas. “As protestas de agricultores e gandeiros nacen de preocupacións lexítimas e respetamos toda protesta pacífica. O problema -valorou Planas- son as interferencias políticas espúreas”.
En rolda de prensa tralo encontro coas organizacións agrarias, Planas subliñou que este primeiro paquete de medidas seguirase traballando en reunións técnicas, así como en próximos encontros coas comunidades autónomas e a nivel europeo o 26 de febreiro.
As medidas concretas xa comprometidas polo Ministerio son as seguintes:
1) Simplificación da PAC e das normativas
- O caderno dixital pasa a ser voluntario, en lugar de obrigatorio. Agricultura habilitará incentivos para promover o seu uso, pero non será unha cuestión obrigatoria. Quedan por definir que tipo de incentivos decide o Ministerio.
“Hai que dicir que o caderno dixital é algo fundamental para o agro, pois permítenos levar un control sobre aspectos como o uso de fitosanitarios. A cuestión é que temos moitos tipos de explotacións diferentes, tamén pequenas explotacións”, valorou Planas. “Por iso decidimos facer o seu uso voluntario, aínda que estou convencido de que o caderno dixital popularizarase no agro ao nivel do que ten un smartphone hoxe en día”, comparou.
- Flexibilización da normativa de condicionalidade da PAC 2024. O ministro aludiu á flexibilización dos requisitos 7 e 8 das Boas Condicións Agrarias e Medioambientais, que abordan a rotación de cultivos e as superficies non produtivas. Queda por ver o detalle dos compromisos e se Bruxelas os valida.
- Eliminación das fotos xeorreferenciadas das parcelas na declaración da PAC. “É necesario que haxa unha correcta xustificación do destino dos fondos públicos da PAC, pero tamén hai que eliminar requisitos superfluos”, opina Planas ao respecto desta medida.
- Réxime simplificado da PAC. “Proporémoslle á Comisión Europea o día 26 que se poña en marcha un rexime simplificado da PAC, con menos requisitos, para os beneficiarios que cobren menos de 5.000 euros”, sinalou o ministro.
- >Ampliación do catálogo de ecoesquemas en zonas áridas, onde menos se solicitaron ecoesquemas. “Tres de cada catro explotacións solicitaron ecoesquemas e imos gastar o 100% dos fondos nesa partida, o que non poden dicir moitos Estados membros, pero si é certo que nas zonas áridas detectamos que hai problemas para entrar nos ecorreximes”, recoñeceu Planas.
- Veterinario de explotación. O ministro anunciou a convocatoria dun foro de gandería extensiva para abordar a normativa do veterinario de explotación, que preocupa no sector.
2) Reforzamento do control da cadea alimentaria
O ministro avogou por unha maior coordinación coas comunidades autónomas, “que teñen que asumir a súa responsabilidade na aplicación da Ley de la Cadena Alimentaria”, valorou Planas. En canto as medidas concretas, o ministro sinalou as seguintes:
- A Agencia de Información y Control Alimentario (Aica) eleva o seu rango ó nivel de axencia estatal e contará con máis medios materiais e humanos. O obxectivo é aumentar as inspeccións e controis de oficio.
- Publicaranse as sancións totais acumuladas por empresa en sancións graves ou moi graves. “É unha medida pedagóxica que preocupa ás empresas, pois o dano reputacional é importante”, valora o ministro. Desde xaneiro do 2013 anúncianse trimestralmente as novas multas que impón a AICA, pero as anteriores nunca se publicaran.
3) Controis en fronteira
- Reorganización dos controis en fronteira para mellorar a eficacia dos controis. “Non é certo que non haxa controis, como teño escoitado estes días, pero hai que melloralos”, valorou Planas.
- España vetará a entrada de froitas ou hortalizas nas que se detecten residuos de produtos fitosanitarios non autorizados na UE, con independencia do volume destes residuos. O Goberno defenderá ademais nos foros internacionais que as clausulas espello se apliquen de xeito xeralizado na UE, é dicir, que os produtos que se importan teñan que cumprir os mesmos requisitos que os producidos na UE.
4) Relevo xeneracional
O Ministerio de Agricultura anuncia unha Conferencia Sectorial cos conselleiros das comunidades autónomas para abordar a cuestión do relevo xeneracional, un dos graves problemas estruturais do agro en España.
Valoracións das organizacións agrarias
Asaja, Upa e Coag anunciaron que manteñen o calendario de protestas convocado, “xa que queda camiño por percorrer”, se ben consideraron un “paso adiante” os compromisos de Planas.
Desde Asaja, a organización maioritaria, valoraron en positivo as medidas pero chamaron a solucionar outros asuntos pendentes, como a xestión dos xurros na gandería ou a cuestión do lobo, da que culparon ó Ministerio de Transición Ecolóxica.
Máis información: Podes ler na web do Ministerio a nota de prensa que emitiron despois da reunión coas organizacións agrarias, na que detallan o paquete de medidas acordado.
Tractoradas o martes 20 para urxir medidas adicionais para Galicia nos xurros e nos ecorreximes
A Comisión Europea confirma a exención do barbeito na PAC no 2024