Os tractores e gandeiros concentrados desde o pasado xoves diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo levantaron este luns pola tarde a súa protesta, que manteñen aínda diante da Subdelegación do Goberno, despois de comprometerse o Conselleiro de Medio Rural, José González, a habilitar unha liña de axudas directas para os produtores de Suprema que compense a diferenza existente neste momento entre os custos de produción e os prezos actuais de venda dos xatos, que se sitúan no entorno dos 5,60-5,70€.
Esta axuda extraordinaria, que chegaría xa este ano ás ganderías, non se pagaría por vaca nutriz nin por número de hectáreas, senón por quilo de carne certificada dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, cun importe final de entre 80 céntimos e un euro por quilo canal, segundo os cálculos que fan desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, en función do montante total de quilos certificados a final de ano como Suprema dentro da IXP.
A axuda pagaríase en función dos quilos de carne certificados por cada gandería dentro da IXP Ternera Gallega Suprema e prolongaríase por un mínimo de dous anos
A Xunta disporá para iso dunha partida de entre 10 e 12 millóns de euros anuais, que se prolongará durante un mínimo de dous exercicios. “Comprometéronse a axilizala o antes posible para sacala este ano ou, en caso de que saia no 2024, tratar de facer un anticipo este ano, como se fixo coa axuda pola guerra de Ucraína”, explica Santiago Rego.
O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema indica que o compromiso acadado por parte da Xunta cos produtores foi o de manter esta axuda un mínimo de dous anos, tratando de habilitar fondos FEADER para iso, ao igual que fixo nas axudas autonómicas pola guerra de Ucraína abonadas a semana pasada, e, se non fose posible, con fondos propios, segundo as palabras do propio conselleiro.
O obxectivo, sinalou, é que “non se perdan explotacións de vacún de carne en extensivo pola situación insostible de incremento dos custos de produción, sen que o prezo sexa capaz de compensalo”.
Axudas por prevención de incendios
José González avanzoulles tamén aos gandeiros que o anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais, que prepara a Xunta, prevé axudas directas para gandeiros en extensivo que, mediante a súa xestión do territorio, colaboren na prevención do lume.
Estas axudas anuais a partir de 2024 financiaríanse con partidas destinadas a prevención de lumes e non con fondos destinados a gandería
Esta liña de axudas, que está aínda sen concretar, pagaríase aos gandeiros en función do número de hectáreas pastoreadas e podería entrar tamén a colaboración coa Administración en tarefas como o desbroce de camiños e pistas. “Falta que se aprobe a lei que está en proxecto para dotar o orzamento necesario, pero estes fondos serían de prevención de lumes, non de gandería e a convocatoria sairía no 2024”, avanza Santiago Rego.
Flexibilizar o abonado de pradeiras en pastoreo
No relativo a Política Agrícola Común para o actual período 2023-2027, a Xunta comprometeuse a estudar unha modificación da norma autonómica que regula os fondos de desenvolvemento rural do segundo piar da PAC para facer máis flexible o uso de fertilizantes na axuda agroambiental de fomento de pastos, permitindo a utilización de abonos químicos, así cono a manter durante os 5 anos de vixencia as axudas por Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) nas áreas que non son de montaña.
En canto á axuda por vaca nodriza, que compete ao Ministerio, tanto a Xunta como a asociación de gandeiros concordaron en pedirlle ao Goberno central que modifique as contías das axudas directas asociadas á produción incluídas no primeiro piar da PAC para dotar de máis fondos o vacún de carne.
Discriminación no reparto das axudas pola seca
Na reunión, ambas partes incidiron tamén na importancia de facer presión ante o Ministerio de Agricultura para que incremente de 39,25 a 157 euros a axuda por vaca nutriz de carne contemplada no Real decreto publicado o pasado venres para facer fronte á seca.
Non estaremos tan afectados pola seca pero si polos custos de produción, porque vánsenos encarecer moito os cereais e a palla
“Levantamos a protesta e sacamos os tractores de diante da Xunta pero seguimos manténdoa na Subdelegación do Goberno, pola inxustiza do reparto das axudas da seca. Non pode ser que a nós nos dean só o 25%, porque ademais de penalizarnos na axuda imos sufrir tamén un incremento de custos nos insumos, porque moitos deles veñen desas zonas onde hai seca e vánsenos encarecer os cereais ou a palla, que xa está a 170€ a tonelada”, argumenta Santiago Rego.
Desde a asociación de produtores de Suprema síntense “enganados” por parte da subdelegada do Goberno, que o mesmo día da manifestación, o pasado xoves, lles avanzaba que o importe da axuda sería de 100€ por vaca nutriz. “Primeiro dinnos unha cousa e agora resulta que é outra totalmente distinta, non poden anunciar un día 100€ e ao día seguinte poñer 39 no BOE sin dar explicación algunha”, asegura Santiago Rego.
“Que cada un cebe como queira, no prado ou na corte, pero hai que facer unha boa finalización dos animais”
Na reunión entre a Consellería e os gandeiros houbo tamén acordo sobre a necesidade de implementar melloras no Regulamento e no funcionamento da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega.
O conselleiro José González pediulles aos responsables da asociación Gandeiros Galegos da Suprema que lle remitan por escrito as súas demandas e suxestións concretas, que incluirán nun documento con 7 propostas.
Entre elas atópanse aspectos polémicos, como o feito de que se marquen como Suprema os xatos pasteiros. “Nós entendemos que hai que facer unha boa finalización dos animais e que cada un faga ese cebo como queira e onde queira, pero o que non pode ser é que se estean certificando algúns dos animais que se están certificando agora. Pódese facer o cebo no prado, pero hai que cebar”, opina Santiago Rego.
A asociación Gandeiros Galegos da Suprema remitirá á Consellería un documento con 7 propostas para mellorar o funcionamento da IXP Ternera Gallega
Outra das propostas que fan desde a asociación de produtores é a ampliación das razas admitidas. “Neste momento están admitidos os cruces con limusín ou blonde, pero necesitamos abrir o abano cara a novas razas como pode ser a salers”, detalla.
Finalmente, desde a Asociacion Gandeiros Galegos da Suprema piden “que haxa unha homoxeneización e unificación na presentación das canais nos matadoiros”. Actualmente hai tres tipos de canal, desde o tipo 3, con maior capa exterior de graxa, ao tipo 1, máis pelada, o que inflúe nos quilos de carne pagados aos gandeiros, polo que solicitan unificar os tres tipos de canal nun só, para que non haxa tanta disparidade.