Co obxectivo de avanzar nunha produción de alimentos máis respectuosa co medio ambiente e cunha agricultura e gandería que axuden a mitigar o quecemento global, a Unión Europea propúxose que a nova Política Agrícola Común, que estará en vigor no período 2023-2027, incentive determinadas prácticas beneficiosas co clima e a paisaxe que serán definidas en cada Estado membro.
No caso español, a proposta de ecoesquemas, de adopción voluntaria por parte de agricultores e gandeiros, define 7 prácticas concretas que serán subvencionadas mediante axudas adicionais, segundo se concreta no documento do Plan Estratéxico da PAC presentado esta semana polo Ministerio de Agricultura. A proposta final confirma o que xa se avanzara nas últimas semanas.
O pastoreo pagarase en Galicia a 62,16€ por hectárea e a rotación de cultivos a 92,22€ por hectárea
Os ecoesquemas disporán dun orzamento anual de 1.107 millóns de €, equivalente ao 23% do orzamento das axudas directas.
Sete prácticas a elixir
A proposta de ecoesquemas, tamén chamados eco-reximes, baséase en 7 prácticas concretas, que cubren todos os usos posibles do chan, é dicir, pastos permanentes e temporais, terras de cultivo e parcelas de cultivos permanentes. As sete prácticas (P) que se priman son as seguintes:
P1. Aumento da capacidade de sumidoiro de carbono dos pastos mediante o impulso do pastoreo extensivo
P2. Mantemento e mellora da biodiversidade mediante a sega sostible e o mantemento de marxes sen segar nas superficies de pastos
P3. Rotacións en terras de cultivo
P4. Agricultura de conservación: sementeira directa
P5. Espazos de biodiversidade en terras de cultivo de herbáceas e cultivos permanentes
P6. Cubertas vexetais espontáneas ou sementadas en cultivos leñosos
P7. Cubertas vexetais inertes en cultivos leñosos
Táboa: Prácticas e importes a abonar
Cada agricultor ou gandeiro pode escoller entre as prácticas que máis lle interesen segundo sexa o seu modelo de explotación, tendo en conta que:
a) Sobre unha mesma hectárea, só poderá computar unha práctica. Aínda que nalgún caso poidan realizarse dúas ou máis prácticas sobre unha mesma parcela (por exemplo, rotación de cultivos, sementeira directa e mantemento de marxes sen cultivar), recíbese a axuda unha soa vez.
b) No caso da práctica consistente en manter superficies de carácter non produtivo (marxes, illas de vexetación, barbeitos semillados), na de rotación de cultivos e na de agricultura de conservación, cando se realizan sobre a porcentaxe da explotación mínima esixida, o importe de axuda recíbese por todas as hectáreas que serviron de referencia para o cálculo da porcentaxe.
Sobre unha mesma hectárea só se computará unha práctica aínda que se realicen varias subvencionables
c) Para un mesmo tipo de superficie, o importe da axuda recibida por hectárea é o mesmo con independencia da práctica que se realice.
d) No caso das prácticas que se realicen sobre superficies de regadío, introdúcese como requisito xeral levar unha xestión sostible de insumos, co obxectivo de promover a redución do consumo e o uso máis eficiente da auga, fertilizantes e fitosanitarios. A xestión sostible de insumos implica utilizar unha ferramenta recoñecida pola comunidade autónoma para a xestión da auga empregada para a rega; dispoñer dun plan de abonado, elaborado por un técnico; e rexistrar nun caderno de explotación electrónico a aplicación de fertilizantes e de fitosanitarios.
Menor importe a partir de determinadas hectáreas
O Ministerio calculou o importe estimado que se pagará en cada tipo de superficie prevendo que no 2023, primeiro ano de aplicación dos ecoesquemas, entre o 70 e o 80% da superficie potencial acollerase a algunha das prácticas que dan dereito ao cobro desta axuda adicional voluntaria.
A partir de 65 hectáreas de pastos e 30 hectáreas de cultivo cobrarase só o 70% do importe do ecoesquema
A efectos de calcular o importe total correspondente a cada explotación en concepto de prácticas ambientais, ha de terse en conta que non todas as hectáreas acollidas a ecoesquemas se pagarán igual, xa que se establece un limiar a partir do cal se aplica unha rebaixa nas contías, é dicir, as primeiras hectáreas recibirán o 100% do importe e a partir dunha determinada superficie, que varía en función do tipo de terreo, pagarase unicamente o 70% da axuda correspondente. Estes limiares varían en función do tipo de chan, segundo se recolle na seguinte táboa:
Na práctica, isto implica que un gandeiro galego que leve a cabo pastoreo extensivo cobrará 62,16€ por cada hectárea de superficie ata as primeiras 65 hectáreas declaradas e 43,51€ a partir da hectárea 66. O mesmo ocorrerá cun agricultor que realice rotación de millo e pradeira ou sementeira directa: polas primeiras 30 hectáreas cobrará 90,22€ e, desa superficie en diante, 63,15€.
Condicións específicas a cumprir en cada práctica
O Plan Estratéxico da PAC, que será aprobado en Consello de Ministros e remitido a Bruxelas antes de que acabe o ano, define cada un dos sete ecosesquemas mediante unha ficha específica na que se detallan as condicións para cumprir por un agricultor ou gandeiro que pretenda solicitar o cobro desta axuda adicional.
En cada tipo de superficie agraria achéganse distintas alternativas de prácticas que darían dereito ao cobro destes complementos da PAC en forma de pagos compensatorios. Vexamos en detalle en que consiste cada tipo de práctica e os importes resultantes:
En pastos permanentes e pastizais
Distinguíronse dous tipos de pastos en función da pluviometría media dos últimos 10 anos, os pastos mediterráneos e os pastos húmidos, sendo estes últimos, nos que a pluviometría anual é superior a 650 mm (precipitación media do conxunto de España), nos que estaría encadrada Galicia.
P1. Pastoreo extensivo
Consiste en realizar sobre as superficies elixibles o pastoreo real e efectivo (aproveitamento a dente) con animais propios e durante un mínimo de 90 a 120 días ao ano de forma continua ou descontinua, ou 650 a 720 horas ao ano con gando vacún, ovino, caprino, equino e porcino extensivo, respectando criterios de cargas gandeiras mínimas e máximas.
Todas as superficies elixibles sobre as que se pretenda recibir axuda deben ser obxecto desta práctica, o que non implica que cada unha delas deba ser obxecto de pastoreo todos os días ou todas as horas mencionadas. Dito doutra forma, os 90-120 días ou as 650-720 horas, computaranse entre todas as parcelas, pero para cobrar por toda a superficie elixible dispoñible, deberase realizar o pastoreo en todas elas.
A carga gandeira deberá situarse entre 0,4 e 2 UGM por hectárea
Así mesmo, ao longo do ano, para a realización do pastoreo respectaranse as seguintes cargas gandeiras mínimas e máximas establecidas conforme ás características agrofísicas e climáticas do pasto:
– Pastos húmidos: carga gandeira mínima 0,4 UGM/ha e máxima 2 UGM/ha.
– Pastos mediterráneos: carga gandeira mínima 0,2 UGM/ha e máxima 1,2 UGM/ha.
P2. Sega sostible ou mantemento de marxes sen segar
Consiste nunha sega cun número menor de cortes ao ano ou, alternativamente, no mantemento de marxes sen segar e de elementos da paisaxe ou elementos estruturais como muros ou sebes, nunha porcentaxe mínima do 7% da superficie de pastos de sega da explotación.
As franxas non segadas poderán rotar ano tras ano e deberanse someter a pastoreo extensivo ou labores de mantemento (sega, roza, labra) a partir do 30 de agosto (unha vez completado o ciclo biolóxico dos insectos lepidópteros) que aseguren que a superficie se atope en boas condicións agrarias e ambientais. Non se poderá realizar este manexo utilizando herbicidas.
En caso de optar pola opción de sega sostible das parcelas, a frecuencia non superará os 3 cortes ao ano en leiras que se atopen a unha altitude igual ou inferior a 300 metros e 2 cortes anuais no caso de que dita altitude supere os 300 metros.
En prados situados a máis de 300 metros de altitude só se poderán facer dous cortes anuais, respectando dous meses entre corte e corte no verán
Así mesmo, establécese un período de non aproveitamento, durante o cal non se poderá realizar a sega, que será determinado por cada comunidade autónoma e que será de polo menos 60 días durante os meses de xuño, xullo e agosto. En zonas de Rede Natura onde as condicións climáticas o permitan, optarase por facer conservación de herba seca no canto de ensilaxe e os beneficiarios deste ecoesquema deberán incluír no caderno de explotación tanto o calendario de sega como as prácticas realizadas.
Baixo esta intervención preténdese promover a sega dos prados dunha maneira determinada e sostible, principalmente nas rexións cantábrica e atlántica de España, onde maioritariamente se sitúan os pastos susceptibles de sega.
En terras de cultivos herbáceos
Distinguíronse as terras de cultivo de secaño e, dentro destas, os secaños húmidos (co mesmo criterio de precipitación anual de 650 mm utilizado nos pasteiros) así como as terras de cultivo de regadío.
P3. Rotación de cultivos
Consiste nunha rotación de cultivos que comprenda, como regra xeral, o cambio de cultivo cada ano de, polo menos, o 40% da superficie de terras de cultivos herbáceos acollidas a esta práctica, podéndose reducir esta porcentaxe ata o 25% por causas xustificadas determinadas pola autoridade competente, en particular, cando as especies plurianuais representen máis do 25% da superficie ou en caso de condicións agroclimáticas adversas.
Ademais, o 10% da terra de cultivo da explotación corresponderá a especies mellorantes, das cales a metade deberán ser leguminosas. Permitirase que a leguminosa non chegue a produción para a súa utilización como abono en verde.
Tamén se considerará rotación a aquela que teña lugar dentro do mesmo ano, é dicir, no caso galego podería entrar a tradicional rotación millo – pradeira.
A rotación millo – pradeira poderá beneficiarse do ecoesquema de rotación de cultivos
No caso de explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie de cultivo, a práctica poderá consistir ademais, alternativamente, nunha diversificación de, polo menos, dous cultivos, ou ben na práctica de rotación sen esixencia de mellorantes.
O barbeito non poderá representar máis do 20% da superficie de terras cultivables da explotación, salvo nas comarcas de baixa pluviometría (inferior a 400 mm de media en 10 anos), nese caso poderá representar ata un máximo do 40%.
P4. Agricultura de conservación e sementeira directa
Consiste no mantemento da cuberta vexetal do chan durante todo o ano, mediante a supresión do laboreo, realizando a sementeira sen alteración mecánica do chan, en polo menos un 40% das terras de cultivo da explotación.
Esíxese o mantemento dos restrollos e restos de cultivo sobre a parcela
Neste 40% requirirase o mantemento dos restrollos sobre o terreo e levar a cabo unha rotación de cultivos en polo menos o 90% da superficie na que se realiza a práctica de agricultura de conservación.
En terras de cultivos herbáceos e cultivos permanentes
O Ministerio establece un ecoesquema común a terras de cultivo anual ou con plantacións permanentes, co que persegue un incremento de biodiversidade natural de flora e fauna nos terreos agrícolas. Para fomentar a incorporación desta práctica por parte dos agricultores, é o único ecoesquema ao que non se aplica regresividade, senón que todas as hectáreas da explotación recibirán o 100% do importe fixado como contía unitaria.
P5. Superficies non produtivas e elementos da paisaxe
Aplicada a terras de cultivo, esta práctica consiste en deixar unha porcentaxe de terra sen cultivar, adicional ao 3% de elementos non produtivos esixido por aplicación da condicionalidade reforzada da PAC. No caso de superficies de secaño, a porcentaxe adicional será do 7% e, no caso de superficies de regadío, o 4%.
En parcelas con cultivos permanentes, como viñedo ou oliveiral, nas que non se aplica o 3% de superficies non produtivas da condicionalidade, a porcentaxe de superficie para cumprir esta práctica será do 4%.
En viñedo a porcentaxe sen cultivar será do 4%, que poderá coincidir con muros de pedra
Esta superficie adicional poderá consistir en elementos da paisaxe (tales como marxes, illas de vexetación, muros, sebes ou lindes) e, nas terras de cultivos, barbeitos semillados e zonas non cultivadas.
O pago deste ecoesquema realizarase sobre a totalidade da superficie da explotación e non exclusivamente sobre as superficies non cultivadas.
En cultivos leñosos
Distinguíronse os cultivos leñosos segundo a pendente da parcela de que se trate no SIXPAC, distinguindo os cultivos con máis do 10% de pendente ou dispostos en bancais, entre 5 e 10% e con menos do 5% de pendente.
P6. Mantemento de cubertas vexetais espontáneas ou sementadas
Consiste en manter unha cuberta vexetal espontánea ou sementada nas rúas do cultivo, como alternativa ao manexo convencional do chan.
A cuberta vexetal debe permanecer sen segar ou rozar sobre o terreo nos períodos estipulados segundo as condicións agronómicas da zona e o manexo posterior destas cubertas vexetais só poderá levarse a cabo a través de medios mecánicos, estando unicamente permitida a aplicación de fitosanitarios e insecticidas de forma excepcional en casos nos que a comunidade autónoma así o determine por razón de control ou prevención de pragas (por exemplo, da Xysella fastidiosa).
En terreos pendentes a anchura das rúas terá un metro adicional
Para aquelas parcelas que teñan unha pendente igual ou superior ao 10%, salvo que a pendente real do recinto estea compensada mediante terrazas ou bancais, a anchura da cuberta vexetal terá un metro adicional á mínima esixida na condicionalidade reforzada da PAC.
P7. Mantemento de cubertas vexetais inertes
Consiste no depósito no chan dos restos de poda anuais, unha vez triturados. Esta práctica evita a erosión, ao mesmo tempo que se incrementa a materia orgánica do chan, mellorando a súa calidade e reducindo a necesidade de achegas fertilizantes adicionais.
Para o cálculo das superficies susceptibles de beneficiarse de ecoesquemas, do mesmo xeito que no caso de axudas directas ou pagos asociados, inclúense muros, peches vexetais ou árbores, sempre que non sexan predominantes na parcela nin obstaculicen significativamente a realización da actividade agraria debido á superficie que ocupan.
A superficie ocupada por sebes, lindes vexetais ou muros de pedra é admisible se non excede unha anchura de 4 metros
Deste xeito, cando determinados elementos paisaxísticos (en particular sebes, gabias e muros de pedra) formen parte tradicionalmente das boas prácticas agrícolas de cultivo ou utilización na terra agraria, a superficie ocupada correspondente será considerada parte da superficie admisible dunha parcela agrícola a efectos de cobro da PAC, sempre que non exceda unha anchura total de 4 metros.
As parcelas agrícolas con árbores dispersas consideraranse tamén superficies subvencionables sempre que se cumpran as condicións seguintes: as actividades agrarias poderán levarse a cabo de forma similar a como se farían en parcelas sen árbores da mesma superficie e o número de árbores por hectárea admisible non poderá superar unha densidade máxima de 100 árbores por hectárea.