Category Archives: Axenda

Actividades esta semana na provincia de Ourense para afondar no coñecemento da cultura da castaña

O laboratorio rural SoutoLab, impulsado pola Fundación Juana de Vega, organiza diferentes accións ao longo desta semana vencelladas á cultura e tradición dos soutos e as castañas. Os sequeiros de Pena Folenche (Pobra de Trives) serán os protagonistas na tarde do venres día 24, nunha actividade que combinará aspectos técnicos cunha visita interpretativa ao conxunto etnográfico e cultural.  Por outro lado, continúa aberto o prazo de inscrición para a segunda xornada sobre xestión produtiva dos soutos, que terá lugar o xoves 23 no Barco de Valdeorras. Será unha actividade técnica centrada nos modelos de xestión conxunta e os aproveitamentos complementarios dos soutos. A asistencia en ambas actividades é libre ata completar aforo, previa inscrición na páxina web juanadevega.org/xornadas_e_cursos/ A Fundación Juana de Vega coordina o proxecto en colaboración cos concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, San Xoán de Río e A Pobra de Trives, e co apoio da Fundación "la Caixa" e da Deputación de Ourense. A xornada en Pena Folenche forma parte dun ciclo de actividades que aborda diferentes dimensións da cultura da castaña. Búscase afondar na dimensión patrimonial dos soutos e da cultura da castaña nun territorio especialmente vinculado a este cultivo. E é que as comarcas de Valdeorras e Terra de Trives concentran arredor do 20% dos soutos de Galicia, un patrimonio natural e cultural que sitúa esta zona como unha das principais áreas castiñeiras do país. Os sequeiros de Pena Folenche constitúen un dos mellores exemplos da arquitectura tradicional asociada ao aproveitamento da castaña en Galicia. Trátase dun conxunto de pequenas edificacións de pedra que durante séculos serviron para o secado da castaña e como aloxamento temporal das persoas que se desprazaban ata os soutos durante a campaña de recollida. Fran García, técnico da área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega e coordinador do proxecto SoutoLAB, falará sobre a cultura da castaña como patrimonio vivo, co obxectivo de concienciar aos propietarios dos soutos da importancia deste recurso natural e sumarse á iniciativa de SoutoLAB para idear novas estratexias e oportunidades arredor da castañicultura.  Vanesa Garrido, da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, presentará unha caracterización agroprodutiva da comarca, mentres que Martiño Xosé Vázquez, da Oficina Técnica do Concello de Vilar de Barrio, abordará o papel das oficinas técnicas no desenvolvemento rural especialmente en concellos pequenos.  A visita aos sequeiros estará guiada por Rubén Pérez, concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente da Pobra de Trives, e permitirá coñecer a arquitectura tradicional destas construcións, as técnicas históricas de secado da castaña, os usos tradicionais dos soutos e a memoria oral vinculada a este enclave. Tamén se analizará o estado de conservación do conxunto e as oportunidades para a súa valorización, ademais de realizar o rexistro de elementos patrimoniais que pasarán a formar parte do Inventario Cultural de SoutoLAB. Nas últimas décadas este sistema socioeconómico sufriu un progresivo deterioro debido ao abandono rural, ao envellecemento da poboación e á baixa rendibilidade dos modelos produtivos tradicionais. Como consecuencia, moitos soutos deixaron de xestionarse, o que derivou en perda de biodiversidade, aumento do risco de incendios forestais e erosión do patrimonio cultural asociado á identidade do territorio.  SoutoLAB, quere revitalizar a cultura da castaña nestas comarcas combinando coñecemento local, investigación e emprendemento co obxectivo de poñer en valor a castaña desde unha perspectiva social, ambiental e económica.  Pódese consultar o programa completo no seguinte documento:

SoutoLAB_Patrimonio cultural da castaña

Xornada sobre a pegada de carbono da fertilización

A Rede de uso eficiente do Nitróxeno na agricultura (Ruena) celebra o vindeiro venres día 13 de decembro a III Xornada Ruena sobre a pegada de carbono da fertilización. Na xornada debateranse as novidades e implicacións da fertilización na pegada de carbono dos produtos e os sistemas agrícolas.

Nesta xornada participarán representantes do MAPA e do MITERD, como responsables das normativas e os inventarios, pero tamén axentes do sector para presentar como se poden afrontar de forma práctica desde o campo.

Trátase dunha xornada en liña que comezará ás 10.00 e terminará sobre as 12:30 horas. A inscrición mantense aínda aberta e é gratuíta. As persoas interesadas en participar poden inscribirse aquí.

A continuación detallamos o programa da xornada.

09:55 horas. (Apertura da conexión)

10:00 horas. Presentación da xornada
(D. José L. Gabriel, Coordinador da RUENA e investigador do INIA-CSIC)

10:05 horas. O sistema de inventarios reportados por España ao IPCC
(Ramiro Oliveri, Xefe de Servizo SG de Prevención da Contaminación, MITERD)

10:25 horas. A mitigación das emisións derivadas da fertilización
(Mª José Alonso, Oficina Española de Cambio Climático, MITERD)

10:45 horas. Impacto da fertilización nos futuros créditos de carbono
(José Antonio Sobrino, SG Medios de Produción Agrícola e OEVV, MAPA)

11:05 horas. O papel da fertilización na pegada de carbono de diferentes cultivos enerxéticos
(Carmen Lago/Yolanda Lechón (CIEMAT) e Dolores Curt/Pedro Luis Aguado (UPM)

11:25 horas. O papel da fertilización na pegada de carbono no viño
(Andrea Gutiérrez, Adega Matarromera)

11:40 horas. O papel da fertilización na pegada de carbono na cervexa
(Rafael Eraso, Intermalta)

11:55 horas. Mesa redonda e preguntas

12:25 horas. Conclusións e despedida

Xornada “Políticas agrarias e territorio. A PAC actual, a reforma do 2025 e a nova PAC”

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas organiza en Melide a xornada aberta “Políticas agrarias e territorio. A PAC actual, a reforma do 2025 e a nova PAC”. Esta terá lugar o sábado 26 de outubro, en horario de 11h a 14h e de 15:30h a 17:30h, con xantar incluído.

Este espazo de formación está financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e desenvolverase na Sala de Conferencias do Edificio Multiusos. A entrada é gratuíta e a través de varios relatorios situaranse as principais claves que afectan ás persoas que producen alimentos.

Ana Rodríguez, gandeira, economista e membro da Executiva Nacional do SLG, abrirá a xornada coa súa intervención “Modificación da PAC para o ano 2025: que hai das promesas do Ministerio e da Unión Europea”, coa que exporá os puntos clave da PAC actual.

Andoni García Arriola, membro do Comité Coordinador da Vía Campesina Europa e da Executiva de Coordinadora de Organizaciones Agrarias y Ganaderas, realizará a exposición “Do diálogo estratéxico sobre o futuro da agricultura da UE á futura PAC 2028. Proposta de modificación do Regulamento Organización Común de Mercados (OCM)”. A primeira parte rematará co debate “A PAC que queremos”.

No horario de tarde, Juan Castro, investigador do Centro Agrario de Mabegondo, será o encargado de desenvolver os prexuízos que o Decreto de Nutrición Sostible e a BCAM 10 da PAC implican para as granxas de gando vacún galegas e por que esa normativa debería derrogarse.

As persoas interesadas en asistir á xornada poderán inscribirse no teléfono 609 100 922 ou no correo derural@sindicatolabrego.gal.

Xornada sobre apicultura tradicional en Lalín

Lalín acolle este venres, día 27 de setembro, unha conferencia sobre apicultura tradicional. A charla celebrarase na Aula Universitaria de Lalín, situada no Polígono Lalín 2000 ás 17.00 horas. O apicultor David Liñares encargase de ofrecer a conferencia baixo o título “Entre colmeas e montañas: a arte da apicultura tradicional e o seu doce froito”. Ademais da sesión teórica, a xornada complétase cunha visita ás instalacións do apicultor, que está especializado tanto na comercialización do mel baixo a marca Mel de Liñares, como outros produtos da colmea como é a venda de raíñas ou núcleos. A xornada é de entrada libre para todas as persoas que estean interesadas en achegarse ó mundo da apicultura.

Curso sobre burocracia apícola en Celanova

A asociación Abellas Nais, o Sindicato Labrego Galego e a COAG organizan un curso sobre burocracia na apicultura. A formación celébrase o sábado 5 de outubro no Salón de Arcos do Concello de Celanova (Ourense). Neste curso intensivo trataranse cuestións de actualidade no ámbito da apicultura, como a normativa actualizada, o Plan Apícola, seguros, axudas da PAC ou de incorporación, entre outros temas. O curso será impartido polo apicultor e traballador do Sindicato Labrego Galego Brais Álvarez. Esta formación está dirixida a persoas traballadoras, autónomas ou desempregadas. Comezarase ás 10:30 horas ata ás 13:30 horas, facendo unha pausa para xantar. Retomarase o curso ás 15:30 horas e rematarase sobre as 17:30 horas. O xantar é de balde, e para ter unha previsión dos participantes cómpre inscribirse no 686 099 644. A actividade está financiada ao 100% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e conta coa colaboración do Concello de Celanova.

Fin de semana de visita guiada ao serradoiro dos Carranos, que traballaba con auga

O Serradoiro dos Carranos, situado no concello pontevedrés de Covelo, abre as súas portas este domingo 22 para acoller unha nova visita guiada. A iniciativa, organizada polo Concello de Covelo, permite visitar de balde o serradoiro e a aula da natureza. As visitas realizaranse ás 10, 12, 14 e 16 horas. É preciso inscribirse previamente no teléfono 654 500 652, que xestiona o guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa. O número de participantes está limitado a 25 prazas por quenda, que se adxudicarán por orde de inscrición e aceptación das condicións. As visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural do proxecto RíosAldeasMontañas, no que se se deseñan rutas, observación das estrelas nas catro estacións e saídas didácticas para escolares, todas elas de balde e financiadas polo Concello co apoio da Deputación de Pontevedra. “Promover hábitos de vida saudables e difundir a riqueza patrimonial e medioambiental do Concello de Covelo é o obxectivo destas actividades”, explica a concelleira de Cultura, Lourdes Enes.

O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén se pode apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

Coristanco celebra esta fin de semana a XLII Festa da Pataca

Coristanco (A Coruña) celebra esta fin de semana a XLII Festa da Pataca, unha cita cargada de actividades arredor deste produto motor da economía local. O programa inclúe unha ampla variedade de actividades dende exposicións tanto de maquinaria agrícola como artísticas, ademais de concursos, obradoiros e degustacións culinarias, xogos e actuacións musicais. Ademais, este ano por primeira vez, entre a variedade de actividades, realizase unha apaña de pataca nunha leira próxima o parque municipal, un xeito máis de achegar o cultivo da pataca ós visitantes que se acheguen á cita. 

Xornada sobre a xestión de parques de maquinaria agrícola

Agaca retoma o vindeiro día 12 de xullo o ciclo de Xornadas Formativas sobre oportunidades de negocio no agro cunha sesión dedicada á xestión de parques de maquinaria. Nesta ocasión contarán con relatorios de representantes de diferentes CUMA, así como con especialistas en drons, sistemas operativos de xestión de maquinaria e un representante da Xunta de Galicia que detallará axudas públicas neste eido. Trátase dunha xornada online que se celebrará en horario de mañá, de 9.30 a 14.30 horas. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse neste formulario.

Programa da xornada

9:30 horas. Conexión e benvida a participantes. Presentación dos obxectivos da xornada. Higinio Mougán. Director-xerente de AGACA. 9:40 horas. A complexidade de xestionar ben a maquinaria agrícola: novos/vellos retos . Santiago Sousa. Maquinaria Durán e experto en xestión de maquinaria agrícola. 10:30 horas. As claves de xestión dunha CUMA. José Pérez. Xestión da CUMA Vilaxuste. 11:00 horas. O uso de drons para a loita contra o verme gris. David Blanco. Niufly. 11:30 horas. Breve descanso. 11:45 horas. Mesa redonda: Problemática actual das CUMAs e os parques de maquinaria. Enrique Otero. AIRA. Ángel Miranda. CLUN. José M. Rodríguez. CUMA GRANXABAR. Modera: Higinio Mougán. 13:00 horas. Sistema AGROLISTIK para xestión global de maquinaria agrícola. Sergio Poza. Agrolink. 13:30 horas. Axudas actuais e futuras á maquinaria agrícola. Nicasio Mejuto. Subdirector Xeral de Axudas Estruturais. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. 14:15 horas. Conclusións, comentarios finais e clausura. Higinio Mougán. 14:30 horas. Fin da Xornada.

Xornadas formativas sobre oportunidades de negocio

Os obxectivos do ciclo, que suma 12 xornadas en total, cada unha dedicada a unha oportunidade de negocio, son: explicar as vantaxes e oportunidades do emprendemento cooperativo, especialmente en cooperativas agrarias, de explotación comunitaria e de traballo asociado; promover o coñecemento de novas producións agrarias e gandeiras en ámbitos agroalimentarios de interese crecente en Galicia como oportunidades de negocio; impulsar a xeración de emprego cooperativo nos procesos de produción agraria e/ou gandeira e fomentar a fixación de poboación no rural na contorna das cooperativas. As xornadas, de libre acceso previa inscripción, están destinadas a persoas socias de cooperativas agroalimentarias, así como para aquelas vinculadas coa economía social. Para máis información, os interesados poden chamar ao 981 58 47 83. Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo, para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Investigadores en viticultura de toda España reuniranse esta semana en Ourense

A Sociedade Española de Ciencias Hortícolas, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (EPSE-Lugo) organizan as V Xornadas do grupo de Viticultura da Sociedad Eepañola de Ciencias Hortícolas (SECH), que se celebrarán en Ourense a próxima semana, entre os días 25 e 27. As xornadas pretenden ser un foro de comunicación no que se expoñan traballos de investigación, desenvolvemento e de aplicación tecnolóxica realizados no ámbito da viticultura, coa participación de centros de investigación e tamén do sector económico e produtivo. Entre outros temas abordarase a caracterización do material vexetal da vide, con traballos realizados en distintas rexións vitivinícolas como a Rioxa ou variedades autóctonas como Branco Lexítimo ou antigas variedades de mesa de Alacante e Valencia. Tamén se analizará a influencia do cambio climático e o uso de cubertas vexetais ou a resposta do viñedo ao estrés hídrico. A viticultura de precisión será outro dos eixos das xornadas. O encontro celebrarase noCentro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Aínda que arrincará o martes día 25 coa acreditación e a entrega de documentación, o programa de actividades centrarase nos días 26 e 27, nos que se realizarán distintas exposicións, así como visitas a adegas do Ribeiro e Ribeira Sacra.

Programa das xornadas

Martes 25 de xuño

19:00 a 20:30 horas. Acreditación e entrega de documentación. 20:30 a 21:30 horas. Recepción dos asistentes á xornada.

Mércores 26 de xuño

SESIÓN 1. Caracterización do material vexetal de vide 8:30 – 8:45 horas. Caracterización fenolóxica de 358 variedades de vide (Vitis vinifera L.) conservadas no banco de xermoplasma do Rancho da Mercé. Rocío Gutiérrez Escobar (IFAPA). 8:45-9:00 horas. A análise de mostras de vide recollidas en localidades rioxanas fóra da DOCa Rioxa permite identificar variedades posiblemente relevantes na zona e novos xenotipos varietais. Javier Ibáñez (ICVV-CSIC). 9:00-9:15 horas. Avaliación da variabilidade no número de sementes por baga en biotipos da variedade Graciano recuperados en Navarra. Alfredo Roda Dez (Gobierno de Navarra). 9:15 – 9.21horas. Análise da variabilidade xenética mediante marcadores ISSRs en 25 xenotipos de Bobal. Rosa Peiró (UPV). 9:21 – 9:27 horas.  Calidade aromática da variedade Branco Lexítimo cultivada na D.O. Ribeira Sacra. Adaptación ás condicións de viticultura de montaña. Mar Vilanova (ICVV-CSIC). 9:27- 9:33 horas. Características de 5 variedades minoritarias de vide recoñecidas no Rexistro de Variedades Comerciais de España en 2023. José Antonio Rubio Cano (ITACYL). 9:33 – 9:39 horas. Prospección de variedades antigas de uva de mesa nas provincias de Alacante e Valencia (Comunitat Valenciana). Carmina Gisbert (UPV). 9:40 – 10:00 horas. Presentación de pósteres. Sesión 1. 10:00 - 10:30 horas. Conferencia convidada. José Miguel Martínez Zapater (ICVV-CSIC). 10:30 - 11:00 horas Café. Visita a pósteres. 11:00 -  11:30 horas. Inauguración da xornada  SESIÓN 2. Cambio climático e sostibilidade 11:30-11:45 horas. Efecto das cubertas vexetais, fertilización e os factores edafoclimáticos na microbiota do solo de viñedos comerciais no Alt Empordá (Xirona). Marc Viñas Casals (IRTA). 11:45- 11:51 horas. Cultivos de cobertera  como alternativa no  manexo do solo en viñedos de Ribeira Sacra. Julián García Berrios (USC). 11:51- 11:57 horas. Eficiencia da vendima mecánica en viñedos de alto rendemento. Pedro Junquera González (XESTIÓN INTEGRAL DE VITICULTURA S.L.). 11:57-12:03 horas. Análise do tamaño e a estrutura das uvas da variedade Airén en relación co seu contido en azucre. Pedro Junquera González (XESTIÓN INTEGRAL DE VITICULTURA S.L.). 12:03 – 12:09 horas. Como a elección do material vexetal e das prácticas de plantación (variedade, portainxertos, densidade de plantación e idade das viñas) afectan ao rendemento de uva segundo o selo de calidade asociado. Análise dunha gran base de datos de produtores do sur de Francia. Hugo Fernandez Mena (INRAE/UPM). 12:09 – 12:15 horas. Efectos das cubertas vexetais e o portainxerto sobre a produtividade e composición da uva Bobal en secaño. Camilo Chirivella Romero (ITVE). 12:15-12:30 horas. Presentación de pósteres. Sesión 2. SESIÓN 3. Cambio climático e sostibilidade 12:30 – 12:45 horas. Avaliación sobre a adecuación de rexións montañosas para implementar viñedos. Armand Casadó Tortosa (IRTA). 12:45 - 13:00 horas. Avaliación comparativa do impacto do portainxerto, o biotipo e dalgunhas técnicas de cultivo sobre o pH do mosto na variedade Tempranillo. Gonzaga Santesteban García (UPNA). 13:00 – 13:06 horas. Impacto do quecemento e redución de choiva na composición físico química de uvas cv. Monastrell procedentes dun viñedo comercial en cultivo ecolóxico. Campaña 2023. Esperanza Valdés (CICYTEX). 13:06-13:12 horas. Aplicación de caolín como técnica de adaptación ao cambio climático. Ignacio Buesa Pueyo (CIDE-CSIC). 13:12- 13:18 horas. A forma de condução e a rega deficitária em vinha como estratégias de adaptação às alterações climáticas non nordeste de Portugal. Aureliano Malheiro (UTAD). 13:18 -13:30 horas. Presentación de pósteres. Sesión 3. 13:30-13:45 horas. Visita a pósteres. 13:45 - 15:30 horas. Comida.  Visita Técnica D.O. Ribeiro 15:30 - 16:30 horas. Desprazamento para visita técnica á D.O. Ribeiro. 16:30 - 17:30 horas. Visita técnica– Museo do Viño – Ribadavia. 17:30 - 18:00 horas. Desprazamento a Adega Ramón do Casar. Conferencias seleccionadas: 18:00-18:15 horas. Caracterización agronómica de 9 variedades 'PIWI' resistentes a mildio e a oídio en Castela e León. Enrique Barallas (ITACYL). 18:15- 18:30 horas. Explorando o interese de utilizar xemelgos dixitais no proceso de ensino-aprendizaxe de poda da vide. Mónica Galar Martínez (UPNA). 18:30- 18:45 horas. Toxicidade, actividade preventiva e regulación de xenes: consecuencias da aplicación de diferentes substancias básicas no control do mildio da vide. Ana Díez Navallas (NEIKER). 19:00 - 19:30 horas. Demostración Viñedo Proxecto Piloto FITODRON (Adegas Valmiñor e FORTOP). 19:30 - 20:30 horas. Visita técnica viñedos/adega con cata comentada. 20:30 - 21:30 horas. Desprazamento á sede da Xornada. 21:30  horas. Cea de Gala. Restaurante O Coto

Xoves 27 de xuño 

SESIÓN 4. Resposta da vide a estrés bióticos e abióticos 8:30 – 8:45 horas. Protección fronte ao estrés por seca en vide mediante o uso do agonista iSB09 dos receptores do ácido abscísico. Raúl Ferrer Gallego (CIDE). 8:45- 9:00 horas. Potencial hídrico temperán (7 hs) e fisioloxía (9 hs) en función da apertura do canopy en espaldeira en Tempranillo na D.O. Ribeira do Douro. Jesus Yuste Bombín (ITACYL). 9:00 – 9:15 horas. Influencia da morfoloxía radicular e anatomía vascular dos portaenxertos de vide na súa resposta ao déficit hídrico. José Gradua (UIB). 9:15 – 9:30 horas. O portaenxerto induce diferentes estratexias de tolerancia á seca en viñas Monastrell sometidas a rega deficitaria. Pascual Romero Azorín (IMIDA). 9:30 – 9:36 horas. Variabilidade de síntomas e danos por enrolado da vide causados por illados de GLRaVs procedentes das D.O galegas. Cristina Cabaleiro Sobrino (USC). 9:36 – 9:42 horas. As ondas de calor modulan a resposta fisiolóxica da vide e poden alterar a composición cérica da cutícula da uva. Olfa Zarrouk (IRTA). 9:42 – 9: 48 horas. Interacción portainxerto-vinifera na resposta ao déficit hídrico. Luis Flor Chacón (UIB). 9:48 – 9:54 horas. Avaliación da sensibilidade aos funxicidas en poboacións de Plasmopara viticola procedentes de viñedos de Txakoli e Rioxa. Helene Sanchez Zelaia (NEIKER). 9:54 – 10:00 horas. Efectos interactivos do portainxerto e a variedade sobre a resposta ao déficit hídrico. Ignacio Buesa Pueyo (CIDE). 10:00 – 10:06 horas. Diferentes estratexias de tratamento para o control do mildio supoñen diferente composición na microbiota da baga. Ana Díez Navallas (NEIKER). 10:06 - 10:12 horas. Potencial hídrico temperán (7 hs) e fisioloxía (9 hs) afectados pola frecuencia de rega durante o verán en Tempranillo na D.O. Ribeira do Douro. Jesús Yuste Bombín (ITACYL). 10:12 – 10:30 horas. Presentación de posters. Sesión 4. 10:30 a 11:00 horas. Café. Visita a pósteres. SESIÓN 5. Viticultura de precisión 11:00-11:15 horas. Calibración da ferramenta RETOAGUACLM para optimizar a programación de regas no cultivo da vide baixo diferentes réximes hídricos. José Antonio Martínez López (CREA-UCLM). 11:15 – 11:30 horas. Integración de sistemas de alerta e modelos matemáticos para comprender a dinámica epidemiolóxica da enfermidade do mildio da vide. Amal Chakhar (UCLM). 11:30 – 11:45 horas. Fenotipado mediante teledetección próxima de biotipos da variedade Bobal de vide para a selección de clons mellor adaptados a un clima semiárido. Pedro Fernando Freire García (CIDE). 11:45 – 12:00 horas. Cuantificación do volume de biomasa aérea e volume de madeira en cultivo de vide mediante técnicas de teledetección de rango próximo. Agustín Sevilla Resa (UCLM). 12:00 – 12:15 horas. Caracterización agronómica e zonificación de viñedos enmarcados baixo a D.O. Rías Baixas cultivados coa variedade cv. Albariño. Marta Rodríguez Fernández (USC). 12:15 – 12:21 horas. Fertilización sostible do viñedo galego. María Dolores Loureiro Rodríguez (EVEGA). 12:21 – 12:27 horas. Prácticas sostibles e innovacións tecnolóxicas en Adegas CM de Matarromera. Diagnostico e xestión de EMV na DOCa Rioxa. Sonia Villanueva Sánchez (MATARROMERA). 12:27 – 12:45 horas. Presentación de pósteres. Sesión 5. 12:45 – 13:00 horas. Visita a pósteres. Sesión 5. 13:00 a 13:30 horas. CLAUSURA DA XORNADA 13:30 a 15:00 horas. Xantar. Opcional  15:00 – 15:45 horas. Desprazamento para visita enoturística á D.O. Ribeira Sacra. 15:45 – 17:15 horas. Viaxe en catamarán polo río Sil. 17:15 – 18:00 horas. Visita ao miradoiro de Souto Chao. 18:00 -20:00 horas. Visita á adega e viñedos de Regina Viarum. Cata comentada. 20:15 – 21:00 horas. Viaxe de regreso a Ourense.

A remuda xeracional no agro galego, a debate o próximo xoves en Santiago

A remuda xeracional no sector agrario galego será o tema central da VIII Reunión Casal de Armán organizada polo Foro Económico de Galicia. A xuntanza celebrarase o vindeiro xoves, día 27 de xuño, no Consello Económico e Social (CES) en Santiago de Compostela. Na xornada expertos de distintos ámbitos analizarán os retos e oportunidades que se presentan para a incorporación de mozos ó agro galego. Ademais, tamén se coñecerán as experiencias de produtores que se incorporaron á actividade agrogandeira.  O encontro será inaugurado por Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico, así como polo director desta entidade, Santiago Lago Peñas. A continuación abordarase a situación actual e as perspectivas sobre a remuda no agro de man dos expertos da Universidade de Compostela Francisco Ónega e Edelmiro López, que se encargan tamén da coordinación da xornada. Ás 10.30 horas será quenda para analizar as vías para a remuda xeracional no sector e os mecanismos de apoio das políticas públicas. A xornalista María Cedrón presentará a mesa redonda na que participarán Juan M. Martínez Barral, subdirector xeral de Planificiación e Extensión Agraria da Consellería de Medio Rural e Nicasio Mejuto Martí, subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería de Medio Rural. Trala pausa do café, ás 12.00 horas retomarase a sesión abordando os condicionantes e elementos chave para a remuda xeracional. A mesa estará presentada polo xornalista e director deste xornal agrario David González e participarán José Manuel Andrade, da Fundación Juana de Vega; Rocío Toxo Asorei, da Universidade de Santiago de Compostela; Luis García, da Escola de Formación Agraria (EFA) Fonteboa; Nieves Pérez, do proxecto Terractiva e Ignacio Pérez Cid, de Abanca. Xa pola tarde, coñeceranse experiencias recentes de remuda en explotacións agrarias. A mesa estará presentada polo xornalista da TVG Andrés Pavón e participarán os produtores Antón Chaín Murado, Tania Rancaño Arruñada, Marcos Nogueiras Rodríguez, Yolanda Gómez Rodríguez e Ignacio Bellas Castro.

Xornada informativa en Lalín sobre o sistema de permutas de terras agrarias

Lalín (Pontevedra) acolle este venres, día 17 de novembro, unha xornada formativa sobre a Ordenación territorial da terra agraria a través do sistema de permutas. A sesión celebrarase na Aula da Uned do municipio, situada no polígono industrial Lalín 2000, a partir das 11.00 horas.

Na xornada participarán Ramiro Ruibal Fuentes, xerente do GDR Pontevedra Norte e Miguel Rodríguez López, responsable técnico do proxecto de permutas agrarias no Concello de Friol (Lugo), pioneiro na aplicación deste tipo de permutas de terras agrícolas.

O alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, presidente do GDR Pontevedra Norte, encargarase da clausura da xornada que se pechará coa degustación de produtos locais.

Lalín acolle os XVIII Encontros Gandeiros de Xundeva o 9 de novembro

A Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Xundeva celebra o xoves 9 de novembro os seus XVIII Encontros Gandeiros. Este ano a cita volverá celebrarse no Pazo de Liñares, en Lalín (Pontevedra). Na xornada tratarán temas de relevancia para as ganderías como algúns dos cambios que introducen as novas normativas europeas, coa figura do veterinario de granxa, así como a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) que está a supoñer un desafío para as ganderías. A continuación, detallamos o programa da xornada: -11.00 horas. Recepción e café de benvida. -11.30 horas. Apertura das xornadas. Manuel Fernández López, presidente de Xundeva. Marcos Mariño García, concelleiro do Medio Rural do Concello de Lalín. -11.45 horas. Normativa Europea de Sanidade Animal: Veterinario de explotación. Santiago Martínez Calvo, xefe de sección de Sanidade Animal da Subdirección Xeral de Gandería. -12.30 horas. Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE): Enfoque a nivel de rabaño. “Do banal ó grave, do individual ó colectivo”. Manuel V. Morales, Veterinario Oceva. Hipra. -13.15 horas. Experiencias gandeiras: Continuidade do negocio e adaptación ás novas normativas. Carlos Carbonell Baeza. Técnico Veterinario de vacún de leite MSD. Animal Health. Suso Vigo López e Suso Andújar Trigo. Gandería Berdón. Manuel Donsión. -14.15 horas. Clausura. Jorge Cubela López, deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural. José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín. Manuel Fernández López, presidente de Xundeva. -14.45 horas. Xantar de traballo.

-Descarga aquí o programa da xornada.

Xornada sobre viños de parcela e o exemplo do Priorato

O vindeiro venres, 20 de outubro, celebrarase no concello lugués de Pantón unha xornada técnica sobre os viños de parcela, una tendencia de presente e de futuro para diferenciar e darlle máis valor ao viño. A cita terá lugar ás 18:45 horas na Casa da Cultura de Pantón e na programación destaca a conferencia de Salus Álvarez, presidente do Consejo Regulador da DOQ Priorat, en Cataluña, un referente en España na aposta polos viños de parcela, así como a charla de René Barbier, adegueiro e propietario da adega catalá Clos Mogador. Posteriormente, Diego Rodríguez, da adega Don Bernardino, exporá o caso de diferenciación dos viños de parcela na subzona de Amandi, na DO. Ribeira Sacra. O aforo é limitado, polo que é necesaria previa inscrición a través do código QR ou no seguinte enlace:https://forms.gle/RvNjvmFzzxM9Fud28  Velaquí o programa:

Xornada técnica no Ribeiro sobre manexo sustentable do viñedo e calidade dos viños

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, organiza o 25 de outubro unha xornada técnica sobre o manexo sustentable no viñedo e calidade dos viños na denominación de orixe Ribeiro. A formación terá lugar na aula da sede do Consello Regulador da DO Ribeiro situada en Ribadavia. A xornada dispón de 60 prazas e os interesados en asistir xa se poden inscribir presentando un formulario que se atopa na web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Este prazo rematará o 23 de outubro ou cando se completen as prazas dispoñibles. O formulario remitirase cuberto ao correo electrónico evega.medio-rural@xunta.gal. A súa inscrición será confirmada a través do enderezo electrónico. O horario da xornada técnica será de 09,30 horas ata as 13,30 horas e enmárcase dentro dun proxecto da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, impulsado a través das accións de cooperación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para difundir os estudos feitos arredor da sustentabilidade da produción. Nesta liña, esta xornada vén motivada pola tendencia global cara o uso de prácticas agrícolas máis sustentables e respectuosas co medio natural, das que os viñedos non son alleos. A intención é reducir o emprego dos produtos de orixe sintética e favorecer outras alternativas naturais para o control de pragas, contribuíndo a preservar a biodiversidade e a obter produtos máis saudables para o consumidor. Os destinatarios desta xornada técnica son os agricultores, viticultores ou gandeiros activos con producións cunha orientación comercial; titulares, asalariados ou con contratos a proba dunha explotación agraria, industria transformadora, asociación profesional ou empresa de servizos agrarios; persoas en idade laboral con expectativas de incorporación ao sector e investigadores relacionados coa actividade -estes últimos sempre que haxa prazas dispoñibles-.

Descargar o formulario de inscrición