Category Archives: Agroalimentación

Agricultura amplía con 6 millóns a financiación de proxectos innovadores de empresas agroalimentarias

O programa Agroinnpulso contará con seis millóns de euros adicionais para seguir financiando proxectos innovadores dentro da cadea agroalimentaria. A nova achega procede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e articúlase a través da renovación do convenio de colaboración coa Empresa Nacional de Innovación (ENISA), dependente do Ministerio de Industria e Turismo. O financiamento permitirá manter a concesión de préstamos participativos destinados a empresas emerxentes e pequenas e medianas empresas con proxectos de base tecnolóxica. O obxectivo é favorecer iniciativas relacionadas coa innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a mellora da competitividade do sector, ademais de contribuír á xeración de riqueza e emprego no medio rural. Desde a súa creación en 2021, Agroinnpulso financiou 292 proxectos empresariais mediante préstamos participativos por un importe próximo aos 48 millóns de euros. Estas operacións mobilizaron un investimento total de 68 millóns e presentan un importe medio de 168.670 euros. Segundo os datos do programa, as iniciativas apoiadas contribuíron ao mantemento de 1.785 postos de traballo e á creación doutros 348 empregos directos. Os servizos e a tecnoloxía concentran o 26,8 % das operacións e o 29,5 % do financiamento concedido. Pola súa banda, a industria agroalimentaria representa o 22,3 % das operacións e o 23,7 % dos importes aprobados. A distribución territorial mostra tamén unha importante concentración das axudas. Cataluña reúne o 32,1 % das operacións financiadas e o 29,9 % dos fondos concedidos, mentres que a Comunidade de Madrid ocupa o segundo posto, co 24,6 % das operacións e o 25,3 % do financiamento. En total, empresas de 16 comunidades autónomas accederon xa a esta liña de apoio. Agroinnpulso mantén ademais un claro enfoque cara ás empresas de menor tamaño. As compañías con entre dous e catro traballadores concentran o 35,7 % das operacións e o 31,5 % do financiamento. O segundo grupo máis representado corresponde ás empresas de entre cinco e sete empregados, que recibiron o 17,8 % dos fondos. Os préstamos participativos de ENISA están especialmente adaptados a empresas innovadoras en fases iniciais ou de crecemento. Non esixen garantías, non implican a entrada de ENISA no capital nin na xestión das compañías e permiten aos proxectos acceder a novas vías de financiamento.

Visita da conselleira de Medio Rural á granxa avícola Ecocentro, en Melide

Como xa se fixo público este mes, a Consellería do Medio Rural ampliará ata os 23 millóns de euros o orzamento das axudas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, co obxectivo de seguir impulsando o sector agroalimentario galego. Así o quixo destacar a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa visita, ás instalacións de Ecocentro, de Melide, empresa dedicada á produción de ovos de galiña campeira que comercializa os seus produtos baixo a marca El Huevo de la Abuela. A explotación foi beneficiaria destas axudas, cunha achega de case un millón de euros para o desenvolvemento de varios proxectos. Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou que a dotación prevista inicialmente para estas axudas, próxima aos 19 millóns de euros, foi ampliada ata os 23 millóns para o período comprendido ata 2028. A convocatoria deste ano incorpora, ademais, dúas liñas subvencionables. Unha delas está orientada a investimentos destinados a incrementar o valor das producións agrarias e conta cun orzamento de 15 millóns de euros. A segunda, de nova creación, está dirixida a investimentos con obxectivos ambientais e dispón dunha dotación de 7,9 millóns. Desde 2016, a Xunta financiou máis de 600 proxectos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, cun investimento público de 195 millóns de euros. Innovación e produción de ovos campeiros Durante a visita, a conselleira puxo en valor a aposta de Ecocentro pola innovación tecnolóxica e pola diferenciación dos seus produtos, así como pola produción de ovos campeiros de alta calidade. Segundo os datos facilitados pola Consellería, a empresa conta con máis de 220.000 galiñas e produce semanalmente arredor de 140.000 ovos campeiros. As súas instalacións dispoñen, ademais, dunha capacidade de envasado de ata 480.000 ovos por xornada de traballo. Medio Rural sinala que esta aposta pola innovación e pola diferenciación consolida Ecocentro como unha das principais empresas galegas produtoras de ovo campeiro.

O queixo azul de Airas Moniz, recoñecido como o mellor de España na súa categoría

O queixo madurado con mofos -queixo azul-Savel, da queixería Airas Moniz, de Chantada, foi galardoado nos Premios Alimentos de España 2026 que convoca o Ministerio de Agricultura. Concretamente, foi considerado o mellor de todo o estado na súa categoría. Nesta edición participaron 133 mostras de queixos procedentes de toda España, distribuidas en cinco modalidades: madurado de vaca (26 mostras), madurado de ovella (49), madurado de cabra (23) madurado de mestura (18) e queixo madurado con mofos ou queixo azul (17). Ana Vázquez Marquez, unha das fundadoras da queixería chantadina, sinalou que “recibir iste premio é un orgullo e un recoñecento ó traballo diario de cada unha das persoas que formamos Airas Moniz.” E quixo destacar que é a terceira vez que conseguen o galardón. “Recibilo ata en tres ocasións ten un significado moi especial para nós, xa que o entendemos como unha confirmación de que o camiño que eleximos hai anos segue a ser o motor que nos guía e nos anima a continuar traballando coa mesma ilusión, compromiso e respecto polo noso traballo, pola terra e polo rural.” O proceso de selección do Premio incluíu unha rigorosa análise físico-química, microbiolóxica e das especies, así como unha valoración sensorial realizada por paneis de expertos catadores. Durante a valoración garantiuse en todo momento a trazabilidade e o anonimato das mostras. Os produtores premiados vanse beneficiar das distintas accións de promoción deseñadas polo Ministerio. A gala de entrega de premios vaise celebrar, como vén sendo tradicional, durante o outono. Os premios Alimentos de España, creados en 1987, recoñecen a empresas e produtos que destacan poloa súa calidade, innovación e contribución á gastronomía española. Dende o Ministerio afirman que o obxectivo dos premios é “promocionar e dar visibilidade aos queixos de maior calidade e propiedades organolépticas, incentivar aos produtores a mellorar os seus procesos e posicionamento no mercado. E, ao mesmo tempo, fomentar entre os consumidores o coñecemento e a valoración destes produtos.” Tamén apuntan a que os galardóns poñen en valor o esforzo e dedicación dos queixeiros españois e reafirma o compromiso do Ministerio coaa calidade agroalimentaria e a promoción dos produtos nacionais. Os premiados no resto de categorías son os seguintes: - Queixo madurado de vaca: Alcaidús, da Denominación de Origen Protegida (DOP) Mahón-Menorca, da sociedade Alcaidús, de Alaior (Illes Balears). - Queixo madurado de ovella: Cremositos del Zújar, de Arteserena, de Campanario (Badajoz). Este queixo obtivo ademais a maior puntuación global entre os galardoados nas cinco modalidades, polo que se fixo tamén co premio especial Alimentos de España ó mellor queixo 2026. - Queixo madurado de cabra: Tío Resti, da DOP Queso de Murcia al Vino, de Especialidades Lácteas, de Caravaca de la Cruz (Murcia). - Queixo madurado de mestura: Pajarete con manteca y romero, de Lopicomo, de Villamartín (Cádiz).

A Xunta amplía a orde de axudas para apoiar a transformación de produtos agrarios

A Consellería do Medio Rural incrementará en 4 millóns de euros a dotación da última convocatoria de axudas destinadas a apoiar investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, publicada en decembro do 2025. Deste xeito, a liña orientada a aumentar o valor das producións agrarias pasará dos 11 aos 15 millóns de euros, mentres que a convocatoria incorpora tamén, por primeira vez, unha liña específica para financiar investimentos con obxectivos ambientais, dotada con 7,9 millóns de euros. O anuncio foi realizado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante unha visita á empresa láctea Celega, situada no concello lucense do Saviñao e beneficiaria destas axudas. Durante a visita, a titular do departamento destacou que estas achegas evidencian o compromiso da Xunta coa modernización e competitividade da industria agroalimentaria galega. A conselleira lembrou que o Executivo autonómico destinou desde 2016 un total de 195 millóns de euros para financiar máis de 600 proxectos de mellora industrial, dos que unha parte significativa corresponde aos sectores lácteo e cárnico, que concentran aproximadamente a metade dos beneficiarios. Durante o percorrido polas instalacións de Celega, Gómez puxo en valor o papel da compañía como referente do sector lácteo galego e a súa base cooperativa, pois é propiedade das cooperativas Lemos e Coreber. Tamén salientou o seu compromiso cos produtores galegos e as certificacións das que dispón en ámbitos como a seguridade alimentaria, a xestión ambiental, o benestar animal e o residuo cero. - Fe de erratas: O aumento do presuposto das axudas non implica unha nova convocatoria das mesmas, en contra do informado inicialmente.

Convocadas as axudas a centros escolares para a compra de froita, leite e castañas

A Consellería do Medio Rural publicou o pasado venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas para a subministración de froita, castañas e leite nos centros educativos que así o soliciten para o curso 2026/27, cun orzamento de case 950.000 euros. A través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), responsable da xestión destas achegas, investiranse preto de 620.000 euros para o programa de froita e máis de 345.000 para o de leite, cofinanciados co Fondo Europeo de Garantía Agraria (Feaga). Con estas axudas, a Consellería busca fomentar o consumo destes produtos durante a etapa de formación dos hábitos alimentarios; conseguir que a cativada coñeza máis e degusten estes produtos, co fin de que integren estes alimentos na súa dieta dunha forma natural; ou incorporar a froita como alternativa a outros produtos consumidos no recreo, entre outros. Os centros educativos que queiran participar terán de prazo ata o 30 de setembro para presentar a súa solicitude. Os destinatarios finais desta liña de axudas é o alumnado de educación infantil de segundo ciclo, de primaria e de secundaria -incluída educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional de grao medio-. En total, máis de 80.000 alumnos e alumnas poderanse beneficiar destas achegas. Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2026 a febreiro de 2027 e de marzo a xuño do vindeiro ano. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos.

Ligazón á resolución no DOG

Dorfladen, un modelo de tenda autoxestionada por produtores locais para vender sen intermediarios

Stefan, Thomas e Josef, xunto aos membros da delegación galega na tenda de produtores locais en Lichtenegg A tenda do pobo da localidade Lichtenegg é un exemplo de colaboración. O espazo pertence ao municipio e nela venden directamente os seus produtos dúas ducias de produtores locais. O modelo é simple e o nome escollido tamén: Dorfladen (Dorf, que significa pobo en alemán, e laden, tenda). Josef Schrammel é o alcalde deste municipio de Baixa Austria duns 1.000 habitantes. Pero el antes tiña unha granxa de vacas e tamén facía queixos, que vendía a súa muller no mercado local. Por iso non foi difícil convencelo para que se implicase no proxecto de montar unha tenda de produtores locais nunha vella casa a punto de caer no centro do pobo. O Concello mercou a casa e amañouna. Investiu en total 150.000 euros. Despois, alugoulla aos produtores, que constituíron unha cooperativa para xestionar entre todos o local, aínda que cada un vende e factura directamente aos clientes os seus produtos.
O municipio investiu 150.000 euros en mercar unha casa a piques de caer no centro do pobo e amañala
O sistema está totalmente informatizado e automatizado e cada produtor encárgase de repoñer e manter actualizado o seu espazo na tenda, que se distribúe por estanterías para produtos non perecedoiros e neveiras para os que precisan frío. “Levamos dous anos funcionando e estamos moi contentos. A tenda funciona ben porque cada membro está implicado. Cada un de nós decide que produtos pon á venda e ten a obriga de ter en orde o seu oco na tenda”, explica Stefan Waldherr, que é o presidente da cooperativa de produtores.
Cada produtor encárgase de repoñer os produtos no espazo da tenda que ten asignado
El ten unha granxa de vacas leiteiras e fai queixos. Thomas Schwarz, o vicepresidente, produce ovos e patacas, un dos grandes produtos austríacos, xunto cos lácteos, o viño, os cereais, as peras e mazás ou os produtos da horta.   Bos prezos para produtores e clientes Son en total 56 membros os que forman a cooperativa, aínda que non todos son produtores e artesáns que venden na tenda. Cada socio paga unha cota de 25 euros ao ano por formar parte da cooperativa e entre unha porcentaxe do valor de venda de cada produto (10% no caso dos produtos non refrixerados e entre un 12 e un 14% no caso dos refrixerados e conxelados) revirte tamén na cooperativa para facer fronte aos gastos do local. O resto, vai directamente aos produtores.
O prezo que recibimos é moi bo: de cada euro, 90 céntimos son para nós
“Como os gastos son baixos, o que recibimos é moi bo prezo, porque de cada euro, no meu caso 10 céntimos van para a cooperativa e os outros 90 céntimos recíboos eu directamente”, explica Thomas. “Existían outras cooperativas de produtores deste tipo que tamén vendían produtos locais pero esas tendas estaban atendidas por unha persoa e como os salarios subiron moito nos últimos 3 anos, e ese custo ten que trasladarse ao prezo do produto, acaba encarecéndose moito para o cliente final, polo que as vendas caen e esas tendas tiveron que pechar porque non eran viables”, indica. Autoservizo No seu caso, o sistema de funcionamento do local é o de autoservizo, sen ningún tipo de persoal, de maneira que os clientes entran, collen o que necesitan, pagan na caixa e marchan. “A caixa é un prototipo desenvolvido por uns rapaces novos tamén da zona. Cando os produtores traemos produto pasámolo polo lector de código de barras da caixa e a medida que se van vendendo, como o cliente os pasa tamén polo código de barras, sabemos o stock que hai de cada cousa e o propio sistema envía unha mensaxe ao produtor correspondente do que ten que repoñer”, explica Stefan. A zona está videovixiada e só se permite o pago con tarxeta, de maneira que non hai diñeiro en efectivo dentro da tenda. A tenda abre os 7 días da semana, algo que, por lei, non poden facer os establecementos atendidos por persoal. A porta ábrese de maneira automática ás 6 da mañá e péchase ás 10 da noite.
Non tivemos ningún caso de roubo nos dous anos que levamos funcionando
Teñen unha media de entre 50 e 60 clientes ao día. A maioría son do pobo ou dun radio de 20 km á redonda, pero tamén reciben consumidores de Viena que xa viñan antes ao mercado de produtores mensual. “É algo que seguimos facendo, porque é importante non perder o contacto directo cos clientes”, razoa Thomas. A idade das persoas que mercan na tenda vai desde cativos a persoas de 80 anos. “Non tivemos ningún caso de roubo nos dous anos que levamos funcionando. Nalgunha ocasión algunha avoa equivócase á hora de escanear algún produto, pero esa perda non é significante, non é algo que nos faga dano. Ese risco asúmeo cada produtor”, indica Thomas. Aforro enerxético Ao non ter persoal, os custos correntes son moi baixos. Coa porcentaxe coa que se queda a cooperativa páganse gastos comúns como o da luz ou o da limpeza xeral. Unha persoa contratada vai 3 horas á semana a limpar e unha vez ao ano xúntanse todos os membros da cooperativa para facer limpeza xeral. Como a cooperativa é sen ánimo de lucro e non pode ter beneficios, co recadado mediante as cotas dos socios e a porcentaxe sobre as vendas nos dous anos que leva en funcionamento a tenda van acometer un investimento para instalar placas solares e baterías para ser autosuficientes enerxéticamente. “É o maior gasto que temos, debido ao consumo das neveiras”, explican. Revitalización do pobo A apertura da tenda serviu tamén en certa medida para dar vida a este pequeno pobo do interior de Baixa Austria. “A tenda converteuse nun punto de encontro onde se atopan os veciños”, recoñece o alcalde. O banco que había en Lichtenegg pechou recentemente, pero negociaron coa entidade para que deixara polo menos un caixeiro, que se instalou no edificio da tenda de produtores, polo que tamén presta este servizo á poboación. “Para pagar na tenda non se precisa diñeiro en efectivo, pero para o bar si”, bromea Stefan. O presidente da cooperativa recoñece que sen a axuda do Concello a tenda quizais non tería sido unha realidade. “Sen a implicación e o investimento do municipio os produtores sos non seriamos capaces de acometer este proxecto”, di. O Concello, que é o titular do edificio, corre tamén cos gastos de mantemento. Teñen preferencia para vender os produtores do municipio e despois abriron esta posibilidade tamén a outros produtores do entorno, nun radio de 40 km. “Agora, se algún máis quere entrar, ten que ser un produto que faga falla, que non teñamos xa na tenda”, conta Stefan. Cando arrincaron coa iniciativa a cooperativa estaba formada por 25 persoas e na actualidade son xa 56. “Nin un só produtor dos que entrou marchou, todos seguen”, explica. Diversidade de produtos Nos 70 metros cadrados que ocupa a tenda hai un pouco de todo, pero os produtos que máis se venden son os lácteos, os ovos, os embutidos, o pan recén feito e os pasteis. “O pan é o noso produto reclamo. Hai 4 produtores que fan pan e tráeno fresco dúas veces á semana, eses son os dous días que máis clientela hai”, indica Stefan. O pan negro de centeo é o típico da zona, pero tamén teñen moita demanda os pans especiais con sementes como a de amapola. Os domingos (un día que eles poden abrir ao ser produtores que fan venda directa e o resto de comercios e supermercados non) é outro dos días forte da semana. “Temos pastelería fresca ese día, que é algo moi famoso en Austria”, indica Thomas. “A tradición é que cando alguén te invita a xantar ou a tomar algo na casa leves algo de comida. Aquí temos unhas cestas baleiras para que a xente poida coller unha, enchela de produtos e levala como agasallo”, engade. Tamén dispoñen de tarxetas-regalo con distintos importes que permiten a quen as recibe facer compras na tenda. Os produtos envasados en vidro, como por exemplo os lácteos, teñen un sobreprezo que se devolve en forma de vale ao devolver o recipiente na tenda. En canto á carne, dispoñen de cordeiro, porco e tenreira, procedente de distintos produtores, e véndese conxelada. Páxina web e redes sociais Ovos de Pascua, tradicionais en Austria pola Semana Santa Teñen unha páxina web na que presentan os produtos e aos produtores e unha persoa encárgase do marketing e as redes sociais. Forma parte do Consello da Cooperativa, no que están 10 produtores, entre eles o presidente e o vicepresidente. O seu traballo é voluntario e repártense as distintas tarefas administrativas. Por exemplo, unha persoa do Consello encárgase da contabilidade. Ningún deles cobra polo seu traballo, pero reciben un vale de 50 euros ao mes para mercar produtos na tenda. Dous anos despois da súa posta en marcha, a iniciativa está a ser un rotundo éxito, cumprindo co obxectivo de facilitar á poboación o acceso aos produtos locais. “Tiñamos algúns produtores mozos e queriamos axudarlles a vender directamente. Xa tiñamos o mercado de granxeiros unha vez ao mes, que se segue mantendo, pero estabamos buscando a maneira de que puideran vender máis días”, conta o alcalde.
Malia a variedade de produtos, na tenda non hai de todo, polo que a súa oferta compleméntase coa do supermercado da localidade
Cando desde o Concello decidiron amañar o local no centro do pobo e alugarllo á cooperativa de produtores tiñan medo de prexudicar ao outro supermercado que hai na vila. Pero foi ao revés. “Incluso aumentou a súa clientela, porque a tenda de produtores é tamén un reclamo para outro tipo de público, que busca produtos máis artesáns e que despois tamén vai ao supermercado acabar de facer a compra daquilo que non hai na tenda. O supermercado pensaba que caerían as súas vendas ao abrir a tenda, pero foi ao revés, mesmo lle aumentaron”, di. 

Produtos de proximidade de granxas familiares

Stefan e os membros da súa familia que traballan na queixería familiar Os produtos que os consumidores atopan en tendas como Dorfladen Lichtenegg proceden de granxas familiares que fan transformación e venda directa. Boa parte delas son explotacións agrícolas e gandeiras certificadas en ecolóxico e o feito de ofrecer produtos de proximidade aos consumidores ofrece confianza aos seus clientes. A de Stefan, por exemplo, é unha granxa familiar de vacas leiteiras situada en Lichtenegg, a mesma localidade da rexión de Bucklige Welt onde está a tenda local de produtores. Trátase dunha pequena granxa familiar con 18 vacas leiteiras, 17 hectáreas agrícolas e 12 hectáreas de monte. Stefan fíxose cargo da granxa dos seus pais en 2018 e construíu a queixería no ano 2020. Parte do leite que producen procésase en queixo semiduro, queixo crema, queixo á prancha e iogur natural. Os produtos están elaborados artesanalmente. Stefan, as súas irmás Bernadette e Julia, o seu curmán Gabriel e a súa moza Silvia traballan na granxa e no obrador de queixo, que comercializa os seus produtos baixo o nome Hofkäserei Waldherr. Diversificación produtiva Entre os compañeiros de viaxe de Stefan en Dorfladen hai outras granxas leiteiras como as da familia Fellner ou Schrammel. A que agora leva Thomas Schwarz tamén producía leite até a entrada de Austria na UE, pero en 1997 decidiron convertela nunha das primeiras granxas de galiñas poñedoras en ecolóxico. Os animais están en liberdade e son alimentados con cereais sen transxénicos de colleita propia e os seus ovos véndense en distintos supermercados e tendas nun radio de 30 km. Ademais, tamén teñen servizo de reparto a domicilio.
En Austria, se es produtor, non necesitas nada para vender directamente aos consumidores
Como complemento, esta granxa ubicada tamén en Lichtenegg cultiva tamén patacas en ecolóxico, sen uso de fertilizantes nin fitosanitarios de orixe química. “É máis difícil, pero deste xeito é o clima e o solo da montaña o que aporta o sabor único ás nosas patacas de montaña”, di Thomas, que defende o sistema de venda directa como o máis rendible e xusto para o produtor e, antes de marchar, deixa un consello aos gandeiros galegos que os visitaron: “Falade cos vosos alcaldes para que vos dean tamén esta oportunidade”.

Residencias de maiores súmanse aos Comedores Responsables KM 0 para priorizar a produción agrogandeira local

O proxecto Comedores Responsables KM 0 dá un novo paso na promoción dunha alimentación máis saudable, sostible e vinculada ao territorio coa incorporación das residencias de maiores ás súas accións formativas. A iniciativa, impulsada por oito Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, amplía así o seu ámbito de actuación para acompañar tanto a centros educativos como a colectividades sociais na adaptación aos novos modelos de alimentación colectiva. Desde o seu inicio, o programa chegou a 57 centros educativos, residencias, vivendas comunitarias e un servizo de cátering, ademais de implicar a máis de 110 profesionais e empresas agroalimentarias, consolidándose como unha referencia na promoción do consumo de produtos frescos, de tempada e de proximidade. A primeira fase de formación nas residencias desenvolveuse en sete centros de atención a persoas maiores situados en seis concellos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. En conxunto, estes centros suman unha capacidade potencial superior ás 350 prazas residenciais, permitindo testar a iniciativa en realidades territoriais e modelos asistenciais diversos. As sesións abordaron aspectos como a planificación de menús, a nutrición adaptada ás necesidades das persoas maiores, a seguridade alimentaria, o abastecemento de proximidade e a incorporación de produto local. O obxectivo é ofrecer ferramentas prácticas aos profesionais responsables dos servizos de comedor para avanzar cara a un modelo alimentario máis responsable e sostible. A iniciativa cobra especial importancia no actual contexto normativo. O Real Decreto 315/2025, que regula os criterios mínimos de calidade nutricional e sustentabilidade dos comedores escolares, entrou en vigor este ano e marca unha liña que o Goberno prevé estender tamén ás residencias, hospitais e outros centros sociosanitarios mediante unha futura regulación actualmente en preparación. Neste escenario, o proxecto facilita formación e asesoramento para que os centros poidan anticiparse ás novas esixencias. Desde a coordinación de Comedores Responsables KM 0 subliñan que os comedores colectivos son espazos clave para coidar da saúde das persoas, fomentar hábitos alimentarios saudables e apoiar o tecido produtivo local. Ademais de mellorar a calidade dos menús, o proxecto fortalece as relacións entre produtores, empresas agroalimentarias, colectividades e administracións, favorecendo as canles curtas de comercialización e xerando novas oportunidades para o medio rural. Coordinado polo GDR Terras de Compostela e desenvolvido en oito territorios que agrupan 86 concellos e preto de 710.000 habitantes, Comedores Responsables KM 0 continúa consolidándose como unha iniciativa estratéxica para conectar alimentación, saúde, sustentabilidade e desenvolvemento rural en Galicia.

Aberta a inscrición nas xornadas para poñer en valor o selo Artesanía Alimentaria de Galicia

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza este mes de xullo as xornadas "Aula Aberta. Xornadas de divulgación e degustación de produtos alimentarios artesanais", unha iniciativa orientada a divulgar o selo Artesanía Alimentaria e a dar a coñecer o valor engadido dos produtos elaborados baixo este distintivo de calidade. De carácter gratuíto e abertas ao público mediante inscrición previa, combinarán relatorios técnicos, experiencias de produtores e degustacións comentadas. A primeira sesión celebrarase o 21 de xullo no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en San Cibrao das Viñas (Ourense), e estará centrada nos derivados cárnicos, coa participación das empresas artesanais Ánades Galicia, CienPorCel e Embutidos Navia de Suarna, ademais do propio CTC. A segunda terá lugar o 24 de xullo no Centro Colaborativo de Friol (Lugo), con retransmisión en liña, e dedicarase aos derivados lácteos, coa participación de Airas Moniz, Condado Paradanta, Xeou! e da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola Artesanía Alimentaria como figura de calidade diferenciada, que permite conservar o saber facer tradicional, impulsar a innovación desde a tradición e ofrecer aos consumidores produtos elaborados mediante procesos artesanais, con identidade propia e un elevado valor engadido. Ademais, preténdese favorecer o encontro entre produtores, profesionais e consumidores. Na actualidade, Galicia conta con 149 operadores inscritos, 266 artesáns alimentarios recoñecidos e 26 categorías de produtos reguladas ao abeiro da Artesanía Alimentaria, consolidando un modelo que contribúe á diversificación económica, á xeración de oportunidades no rural e á valorización das producións locais. As persoas interesadas poden consultar o programa e formalizar a súa inscrición a través na seguinte ligazón

“Ata o de agora non hai nada tan eficaz para preservar os alimentos como os sulfitos, no viño é mellor reducilos que suprimilos”

Foto: UPM Antonio Morata Barrado é catedrático de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na Universidade Politécnica de Madrid (UPM). É tamén profesor de Enoloxía e Tecnoloxía do Viño no Máster Europeo en Viticultura e Enoloxía, Euromaster Vinifera-Erasmus+. Ademais, é o delegado español no Grupo de Expertos en Tecnoloxía do Viño e Presidente da Sección de Microbioloxía do Viño da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV). Como profesional altamente especializado nas tecnoloxías que acompañan á produción vinícola, interveu nun foro telemático organizado por Infowine. O título da súa ponencia foi "Tecnoloxías emerxentes para reducir sulfitos en viños" e fixo un repaso pola situación actual, polos métodos tradicionais e polo que se albisca cara ao futuro.

Que son e como actúan os sulfitos? 

Os sulfitos -principalmente dióxido de xofre- son derivados químicos a base de xofre que actúan como conservantes, antioxidantes e antisépticos na industria alimentaria. Evitan a oxidación dos produtos e son preventivos ante o crecemento de bacterias, fungos e levaduras nocivas, prolongando a vida útil dos alimentos. No caso do viño, son fundamentais para, entroutras cousas, evitar que o mosto se volva vinagre. Todos os viños conteñen sulfitos naturais producidos durante a fermentación. Aínda que tamén se engaden para estabilizar. Incluso os viños orgánicos conteñen pequenas cantidades.
Non hai estudos contrastados que midan a cantidade de sulfitos que consumimos, hainos da cantidade presente nos alimentos
“Os sulfitos que teñen un código numérico de entre 220 e 228 son moléculas pequenas, activas e con grande capacidade antioxidante e antimicrobiana. Utilízanse no viño e noutros moitos alimentos. Dende hai anos, o seu emprego está cuestionado polos posibles efectos negativos que poidan ter sobre a saúde.”, dixo Morata O catedrático quixo deixar claro que non se calculou a cantidade media de sulfitos que consumimos e que o viño non é precisamente o alimento onde máis están presentes. Aínda que tamén recoñeceu que un informe da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) estima que a presenza de sulfitos nos alimentos é un 12,5% superior ao recomendable. O PH dos viños determinará a capacidade antioxidante dos sulfitos e, por tanto, as doses necesarias Deterioros no sistema central nervioso e, por tanto, nos niveis cognitivos poden ser efecto dos sulfitos. Pero, aclarou Morata, non todas as persoas teñen a mesma reacción ou capacidade de asimilación dos sulfitos. Por outro lado, os efectos dos sulfitos dependerán de como reaccionen estes cos compoñentes de cada alimento.
Os sulfitos ralentizan o deterioro natural dos alimentos e combaten a aparición de microorganismos
Na intervención, explicou outros aspectos vencellados cos derivados do xofre empregados en enoloxía e viticultura. O dióxido de xofre (SO-2) é o máis utilizado e clasíficase en tres formas: - Sulfuroso Libre: a fracción activa que protexe o viño da oxidación e a aparición de bacterias - Sulfuroso Combinado: A parte do sulfuroso que xa reaccionou con outros compostos do viño (azúcares, antocianos, acetaldehído) e, por tanto, perdeu efecto protector - Sulfuroso Total: A suma exacta do sulfuroso libre e o combinado A actuación dos sulfitos fronte a procesos oxidativos no viño estará asociada sempre ao PH. “Estimando unha perda por debaixo do 20% da actividade máxima dos sulfitos, unha dose de 50 mg/litro de sulfuroso total sería a máis axeitada. Eso para Phs ´normais´, é decir por baixo de 3,5.” Sen embargo, dixo Morata, cando o PH está por riba de 3,5 a efectividade do 80% para 50 mg/litro non está garantida. As adegas que elaboran viño en barricas son as máis interesadas en atopar alternativas aos sulfitos Actualmente, os contidos autorizados máximos para viños con baixo contido en azucre son de 150 mg/litro nos tintos e 200 mg/litro para brancos e rosados. Porque os tintos son máis resistentes á oxidación. Para viños máis azucrados, pódese chegar ata 300 mg/litro.

Alternativas aos sulfitos

“Os sulfitos son a ferramenta antioxidante e antimicrobiana máis efectiva nos viños. Se se reducen as cantidades permitidas, hai que buscar alternativas. Algunhas xa se empregan de forma xeral e outras son menos coñecidas. E poden ser físico-mecánicas, químicas e biolóxicas.” Morata falou de alternativas físicas tradicionais como a pasteurización, que desactiva enzimas oxidativas e microorganismos. “Pero ten un forte impacto sensorial. Incluso desenvolvéndoas de xeito rápido (técnica flash) alteran a expresión do viño.”
Para substituír os sulfitos hai ferramentas físicas, mecánicas, químicas e biolóxicas. O máis habitual é combinalas
“Temos tamén a filtración, moi eficiente ante microorganismos. Aínda que tamén cun forte impacto sensorial. Porque reduce aromas e matices en viños de estrutura forte. E despois están as tecnoloxías non térmicas emerxentes como a presurización ou os campos eléctricos pulsados (breves ráfagas de alta voltaxe no mosto ou no viño), que teñen menores impactos pero menor eficiencia.” Por canto a alternativas químicas aos sulfitos, hai diferentes produtos que ofrecen diferentes resultados. “Algúns teñen alta capacidade antimicrobiana pero non antioxidante. E con outros sucede ao revés. E pode haber algúns moi efectivos fronte a levaduras pero que implican riscos de toxicidade.” Un aspecto fundamental é que os substitutivos dos sulfitos non deixen pegada sensorial no viño E hai tamén alternativas biolóxicas que están en auxe e ofrecen bos resultados e resultan inocuas. “Por exemplo a bioacidificación, que utiliza microorganismos vivos para incrementar de forma natural a acidez necesaria no viño. Ou a bioprotección, empregando microorganismos vivos para colonizar o medio e protexer as uvas, o mosto ou o viño de alteracións.”
Dende hai anos, o PH dos viños está medrando e eso fai que sexa preciso aumentar as doses de sulfitos
Centrándose só na acción antioxidante, o ácido ascórbico pode cumprir esa función. Pero o seu tamaño é superior ao dos sulfitos e pode desestabilizar os viños. Ou o glutatión, de efectividade baixa. Incluso lías, taninos e fenoles poden ser antioxidantes pero sen os resultados dos sulfitos e con notorio impacto sensorial. Morata explicou que o seu departamento leva tempo experimentando con técnicas de ultrahomoxeneización a altas presións. “Son tecnoloxías compresivas que non introducen aire no viño. En válvula acadan altas temperaturas pero cun tempo de exposición inferior a 0,2 segundos. Con impacto sensorial baixo e boa efectividade antioxidante e antimicrobiana.”
Un principio fundamental é que empreguemos alternativas aos sulfitos que non deixen impacto sensorial no viño
Porque os elementos oxidativos do viño, especialmente as enzimas, poden permanecer latentes e mesmo reproducir procesos de oxidación unha vez rematada a fermentación. “Nese sentido, garanten unha barreira antioxidante de máis duración que os sulfitos.” O profesor destacou tamén, na parte de control de bacterias, o ácido fumárico. “Leva moitos anos empregándose en alimentación como acidificante, para baixar o PH. É pouco soluble pero xa hai tecnoloxías para axustalo. Reduce a acción dos microorganismos e non se perciben desequilibrios no viño logo de usalo.” Algúns produtos e técnicas permiten reducir os sulfitos actuando sobre a uva e non sobre o viño Na OIV validaron o emprego de ácido fumárico para o control bacteriano durante a fermentación maloláctica. “En brancos, espumosos e rosados soen aparecer fermentacións malolácticas non desexadas. Co ácido fumárico logramos reducilas.” Respecto do ácido láctico, Morata valora as súas capacidades de favorecer unha fermentación maloláctica axeitada. “Pero ten o problema de que é necesario ir a concentracións de ata 4 gramos por litro, o cal encarece o proceso e tampouco da os resultados antibacterianos que ofrecen os sulfitos.” Caso aparte é o ozono. O seu uso está moi estendido nas adegas, aínda que o habitual é empregalo para limpeza e sanitización de instalacións e equipamentos. “Agora estamos a investigar de cara a que o ozono poida aplicarse en tratamentos de uva e viño. É unha molécula moi tóxica e de actividade alta. Por eso é letal para bacterias e microorganismos. E coa vantaxe de non deixar rastros porque, en doses axeitadas, as moléculas evolucionan a osíxeno.”
O ozono está pasando de ser un elemento de limpeza de instalacións e equipos a funcionar como antibacteriano no viño
O catedrático indicou que se pode empregar o ozono en tratamentos en viñedo para sanitizar a uva. Porque consegue que se desenvolvan levaduras non saccharomyces, que son as que frean a fermentación alcohólica. Tamén se mencionou a quelación, unha técnica química para eliminar ou bloquear os metais pesados (principalmente o ferro e o cobre). Porque exceso destes metais pode provocar alteracións graves no viño, como a turbidez ou o cambio de cor. Proteínas de chícharo, ou ferrocianuro potásico son axentes quelantes.

Lachancea thermotolerans

Dende hai anos, a redución de sulfitos é algo que buscan as adegas que fan elaboracións en barrica. Porque, logo de décadas de emprego, son cada vez menos efectivos e acaban diluídos por outros principios activos. E o viño queda pouco protexido, especialmente se presenta un PH alto. A quelación conduce a viños limpos e de cor pura pola supresión de metais Unha liña de traballo emerxente está en tentar conseguir de levaduras resistentes a sulfitos. Faise mediante tecnoloxías de enxeñería evolutiva. “Xa temos cepas da levadura lachancea thermotolerans que axudan a que a acidificación se produza de forma efectiva en presenza de sulfitos.” O uso da Lachancea está medrando en todo o mundo debido aos beneficios contrastados na vinificación A lachancea ten unha capacidade única de producir ácido L-láctico a partir dos azucres da uva. Dese xeito elévase a acidez do viño de forma biolóxica e a báixase o seu pH sen necesidade de engadir ácido tartárico químico. E tamén se reduce o grao alcohólico ao desviar parte dos azucres á produción de ácido láctico en lugar de etanol. Outra aportación da lachacea é a mitigación dos efectos do cambio climático que adoita provocar uvas con moito azucre e moi baixa acidez, especialmente en zonas cálidas. Coa levadura acádanse viños máis frescos ao reducir azucres. E tamén se melloran os aromas. A capacidade fermentativa da levadura lachacea é limitada. Por eso, as adegas utilízana habitualmente nun proceso de fermentación secuencial, introducindo primeiro a Lachancea para acidificar o mosto e despois a levadura Saccharomyces cerevisiae tradicional para completar a fermentación alcohólica.

Conclusións

Logo de repasar todas as alternativas e combinacións, Morata asegurou que mellor que suprimir os sulfitos é racionalizar o seu uso. “É moi difícil substituír todas as funcións que cumpren os sulfitos. E máis agora que os PH dos viños están subindo. Se esa suba implica un maior uso de sulfitos, tamén implicará un aumento de doses de produtos alternativos.” O especialista aduciu que unha soa molécula de sulfito cumpre as funcións antioxidante, antimicrobiana e antioxidásica (inactivar enzimas que aceleran a oxidación). E non hai outros produtos que cumplan esa triple función por si sós, hai que combinalos con outros e en doses máis elevadas que os sulfitos. A medio prazo, considera, iranse diminuíndo as doses de sulfitos no viño a medida que se vaian perfeccionando as actuais técnicas e sustancias alternativas ou que vaian aparecendo outras novas. Pero, a día de hoxe, a eficacia dos sulfitos non se chegou a acadar con elementos e procesos diferentes.

Os queixos españois conquistan Nova York cunha campaña para reforzar a súa presenza nos Estados Unidos

A gastronomía española volveu situarse esta semana no escaparate internacional coa presentación en Nova York da campaña "Discover the European Cheestories with Cheeses from Spain 2", unha iniciativa impulsada pola Organización Intrprofesional Láctea InLac co apoio da Unión Europea para fortalecer a presenza e o recoñecemento dos queixos españois no mercado estadounidense. O acto celebrouse no mercado Little Spain, un dos espazos gastronómicos de referencia de Manhattan, onde se puxo en valor a riqueza e diversidade do sector queixeiro español. A campaña pretende achegar aos consumidores norteamericanos a tradición e a calidade dos queixos elaborados en España, promovendo o seu consumo a través das táboas de queixos como unha proposta gastronómica versátil para celebracións, reunións informais e momentos especiais. Variedades como o Manchego, Idiazábal, Mahón-Menorca, Cabrales ou Murcia al Vino exemplifican unha oferta que destaca pola súa diversidade de sabores, aromas e texturas. Segundo explicou a directora xerente de InLac, Nuria María Arribas, España conta con máis de 150 variedades de queixo, entre as que se atopan 27 Denominacións de Orixe e cinco Indicacións Xeográficas Protexidas, un patrimonio gastronómico que reflicte a diversidade territorial e cultural do país. Durante a presentación, a especialista e educadora certificada en queixos Erin T. Connolly ofreceu recomendacións para elaborar unha táboa equilibrada, apostando por combinar polo menos tres variedades españolas, servilas á temperatura ambiente e ordenalas de menor a maior intensidade de sabor. Ademais, destacou a importancia de acompañalas con produtos como froitas de tempada, marmelo, olivas, froitos secos ou pan rústico para completar a experiencia gastronómica. A iniciativa desenvolverá nos próximos meses accións promocionais en feiras, puntos de venda gourmet e eventos dirixidos especialmente ao público "foodie" e á comunidade hispana en cidades como Nova York e Miami. Entre as actividades previstas figura a participación na Summer Fancy Food Show e distintas campañas vinculadas a celebracións como o Mundial de Fútbol, o National Cheese Day, Halloween, Acción de Grazas ou o Nadal. Con esta estratexia, o sector lácteo español reforza a súa aposta polos Estados Unidos como un mercado prioritario, difundindo non só a excelencia dos seus queixos, senón tamén a súa historia, tradición e estreita vinculación co territorio.

Medio Rural recoñece o traballo de Kiwi Atlántico na loita contra o desperdicio alimentario

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recoñeceu hoxe o traballo desenvolvido por Kiwi Atlántico, a principal produtora e comercializadora de kiwi verde en España, no marco da nova Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia; e loubou o seu compromiso para evitar as perdas na produción. Destacouno hoxe nunha visita ás instalacións desta empresa, situadas no concello de Ribadumia. Neste contexto, a conselleira lembrou a iniciativa anunciada esta mesma semana no Consello da Xunta que se elaborará e presentará neste 2026 e que conta cun marcado carácter social. Seguindo esta liña, sinalou que “o desperdicio alimentario é unha cuestión que implica a toda a sociedade e que debe situarse no centro do debate público”. A estratexia inclúe un amplo abano de medidas que se irán desenvolvendo a curto, medio e longo prazo. Unha das máis salientables é a posta a disposición dos produtores dunha plataforma web na cal por á venda aqueles excedentes ou produtos “imperfectos” que non conseguiron vender nas canles habituais por non cumprir os estándares de forma, tamaño ou cor, pero que se atopan en bo estado, para que poidan ser adquiridos por comedores colectivos. Tamén se creará un manifesto contra o desperdicio alimentario ao que poderán adherirse empresas, que contarán cun selo de garantía que acreditará a súa adhesión e compromiso. Para poñer en valor aínda máis o seu compromiso, farase unha distinción anual en liña coa conmemoración anual do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, que se celebra o 29 de setembro. A titular de Medio Rural explicou tamén que, no marco desta estratexia, se realizarán enquisas en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Instituto Galego de Estatística para diagnosticar a dimensión do desperdicio alimentario en Galicia en ámbitos como o sector primario, os fogares ou a industria alimentaria, entre outros. A maiores, levaranse a cabo campañas de sensibilización e redactaranse guías e documentos de boas prácticas a nivel sectorial. Tamén se impulsará unha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento coa colaboración de restaurantes con cociñeiros de prestixio. Xa para rematar, a conselleira destacou que “a redución do desperdicio en Galicia contribuirá a valorizar aínda máis a calidade dos produtos agroalimentarios da comunidade, ao tempo que se engade un importante diferencial de sustentabilidade e mellora dos rendementos económicos”.

Dende pensos de chícharo ata snacks de soro lácteo: Así son algúns dos proxectos nos que traballa FEUGA

A Semana Verde de Galicia foi o escenario elixido para a presentación de resultados e avances dos diferentes grupos operativos nos que está a colaborar a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA). Na actualidade, están inmersos en 6 grupos operativos autonómicos, 1 proxecto da Convocatoria Nexos 2025 de GAIN e 15 grupos operativos supraautonómicos. Beatriz Moure, Beatriz Calviño, Gabriel Santos, Adrián Prol e Ignacio Barroso son xestores en innovación e proxectos nacionais de FEUGA e foron os encargados de realizar as presentacións dos diferentes grupos operativos. Feuga é membro da Rede PIDI do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación. Os técnicos explicaron que os grupos operativos son actores principais da implementación da AEI-Agri (Asociación Europea de Innovación en agricultura produtiva e sustentable). E que son ferramentas clave na execución do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 para impulsar a innovación no sector agroalimentario e forestal no ámbito europeo.
Unha das vantaxes dos grupos operativos é que afrontan os problemas e proxectos dende ópticas e disciplinas moi diferentes
“Trátase de agrupar axentes de diferente perfil con intereses comúns. Agricultores, gandeiros, empresas, centros de investigación ou de formación e divulgación, que se asocian para poñer en marcha un proxecto de innovación co obxecto de dar unha resposta conxunta e multisectorial a un problema ou necesidade.”, dixeron. Beatriz Moure (esquerda) e Beatriz Calviño explicaron o funcionamento xeral dos grupos operativos nos que traballa FEUGA Os proxectos nos que FEUGA colabora na actualidade artéllanse en cinco grandes bloques: 1- Valorización de subprodutos agrogandeiros 2- Solucións innovadoras para mitigar os efectos do cambio climático 3- Innovación forestal e aplicación de novas estratexias na xestión de recursos 4- Aplicación de estratexias innovadoras no ámbito vitivinícola 5- Impulso á dixitalización e a sustentabilidade no sector agrogandeiro Se ben os cinco bloques son esenciais para o desenvolvemento rural, os técnicos de FEUGA comezaron dando máis relevancia a aqueles que poden ter unha influencia máis global no sector agrogandeiro e entre o conxunto da poboación rural. Valorización de subprodutos Dentro dese primeiro bloque atópase o proxecto Simbav (simbiose agroavícola) que busca a modernización do sector a través de estratexias de dixitalización e de economía circular. Un proxecto que xorde do feito de que a carne de ave supón o 40% do consumo mundial e de que España é o segundo produtor europeo de polo e o quinto de pavo. O que se persegue é a valorización de dexeccións xeneradas en explotacións avícolas de polo e de pavo e residuos agrícolas (restos de poda de videira) para o seu aproveitamento enerxético en forma de biocombustibles e biofertilizantes. Maxi-CoberLEG é un proxecto para mellorar a sanidade e produción de cítricos mediante cubertas vexetais de altramuz galego Para eso, contrólanse os procesos produtivos dixitalizándoos, mellorando as condicións de benestar animal e os consumos ligados a esas condicións, para implantar un sistema de xestión intelixente que facilite a toma de decisións. E todo mediante accións de economía circular para reducir o impacto medioambiental e o consumo de enerxía e auga.
A economía circular, a creación de emprego no rural e a redución de impactos medioambientais están presentes en boa parte dos proxectos
Os resultados que se agardan van na liña de reducir o número de baixas nas granxas a través a eficiencia enerxética; a recuperación de todo o potencial enerxético dos residuos e o seu uso en todo o sector; a redución do uso de fertilizantes non orgánicos e do emprego de auga de rede. Olivebiome é outro proxecto de revalorización de residuos. Neste caso para o desenvolvemento biotecnolóxico de pre e probióticos para alimentación de aves e porcos a partir de fibras dos restos que quedan ao moer as olivas para facer aceite. Así, o que se fai é caracterizar quimicamente a fibra das oliveiras e outros subprodutos hortícolas, avaliando a capacidade prebiótica e fermentativa. E establecer un modelo de fermentación que permita optimizar o crecemento de cepas probióticas. Tamén se desenvolve o escalado dun biorreactor para a produción semi-industrial de probióticos e medir o impacto dos pre e probióticos sobre a súade intestinal de animais de granxa e o seu efecto na redución de antibióticos. E, finalmente, promover unha xestión sustentable dos subprodutos da oliveira, mediante a implementación dun modelo de economía circular na industria oliveira española. Gabriel Santos (esquerda) e Adrián Prol describiron en detalle os avances e obxectivos dalgúns dos grupos operativos Agri-Resval busca empregar residuos de agricultura vertical para obter extractos naturais de alto valor para conseguir unha maior vida útil dos produtos de pesca conxelados. Para eso estanse a empregar descartes e restos de néboda, que teñen un alto poder antioxidante.
Traballamos como catalizadores para estreitar lazos e fomentar a transferencia de tecnoloxía e innovación
Polo de agora, os mellores resultados obtivéronse na conservación de langostinos. Agora estanse a comparar a efectividade dos antioxidantes naturais e a dos sintéticos. O seguinte paso será avaliar en produtos pesqueiros conxelados a capacidade de escalar máis alá dos laboratorios e de transferir os resultados ao sector e comprobar a súa capacidade de replicabilidade. No caso de Alganut, a finalidade é impulsar solucións nutricionais innovadoras baseadas en macroalgas para mellorar a saúde, eficiencia produtiva e calidade dos produtos, reducindo emisións e aproveitando recursos locais cun enfoque de economía circular. Búscase desenvolver suplementos ricos en selenio e outros minerais a base de macroalgas para gando vacún que reduza as emisións de metano. E tamén suplemento para aves que mellore a saúde e a produción. Para eso selecciónanse as macroalgas, axústanse os protocolos para servirllas aos animais e vaise actuar en función dos resultados dos ensaios. Biomarterra céntrase en determinar o efecto da aplicación de bioestimulantes elaborados con algas a estreses abióticos e bióticos en variedades autóctonas de horta, pataca e viña. O proxecto xorde nun contexto climático que somete a estrés as plantas e de abundancia de descartes sen uso na industria das algas. Unha opción que ten no punto de mira a xeración de oportunidades económicas nas comunidades costeiras grazas á diversificación do uso de algas mariñas.
Ofrecemos dende a busca de financiación á creación de consorcios ou a tramitación de propostas
O grupo operativo -totalmente galego- aspira a demostrar o efecto beneficioso dos bioestimulantes elaborados con algas mariñas nas situacións de estrés abiótico (altas temperaturas, seca e salinidade) e biótico (ataques de fungos patóxenos) en distintos cultivos de interese para Galicia. O uso de bioestimulantes pode reducir a dependencia de insumos químicos e pesticidas agrícolas. E fortalecer o sistema inmunolóxico das plantas e a absorción de nutrientes. A revalorización e mitigación de impacto dos xurros está presente en diferentes grupos operativos Os soros lácteos e a fariña de castaña son os produtos empregados en SueroVal. Basicamente, o que se fai é desecar soros de queixería e, en combinación coa fariña, elaborar unha nova gama de produtos: barriñas funcionais, copos e snacks. Para eso, emprégase un deshidratador híbrido solar de pegada de carbono case nula. Os lactosoros e as castañas non aptas para venda pasarían así de ser residuos a converterse en alimentos de alto valor engadido. Os soros dos ensaios proceden da Queixería Castelo, da DOP Cebreiro. Polo de agora empregáronse dous deshidratadores de soro diferentes, con resultados tamén diferentes. O traballo realizado levou a elaboración de receitas para uns produtos equilibrados, nutritivos e de óptimo perfil sensorial. Tamén se realizaron catas para determinar a apariencia, textura, sabor e grao de aceptación global. E fíxose unha caracterización nutricional parella ás medicións da posible vida útil dos alimentos. Mitigación do cambio climático Se ben englobado no apartado de mitigación do cambio climático, o grupo operativo Guiprogal ten como base os residuos das colleitas de chícharos como son vainas e ramallos que non tiñan utilidade. O que se pretende con eles é elaborar pensos de calidade para alimentación de gando bovino e de persoas. Paralelamente, buscan recuperar e validar o potencial agronómico e tecnolóxico de castes tradicionais de chícharo a través da avaliación en climas controlados, permitindo unha selección segura de cultivares rexionais ben adaptados e avaliados en diferentes localizacións.
Documentamos e presentamos ante as distintas administracións públicas todos e cada un dos pasos que se dan nos grupos operativos
Aínda que os resultados principais se van producir en Valencia, FEUGA quixo estar presente no grupo operativo Maxi-CoberLeg. A mellora de rendementos no cultivo de cítricos é o obxectivo final. Para acadalo, empregan leguminosas como cultivos de cobertura nas plantacións. FEUGA estivo presente na Semana Verde cun stand informativo O que se pode obter é unha mellora dos solos a través da retención de agua e de nutrientes; a prevención de erosión e conseguinte aumento de materia orgánica e da actividade microbiana e fixación de nitróxeno. Tamén diminúe a aparición de pragas. A aportación galega céntrase no emprego de altramuces propios de Galicia na cobertura dos solos. Olivitech é un Grupo Operativo Supra-autonómico para a mellora da predición de enfermidades fúnxicas e a redución do número de tratamentos químicos nos olivares. Van utilizar captadores aerobiolóxicos automáticos que permitirán monitorizar a concentración de esporas no olivar a tempo real e enfrontar con ferramentas preditivas como o repilo, o emplomado ou a antracnosis.
A creación de emprego agrícola xoven, cualificado e diverso é un dos obxectivos principais de FEUGA
Olivitech despregará técnicas de minería de datos para desenvolver unha ferramenta de alerta temprana sobre o risco de infección e recomendacións adaptadas a cada olivar sobre os tratamentos a implementar. Tamén se vai avaliar o impacto do cambio climático sobre a produción de oliva. E coa mira posta en crear un sector máis sustentable e competitivo reducindo os tratamentos e mellorando a calidade do froito. O bloque de mitigación do cambio climático complétase co grupo operativo Aquapur. Un proxecto no que participan 7 entidades de Cataluña, Aragón e Galicia. Impulsar sistemas innovadores de xestión de xurros que permitan obter auga reutilizable e produtos de valor agronómico, adaptándose a cada territorio é o obxectivo do grupo. Os resultados que se agardan obter en Aquapur pasan por elaborar un Manual de selección das tecnoloxías adaptadas a cada granxa. Os sistemas de tratamento buscan a obtención de produtos de alto valor agronómico, a recuperación do 70% da auga presente no xurro e o incremento da transferencia de coñecemento ao sector. E, en último termo, a mellora da percepción social do sector. Divulgación E é que, segundo explicaron os técnicos de FEUGA, a divulgación das actividades dos grupos operativos é tan importante como calquera outro paso do traballo. Porque, insistiron, as accións só teñen sentido se o conxunto da sociedade as coñece e se resultan de utilidade para quen as vai aplicar. Nesa liña, cada un dos grupos ten establecido unha serie de destinatarios aos que se debe informar de cada paso que se da. Mediante medios de comunicación, redes sociais, cartelería e calquera outra ferramenta divulgativa. En todos os grupos operativos dos bloques de valorización de subprodutos agrogandeiros e de solucións innovadoras para mitigar os efectos do cambio climático, agricultores, gandeiros cooperativas e empresas especificamente dedicadas ao sector son -xunto cos consumidores finais- os destinatarios principais. Pero sen esquecer as administracións públicas e as universidades e centros de investigación. E, pola propia natureza de FEUGA, é necesario achegar a información ao maior número posible de empresas que teñan algún vencello coa materia obxecto de traballo de cada un dos grupos operativos.

Empresas galardonadas nos Premios Galicia Alimentación 2026

A innovación, a sostibilidade e a excelencia no sector da alimentación e as bebidas volveron ser recoñecidas polo Clúster Alimentario de Galicia a través dos Premios Galicia Alimentación. Na duodécima edición resultaron galardoadas nove entidades: Paco & Lola, Ouro de Quiroga, Sacrapastas, Los Peperetes, Larsa, Airas Moniz, Lugar da Veiga, Conxemar e Granja Campomayor. A isto hai que sumar, ademais, a concesión dun Premio Honorífico que Clusaga outorgou a Higinio Mougán por ter contribuído ao desenvolvemento do cooperativismo agroalimentario galego.

 

A entrega destes recoñecementos foi o broche de ouro do Foro Galicia Alimentación, unha cita anual na que Clusaga reuniu a numerosos expertos e profesionais que analizaron os distintos retos da cadea de valor alimentaria no contexto global actual. Nesta convocatoria, o Clúster Alimentario de Galicia quixo lembrar, ademais, a algúns dos referentes que contribuíron ao crecemento exponencial do ámbito e que faleceron recentemente: o fundador de Torre de Núñez, Manuel Núñez Aldegunde; o impulsor de Vinagres do Ribeiro, Xoán Pablo Lorenzo; e o empresario Severino Escurís Batalla, quen contribuíu á expansión do grupo Escurís.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Agroalimentacion 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101852&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

A mellor garantía do sector

Durante a súa intervención, o presidente de Clusaga, Andrés Rodríguez Gómez, felicitou ás compañías galardoadas, ás que definiu como “o presente e a mellor das garantías para este sector”. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, foi a encargada de pechar o acto. Á cita asistiron tamén a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, o director xeral de Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón Sánchez-Brunete, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez.

Un ano máis, o Clúster volveu rexistrar un éxito no número de candidaturas, superando as 100 propostas. Tras a deliberación do xurado, a relación de galardoados é a que, a continuación, se indica:

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Agroalimentacion 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101853&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

 

  1. Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Con este galardón salientouse a calidade diferenciada e o emprego de materias primas locais nos distintos produtos. Como novidade con respecto a outras edicións, dividiuse en tres subcategorías:

    1. Excelencia Líquida: o galardón foi para Paco & Loca Prime 2021 ao considerar o xurado que este proxecto representa a máxima excelencia desta adega, un viño albariño 100% do Val do Salnés con 24 meses de crianza sobre lías finas en tres tipos de depósitos (aceiro, foudre e ovo de granito).

      <!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Agroalimentacion 3 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101854&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->
    1. Excelencia Terra. Foi concedido ex-aequo a dúas compañías:
  • Ouro de Quiroga polo seu AOVE Autóctono Mansa e Brava, un aceite de primeira calidade e obtido a partir de oliveiras centenarias recuperadas de plantacións abandonadas.

  • Sacrapastas polas súas Galletas de Xián, un doce inspirado na arte románica e na mitoloxía local das Xacias e que está elaborado a partir dun proceso artesanal de prensado manual individual.

    1. Excelencia Atlántica: outorgado á Ventresca de Bonito en Manteiga de Airas Moniz de Los Peperetes. É o resultado dunha alianza entre a conserveira de Carril e Airas Moniz, unindo a ventresca de bonito fresco, cunha manteiga de leite cru de vacas Jersey.

  1. Premio Galicia Alimentación á Proxección e Estratexia de Mercado, un recoñecemento ao esforzo de empresas do sector por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Tendo isto en consideración, resultou gañador:

  • Larsa (CAPSA) pola estratexia executada entre 2024 e 2025, centrada en reafirmar o seu liderado como patrimonio emocional de Galicia e na súa férrea defensa do modelo de Pastoreo.

  1. Premio Galicia Alimentación á Iniciativa Sustentable, un galardón para pór en valor as iniciativas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, economía circular e redución da pegada hídrica e/ou de carbono. Entregáronse dous galardóns ex-aequo:

  • Airas Moniz, por elaborar queixos a base de leite cru exclusivamente, evitando procesos térmicos que alteren a materia prima e sen aditivos. A compañía aposta, ademais, pola economía circular cun packaging biodegradable.

  • Lugar da Veiga, recoñecida por poñer no centro ás persoas e ao territorio. A

iniciativa aplica un sistema de produción de Galletas Mariñeiras sostible e certificado priorizando as materias primas de proximidade.

  1. Premio Galicia Alimentación á Iniciativa Innovadora. Un recoñecemento ás institucións que destacan polos seus proxectos de dixitalización (Fábrica 4.0) ou por ter implantado modelos de negocio disruptivos baseados no emprendemento. Resultou gañadora:

  • Conxemar Lab, unha aula educativa e interactiva do mar da que o xurado destacou a súa capacidade de achegar a cadea de valor do mar aos máis pequenos e pequenas.

  1. Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Neste caso buscouse premiar aos produtos que destacaran pola innovación (en canto a ingredientes, formulacións, novos formatos de packaging) ou que despuntasen por poñer o foco na relación entre nutrición e saúde. Nesta categoría venceu:

  • Granja Campomayor, polo seu Ovo Casca Pasteurizado de Seguridade Avanzada. Como salientou o xurado, esta solución aplica un desenvolvemento tecnolóxico disruptivo de control térmico que elimina os riscos microbiolóxicos inherentes ao ovo fresco sen alterar a súa natureza organiza.

  1. Premio Honorífico a Higinio Mougán Bouzón. O tribunal da duodécima edición outorgou o galardón a Higinio Mougán Bouzón (Vedra, 1959) por contribuír ao fortalecemento do cooperativismo agroalimentario. Durante a súa carreira profesional, o homenaxeado foi figura clave na modernización e fortalecemento do cooperativismo agroalimentario en Galicia.

Foro Galicia Alimentación

Antes da entrega de premios celebrouse o Foro Galicia Alimentación 2026 baixo o título Baixo o título Alimentar o futuro: competitividade, sustentabilidade e soberanía nun mundo incerto, a través do cal varios expertos abordaron estas cuestións. A xornada incluíu dous relatorios e dúas mesas redondas. A primeira conferencia foi Política industrial e estratexia para o sector alimentario en Galicia e correu a cargo do secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia, Nicolás Vázquez Iglesias. Por outra banda, a segunda (Un mundo en transformación: claves xeopolíticas, económicas e sociais para o futuro) estivo impartida pola investigadora sénior do Real Instituto Elcano, Mira Milosevich-Juaristi.

A primeira mesa redonda foi Soberanía alimentaria nun mundo incerto: innovación e sustentabilidade como pancas e nela interviñeron: o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e presidente de ConsumES, Miguel López Crespo; o presidente de Mercasa, José Manuel Miñones e o presidente do Digital Innovation Hub Industrial de Galicia (DIHGIGAL), Francisco Yáñez Brea. A segunda (Competitividade e escala na cadea alimentaria global: creación de valor en contornas complexas) contou coa participación da presidenta de Grupo Campomayor, María Caridad García Busto; o CEO de Nauterra, Mané Calvo García-Benavides, e o director de Cooperativas Agro-alimentarias de España, Gabriel Trenzado Falcón. Os debates estiveron moderados pola subcoordinadora de Somos Agro (La Voz de Galicia), Maruxa Alfonso Laya.

Cóctel de Alimentos e Bebidas de Galicia

Ao remate do Foro e os Premios Galicia Alimentación realizouse un cóctel no que o público asistente tivo a ocasión de degustar algúns dos produtos que se presentaron aos galardóns de Clusaga, así como de entidades socias do Clúster.

A cita desenvolverase co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio de Caixa Rural Galega, Gadisa, Vegalsa Eroski, Palacio del Carmen, Manega, Salimat Abanca e Estrella Galicia.

3 lácteos ao día: o ‘roadshow’ que divulga as vantaxes do leite chega á Semana Verde

Galicia produce un 42% do leite de España, o que levou á Interprofesional Láctea (Inlac) a incluír varias cidades galegas, como Santiago e Vigo, nunha xira informativa a pé de rúa para divulgar os beneficios dos lácteos entre os consumidores urbanos. Ademais, este venres o ‘roadshow’ lácteo instalouse na feira Semana Verde, en Silleda, no lateral do pavillón 1. “A maioría dos gandeiros, cooperativas e industrias que están representados na Interprofesional Láctea (Inlac) están no medio rural, polo que entendimos que era importante achegarnos tamén aquí, á feira Semana Verde, e informar os consumidores sobre os beneficios dos lácteos” -explica a directora xerente da Inlac, Nuria Arribas.- “Outro punto importante é darlle a coñecer á cidadanía que está a facer o sector pola sustentabilidade social e ambiental do rural”, subliña. A Inlac instalou este venres na Semana Verde o seu roadshow lácteo, enmarcado na campaña ‘Conta cos lácteos europeos’, impulsada con apoio da UE (2025 – 2028). Unha unidade móbil e unha caseta, vinilados polo prestixioso ilustrador Óscar Alonso, @72kilos, fixo difusión de información, a través dun vídeo, e ofreceu tamén a participación nunha ruleta da sorte láctea ás persoas que visionaron a peza. O obxectivo principal da campaña é divulgar a recomendación nutricional de incluír o consumo de 3 racións lácteas ao día, no marco dunha dieta saludadable. Por exemplo, un vaso de leite, un iogur e unha ración de queixo. “En España mantemos un consumo de leite importante, aínda que ten unha tendencia ao descenso, pero en queixo estamos aínda moi lonxe da media europea. Consumimos 9 Kg. por persoa e ano fronte a 21 de media en Europa”, explica Nuria Arribas. A Inlac incide nas achegas de calcio e nutrientes do leite (proteínas, vitaminas e minerais), fronte a outras opcións, como as bebidas vexetais, que carecen dese perfil alimenticio.