A D.O. Ribeira Sacra colleitou un novo éxito internacional coa obtención de 18 galardóns no Mondial des Vins Extrêmes 2026, celebrado os días 25 e 26 de agosto e organizado por CERVIM – Viticoltura Eroica. Os viños da denominación lograron catro Grandes Medallas de Ouro e 14 Medallas de Ouro nun dos principais concursos internacionais especializados en viños procedentes de zonas de viticultura extrema.
As catro máximas distincións foron para Don Bernardino Mencía de Amandi 2025, de Don Bernardino; 1904 Mater Granite 2022, de Adega Vella; Viña Dariz Mencía 2025, de Bodega Caneiro, e Regina Viarum Mencía 2025, de Bodegas Regina Viarum.
As 14 Medallas de Ouro recoñeceron tamén referencias de Adega e Viñedos Vía Romana, Pazo de la Cuesta, Adega Vella, Alma das Donas, Don Bernardino, Bodegas Regina Viarum, Bodega Rectoral de Amandi, Adega Ponte da Boga, Bodega Caneiro, Marcelino Tierra y Vino, Viñedos Zarzagal e Viña Frieira.
O Mondial des Vins Extrêmes está dedicado exclusivamente aos viños procedentes de territorios caracterizados por condicións especialmente difíciles para o cultivo da vide, como zonas de montaña, terreos con fortes pendentes ou pequenas illas. Neste contexto, a presenza da Ribeira Sacra adquire especial relevancia pola natureza da súa viticultura, marcada por numerosos viñedos situados en ladeiras e por unha limitada capacidade de mecanización.
A participación galega no certame tamén se produciu no propio xurado. Beatriz Soto González, directora técnica da D.O. Ribeira Sacra, formou parte do panel oficial de cata encargado de avaliar os viños participantes.
Os resultados supoñen un novo recoñecemento internacional para os viños da denominación e para o traballo de adegas e viticultores nun territorio no que a orografía condiciona o cultivo e converte a vendima nunha actividade de especial dificultade. A colleita de premios reforza así a proxección exterior da Ribeira Sacra e o valor diferencial da súa viticultura heroica.
Joaquin Hidalgo, á esquerda, xunto ao director técnico do CRDDO Valdeorras, Jorge Mazaira
A Denominación de Orixe Valdeorras recibiu este venres a visita do prestixioso xornalista e crítico internacional especializado en viño e enogastronomía Joaquín Hidalgo, quen se desprazou por segundo ano consecutivo ata a comarca para coñecer de primeira man os seus viños e realizar unha cata dun total de 51 referencias amparadas pola D.O. Valdeorras: 32 brancas, 17 tintas, 1 tostada e 1 espumosa.
Hidalgo, editor e catador de viños de España, Chile e Arxentina para a prestixiosa publicación estadounidense Vinous.com, afronta nesta ocasión unha estadía de dous días en Valdeorras, despois dunha primeira aproximación á comarca realizada o pasado ano. Durante aquela visita tivo a oportunidade de catar viños e coñecer dous produtores, mentres que nesta ocasión o seu obxectivo é ampliar o seu coñecemento da denominación a través dunha cata máis ampla e do contacto directo con adegas e viñedos.
A axenda do xornalista incluíu a cata no Consello Regulador de máis de medio cento de referencias, así como a visita —que continuará ao longo da xornada de mañá— a diferentes produtores e viñedos. Unha aproximación que Hidalgo considera fundamental para comprender a personalidade dos viños e o territorio do que proceden. “O que realmente me interesa é tratar de entender os lugares, coñecer como funcionan os viñedos e comprender mellor a orixe dos viños que estou catando”, explicou.
Unha primeira aproximación á anada 2025
A visita está permitindo ademais a Hidalgo achegarse por primeira vez aos viños da anada 2025, que aínda non tivera ocasión de probar.
Durante esta primeira toma de contacto, destacou unha das características que, ao seu xuízo, diferencia os brancos da denominación respecto doutras zonas produtoras de Galicia: “Algúns teñen unha textura como de talco, máis compactos, e outros son moi lisos, pero todos teñen un nivel de concentración nos brancos un puntiño por enriba do resto de Galicia”.
A diversidade do Godello
Preguntado pola evolución que percibe nos viños de Valdeorras, Hidalgo pon especialmente o foco no Godello, unha variedade que, na súa opinión, se atopa nun momento de crecente interese entre os consumidores.
“Particularmente é unha variedade que está en ascenso, ten unha estrela positiva e os consumidores búscana, quérena descubrir”, sinalou o xornalista, que recoñece que ese crecente interese foi precisamente un dos motivos que o levaron a achegarse a Valdeorras.
Hidalgo considera que a denominación merece ser descuberta en profundidade e destaca especialmente a diversidade de estilos que pode ofrecer unha mesma variedade. “Non se trata de probar un Godello e pensar que xa se coñece Valdeorras, porque hai unha gran diversidade dentro da propia variedade”, explicou, apuntando ás diferentes texturas, madurezas e aproximacións estilísticas que poden atoparse nos viños elaborados na comarca.
O crítico considera, ademais, que esa amplitude estilística é precisamente un dos aspectos que fai interesante a denominación, xa que “se un cre que probou un só viño, probou todo Valdeorras, pero non”.
Ao seu xuízo, esta diversidade configura “un panorama amplo para unha pequena rexión produtora de brancos, cunha variedade que realmente ten un carácter propio”.
Por iso, anima os consumidores e afeccionados ao viño a achegarse aos viños da denominación: “Se un se considera un bebedor de viño, debería probar Valdeorras”, afirmou.
Potencial para conquistar o consumidor internacional
Tendo en conta o seu contacto cos mercados internacionais, Hidalgo sinala o Godello como un dos principais argumentos de Valdeorras para espertar o interese de consumidores doutros países.
O xornalista destaca que existen poucos viños brancos no mundo que reúnan as características que presenta o Godello de Valdeorras, ao que define como un viño con estrutura, acidez e unha gran amplitude de carácter, capaz de ofrecer perfís florais e notas de froita como mazá ou pera.
“Hai poucos brancos así no mundo”, asegurou, sinalando que a combinación das condicións climáticas de Valdeorras, os seus solos e o carácter da variedade contribúe a xerar unha ampla paleta de matices e perfís.
Para Hidalgo, esta singularidade constitúe unha oportunidade especialmente interesante nos mercados internacionais. Un consumidor de cidades como Nova York, Bos Aires ou Toquio, explica, podería atoparse ante un viño diferente aos que habitualmente ten ao seu alcance e descubrir unha variedade e un territorio aínda pouco coñecidos para moitos afeccionados.
A isto suma o alto nivel técnico acadado por algúns dos produtores da denominación, conformando, na súa opinión, unha combinación especialmente atractiva para a proxección internacional de Valdeorras.
“O Godello é unha porta de entrada”
Hidalgo tamén destaca a facilidade coa que o Godello pode achegarse a diferentes perfís de consumidores. Fronte a outros viños que poden resultar máis complexos ou difíciles de interpretar para quen se está iniciando, considera que o Godello de Valdeorras ofrece unha “primeira aproximación amable”.
“Non son viños chillóns, non son viños incómodos. Ao contrario, o Godello ten esa maxia que é a amplitude do padal, que o fai amable para calquera universo de consumidor”, explicou.
Esa capacidade de resultar accesible sen renunciar á complexidade convérteo, ao seu xuízo, nunha porta de entrada para descubrir Valdeorras, tanto para consumidores experimentados como para aqueles que simplemente senten curiosidade por coñecer unha nova rexión vitivinícola.
A visita de Joaquín Hidalgo supón unha nova oportunidade para mostrar o potencial vitivinícola de Valdeorras a un dos profesionais de referencia da crítica internacional e reforzar a presenza dos viños da denominación entre prescritores especializados de diferentes mercados.
Sobre Joaquín Hidalgo
Con formación en Enoloxía e Xornalismo, Joaquín Hidalgo é unha figura clave da comunicación no mundo do viño no ámbito hispano desde hai máis de dúas décadas, con presenza en diversos xornais e outras publicacións especializadas, como a recoñecida revista internacional Vinous.com. Hai case tres anos, sucedeu ao crítico Josh Raynolds como catador dos viños españois para a mencionada publicación.
Vinous.com é unha publicación independente sobre viños con sede nos Estados Unidos. A revista conta cun amplo equipo de críticos e escritores de renome, recoñecidos a nivel internacional. Estes expertos publican anualmente preto de 30.000 recensións de viños e ofrecen unha ampla cobertura de novos lanzamentos, catas verticais, visitas a produtores, mapas interactivos, recomendacións e outros contidos especializados.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este luns a cooperativa Vinos Barco, no Barco de Valdeorras, coincidindo co inicio da vendima, e mostrouse confiado en que a colleita deste ano sexa “abondosa e de excelente calidade” en Galicia.
A vendima comezou antes do habitual, seguindo a tendencia dos últimos anos, pero as previsións apuntan a unha boa produción e a unha elevada calidade da uva. Deste xeito, podería manterse a evolución positiva do pasado ano, cando se rexistrou a segunda colleita máis abundosa da última década.
Durante a visita, na que tamén participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, Rueda reivindicou o sector vitivinícola como estratéxico para Galicia e destacou o seu papel como motor económico e como referente da Galicia Calidade dentro e fóra da comunidade.
O presidente puxo como exemplo a propia cooperativa Vinos Barco, fundada a finais dos anos 50, pola súa capacidade para adaptarse aos novos tempos mantendo os seus valores. Na actualidade, Galicia conta con preto de 10.000 viticultores e máis de 440 adegas que elaboran viño con algún selo de identidade.
Rueda tamén salientou a capacidade da vitivinicultura para xerar actividade no medio rural e apostou por seguir impulsando iniciativas vinculadas ás adegas e ao turismo que permitan aproveitar as oportunidades económicas do territorio.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visita a Cooperativa Viños Barco, da Denominación de Orixe Valdeorras.
Tras a visita ao Barco, o presidente desprazouse a Carballeda de Valdeorras para manter un encontro con veciños e empresarios da Lousa, así como coñecer as obras de mellora realizadas na estrada de Casoio a Riodolas. A actuación, financiada ao 50 % pola Xunta e o Concello, dá servizo a 25 explotacións activas de extracción e elaboración de lousa, un sector fundamental para a economía da comarca.
Traballos de vendima en fincas con pendente pronunciada e difícil acceso na Ribeira Sacra
A vendima máis temperá da historia en Galicia vive estes días un parón obrigado pola climatoloxía. Pero en canto pare de chover faise urxente entrar aos viñedos a apañar rapidamente os racimos que están maduros para evitar que a humidade e a calor pudra eses acios e poida prexudicar a calidade do viño que se faga con eles despois nas adegas.
“Dan auga até o sábado, pero o sábado, en canto escampe, é urxente vendimar para evitar que poida haber botrite. Precísase un gran número de persoas en pouco tempo e non se dá atopado. A falta de xente para traballar é unha dor de cabeza engadida. O máis problemático é que en vez de facelo en 5 días lévache 8. Se a climatoloxía acompaña non hai problema, pero se non si que o é”, explica David Álvarez Vázquez, responsable do sector do viño do SLG.
A falta de xente para traballar é unha dor de cabeza engadida para a vendima
David é viticultor e pequeno adegueiro que comercializa unha parte da produción baixo a marca O son do Cabe. Traballa 4 hectáreas en Pantón, nas parroquias de Santiago de Cangas, Acedre e Frontón, na Ribeira do río Cabe, no centro da Ribeira Sacra, onde a recollida da uva é manual, ao igual que noutras denominacións de orixe galegas.
En canto pare de chover, é urxente entrar a vendimar e iso supón unha alta demanda de xente en pouco tempo
“Aquí na Ribeira Sacra, no Ribeiro ou en Rías Baixas é case todo manual. Cortar racimos sábeo facer calquera, non é complicado, pero si cansado, e a xente non quere traballar”, asegura. “Non hai man de obra porque non hai xente en xeral no rural. E as persoas que andaban ao xornal esporadicamente agora non saen porque teñen unha paga”, razoa.
Subsidios
A demanda de man de obra para un traballo tan estacional coma o da vendima aumenta na medida na que a axuda familiar diminúe. “Eu teño bastante axuda familiar, é o que me salva”, valora David.
A demanda de man de obra para un traballo tan estacional coma o da vendima aumenta na medida na que a axuda familiar diminúe
Pero as familias van a menos. “Eu lembro que nas vendimas nos xuntabamos 15 ou 20 persoas para axudar. Pero agora moita desa xente é maior e dependes moito máis de empregados contratados. E aí estás vendido, porque non hai xente e a pouca que hai non quere traballar na vendima, que son 15-20 días. Non é coma antes, que tiñas aos estudantes ou alguén parado que che viña botar unha man. Pero hoxe a xente que está cobrando unha axuda non che vén porque ao contratalos perden a paga e ou ben están cobrando o paro, o Risga ou o ingreso mínimo vital”, razoa.
Dificultades orográficasEn zonas como a Ribeira Sacra as dificultades para atopar persoal acrecéntanse polo despoboamento e a orografía complicada. “Para vendimar aínda podes atopar pero para carretar si que non atopas. Os carretos aquí é o máis complicado. Hai viñas que tes que ir 100 metros coas caixas. Hai outras que teñen o escalestric (sistema de carrís para subir as caixas polas ladeiras) pero outras non”, recoñece.
Para vendimar aínda podes atopar xente, pero para carretar si que non atopas
David ten case todo mencía. “Empecei fai dous anos a facer viño, pero aínda vendo o 80% da miña produción de uva a varias adegas da Denominación de Orixe porque prefiro ir abrindo mercado pouco a pouco para o meu viño”, conta.
Redución de marxes
Cos prezos de venda da uva estancados e a suba dos xornais e o custo da man de obra, ás marxes para os viticultores achícanse. “Eu vendo a varias adegas da DO. O godello está entre 1,6 e 2 euros o quilo, a mencía entre 1,2 e 1,4 euros e a garnacha entre 0,8 e 1 euro”, detalla.
O custo por vendimar sitúase entre 15 e 20 céntimos por quilo
En canto aos soldos que se pagan por traballos en vendima na zona, varía entre 60 e 80 euros por día por cortar racimos e entre 80 e 140 por carretar. A xornada de traballo sería de 8 horas. As cuadrillas que traballan por quilo cobran entre 10 e 20 céntimos por quilo apañado. "Sumados todos os gastos para o empregador de contratos, seguridade social e demais, o custo por vendimar sitúase entre os 15 e os 20 céntimos por quilo", calcula David.
Mecanización
A falta de dispoñibilidade de man de obra está impulsando a mecanización dos viñedos naqueles lugares onde é posible. As novas plantacións que se están a facer en zonas como Monterrei, por exemplo, están xa planificadas para a recollida mecanizada.
Pero aínda que poida paliar en parte o problema, tampouco o resolve de todo. “Na Mancha teñen mecanización, pero mesmo así teñen problemas para atopar condutores para as colleitadoras”, describe David.
O problema témolo máis os viticultores pequenos ou medianos; a min por dous días non me vén ninguén
Con todo, as adegas grandes teñen máis alternativas que os pequenos viticultores. “As bodegas non dan atopado tampouco porque a cousa está complicada para todos e as cuadrillas andan moi buscadas. A maioría son cuadrillas que veñen de fóra. Pero o problema témolo máis os viticultores pequenos ou medianos. Eu estou en 4 hectáreas e a min por 2 días non me vén ninguén”, asegura.
Inspeccións e sancións que van dos 12.000 aos 20.000 euros por traballadores irregulares
Carlos Basalo, responsable de agricultura de Unións Agrarias, describe a mesma situación de falta de man de obra para a vendima, pero tamén advirte de que as persoas que se logren para traballar na vendima deben estar coas correspondentes altas na Seguridade Social, ou ben ser familiares directos.
Nos últimos anos, convertiuse nun risco ter traballando na viña a persoas sen contrato de traballo polas importantes sancións que se están impoñendo por estes casos nas vendimas.
“As sancións poden ser de 12.000, 16.000 ou mesmo 20.000 euros. Por unha persoa sen contratar poden ser 12.000 euros. A broma sae moi cara e ninguén se quere arriscar”, asegura.
“Nós nunca recomendamos levar xente sen contrato. Pode haber unha inspección ou un accidente e buscarche a ruína. Todos os anos en vendima hai unha campaña específica de vendima da inspección de Traballo, como a operación saída de Tráfico”, compara.
As multas por ter persoas sen contrato poden ir dos 12.000 aos 20.000 euros; a broma sae moi cara e ninguén se quere arriscar
“Moitas veces estas inspeccións fanse espectaculares porque van acompañados da Guardia Civil. O ano pasado había mesmo dúas inspeccións simultáneas, unha que miraba contratos e outra riscos laborais”, lembra.
Só familiares directos
“Antigamente a vendima era unha festa, viñan amigos e familiares. Antes a xente collía 2 días de vacacións e víñache axudar. Hoxe só podes tirar de contratados e familia directa que é o que di a lei”, detalla.
Antigamente a vendima era unha festa pero hoxe só podes tirar de contratados e familia directa, que é o que di a lei
“Agora os estudantes comezan antes a universidade, e iso tamén dificulta que poidan vir. Os pequenos produtores alongan un pouco máis a vendima, porque a vendima dun pequeno viticultor poden ser 2 ou 3 días e é moi difícil atopar xente para un período tan curto, é algo moi complicado”, recoñece.
Unha prestación poderíase suspender e logo retomala, pero moita xente non quere andar con eses trámites
En canto ás adegas grandes, acoden a empresas de temporeiros como solución. “En Valdeorras dáse moito iso. Son cuadrillas que veñen da fresa, por exemplo. Incluso non cobran por día senón por quilo recollido”, explica Carlos.
Vendimadoras nas novas plantacións
“O tema da man de obra é xeralizado. A única diferenza dunhas DO a outras pode estar nas novas plantacións fronte ás vellas. O problema pode se menor en Monterrei porque cada vez se fai máis traballo mecanizado. Aínda así sigue habendo problema porque hai pouca xente para contratar. En Ribeira Sacra e Rías Baixas a vendima é un traballo totalmente manual. Ribeiro comeza a meter algunha vendimadora pero é tamén bastante manual”, indica.
En Ribeira Sacra e Rías Baixas a vendima é un traballo totalmente manual
“Esta auga que está a caer estes días vaille ben á viña, pero en canto pare de chover hai que entrar a vendimar rapidamente para evitar problemas como a botrite. Necesitas moita xente en moi pouco período de tempo. Por iso a situación e o problema de falta de man de obra este ano quizais sexa aínda máis acuciante”, conclúe Carlos.
A Asociación Galega de Viticultura (AGV), ligada á organización Fruga, reclama que as axudas públicas destinadas ás adegas para financiar a compra de uva estean condicionadas ao pagamento dun prezo xusto aos viticultores.
A organización critica a convocatoria de axudas do IGAPE, que permite ás adegas beneficiarias bonificar xuros e comisións dos préstamos destinados ao pagamento da uva, pois non establece un prezo mínimo por quilo para as distintas denominacións. Segundo a AGV, esta situación pode permitir que a uva se pague por debaixo dos custos reais de produción.
A asociación sinala ademais que esta liña de axudas se concede desde 2023 sen avaliar se as adegas beneficiarias pagan a uva a prezos superiores, iguais ou inferiores aos das empresas que non reciben estas axudas.
Por iso, a AGV considera que o apoio público debe servir para crear valor no sector vitivinícola e non limitarse a financiar as adegas. A organización esixe que as axudas estean vinculadas á sinatura de contratos homologados de compra de uva, cun prezo mínimo de referencia baseado nos custos reais de produción.
A vendima vén adiantada este ano en Galicia e a maioría das denominacións de orixe comezaron xa a recoller uva a mediados de agosto. Falamos con Chema Ureta, director técnico da adega Santiago Ruiz, unha das máis senlleiras da subzona do Rosal (D.O. Rías Baixas) e que traballa con 5 variedades de uva branca: albariño, treixadura, godello, caíño branco e loureiro.
– Para comezar, fálanos de como adiantastes este ano a vendima en comparación cun ano normal. E explícanos o nivel de calidade que vedes na uva, tras un verán que veu bastante seco e con calor.
– Efectivamente, este ano adiantamos a vendima a unhas datas récord, xa que historicamente non se recorda aquí unha vendima tan cedo. O feito de ter que vendimar o 18 de agosto débese a varios motivos. Loxicamente, o cambio climático xa leva tempo adiantando vendimas, xa as vendimas a finais de agosto son cada vez máis recurrentes e xa levabamos varios anos vendimando a finais de agosto, pero nunca a mediados.
O cambio climático xoga un papel moi claro neste caso, pero tamén o feito de que tivemos un inverno moi chuvioso. Había moita auga na viña e a viña brotou cedo, con temperaturas bastante cálidas que tivemos na primavera e logo un verán seco con temperaturas bastante boas, moderadamente cálidas. Loxicamente, o ciclo veu adiantado e chegamos ata aquí, a vendimar a mediados de agosto, que son datas históricas de vendima na Denominación de Orixe.
– Preséntanos agora brevemente a adega na que estamos, cunha pincelada da súa historia, e preséntanos tamén a subzona do Rosal, na que estades ubicados.
– A adega Santiago Ruíz é unha adega histórica, que é parte da historia da Denominación de Orixe. Santiago Ruíz foi un dos pais do albariño e foi unha persoa que entendeu o potencialidade que tiñan estes viños. Empezou a embotellar aos primeiros viños con albariño e outras variedades típicas desta zona como loureiro e treixadura, e deuse de conta deste potencial.
Entón, el empezou xa a valorar a posibilidade de que se creara unha denominación. Foi un dos pais da denominación Rías Baixas, co que falamos dunha bodega cunha historia moi importante na creación desta D.O.
– Preséntanos tamén a subzona do Rosal, na que estades ubicados.
– Na zona do Rosal cultivouse o viñedo historicamente. Podemos remontarnos ao mosteiro de Oia, cando empezaba xa a estenderse o cultivo da vide. E sempre foi típico nesta zona pola climatoloxía que temos neste val privilexiado climaticamente.
Sempre se cultivaron ademais outras variedades, aparte do albariño, como loureiro, treixadura ou caíño branco, que hoxe en día é unha variedade que cada vez se cultiva máis e que é unha variedade referente de cara ao futuro e que nos pode axudar a combater o cambio climático. É dicir, esta foi unha zona onde se fomentou a plurivarietariedade, sempre co albariño como base, pero sempre mesturado con outras variedades que potencian e melloran estes caldos.
O caíño branco é unha variedade que cada vez se cultiva máis e que nos pode axudar a adaptarnos ó cambio climático
– Volvendo á vendima, explícanos as hectáreas que manexades de viñedos e as variedades de uva que traballades.
– Nestes momentos o viñedo que ten a nosa adega suma unhas 52 hectáreas: 44 hectáreas produtivas e 8 máis que están a punto de producir para o ano que vén.
Temos neste viñedo as cinco variedades máis importantes de Galicia: o albariño, que é a variedade máis importante en Rías Baixas e unha das máis importantes do mundo, como gran variedade que usamos como base, e sempre reforzada, potenciada e mellorada por outras 4 variedades que teñen tamén un gran potencial vitícola. Estamos falando da loureiro e a caíño branco, que son variedades que están a crecer nesta zona e que son dun gran potencial vitícola. E despois, por suposto, tamén a godello e a treixadura, cada unha coas súas peculiaridades, sempre aportando, mellorando e facendo que Santiago Ruíz siga a ser un viño da categoría que ten.
– Como foi este ano a nivel sanitario?
– O nivel sanitario da uva este ano foi excelente. A verdade é que foi nese senso un ano espectacular. A brotación foi moi boa e despois houbo aí unha unha semana en maio onde houbo certa presión de mildeu, pero non foi complicado combatelo e o resto do ano foi perfecto. A verdade é que practicamente non tivemos problemas fitosanitarios de pragas de fungos, xa que foi un ano excelente nese senso.
O nivel sanitario da uva este ano é excelente; temos unha colleita moi boa en calidade e cantidade
E despois a nivel meteorolóxico foi un ano moi tranquilo: nin xiadas, nin granizo nin fortes ventos. A verdade é que os problemas meteorolóxicos e de pragas e fungos foron case inexistentes e, unido a unha floración tamén moi boa e con boa temperatura, con ausencia de chuvia, contribuíu a que teñamos unha colleita moi boa en calidade e cantidade.
– Na vosa adega traballades cunha ensamblaxe de 5 variedades de uva. Explícanos como vos decidistes por esta combinación tan complexa e que vos aporta cada uva.
– O máis característico desta adega é traballar con cinco variedades que son as máis importantes e características do que é a viticultura en Galicia. Partimos dunha zona onde historicamente se orientou ó albariño en mestura con loureiro e treixadura porque se podía facer pola climatoloxía que tiña. Estas variedades adaptáronse ben é climatoloxía e logo despois incrementamos outras variedades como a godello e a caíño branco, que é unha variedade que se cultiva pouco porque é unha variedade de ciclo moi longo.
É unha variedade que fai tempo era difícil de cultivar, pero que hoxe en día co cambio climático e co adiantamento das vendimas é unha variedade que nos pode aportar moito de cara ao futuro, porque ten moita acidez. Trátase dunha variedade que é moi parecida a albariño, é pequena e aromática, pero ten unha acidez moi importante que nos pode axudar a combater de cara ao futuro problemas que podemos ter, como o de perder frescura.
O caíño branco pode axudarnos a combater a perda de frescura dos viños de Rías Baixas no futuro
Entón, ao ter estas cinco variedades para nós é unha forma de entender o viño como o como unha forma de ter complexidade e diferenciación. Para nós é o albariño como base, como variedade referente, co poder que ten albariño para dar estrutura e para ser unha variedade aromática e afroitada, e despois as outras catro, cada unha aportando os seus superpoderes, porque todas teñen as súas peculiaridades. Entón facemos un viño espectacular, de moita calidade, porque é o albariño axudado por outras catro variedades moi boas.
– Fálanos dos viños que sacades ó mercado e das súas características principais.
– Neste momento estamos sacando tres viños. Temos o Santiago Ruiz, que é un viño de ano que é o noso referente, que é un plurivarietal, con esas cinco variedades de uva típicas. É un viño fresco, aromático, con boa estrutura e moi gastronómico.
Logo facemos un albariño 100% que se chama Rosa Ruíz, que é un albariño no que buscamos ese poder do albariño, un viño estruturado, potente, con capacidade de guarda e evolución.
E despois estamos facendo un proxecto que se chama xardín de variedades, porque consideramos que o noso viñedo é un xardín con todas esas variedades que temos. Temos un viñedo moi coidado, moi traballado, con cada variedade e que é bonito de ver.
Temos xa un loureiro 100% no mercado e nos próximos anos sacaremos monovarietais de cada unha das variedades de uva que traballamos
Dentro deste proxecto de xardín de variedades neste momento xa temos un loureiro 100% no mercado e nos próximos anos sacaremos tamén monovarietais de cada unha destas variedades que son a nosa diferenciación na viña.
– A nivel comercial, valora tanto a expansión de Rías Baixas a nivel internacional, como o posicionamento voso e das adegas do Rosal dentro desa expansión.
– A nivel internacional a verdade é que somos unha adega que exporta moi ben e temos uns niveis de explotación moi bos, sobre todo a Latinoamérica. Estamos dentro dunha D.O., Rías Baixas, que é unha denominación moi exportadora. Dentro do mundo da globalidade somos unha zona pequeniña, pero temos un viño de moita calidade.
Os Rías Baixas son viños frescos e afroitados que están dentro do que realmente o mercado reclama. Entón temos moitas posibilidades de estendernos de cara ao futuro. Esperamos que isto siga crecendo e que os nosos viños sexan máis coñecidos no futuro para seguir estendendo a liña de comercialización dos nosos viños.
– Este ano, hai unha certa polémica no contexto da Denominación, máis na zona do Salnés, por unha tendencia progresiva a aumentos da colleita total da denominación. Hai temor tanto de viticultores como de adegas a excedentes de uva e posibles excedentes de viño. Como valorades a situación?
– Este ano temos unha colleita moi abundante. A verdade é que este ano as condicións que se deron de nacemento de uva e de ausencia de problemas no ciclo vitícola estamos falando dunha colleita, aparte de moi temperá, tamén moi importante en volume e en cantidade. De feito, falamos de que podemos superar récords e chegar aos 50 millóns de quilos.
Este ano podemos superar récords de colleita na Denominación e chegar aos 50 millóns de quilos
Levamos xa varias colleitas moi importantes na denominación, e aínda que Rías Baixas si que vai medrando en vendas dunha forma paulatina, a oferta vai por encima da demanda. Pouco a pouco gañamos mercados, vendemos máis, pero estes excedentes van creando un stock nas adegas.
O 20% da nosa uva mercámoslla a viticultores. Temos que defendelos e continuar manténdolles un prezo bo pola uva porque para nós son moi importantes
Loxicamente, co volume de uva que vén, pois pode xerar un problema. Nós somos resilientes cos viticultores de sempre, temos os nosos viticultores de toda a vida, que nos rodean. O 80% da nosa uva é propia e o 20% restante de viticultores. Para nós son importantes e temos que defendelos.
De feito, este ano imos pagar a 1,70€ máis IVA o quilo da uva, que penso que é un prezo moi bo e que temos que defender, porque para min é importantísimo a defensa do viticultor de cara ao futuro, porque temos que pensar non en hoxe, senón de cara aos próximos anos, porque sempre están aí para axudarnos cando faga falta.
Carlos Basalo e Félix Porto, na rolda de prensa deste venres
Galicia encara unha vendima adiantada e que se prevé histórica en canto a produción nas cinco denominacións de orixe. Nalgunha adega a recollida da uva comezou fai xa máis dunha semana e, se as condicións meteorolóxicas son propicias, agárdase que de cara á vindeira semana todas as denominacións de orixe estean xa vendimando.
“Hai este ano un adianto histórico da vendima, xa que nunca se vendimou tan cedo. Nos últimos 10 anos practicamente se adiantou a vendima un mes, xa que pasamos de vendimar a finais de setembro a facelo a finais de agosto. Cada ano, as condicións climáticas, con estas olas de calor, lévannos a que a uva madure antes e haxa que apañala máis cedo e teñamos que adiantar os traballos”, explicou este venres en rolda de prensa Carlos Basalo, responsable de Agricultura de Unións Agrarias.
Xunto ao vicesecretario xeral do sindicato, Félix Porto, analizou a situación do sector vitícola galego e as condicións de prezos da vendima que está en marcha, que se manterán este ano malia o incremento de custos de produción. Uniólns Agrarias pide anticipación nos contratos e que se freen as grandes plantacións que están a facer as adegas para protexer a produción dos pequenos viticultores.
Unha colleita récord
“Previsiblemente temos por diante unha vendima superior en quilos á do ano pasado. A chuvia destes días pode incrementar aínda máis a colleita. O ano pasado vendimáronse en Galicia case 76 millóns de quilos de uva e este ano a previsión é que se pase dos 80 millóns de quilos. Vai haber un crecemento en todas as denominacións de orixe”, asegurou Carlos Basalo.
A produción está caendo en España, mentres en Galicia seguimos aumentándoa
“Tivemos un ciclo vexetativo cun inverno moi chuvioso, polo que houbo unha reserva de auga que fixo que as plantas aguantaran o calor de xuño, xullo e agosto mellor que o ano pasado, cando houbo un estrés hídrico que fixo que se perdera produción por culpa do calor”, explicou.
Somos unha illa climática; fálase que dentro de 10 anos seremos unha das poucas zonas da península onde se poderá seguir producindo viño
“Cada ano imos aumentando a produción. A do ano pasado fora unha vendima récord en canto a quilos e este ano volve selo de novo. A produción está caendo en España, mentres en Galicia seguimos aumentándoa todos os anos grazas a que somos unha especie de illa climática, tanto é así que se fala que dentro de 10 anos seremos unha das poucas zonas da península onde se poderá seguir producindo viño”, indicou.
Mantemento de prezos
“Pero o que non vai aumentando son os prezos, que este ano se van manter practicamente igual que o ano anterior, seguramente con algunha caída na zona de Rías Baixas, que xa tivera unha vendima moi grande o ano pasado e este ano volve haber moita colleita”, relataron os representantes de UUAA.
O ano pasado os prezos da uva godello en Monterrei foron de 1,40 euros o quilo e as tintas como o mencía por baixo do euro, en torno a 90 céntimos. O albariño nas Rías Baixas moveuse no 2025 entre 1,60 e 2 euros e a mencía na Ribeira Sacra entre un euro e 1,20. No Ribeiro a treixadura pagouse a 1,40 e o godello en Valdeorras rozando os 2 euros.
Os prezos moveranse entre 1 euros o quilo de uva mencía na Ribeira Sacra e os 2 euros do godello en Valdeorras
“A sensación que temos neste momento, sen datos oficiais polo momento, é que se van manter estes prezos en todas as denominacións de orixe”, asegurou Basalo. “Son prezos que practicamente non cobren os custos de produción”, queixouse.
Contratos de adhesión sen negociación real
“Temos unha alta calidade na produción e uns viños moi bos, pero a rendibilidade non chega ao viticultor. Moitos deles a día de hoxe aínda non asinaron contrato, algo que é obrigatorio para poder recollerlle as uvas. Hai unha falta total de negociación entre as partes, o que hai simplemente é un contrato de adhesión. A uva é un produto perecedoiro e hai que recollela cando chega á súa maduración e levala á bodega porque senón perdemos o traballo de todo o ano. É por iso que desde Unións Agrarias pedímoslle á AICA estatal e á Xunta que faga controis sobre a produción e sobre a sinatura de contratos porque o viticultor ten que poder negociar o valor do seu traballo”, defendeu Basalo.
“Facemos unha petición ás Administracións para que haxa un control sobre os contratos, que teñen que asinarse con antelación suficiente para que sexa posible unha negociación entre as partes. Non pode ser que os contratos se asinen no mesmo momento en que os tractores entran na adega coa uva, debería fixarse unha data límite con anterioridade para a sinatura dos contratos dun mínimo de 15 días e imos denunciar esta situación diante da Aica cando detectemos estas prácticas”, anunciou Félix Porto.
Estudo de custos
“En Galicia non temos estudo de custos de produción, cando a Xunta se comprometera a telo para antes desta vendima. É algo que lle pedimos á Consellería do Medio Rural para cada unha das denominacións de orixe. O viticultor non ten un valor orientativo e vai a cegas á sinatura do contrato”, valoran desde Unións Agrarias.
Se sabemos cal é o custo de produción, imos poder negociar en máis igualdade coas adegas a venda do noso produto
“Temos exemplos doutras comunidades autónomas, como é o caso de Castela e León ou de Castella-A Mancha, onde todos os anos se saca un estudo actualizado de custos de produción que serven de orientación para a sinatura dos contratos. Non podemos establecer un prezo mínimo pero si poñer sobre a mesa cal é o custo obxectivo de producir un quilo de uva para que o valor do contrato estea por enriba, tal como establece a Lei da Cadea”, explicaron Basalo e Porto.
Racionalizar as novas plantacións das adegas
Félix Porto achacou en parte o estancamento de prezos aos viticultores na venda da uva ás adegas nas 5 denominacións de orixe coas novas plantacións realizadas e dixo que a conxelación de prezos nas adegas contrasta co incremento de custos de produción por parte dos viticultores, debido á suba do gasóleo e a man de obra fundamentalmente.
Por iso, Unións defende que as axudas ás adegas vaian condicionadas ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria. “Non podemos seguir financiando con subvencións públicas o incremento das plantacións de viñedo ligados ás grandes adegas mentres caen os prezos para os viticultores e se lles ameaza con que non se lles vai recoller a uva”, argumentou Félix.
Rías Baixas incrementou en máis de 200 hectáreas a superficie de viñedo desde a última campaña
“Ribeiro e Ribeira Sacra están en caída libre nos últimos anos en canto a número de viticultores e superficie cultivada, algo que están a paliar as adegas con grandes plantacións. Se apostamos polo territorio e por fixar poboación hai que apostar por que os viticultores teñan ingresos dignos”, argumentou.
“Temos que racionalizar o incremento de superficie por parte das grandes adegas e frear a entrada de dereitos de plantación procedentes doutros territorios. Rías Baixas, por exemplo, incrementou en máis de 200 hectáreas a superficie de viñedo desde a última campaña”, indicou.
A vendima de 2026 na Denominación de Orixe Monterrei preséntase con boas perspectivas. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sinalou durante a súa visita á adega Gargalo, en Verín, que se agarda unha colleita “abondosa e de gran calidade”. A responsable autonómica estivo acompañada polo propietario da adega, o empresario e deseñador Roberto Verino, e por representantes da Xunta.
Gómez puxo en valor o peso do sector vitivinícola no rural galego e lembrou que os dez distintivos vitícolas da comunidade (cinco denominacións de orixe e cinco indicacións xeográficas protexidas) xeran máis da metade do valor económico asociado á calidade diferenciada de Galicia, con algo máis de 379 millóns de euros.
No caso de Monterrei, a conselleira destacou os avances logrados nos últimos anos na apertura de novos mercados e a actividade promocional desenvolvida polo Consello Regulador, factores que contribuíron ao incremento das vendas. Tamén reafirmou o apoio da Xunta ao sector do viño, cun paquete anual de axudas duns 12 millóns de euros destinado, entre outras actuacións, á reestruturación e reconversión de viñedos, á promoción en mercados de terceiros países e aos investimentos en elaboración e comercialización.
Pola súa banda, Roberto Verino reivindicou o carácter “pioneiro” de Gargalo e a súa contribución á configuración actual da DO Monterrei. Segundo explicou, nos primeiros anos noventa a adega participou, xunto con explotacións tradicionais como a Cooperativa de Monterrei e as adegas Bernabé e Ladairo, no impulso da actual denominación de orixe.
Verino tamén expresou a intención de converter Gargalo nun “escaparate de Monterrei” para dar a coñecer os seus viños internacionalmente, especialmente variedades como o godello e o merenzao.
A Feira do Viño de Monterrei xa ten unha nova cifra para a historia da súa traxectoria: máis de 36.000 degustacións vendidas na súa XIX edición. O dato converte esta convocatoria na máis exitosa ata o momento e confirma o tirón dunha cita que cada ano reúne en Verín a milleiros de persoas arredor do viño e da gastronomía.
A feira contou durante as tres xornadas cunha importante presenza de visitantes procedentes de distintos puntos de España, doutras zonas de Galicia e tamén do norte de Portugal. Unha resposta que, segundo o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, evidencia a consolidación do evento como un dos grandes escaparates dos viños galegos.
Detrás destes resultados está tamén a aposta por renovar o formato da feira. Nos últimos anos incorporáronse novas propostas destinadas a atraer públicos diferentes, especialmente as novas xeracións, e a ofrecer unha experiencia máis completa aos asistentes.
As actividades paralelas volveron ter unha elevada demanda. As catas e os showcookings incluídos no programa completaron as súas prazas xa unha semana antes do inicio da feira, nunha mostra do interese que espertan as iniciativas que combinan viño, gastronomía e produtos do territorio. A oferta gastronómica foi outro dos puntos reforzados nesta edición. O número de propostas duplicouse con respecto a anos anteriores, ampliando as opcións para os miles de visitantes que se achegaron a Verín.
Para o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez, superar as 36.000 degustacións é unha demostración do potencial dos viños da denominación e do resultado do traballo desenvolvido nos últimos meses. A organización atribúe parte do éxito á implicación das adegas participantes e á resposta do público.
Co balance desta edición, a Feira do Viño de Monterrei pecha unha nova convocatoria cun récord de degustacións e cunha mensaxe clara: a cita continúa medrando e gañando capacidade para atraer novos públicos máis alá da propia comarca.
A Denominación de Orixe Monterrei dá este luns o pistoletazo de saída oficial á súa campaña de vendima de 2026 coa recollida dos primeiros acios no campo. Arranca así un dos momentos máis determinantes e agardados de todo o calendario vitivinícola da comarca ourensá, no que os viticultores e as adegas da zona traballarán de maneira moi intensa durante as vindeiras semanas nas tarefas de recolección e selección da uva destinada á elaboración dos viños amparados baixo a D.O Monterrei.
A bodega Castro de Lobarzán, situada na localidade de Villaza, no concello de Monterrei, converteuse na primeira firma en arrancar os traballos de colleita nesta nova campaña de 2026. Desde o consello regulador da denominación de orixe destacan que o seguimento minucioso e constante do proceso de maduración do froito nas distintas parcelas, xunto coa elección do momento exacto de recollida, resultan un factor absolutamente crucial para preservar a tipicidade, a calidade e as características organolépticas propias das variedades autóctonas que se cultivan neste territorio protexido.
A presente campaña vén marcada por un ciclo fenolóxico moi condicionado polas elevadas temperaturas estivais, a escaseza xeral de precipitacións e unha notable oscilación térmica rexistrada entre o día e a noite no val. Estas condicións meteorolóxicas foron determinantes para favorecer unha maduración óptima do froito, acadando así un magnífico equilibrio natural entre o grao alcolico e os niveis de acidez do mosto.
Ademais, desde o órgano regulador subliñan o excelente estado fitosanitario no que se atopa a colleita deste ano en todos os viñedos do territorio amparado. O menor tamaño medio dos bagos tradúcese nunha maior relación entre a superficie da pel e o volume do mosto. Este factor técnico resulta fundamental xa que favorecerá unha maior concentración de compostos aromáticos e polifenois, o que augura a obtención final de viños con grande intensidade, excelente estrutura e elevadísima expresividade aromática nas adegas.
A D.O. Valdeorras deu o pistoletazo de saída a unha campaña histórica. A denominación de orixe iniciou este xoves a vendima máis temperá da que se ten constancia, adiantando varios días o comezo da recollida respecto de calquera campaña anterior.
A primeira adega en poñerse mans á obra volve ser, ao igual que o ano pasado, Adega Valdesil, en Portela de Córgomo, Vilamartín de Valdeorras. A recollida comeza nas súas parcelas de Godello, variedade que abre a campaña, ao mesmo tempo que Bodega Rafael Palacios, que tamén inicia os traballos nos seus viñedos de Godello situados na Rúa.
Para Raúl Prada, propietario de Adega Valdesil, a vendima deste ano preséntase en condicións óptimas, cunha planta “moi equilibrada” e unhas expectativas especialmente positivas. “Creo que estamos ante unha anada verdadeiramente excepcional”, asegura.
Prada destaca que o adianto do ciclo vexetativo non terá un impacto negativo sobre a calidade da uva. “O feito de que o ciclo sexa un pouco máis curto non vai influír nesa calidade, porque tivemos unha cantidade moi importante de auga durante todo o inverno e boa parte da primavera, e sol cando tiña que vir”, explica.
A isto súmase, segundo sinala, un desenvolvemento adecuado das distintas fases do ciclo da vide: “A floración produciuse no momento idóneo”, apunta, convencido de que as condicións rexistradas ata o de agora permiten afrontar a vendima cunhas perspectivas “realmente excepcionais”.
Deste xeito, Valdeorras volve adiantar o inicio da súa vendima respecto do ano anterior, cando a campaña comezou o 21 de agosto. O adianto de oito días responde fundamentalmente á evolución da maduración da uva, que permitiu que as primeiras parcelas acaden xa os parámetros adecuados para comezar a recollida.
O director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, explica que a decisión responde á propia evolución da planta e ás condicións climatolóxicas rexistradas durante o ciclo vexetativo. “A que manda é a planta. Está en condicións óptimas e a colleita presenta moita saúde”, sinala, destacando que as condicións desta campaña permiten afrontar o inicio dos traballos con boas perspectivas.
Un ciclo marcado polas reservas hídricas
Entre os factores que favoreceron este adianto atópase a boa dispoñibilidade de auga acumulada durante o inverno e, especialmente, durante os primeiros meses da primavera. As precipitacións rexistradas a finais do inverno e comezos da primavera permitiron xerar unhas importantes reservas hídricas no solo, favorecendo que as plantas afrontasen o ciclo sen sufrir un estrés hídrico significativo.
Esta dispoñibilidade de auga contribuíu a manter un proceso de maduración constante e regular, que permitiu ás primeiras parcelas alcanzar antes o momento óptimo de recollida. As chuvias rexistradas durante o último mes tamén contribuíron a manter unhas boas condicións nos viñedos.
A pesar de que as temperaturas elevadas poden considerarse un factor de risco en determinados momentos do ciclo, desde o equipo técnico do Consello Regulador sinálase que o adianto da vendima responde a un conxunto de circunstancias e, especialmente, á evolución da propia planta.
“O adianto das datas de vendima é cada vez máis habitual. Temos que adaptarnos á situación e entender que a que manda é a planta”, explica Mazaira, quen considera que comezar a vendimar a mediados de agosto está deixando de ser unha circunstancia completamente excepcional.
Neste sentido, o director técnico apunta a unha tendencia que se vén observando durante os últimos anos: “Temos que comezar a pensar que o inusual vai ser iniciar a vendima en setembro”. Unha evolución que obriga o sector a adaptar progresivamente a súa planificación a unhas condicións de maduración diferentes das que tradicionalmente marcaran o calendario vitivinícola.
Boas perspectivas para unha colleita de calidade
O estado actual dos viñedos permite afrontar o inicio da campaña con boas expectativas tanto en calidade como en produción. As estimacións do Consello Regulador sitúan a colleita arredor dos 8,5 millóns de quilos de uva, aínda que a cifra definitiva dependerá da evolución das próximas semanas e do desenvolvemento dos traballos de recollida.
A campaña prolongarase aproximadamente durante mes e medio, aínda que a entrada das distintas parcelas nas adegas producirase de forma escalonada. Durante os próximos días iranse incorporando progresivamente novos viñedos á recollida a medida que as diferentes variedades acaden os seus parámetros óptimos de maduración.
A prioridade nesta primeira fase será manter un seguimento constante do estado sanitario dos viñedos e dos parámetros de maduración, de maneira que cada parcela poida ser vendimada no momento en que presente as condicións máis adecuadas.
O inicio dos traballos confirma así unha tendencia que o equipo técnico do Consello Regulador viña observando durante as últimas semanas: a uva acadou os niveis de maduración necesarios antes do habitual. A climatoloxía e o incremento das temperaturas medias están modificando progresivamente os calendarios tradicionais da viticultura e obrigando o sector a adaptarse a esta nova realidade.
A vendima constitúe cada ano un dos momentos de maior relevancia para Valdeorras, tanto desde o punto de vista económico como social e cultural. Durante as próximas semanas, os viñedos da comarca volverán converterse no escenario dunha intensa actividade que culmina meses de traballo e que forma parte da identidade deste territorio.
Esta campaña, ademais, quedará marcada para a historia da denominación de orixe. Nunca antes Valdeorras comezara a vendimar tan cedo. O 13 de agosto de 2026 convértese así nunha data histórica coa que se inicia unha nova vendima, con perspectivas de boa produción, excelente estado sanitario da uva e elevada calidade.
Emilia Díaz estivo acompañada polo presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense, José Paz
Emilia Díaz é biológa investigadora da Estación Vitivinícola e de Enoloxía de Galicia en Leiro. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosos proxectos de investigación relacionados coa sanidade vexetal, protección, sustentabilidade do viño e adaptación do cultivo aos novos escenarios de normativos ambientais.
Díaz interviu na xornada “Dende Ourense, pensando no viño”, que tivo lugar no arquivo provincial da capital ourensá e estivo organizada polo Colexio de Enxeñeiros Agrícolas. A súa intervención realizouna como membro do persoal investigador de AGACAL, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
Co título “Resiliencia do viñedo fronte a cambios regulatorios, sistema de apoio á toma de decisións e variedades resistentes”, Díaz explicou que son temas que entroncan coa adaptación que ten que experimentar o viñedo fronte a cambios que se están a producir dende hai 30 anos e que agora se intensifican.
A investigadora asegura que non se debe temer aos cambios porque “o sistema vitivinícola demostrou ao longo da historia unha gran capacidade de resiliencia, de reestruturarse en función de cambios e perturbacións que se produciron durante séculos.”
O cultivo de viñedos estivo suxeito a cambios profundos dende que apareceu. Só hai que saber adaptarse
Nesa liña, citou o caso da filoxera, que obrigou a reestruturar os viñedos mediante a utilización e aparición de híbridos produtores directos, enxertos e uso de variedades sobre portainxertos que eran resistentes.
Grazas a aquela hibridación, dixo Díaz, acadouse a continuidade dos viñedos en Europa. Pero para manter estables as producións empezou o uso de fitosanitarios, cun emprego masivo dende hai décadas. “Pasouse a un modelo baseado nun control químico. E agora estamos no momento clave en que temos que dar a volta a ese uso masivo e buscar outras estratexias.”
Primeiros cambios
Díaz sitúa o momento inicial de inflexión en 1991, coas primeiras directivas europeas de autorizacións de substancias activas de produtos fitosanitarios, que reducían ou eliminaban boa parte deles.
“Problemas toxicolóxicos ou ecotoxicolóxicos ou incluso das propias casas comerciais que non estaban adaptadas alentaron esas medidas. A partir de entón, as normativas foron cada vez máis estritas.”
Emilia Díaz Losada indicou todos os ámbitos na resiliencia dos viñedos nos que hai marxe de traballo
No 2009 aparece a directiva que fixa o marco do uso sustentable dos produtos fitosanitarios a nivel europeo e promove a xestión integrada de pragas. En España realmente esta transición chegou en 2012, coa normativa para o uso sustentable de fitosanitarios, e accións de formación, aparición do carné profesional, a figura do asesor en xestión integrada de pragas, o caderno de explotación...
En 2019, publícase o Pacto Verde. E en 2020 a estratexia europea “Da granxa á mesa”, que fixa uns obxectivos políticos que, aínda que non son xuridicamente vinculantes, toda a política agraria, toda a política ambiental e incluso a investigación estivo marcada por estes obxectivos políticos, sinalou a investigadora.
A lexislación europea reduce os permisos a fitosanitarios e promove o uso de bioestimulantes
Un dos obxectivos principais era a redución nun 50% do uso de fitosanitarios para 2030. Se ben se estima que haberá unha paréntese de tempo a maiores. O sistema vitícola é moi vulnerable a todas estas normativas. Por que? Porque depende dos produtos químicos de síntese para manter as súas producións.
“O que está claro é que as autorizacións de novos produtos de síntese se manteñen estables -é dicir, apenas se autorizan novos-, mentres que se rexistra un maior número de autorizacións de substancias básicas, de produtos e axentes de biocontrol e de baixo risco.”
A limitación de materias activas afecta sobre todo en viñedos atlánticos, onde a presión de patóxenos é moi alta e os fitosanitarios resultaban moi efectivos. “E agora toca volcarse en produtos que moitas veces non coñecemos nin sabemos como funcionan. A pregunta é como se está adaptando o viñedo á nova situación".
Aspectos técnicos
A agricultura de precisión e altamente dixitalizada aparece como a solución máis viable ante o novo contexto, a xuízo de Díaz. “Se ben no tipo de viticultura que temos aínda é difícil de aplicar. Falamos de modelos preditivos fronte a pragas e enfermidades, de tecnoloxía e maquinaria para reducir derivas, ou de optimización de doses.”
Tamén se traballa en adaptación biolóxica, favorecendo a conservación, a biodiversidade funcional do viñedo, mellor manexo do solo, utilización de cubertas vexetais, axentes de biocontrol... para facer fronte a pragas e enfermidades.
Non ten sentido demonizar as hibridacións, xa que grazas a elas se puido superar a enorme crise da filoxera
E está a resiliencia xenética, cara á que se están orientando as políticas e a investigación. Búscanse portainxertos que se adapten ás novas condicións ambientais que se están a producir. “Existe unha selección clonal encamiñada a lograr producións de calidade, en cantidade suficiente para escalar e con menor sensibilidade ás enfermidades.”
As técnicas antigas de hibridación foron evolucionando a traballo de xenómica
Ademais, estase promovendo a utilización de variedades locais que poidan responder mellor a estes cambios. E hai unha adaptación a nivel institucional, nas propias denominacións de orixe, a nivel das súas normativas, cuns rexistros varietais cada vez máis exhaustivos, favorecendo as certificacións ambientais para obter un cultivo máis sustentable. Tamén hai unha mellor comunicación das características do produto cara ao consumidor.
Variedades resistentes, as emerxentes PIWI As variedades PIWI son uvas de vinificación obtidas mediante cruces naturais de variedades europeas con especies americanas ou asiáticas. O termo PIWI provén do alemán Pilzwiderstandsfähige, que significa "vides resistentes aos fungos".
O seu principal obxectivo é reducir ata nun 80% o uso de tratamentos químicos no viñedo. “Máis alá de posicionamentos e doutrinas, hai que falar das PIWI dende un punto de vista da investigación e consideralas unha ferramenta máis. Creo que temos que estar abertos a todos os recursos dispoñibles para podernos adaptar a cambios que xa están aquí.”, dixo Díaz.
Guste ou non, as variedades PIWI están abrindo oco en zonas onde os fungos lastraban e encarecían a produción
A investigadora insistiu en que as PIWI nin son superuvas nin son transxénicas. “Xorden dunha mellora xenética convencional, a típica en calquera cultivo. Diferéncianse en que teñen unha resistencia herdada e unha calidade enolóxica obtidas por cruces convencionais e que non teñen ningunha modificación xenética directa.”
Por tanto, engadiu, non son resultado dun único programa e teñen unha historia que abarca xa máis de 90 anos. Nos seus orixes si que se trataba de híbridos produtores directos, porque realmente os híbridos produtores directos eran cruces entre unha vinífera con unha variedade resistente a pragas ou á filoxera.
Emilia Díaz participou con outros especialistas no evento organizado polo Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense
“Os híbridos que se produciron entre os anos 30 e 50 deixáronse de producir porque se considerou que a calidade do viño non era suficiente. Foi unha primeira etapa. Agora estamos nunha segunda etapa da obtención de variedades resistentes na que xa non só se busca a resistencia, senón que se busca tamén a calidade.”
Alemaña, Austria, Italia, Francia e Suiza son os países que encabezan a produción de variedades resistentes. En Francia xeráronse distintos programas da man do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (INRA) que obtiveron os mellores índices de resistencia e calidade con variedades PIWI.
Coas PIWI obtense unha redución de fitosanitarios superior ao 70%. Pero non son superuvas e os tratamentos non desaparecen
Díaz sinalou que están xurdindo problemas porque algunhas especies de fungos acaban por adaptarse a esa resistencia das PIWI e meirande conseguen superala. “Estamos, pois, nunha terceira fase na que as PIWI se están probando en distintas zonas para analizar o seu comportamento en condicións edafoclimáticas diferentes para seleccionar as variedades en función de cada zona de produción.”
A investigadora describiu un dos procesos seguidos en Francia para a obtención de uvas PIWI. “Primeiro fíxose un cruce entre unha variedade resistente -muscadinea rotundifolia- con unha vinífera. A partir dese primeiro cruce cruzáronse sucesivamente en retrocruces con variedades viníferas: cabernet sauvignon, grenache, merlot, millón, riesling... ata conseguir que o xenoma da nova variedade híbrida teña un 97,5% de vinífera fronte a un 2,5% que sería da variedade resistente.”
A partir desas liñas híbridas de calidade, o segundo paso foi introducir diferentes xenes de resistencia dentro da mesma variedade. Na actualidade xa non soamente é resistente ao oídio, senón que pode habelo ao mildio. E os loci (posicións fixas dun xen ou dun marcador molecular no cromosoma da vide) que lle dan esa resistencia á planta poden ser varios e non só un
“Con todo, están dándose casos en que a introdución dun maior número de loci de resistencia crea unha acción contraproducente. Dase unha interacción entre eles de tal forma que se anulan entre si e xeran unha variedade bastante menos tolerante. Por iso as investigacións xenéticas continúan e meirande continuarán.”
Traballo xenético
Todo o proceso se ve acelerado pola bioloxía molecular, unha metodoloxía que se volveu cotiá nos últimos cinco anos. O que se meirande consegue é unha selección dirixida, máis estruturada e en menor tempo. Trabállase con marcadores moleculares, que son fragmentos de ADN polimórficos, SNPs, microsatélites… Están estreitamente ligados a eses loci de resistencia e permiten determinar se a planta incorporou a resistencia ou non, sen necesidade de pasala a campo.
A técnica de marcadores moleculares reduce enormemente o proceso entre o inicio da investigación e a comercialización da planta
“Ata hai pouco, o que se facía, despois do primeiro cruzamento e da plántula de semente obtida, era levala a campo e comparar se obtivera a resistencia a fungos ou non. Despois tiñamos que obter plantas que producisen acios para ter sementes de novo, co cal sería o novo cruzamento e volveríamos ao mesmo.”
A edición xenómica suprime as probas en campo das plantas que non conteñen os locis buscados
“Cos primeiros cruces obtemos múltiples plántulas. Poden ter simplemente os dous cotiledóns que saen cando se forma a semente en forma de pequenas follas. Con unha desas follas podemos extraer o ADN e localizar os marcadores no xenoma da planta. Se os incorporou, a planta pasaría a campo. Se non, xa evitamos ese paso.”
Xa non soamente se analiza esa parte do xenoma onde están os loci de resistencia, senón unha maior diversidade do xenoma. Incluso é posible determinar aquelas plantas que realmente están incorporando determinadas características de interese. E analizando tamén mediante marcadores características agronómicas e enolóxicas que portan esas plantas.
Díaz puxo o exemplo dos polifenois. “Se queremos seleccionar unha planta con maior contido en polifenois ou que incorporase determinados polifenois, podemos mediante os marcadores determinar se xa presenta as características perseguidas e seleccionala.”
As novas técnicas permiten identificar se hai resistencia a fungos e tamén as características agronómicas e enolóxicas da planta
“Así reducimos o tempo de mellora xenética. Coa selección asistida por marcadores moleculares, falaríamos de 15 anos. Se falamos de selección de caracteres agronómicos e enolóxicos, reducimos ata uns 9 anos. Frente aos 40 anos que se tardaba cos métodos anteriores, estamos ante un avance moi importante. Porque falamos do tempo transcorrido dende que se inicia a selección ata que a planta sae ao mercado.”
En España recentemente introduciuse a busca de variedades resistentes para a uva Monastrell. Estase cruzando coa variedade Regent, que é resistente ao mildio e ao oídio. Os estudos están nas primeiras fases.
O Instituto Catalán da Viña e do Viño e o Centro Tecnolóxico do Viño de Cataluña están seleccionando variedades icónicas para a elaboración de cava. Hoxe teñen xa 31 variedades en fase de avaliación pendentes de inscrición no rexistro. 22 delasin Francia e 9 en España. En Galicia, a adega Martín Códax xestiona un campo experimental con algunhas destas variedades.
Agora a Estación de Viticultura e Enoloxía de AGACAL asinou un acordo de colaboración coa multinacional Agromillora para a avaliación das plantas que se incorporen ao viñedo experimental de Martín Códax. “Vanse plantar liñas híbridas nas que participou como parental as variedades godello, albariño e garnacha”.
É fundamental entender que as plantas xurdidas de edición xenómica non teñen nada que ver cos transxénicos
Estudos en Castela e León rexistraron 4 variedades híbridas con potencial vinícola: cabernet teidos, merlot corus, sauvignon ritos e sorelli. “Ao estar incluídas no potencial vinícola da comunidade veciña, só con 2 anos de estudo poderíanse incluír dentro do potencial vinícola galego. Isto non quere dicir que as incluamos, pero sería factible cultivalas para elaboración de viño en Galicia, no prazo de 2 anos cos estudos pertinentes.”, dixo Díaz.
A redución do emprego de fitosanitarios é unha decisión tomada e á que hai que adaptarse, sinalou Díaz
Xenómica
A investigadora fixo referencia ás novas técnicas xenómicas que xa se empregan en gandería. Especialmente a edición xenómica. Son técnicas que permiten modificar o xenoma mediante a introdución, eliminación ou modificación de secuencias específicas do ADN sen alterar de forma significativa o resto do xenoma.
“Hai unha gran diferenza entre as plantas obtidas mediante edición e os chamados transxénicos que coñecemos ata agora. Na edición hai dous métodos principais, que son a cisxénese e a técnica CRISPR.”
Ata agora, as plantas obtidas mediante esas tecnoloxías están sometidas a normativas moi dispares en función do país. E a lexislación está cambiando continuamente. Hai países con unha propia normativa, outros que non teñen ningún tipo de regulación e outros que seguen tratándoas como organismos xeneticamente modificados, como transxénicos, o cal deriva enhas normativas moi estritas.
A edición xenómica é unha realidade. Agora trátase de establecer o marco lexislativo que regule o seu uso
“O que está claro é que cada vez máis institucións asumen que estamos ante un cambio tecnolóxico moi importante e que hai que avanzar. A normativa ten que adaptarse aos cambios. E o primeiro é deixar de considerar as plantas resultantes como transxénicas.”
O sistema CRISPR é un dos máis empregados en edición xenómica
De feito, o pasado xuño a Unión Europea modificou as normativas e establece dous tipos de categorías. A categoría NTG 1 -aquelas que pasan por un máximo de 20 actuacións xenómicas- e unha categoría NTG-2, que supoñen máis de 20 actuacións e se consideran organismos xeneticamente modificados.
“Na elaboración dun transxénico introdúcese no organismo un xen que provén doutro organismo non compatible. Na cisxénese, introdúcense xenes entre organismos compatibles, cos que poderiamos realizar un cruzamento en condicións reais. Introdúcese un xen de resistencia duna variedade resistente dentro duna vinífera, única e exclusivamente eses loci de resistencia.”
Coa técnica máis común en CRISPR utilízase un ARN guía que é capaz de recoñecer no xenoma da planta a parte do ADN que se quere modificar. Ese ARN guía actúa como un GPS uníndose á proteína nucleasa Capsid, 9. E esa nucleasa ten a capacidade de cortar a hebra de ADN.
“Unha vez que se corta ese xen, os propios mecanismos celulares reparan o ADN. Pero pode suceder que cando durante a reparación deses ADN se produzan delecións (perda dun ou máis nucleótidos ou un fragmento de ADN nun cromosoma). E eses cambios inactivan o xen. No caso de CRISPR, ese cambio inactiva a sensibilidade e activa a resistencia”, explicou Díaz.
Un debate inevitable
A investigadora recoñeceu que en todo o sector se instalou o debate sobre se realmente funcionan as variedades PIWI. “Eu opino que, a día de hoxe, xa podemos dicir que si, que funcionan. Nos principais países de implantación e comercialización fálase duna redución de fitosanitarios de máis do 70%.”
Pero, recoñeceu Díaz, as variedades PIWI non implican necesariamente a supresión total de tratamentos. Máis aínda, débese realizar algún tratamento para evitar resistencias. “Redúcese o número de tratamentos que temos que aplicar. Pero en momentos puntuais deberiamos de realizar algún tipo de aplicación se queremos unha produción estable e total.”
En diferentes países europeos xa se está a traballar con castes de uva para obter variedades PIWI
A investigadora deixou claro que non hai unha variedade universal que vaia funcionar sempre. Vai depender da zona na que se estean cultivando. Por exemplo, dentro das brancas sería solaris e voltis e nas tintas regent, cabernet, cortis… Fan bos viños que incluso xa gañaron algúns premios, e non solo competindo con outras PIWI, senón tamén competindo con outros viños de variedades tradicionais.”
As DO teñen por diante un debate moi complexo sobre o uso de variedades PIWI e técnicas xenómicas
Para non afondar no debate, Díaz formuló unha serie de preguntas dirixidas aos adegueiros, viticultores e enxeñeiros agrícolas presentes no evento, recoñecendo que son de moi difícil resposta:
- Deben as variedades PIWI formar parte das autorizadas nas Denominacións de Orixe (DO)?- Debe permitirse mesturar no viño variedades PIWI con variedades tradicionais?- Se se admiten, como se vai manter a tipicidade rexional dos viños?-Ata que nivel de innovación o vai aceptar o sector?
Máis alá do debate, a investigadora lembrou que xa hai países flexibilizando as súas normativas PIWI. Na maioría dos casos a nivel experimental e cuns anos de prazo de proba. “Quizais o máis chamativo fora a de Champagne, que xa permite o cultivo de variedades PIWI de base en uva voltis, con restricións evidentemente. En caso do viñedo só se permite un 5% de PIWI e no dos viños un 10% de uva empregada.”
O caso de Champagne, onde xa se autoriza un 5% de uvas con traballo xenómico, pode exercer un efecto de arrastre
Pero Díaz considera evidente que, cando unha DO histórica comeza a realizar este tipo de accións e con bos resultados comerciais, as demais acabarán facendo o mesmo. “Verémolo co tempo. O certo é que isto xa existe e está aí. E non chegamos ao límite porque a bioloxía molecular avanzou ata simplificar ao máximo os procesos.”
Bodegas Blare acaba de ser recoñecida co selo de produción ecolóxica da Xunta de Galicia, unha distinción que a converte na única adega da Denominación de Orixe Valdeorras que conta actualmente con este recoñecemento. Este fito sitúaa, ademais, entre as tres únicas adegas da provincia de Ourense e as dez únicas dos cinco Consellos Reguladores vitivinícolas galegos que dispoñen desta certificación.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras pon en valor esta aposta da adega por un modelo de viticultura baseado no respecto á natureza, á sustentabilidade e ao coidado do medio ambiente, valores que forman parte da filosofía de traballo de Bodegas Blare.
“Apostar polo respecto á natureza e ao medio ambiente é unha filosofía que levamos en Bodegas Blare desde hai tempo”, explica o xerente da adega, Herminio Blanco, quen destaca que acadar esta certificación supón tamén asumir un importante compromiso e un maior esforzo no día a día.
O responsable da adega recoñece que a produción ecolóxica require “máis sacrificio, estar máis pendente da viña, visitala máis a miúdo e buscar alternativas para paliar as pragas e enfermidades”, pero considera que é un camiño necesario para avanzar cara a unha viticultura máis respectuosa e sostible.
Pola súa banda, o director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, destaca a importancia desta decisión e aplaude a aposta realizada por Bodegas Blare. “É a única adega da denominación que contam actualmente con este selo. Aínda que non foi a primeira da DO en apostar pola produción ecolóxica, valoramos moi positivamente o seu compromiso cun produto diferenciado e de calidade”, sinala.
Neste sentido, engade que “hai que arriscar para facer algo que forma parte do futuro dos viños de calidade, e este selo é importante porque achega valor engadido ao produto e recoñece unha maneira de traballar máis respectuosa co medio”.
Desde Bodegas Blare tamén queren destacar o apoio recibido por parte do Consello Regulador ao longo deste proceso. “O Consello Regulador é como unha tea que nunca nos deixa caer”, afirma Herminio Blanco, agradecendo o acompañamento e a colaboración da entidade na defensa e promoción dos viños de Valdeorras.
Acio de prata 2026
Esta nova certificación chega nun momento especialmente positivo para Bodegas Blare, unha adega que destaca pola calidade dos seus viños, tanto tintos como brancos, elaborados a partir das variedades propias e do potencial vitícola da comarca.
Proba desa calidade é o recente recoñecemento acadado polo seu Outarelo 2023, un viño tinto elaborado con variedade Garnacha, que foi distinguido cun Acio de Prata 2026 na categoría de mellores viños de colleitas anteriores da Cata dos Viños de Galicia.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras considera que este tipo de iniciativas reforzan a imaxe da denominación como territorio de viños singulares, onde tradición, innovación, sustentabilidade e excelencia poden avanzar da man para seguir gañando prestixio nos mercados.
As viñas galegas afrontan a recta final da campaña cun estado sanitario xeral “excelente” e coa previsión dunha vendima especialmente abundante e temperá. Así o recolle o último boletín fitosanitario da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que apunta incluso á posibilidade de que a recollida da uva comece antes da última semana deste mes.
A evolución meteorolóxica explica en boa medida este adianto. A precipitación rexistrada a comezos da semana foi moi escasa e as previsións apuntan a un período estable, soleado e con temperaturas moi elevadas. O escenario xeral é favorable, pero non está exento de riscos.
O mildio continúa presente nalgunhas parcelas, especialmente nas menos ventiladas ou con exceso de vexetación. As horas de humidade foliar e as temperaturas mínimas elevadas favoreceron a aparición de novos síntomas nas follas novas e nalgúns gromos terminais. Ademais, tras as últimas choivas incrementouse notablemente a presenza de esporanxios: no captador de Areeiro chegaron a contabilizarse 2.290 por metro cadrado o martes 5 de agosto, sete veces máis que o día anterior.
Con todo, a proximidade da vendima fai que o impacto potencial do mildio sexa máis limitado. A maior parte das viñas conserva suficiente follaxe viable para manter a fotosíntese e permitir que a uva continúe madurando e acumulando azucres. A atención debe centrarse especialmente nas plantas debilitadas ou con pouca folla e nas variedades máis tardías.
No caso do oídio, as observacións son tranquilizadoras. Areeiro apenas detectou un micelio moi lixeiro nunha parcela do Salnés e non observou síntomas nas demais viñas visitadas, nin sequera nas variedades máis sensibles. Aínda así, as condicións meteorolóxicas seguen sendo compatibles co desenvolvemento do fungo, polo que se recomenda manter a ventilación das plantas e facilitar a entrada de luz, evitando ao mesmo tempo unha exposición excesiva dos acios ao sol máis intenso.
Ante a flavescencia dourada Areeiro non recomenda novos tratamentos insecticidas, pero si a instalación de trampas amarelas e, sobre todo, o arranque e destrución das cepas afectadas ou sospeitosas
Tamén a botrite presenta unha situación xeralmente boa. A súa presenza é puntual, mesmo nos acios de variedades sensibles, aínda que o fungo continúa presente no ambiente e xa se localizaron algúns acios afectados. A previsión de posibles choivas durante a fin de semana e a combinación de humidade foliar e temperaturas elevadas obrigan a manter a vixilancia e favorecer a circulación do aire arredor dos acios.
As avelaíñas do acio tampouco representan neste momento unha ameaza relevante. Nas trampas das parcelas de seguimento só se capturaron entre un e cinco machos de Lobesia botrana, mentres que os danos por eirugas foron moi escasos.
Unha das principais chamadas á atención corresponde á flavescencia dourada. Nas zonas demarcadas de Pontevedra e Ourense continúa sendo fundamental combinar medidas culturais coa loita contra o insecto vector Scaphoideus titanus. Coa vendima xa próxima, Areeiro non recomenda novos tratamentos insecticidas, pero si a instalación de trampas amarelas e, sobre todo, o arranque e destrución das cepas afectadas ou sospeitosas.
Entre os demais problemas observados figuran síntomas puntuais de trips, acariose e erinose, ademais de golpes de sol nos acios expostos, estrés hídrico en plantas débiles e enfermidades da madeira, presentes en case todos os predios revisados.
Así, as viñas galegas chegan ao momento decisivo da campaña cun balance sanitario positivo, pero coa necesidade de manter a vixilancia ata a vendima. O principal reto agora será protexer a uva nas últimas semanas e chegar á colleita cunha froita sa e cunha maduración que, segundo as previsións de Areeiro, podería adiantarse notablemente este ano.