A Consellería do Medio Rural vén de publicar a orde que regula a convocatoria 2024 das axudas da PAC en Galicia. A orde recolle tanto as axudas directas ás explotacións (axuda básica á renda, axuda redistributiva complementaria, ecorreximes, axudas asociadas, etc.) como as medidas de desenvolvemento rural (pagos a zonas con limitacións naturais, agroambientais comprometidas no 2023, etc.).
As axudas seguen a liña do ano pasado, cando arrancou o novo periodo da PAC 2023-2027. Este ano, como novidades principais, Medio Rural fai algunhas precisións sobre os ecorreximes, sobre a normativa de condicionalidade e aclara a contía 2024 dos pagos para zonas con limitacións naturais.
Ecorreximes
En relación ás prácticas dos distintos ecorreximes, a Consellería subliña as seguintes cuestións:
- Pastoreo extensivo: redúcese a 90 días o período mínimo non continuo de pastoreo. O pastoreo de todas as parcelas rexistrarase no caderno de explotación indicado na web do Fogga
- Sega sustentable: o período de non aproveitamento das superficies de pastos permanentes ou temporais obxecto de sega establécese nos meses de xullo e agosto.
- Illas de biodiversidade en superficies de pastos: para manter a superficie en boas condicións agrarias a partir do 31 de agosto a actividade principal de mantemento será a sega, que deberá declararse na solicitude única.
- Cubertas vexetais espontáneas ou sementadas: establécese un período obrigatorio de 4 meses que vai do 1 de decembro de 2023 ao 31 de marzo de 2024 en que a cuberta vexetal debe permanecer viva.
Condicionalidade reforzada
A principal novidade é que na normativa 4 das Boas Condicións Agrarias e Medioambientais establécese que o ancho mínimo das franxas de protección dos cauces fluviais (sen traballar) sexa de 5 metros, excepto no caso das canles de rega, en que poderá ser de 1 metro.
Zonas con Limitacións Naturais
O importe da axuda será de ata 280 euros por hectárea nas zonas con limitacións naturais de montaña e de ata 210 euros por hectárea nas zonas con limitacións naturais distintas de montaña.
Estes importes serán decrecentes en función da superficie indemnizable, segundo se indica:
a) Ás primeiras 5 ha correspóndelles o 100 % do importe.
b) Entre máis de 5 ha e 25 ha incluída, o 75 %.
c) Entre máis de 25 ha e 100 ha incluída, o 50 %.
d) A partir de máis de 100 ha non se concede axuda.
Petición de subsanación de “erros, neglixencias e atrasos”
Un día antes de que saíra hoxe a convocatoria de axudas da PAC, o Sindicato Labrego Galego (SLG) organizou unha rolda de prensa para transmitir o seu malestar coa xestión das axudas europeas por parte da Xunta. Estes son os principais puntos que cuestionaron Ana Rodríguez, Brais Álvarez e María Ferreiro (SLG):
- Atrasos. “A día de hoxe, ningunha explotación en Galicia cobrou un euro dos ecorreximes 2023”, cuestiona Ana Rodríguez, gandeira de leite e economista do Sindicato Labrego.
“En canto ás agroambientais e ás axudas de incorporación e plans de mellora, tivemos que esperar ata estes primeiros meses do ano para que se resolvesen. Pensamos que esta situación é unha neglixencia por parte da Consellería”, critica Ana.
- Peche da convocatoria de novas agroambientais e axudas de ecolóxico
“Desde a Consellería hai unha falta de transparencia sobre a convocatoria deste ano -explicaba onte Ana Rodríguez-, pero polo ‘díxome, díxome’ sabemos que non se van convocar axudas de agroambientais e de ecolóxico no 2024. É dicir, aquelas granxas que fosen beneficiarias pola convocatoria do 2023 si teñen comprometidos apoios por 5 anos, pero por exemplo, non hai apoios para novos produtores que se queiran pasar este ano a ecolóxico”, detalla a organización agraria.
Así as cousas, “quen vai facer o cambio a ecolóxico sen apoios?”, pregúntase o Sindicato, que lembra que a Comisión Europea marcou o obxectivo de lograr un 25% de produción ecolóxica na UE para o 2030.
- Erros na clasificación de granxas prioritarias, o que leva á perda de axudas para zonas con limitacións naturais.
– Persoas con 65-67 anos. “Cando unha persoa se xubila, a súa explotación perde a categoría de prioritaria, pero iso a día de hoxe non pasa ós 65 anos, senón ós 66-67 anos. Sen embargo, estáselle quitando a calificación de prioritaria ás granxas cando o seu titular cumpre 65 anos, o que leva a que perda as axudas para Zonas con Limitacións Naturais durante un par de anos”, cuestionan.
– Persoas mozas. “Para acceder ós pagos de alta montaña, pídeselle ás persoas mozas que estean nunha granxa prioritaria e que demostren ingresos da gandería do ano anterior, pero se son persoas que se incorporan este ano, non tiveron ingresos do ano anterior. Debería ser suficiente con que a granxa demostre eses ingresos, pero non a persoa moza”, piden no Sindicato Labrego.
- Correccións nas bases de plans de mellora e axudas de incorporación de persoas mozas
O Sindicato Labrego asegura ter detectado numerosas lagoas e erros nas bases dos plans de mellora. “Iso estase solucionando con instrucións internas, pero volvemos ó mesmo, a falta de transparencia. Deberían publicarse as correccións que fosen necesarias”, piden.
A organización agraria advirte tamén de que detecta de novo o risco de que persoas mozas que se quieran incorporar queden fóra de axudas por falta de presuposto. “No 2022, houbo máis de 70 persoas mozas ás que se lles denegou a axuda de incorporación. Co problema de falta de relevo que temos no agro, parécenos unha situación incrible”, cuestionan.
- Petición de solución para as axudas da Covid ás granxas de carne con menos de 10 vacas
Trala sentencia xudicial que recoñecía o dereito das granxas de carne con menos de 10 vacas a cobrar axudas da Covid, o Sindicato Labrego sinala que a Consellería aínda non lles comunicou como pretende cumprir a sentencia. Por ese motivo, solicitaron no xulgado que inste á Xunta á execución da sentencia.