Propostas de Gandeiros Galegos de Suprema para cambiar o regulamento de Ternera Gallega

A asociación defende que se iguale nos 10 meses a idade de sacrificio de todos os animais, tanto dos procedentes de cebadeiros, que agora se poden manter ata os 12 meses, como dos procedentes das granxas de vacas nodrizas

Ternera Gallega Suprema Rubia GalegaO Consello Regulador de Ternera Gallega reúnese este xoves para analizar posibles cambios no Regulamento das IXP de vacún de Galicia relativos aos estándares de crianza, sacrificio e comercialización dos animais amparados.

Sobre a mesa hai distintos asuntos, algúns deles polémicos, con posturas enfrontadas tanto entre os distintos elos da cadea (produtores, matadoiros e comercializadores) como entre os propios gandeiros, o que obrigará a chegar a puntos de encontro.

A asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que reúne a uns 400 produtores de toda Galicia e foi a candidatura máis votada nas últimas eleccións celebradas, fixo públicas as súas propostas, que inclúen como un dos puntos destacados a equiparación da idade de sacrificio de Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.

Argumenta o seu presidente, Santiago Rego, que a ampliación aos 12 meses de vida da idade de sacrificio en Ternera Gallega foi utilizada polos cebadoiros para incrementar os quilos de carne introducidos no mercado, o que foi en detrimento dos animais marcados co selo de Suprema.

Diferenciación clara entre Suprema e Ternera Gallega

Un dos principais cabalos de batalla dos gandeiros de Suprema, que motivou a creación da asociación e forma parte desde os inicios das súas reivindicacións, é que haxa unha maior diferenciación entre o selo de Suprema e o de Ternera Gallega convencional  e “un uso axeitado da imaxe das explotacións de Suprema nas campañas publicitarias”.

Non podemos permitir que se use a nosa imaxe pero que á hora de vender despois teñamos exactamente o mesmo prezo

 “Non temos nada en contra dos cebadoiros nin da Ternera Gallega convencional, do selo azul, pero non podemos permitir o que veu acontecendo ata agora, que se utilice a imaxe das explotacións tradicionais de vacas nodrizas en extensivo, cos xatos mamando nas nais ata os 7 meses, para promocionar a carne procedente de cebadoiro”, din.

Mellora da trazabilidade a través dun código QR

“Nós non temos ningunha guerra contra o selo azul nin contra os cebadoiros, todos somos necesarios e temos que ir da man, non hai outra maneira, pero a cada cousa hai que chamarlle polo seu nome e cando se promocione a Ternera Gallega convencional a imaxe ten que ser unha diferente a cando se promocione a carne de Suprema para non confundir ao consumidor”, afirma Santiago Rego, que considera necesario mellorar tamén na trazabilidade.

Non temos nada en contra dos cebadoiros, pero o que temos é que potenciar o nome e a marca de Suprema

“Ten que mellorar a etiquetaxe da IXP e a clasificación da carne nos puntos de venda para poñer freo a posibles fraudes, algo que está ocorrendo. Nós defendemos que a etiquetaxe ten que ir un paso máis aló, non pode ser unha simple pegatina como é hoxe, porque esa pegatina despois acaba pasando dunha canal a outra, senón que ten que implantarse un sistema de código QR tanto nos matadoiros como nos puntos de venda que permita unha absoluta trazabilidade dese animal desde a explotación de procedencia ata o consumidor final e onde se saiba cal foi o seu modo de crianza, alimentación, data de sacrificio, engraxamento e todos os demais parámetros”, defende Santiago Rego.  

Maior engraxamento e un acabado óptimo das canais

Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema deféndese que debe haber unha regulación máis estrita no relativo aos niveis de engraxamento e finalización dos animais amparados baixo o selo de Suprema.

“Non se poden marcar todos os animais que se viñan marcando ata agora, porque iso o que fai é devaluar a propia marca en si, cando o que temos que facer é potenciala. Nós non dicimos que ten que haber un tipo de acabado concreto, senón que cada explotación, dependendo da zona na que estea, pode facer esa finalización dunha maneira ou doutra, pero o que teñen que ser son animais homoxéneos, ben engraxados e ben acabados”, razoa.

Homoxenización das presentacións das canais nos matadoiros

Santiago Rego reclama tamén un maior control nos matadoiros en canto ao que son as pesadas e rendementos, así como a estandarización da presentación dos canais baixo unha mesma clasificación (Tipo 3), o que equivale a unha canal pouco limpa.

Hai moita diferenza de peso de sacrificar un animal nun matadoiro ou noutro

“Non pode ser que cada matadoiro faga o tipo de presentación que queira, porque iso leva a que neste momento haxa unha gran diferenza nos rendementos entre sacrificar un animal nun matadoiro a sacrificalo noutro, mesmo con pesadas moito máis altas en matadoiros que non están dentro de Ternera Gallega”, explica Santiago Rego.

Abaratamento no prezo da marcaxe dos animais

Os produtores de Suprema consideran “excesivo” o prezo actual cobrado pola IXP pola marcaxe de cada animal, establecido en 6 euros. Piden que se rebaixe ese importe e que se devolva ás ganderías no caso de que ese animal non chegue finalmente a ser sacrificado e comercializado co selo da IXP, ben por quedar na propia explotación como reposición ou ben por ter causado baixa debido a algún tipo de problema, accidente ou ataque de lobo.  

Ampliación a outras razas con actitude cárnica

Un dos debates latentes desde fai tempo dentro da IXP é a posible ampliación dos cruzamentos admitidos. A asociación Gandeiros Galegos da Suprema móstrase partidaria de “ampliar a marca Ternera Gallega a outras razas e cruzamentos con actitude cárnica”. “Hai outras razas que están asentadas xa aquí en Galicia; é unha realidade que está aí e consideramos que hai que abrir o abano a outros posibles cruzamentos con outras razas”, defende Santiago Rego.

Estacionalidade dos partos

A IXP está a elaborar un manual de manexo e alimentación do gando amparado baixo o selo de Ternera Gallega Suprema no que se recollen distintos aspectos da crianza dos animais. Desde o Consello Regulador poñen o foco na necesidade de desestacionalizar a produción, cunha programación de partos ao longo do ano.

Sen embargo, desde o ámbito gandeiro vese pouco realista lograr unha distribución das canais cara a épocas de maior demanda, como pode ser o verán, algo que a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema considera pouco factible.

“Os animais son moi sabios e póñense de parto nos meses de marzo e abril porque é cando vai haber máis dispoñibilidade de pasto para poder aleitar ás súas crías. O que non se pode facer é tratar de cambiar a natureza”, argumentan.

“Ten que haber un retorno para as explotacións de Suprema do valor engadido que creamos para a marca Ternera Gallega”

A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema arrincou da Xunta, tralas últimas mobilizacións levadas a cabo esta primavera, o compromiso de establecer dúas liñas de axudas que compensen o valor creado polas explotacións de vacún de carne en extensivo, mediante unha prima por quilo de carne producida e outra vinculada á labor medioambiental que realizan de coidado do territorio e loita contra os lumes.

“Se ao final somos as ganderías de Suprema as que estamos dando un valor á IXP coas nosas explotacións tradicionais, ese valor creado ten que ser devolto dalgunha maneira ás explotacións que o xeramos”, xustifica Santiago Rego.

Revalorización insuficiente do prezo da carne en orixe

Hai un ano, cando os produtores de Suprema bloquearon a saída de carne dos matadoiros polos baixos prezos cobrados en orixe, estaban vendendo os xatos a 4,80€/quilo canal. Hoxe fano a 5,70€, pero os custos de produción disparados coméronse por completo esa subida, que “foi parar integramente ás fábricas de penso”, din. “Antes pagabamos o concentrado para cebar a 270€ a tonelada e hoxe estamos cerca dos 500€/tonelada”, explican

“Asinouse a bombo e platillo no seu momento un protocolo auspiciado pola Xunta no que todos os elos da cadea se comprometían a pagar ás explotacións a 6,20€, pero a día de hoxe ninguén conseguiu vender aínda a ese prezo”, quéixase o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.

Ternera Gallega aborda posibles cambios de regulamento

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información