“A obriga de contar cun veterinario de explotación non vai supoñer ningún problema para as granxas que estean nunha ADSG”

A piques de entrar en vigor as novas normativas sobre Medicamento Veterinario, Sistema Integrado de Xestión de Explotacións, Veterinario de Explotación e Plan Sanitario Integral repasamos as implicacións que van ter para as explotacións agrogandeiras

José Antonio Varela Señarís, durante a súa intervención nas xornadas organizadas por Agromuralla

José Antonio Varela Señarís, durante a súa intervención nas xornadas organizadas por Agromuralla

No mes de maio entra en vigor a obriga legal para que as explotacións gandeiras designen un veterinario de explotación, encargado de elaborar, coordinar e supervisar o cumprimento do Plan Sanitario Integral da granxa.

José Antonio Varela Señarís, do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Consellería do Medio Rural, detallou recentemente nunhas xornadas organizadas por Agromuralla cales son as implicacións da nova normativa para as explotacións galegas, tanto de leite como de carne.

A entrada en vigor do Real Decreto 364/2023 obriga á maioría de explotacións a designar, antes do vindeiro 18 de maio, un Veterinario de Explotación e contar cun Plan Sanitario Integral. Estarían exentas as granxas de pequeno tamaño, consideradas como tales as que conten con menos de 5 vacas reprodutoras, 30 xatos para cebo, 20 cabras ou ovellas, 5 cabalos, 5 porcas reprodutoras ou 25 animais para cebo.  

As granxas con 5 eguas, porcas ou vacas reprodutoras deberán contar con veterinario de explotación e Plan Sanitario Integral

As explotacións de vacún que teñan entre 5 e 20 vacas deberán ter veterinario de explotación e Plan Sanitario Integral pero non terán que adoptar o Sistema Integrado de Xestión (SIGE), que é obrigatorio a partir de 20 UGM.

Quen pode ser veterinario de explotación?

O titular da explotación é o encargado de designar a un veterinario de explotación, que terá que aceptar ese nomeamento. A partir dese momento aparecerá no REGA. “A designación do veterinario de explotación vaise poder facer a través dun modelo que estará dispoñible na Oficina Virtual Agraria”, avanzou José Antonio Varela.

A designación do veterinario de explotación vaise poder facer a través dun modelo que estará dispoñible na Oficina Virtual Agraria

“O facultativo designado como veterinario de explotación pode ser por exemplo o veterinario da ADSG, porque xa está facendo unha parte do requerido, ao desenvolver o programa sanitario da granxa”, explica José Antonio. A maiores tería que facer un traballo documental, relativo aos distintos aspectos a cumplimentar, como o Plan Sanitario Integral ou o Programa de hixiene e bioseguridade da explotación.

Pode ser tamén un veterinario que non pertenza á ADSG que leva a explotación, por exemplo o veterinario clínico ou o que se encarga do control reprodutivo. “O plan sanitario da ADSG serviríalle igualmente para incorporar á documentación requerida no Plan Sanitario Integral”, aclara. “O veterinario de explotación sería como o arquitecto nunha obra, pero despois pode haber traballos que faga outra xente, é dicir, pode haber subcontratas”, compara.

O problema preséntase nas explotacións que non están nunha ADSG, porque contar cun veterinario de explotación vailles supoñer un custo

“O problema é se esa explotación non está nunha ADSG”, admite o representante da Consellería. “Ese veterinario vai ter que desenvolver os programas nacionais obrigatorios de determinadas enfermidades, como por exemplo IBR se a partir do ano que vén se establece como obrigatorio. Aí é onde está o problema, porque ese traballo de aplicar ese programa sanitario vaille supor un custo á explotación”, indica.

Cantas explotacións vai poder levar un veterinario de explotación?

A entrada en vigor da normativa do veterinario de explotación supón unha sobrecarga de traballo para os facultativos que neste momento prestan servizo ás granxas de leite e de carne. “O veterinario de explotación non ten por que responsabilizarse de todo o que sucede na granxa, non é o responsable dos medicamentos que prescribe o veterinario clínico ou o que se encarga do control de mamite e calidade do leite, pero si é o responsable de documentalo”, asegura.

“Iso implica que se un veterinario dunha ADSG leva 50 explotacións neste momento igual tería que reducir o número de granxas a 40 para poder asumir ese traballo documental que lle supón ser a maiores o veterinario de explotación”, admite José Antonio Varela.

Quérese limitar, por parte da Administración, o número de granxas que vai poder levar un mesmo veterinario de explotación, ben por número de ganderías ou de cabezas de gando, para que a súa función non sexa de puro trámite e se limite só a cubrir papeis, senón que teña tempo para asesorar aos titulares das explotacións nas melloras a implementar e para facer o seguemento no proceso de aplicación.

Coa falta de veterinarios que hai hoxe non sei como se vai poder resolver esa sobrecarga de traballo

“Vaise poñer un tope máximo por persoa e quizais as ADSG teñan que contratar a máis veterinarios para poder asumir tamén ese papel de ser veterinarios de explotación. Vai ser un problemón moi gordo, porque co problema que hai hoxe de falta de facultativos non sei como se vai resolver iso”, recoñece o representante da Xunta.

Por iso, a Consellería solicitou ao Ministerio que flexibilice a obriga de contar con veterinario de explotación para cobrar a PAC, igual que xa fixo co Caderno Dixital de explotación, que pasou de obrigatorio a voluntario.  

Plan Sanitario Integral e visitas zoosanitarias

O veterinario de explotación que figure designado como tal no REGA ten a responsabilidade de levar a cabo o deseño, redacción e supervisión (a través das visitas zoosanitarias) do Plan Sanitario Integral da granxa, que consta de tres partes fundamentais: Programa de hixiene e bioseguridade, Programa de controis sanitarios obrigatorios e Seguemento trimestral do consumo de antibióticos.

“O contido mínimo do Plan Sanitario Integral debe incluír as medidas sanitarias que se levan a cabo para prevención e control de enfermidades, así como en materia de hixiene e bioseguridade, uso racional de medicamentos e plan de vacinación”, explica José Antonio.

Todas as explotacións terán que recibir cando menos unha visita zoosanitaria do veterinario de explotación entre maio de 2024 e maio de 2025

Todas as explotacións, salvo as apícolas, terán que recibir cando menos unha visita zoosanitaria do veterinario de explotación entre maio do ano 2024 e maio do ano 2025, que servirá para tipificar e clasificar as explotacións. O veterinario terá que deixar un informe desa visita, que está regulamentada, e cumprir cunha serie de ítems de control establecidos.

O nivel de risco no que estea encadrada a explotación determinará a frecuencia das visitas zoosanitarias de control posteriores por parte do veterinario de explotación: cando o risco é alto levarase a cabo unha cada 6 meses, se a granxa está categorizada como de risco medio recibirá unha visita anual e nas de risco baixo será cada ano e medio.

Uso racional de medicamentos

A través do formulario de designación de veterinario de explotación na Oficina Virtual Agraria autorizarase tamén á persoa designada a entrar en PRESVET para elaborar os informes trimestrais de uso de antibióticos da granxa, dentro do Plan de Uso Racional de Medicamentos Veterinarios.

Cos datos de todas as ganderías vaise establecer un Indicador de Referencia Nacional (IRN) por especies de gando e tipo de explotación, que se publicará no BOE a máis tardar o 1 de xuño de cada ano. En función do consumo habitual de antibióticos da explotación respecto ao indicador nacional de referencia, se o valor da granxa supera en máis dun 5% o valor medio establecido, deberanse aplicar unha serie de medidas correctoras.

Se unha explotación ten un bo programa de hixiene e bioseguridade e un bo manexo nutricional e de ensilados reducirá drasticamente a necesidade de usar antibióticos

“Se a explotación está por enriba da media, o veterinario deberá deixarlle un informe con recomendacións a aplicar na granxa para reducir ese consumo de antibióticos. Pero eu creo que unha explotación que teña un bo programa de hixiene e faga un bo manexo do gando, bos ensilados, etc, non vai ter ningún problema porque con esas medidas o consumo de antibióticos redúcese moito nunha granxa”, asegura o representante da Consellería.

Documentación necesaria dentro do SIGE, obrigatorio para ganderías de máis de 20 UGM

O Sistema Integrado de Xestión de Explotacions (SIGE) inclúe distintos aspectos que o veterinario de explotación terá que elaborar ou recompilar para integrar e presentar: bioseguridade e hixiene, benestar animal, sanidade, medio ambiente, formación, etc. Toda esta documentación deberá actualizarse cando menos cada 5 anos e sempre que a explotación modifique de maneira substancial as súas instalacións ou prácticas de manexo.  

Deberá incluirse, cando menos, unha descrición das condicións estruturais e ambientais da granxa, da alimentación do gando e das prácticas de manexo que se realizan. Tamén debe detallarse o Plan Sanitario Integral da granxa; o Plan de Xestión Ambiental, que inclúa un plan de residuos, a optimización do uso da auga e o consumo enerxético e o control de ruídos, po e olores.

O veterinario de explotación será o encargado de elaborar todos aqueles apartados do SIGE relacionados con sanidade, benestar animal, hixiene e bioseguridade

A maiores, as ganderías deberán contar tamén cun Plan de Benestar Animal, que entrará en vigor dentro de 4 anos e aplicarase a granxas de máis de 5 UGM, nas que se deberán avaliar os factores de risco existentes para o benestar dos animais e o Plan de Formación levado a cabo tanto polo titular da explotación como polos seus empregados en materia de benestar animal, medio ambiente e manexo do gando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información