Os prezos do gando que concorreu este mércores ao recinto feiral do Mercado de Amio, soben 0,05 euros por kilo os prezos de todas as categorías de vacún maior e tenden á alza os da recría de raza frisoa.
En canto á Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega, decidiu por maioría manter os prezos das canais de todas as clasificación e as categorías desta carne.
Finalmente, a asistencia ó mercado foi de 1.380 reses, 66 menos que á sesión do 2 de setembro. En detalle, pasaron 1.194 cabezas de vacún menor (97 menos que na sesión anterior); 43 de vacún mediano (7 animais máis) e 143 de vacún grande (24 reses máis que a semana pasada).
Praderías secas este pasado mes de agosto no interior de Galicia
Con escasas precipitacións desde o mes de xuño, a calor do verán fixo mella nos pastos e pradeiras de moitas zonas do interior de Galicia, que se ven totalmente secas. É o momento de facer actuacións de resementeira, pero tamén de “lanzar ideas e busca de alternativas para non estar a expensas do tempo”, afirma Juan Valladares, do CIAM.
“Os raigrases ingleses non aguantan a seca do verán. Hai que empezar a investigar outras solucións. Cando se fai pastoreo, o manexo do gando pode influir no estado da pradeira, pero cando ven unha seca forte as gramíneas estánse comprometendo”, recoñece.
Por iso, di, é necesario buscar alternativas ás combinacións habituais de raigrás inglés e trevo branco. “O raigrás inglés aguanta mal. Hai que irse a recuperar as antigas variedades de gramíneas, como pode ser o dactilo”, propón.
O raigrás inglés aguanta mal a seca; hai que recuperar antigas variedades de gramíneas como o dactilo
En canto ás leguminosas, recomenda a combinación con trevo violeta. “Ten raíz máis profunda e aguanta máis a seca que o trevo branco. O problema do violeta é que dura dous anos e no terceiro ano xa se vén abaixo”, aclara.
Resementeiras
Unha consecuencia da alteración das condicións climatolóxicas é que para manter a pradeira e a súa produción forraxeira, ben sexa para pasto ou para ensilar, é preciso realizar actuacións de mantemento no outono.
“Cando o raigrás se vén abaixo, obríganos a facer resementeiras de raigrás nesta época, ben mediante sementeira directa ou ben en superficie, para poder volver ter produción de raigrás na primavera. E coa introdución de trevo violeta tamén pasa un pouco o mesmo, xa que hai que botalo case todos os anos para que non nos desapareza da pradeira. Iso ao final é un gasto”, evidencia.
O trevo violeta ten raíz máis profunda e aguanta mellor a seca que o trevo branco pero obriga a resementar cada tres anos
A estratexia de rexenerar pradeiras secas mediante a técnica tradicional de repartir semente e logo botar xurro por enriba para garantir o grao de humidade mínimo que permita a súa xerminación pode servir para recuperar as variedades de herba perdidas pola seca no verán, pero non soluciona o problema de fondo. “Garantes ter pradeira para a primavera, pero sabendo que no verán seguinte vas a ter o mesmo problema”, insiste Juan.
Para dispoñer de algo de herba cando o raigrás desaparece pola seca, o técnico do CIAM recomenda sementar o raigrás en combinación con trevo violeta, porque “o raigrás aguanta na primavera e o trevo violeta resiste máis no verán. A miña recomendación sería buscar variedades de raíz profunda, que aguantan máis a seca”, reitera.
Menor dixestibilidade e produción de leite
Con todo, hai que saber que “as plantas resistentes á seca son plantas que tardan en ceder a auga ao ambiente, polo tanto son plantas fibrosas e menos dixestibles”, aclara.
Esta perda de dixestibilidade, sexa vía pastoreo, inxesta en verde no pesebre, ou vía silo na ración, leva aparellada inevitablemente unha perda na produción de leite por parte da vaca.
As plantas resistentes á seca son plantas fibrosas que tardan en ceder a auga ao ambiente
Por este motivo, nos cultivos de inverno en rotación co millo considera que “hai que manter o raigrás mesturado con leguminosas, vén sexan trevos ou vezas”. Neses casos, como no verán se faría cultivo de millo, poderían manterse no cultivo de inverno as pradeiras anuais actuais, cun grande aporte proteico á ración.
Dactilo
Sen embargo, nas pradeiras permanentes que padecen a seca no verán, habería que estudar outras posibilidades. Á hora de valorar a introdución de especies de pradeira máis resistentes ao estrés hídrico en substitución do raigrás, Juan di que “das que coñecemos agora aquí, o dáctilo sería unha das alternativas”.
O dactilo baixa a dixestibilidade un 20 ou 30% con respecto ao raigrás, e polo tanto, tamén a produción de leite
“O dactilo é unha gramínea que funciona ben no verán pero ten pouca dixestibilidade. Séguese usando algo en carne pero os gandeiros de leite xa a descartaron fai tempo por este motivo, porque o dactilo baixa a dixestibilidade un 20 ou 30%, e polo tanto, tamén a produción de leite”, di.
Achicoria e chantaxe
Na procura de pradeiras máis resistentes o CIAM vai facer durante os próximos dous anos un ensaio liderado por Cesar Resch con distintos tipo de mesturas que levan achicoria, chantaxe, e dáctilo para comparar os seus resultados coa mestura tradicional de raigrás inglés con trevo branco.
“Queremos ver como se comportan agronomicamente, como se dan e que rendementos obtemos, e tamén como aguantan a nova climatoloxía dos veráns en Galicia, con altas temperaturas e baixas precipitacións e que cando veñen as chuvias son torrenciais”, describe Juan.
A intención do CIAM é sementar estas pradeiras de proba este outono para dar a comer ás vacas esa herba a partir de marzo e abril do ano que vén e ver non só as posibilidades agronómicas, senón tamén o efecto na vaca. “A priori, son especies con menos dixestibilidade e, polo tanto, menor produción de leite”, avanzan.
Alfalfa
Outra posibilidade a valorar en función da zona sería a alfalfa. Probáronse fai 10 anos en Mabegondo con bos resultados e hai ganderías na provincia da Coruña, como Ugasma SL ou Agrociocende SC, situadas no concello de Boimorto, que levan anos botándoa como cultivo proteico de produción na propia explotación, como alternativa á compra de soia ou colza.
Alfalfa é unha leguminosa perenne de raíz profunda que require terreos neutros, con pH por enriba de 6. “Iso obrígache a encalar”, recoñece Juan. “Na zona costeira tes que estar encalando cada dous anos para controlar a acidez do chan, pero no interior de Lugo dáse perfectamente. É un cultivo interesante para ensilado ”, afirma.
Os ecotipos de alfalfa procedentes de Aragón e Tierra de Campos danse ben en Galicia
E mesmo como pasto tamén é interesante, di. “Aquí o tema é que sementas alfalfa pero vanche saír tamén outras cousas. En Castela sementas alfalfa e sáeche só alfalfa. Para pastoreo iso non é malo, porque non interesa que sexa un alfalfar puro, así non tes problemas metabólicos na vaca por exceso de proteína”, explica.
A alfalfa permite facer entre 3 e 5 cortes ao ano e aguanta sen desaparecer 4 ou 5 anos. Hai distintos ecotipos de alfalfa, que son as que se cultivan no norte de España (en zonas de Valladolid, Aragón e Lleida principalmente).
“En zonas como Lalín, Sarria ou Chantada van ter que sementar algunhas parcelas a millo e outras a xirasol”
Cultivo de xirasol en Granxa Xustás SL, en Cospeito
O cambio climático obriga a buscar pradeiras permanentes para pastoreo ou ensilado máis resistentes á seca, pero tamén a adaptar os cultivos de verán en función da zona e o tipo de solo. “Sobre iso pouco se leva feito e pouco se está a facer en Galicia”, recoñece Juan Valladares.
A estratexia xeralizada das explotacións leiteiras segue a pasar polo cultivo de millo, este ano con escasos rendementos e baixa calidade nutricional nalgunhas zonas. “Este ano funcionaron ben as sementeiras tardías. O problema é o mes de xullo e este ano non choveu nada. Pero iso non o sabes, normalmente tes máis garantías cando sementas cedo porque garantes a humidade necesaria para unha boa nascencia”, razoa.
Nas zonas límite onde o millo non vai xa ben hai que probar novos cultivos
Como alternativa ao millo forraxeiro xorden outros cultivos como o sorgo, o xirasol, o pasto de Sudán ou os híbridos de sorgo con pasto de Sudán, pero practicamente inexistentes ou moi minoritarios a día de hoxe en Galicia.
“Nas zonas límite onde o millo non vai xa ben hai que probar estes novos cultivos e estase probando pouco. En comarcas coma o Deza, Chantada ou Sarria van ter que mirar de botar algunhas parcelas de millo e outras de xirasol”, di Juan.
As variedades actuais no mercado de xirasol ou sorgo non están traballadas xeneticamente para vacún de leite
Pero moitas destas novas alternativas de cultivos de verán non están especificamente dirixidas á produción forraxeira. “Cando empezamos cos ensaios de xirasol e sorgo vimos que as variedades actuais no mercado de xirasol ou sorgo non están traballadas xeneticamente para vacún de leite, no caso do xirasol porque se traballa o aceite oleico e no caso do sorgo porque e un cultivo que se dirixe a porcos e avicultura pero non a rumiantes”, aclara.
Variedades de millo tolerantes ao estrés hídrico
Como primeira opción, antes do cambio de cultivo, Juan recomenda buscar millos resistes á seca para estas zonas onde a climatoloxía compromete o stay green da planta. “Hai novas variedades de millo que toleran ben o estrés hídrico; cada ano están máis presentes nos catálogos de sementes das casas comerciais”, di.
Onde vai ben o millo, a preferencia é sempre botar millo
Ao igual que acontece no caso do dactilo comparado co raigrás, “calquera planta que sexa resistente ao estrés hídrico é menos dixestible; pásalle ao sorgo, ao xirasol ou ao pasto de Sudán”, advirte.
Regos estratéxicos
Unha segunda recomendación tralo cambio de variedade de millo por unha resistente á seca, sería contar con infraestruturas de rega capaces de salvar un ano complicado coma este. Son os chamados regos estratéxicos para millo.
“Levamos moitos anos recomendando iso desde o CIAM. En caso de que non chovera o necesario, habería que facer unha rega 10 días antes da floración para asegurar a floración e outro durante a floración para asegurar o cuallado do froito. E en caso de seca na primavera, un ao inicio para asegurar a nascencia se fose necesario”, detalla Juan.
Conséguense incrementos de 2 toneladas por hectárea regando antes da floración e no cuallado da espiga
Mabegondo fixo durante dous anos ensaio comparando o resultado de realizar un e dous regos estratéxicos (un 10 días antes da floración e outro para o enchido do gran) en comparación con parcelas nas que non se regaba. Nas fincas nas que se aplicaba 1 rego incrementábase o rendemento por hectárea en 0,7 toneladas e con 2 regos chegábase a melloras de 2 toneladas por hectárea.
“Os resultados son interesantes e significativos, a pesar de que os anos nos que se fixo o ensaio foran normais, non faron anos secos. É dicir, isto nun ano bo de precipitacións, nun ano complicado a diferenza sería moito maior”, defende.
Habería que valorar o custo de facer unha balsa para auga comparado co custo de ter que mercar forraxe
Para poder levar a cabo este tipo de regas de emerxencia, que garanten ter produción de millo asegurada nun ano especialmente difícil climatoloxicamente coma este, o primeiro é dispoñer de auga.
“Hai que acumulala do inverno, en balsas que recollan a auga das baixantes do establo, por exemplo das baixantes. É máis rápido e doado facer unha balsa de auga na propia explotación que empezar con permisos de Augas de Galicia ou da Confederación Hidrográfica para captacións de pozos, fontes ou regatos. E logo habería que bombeala, mediante aspersión ou mediante goteo ás parcelas do millo”, explica.
“Un ano coma este habería que facer contas, porque moitas explotacións van ter que mercar millo e habería que valorar o custo desa forraxe comparado co custo de ter unha balsa, unha bomba e as mangueiras. Facer unha balsa na propia explotación é a solución máis doada. Non parece unha solución moi cara e garánteche ter unha produción asegurada”, conclúe.
Xirasol
En canto aos cultivos alternativos en substitución do millo para zonas límite e terreos difíciles (solos lixeiros e areosos que perden con rapidez a humidade), o xirasol é un dos que Juan defende como “máis interesante”.
“Fai anos falábase de que o xirasol tiña unha proteína moi alta, do 18%, pero non é así, a proteína do xirasol anda entre o 8 e o 9%, algo por enriba da do millo, pero non moito máis. A diferenza está en que o millo equivale a 8 UFL e o xirasol pode chegar a 1 UFL se agardas que o gran estea formado, porque ten aceite, entre o 15 e o 18% de aceite. Iso tamén obriga a que teña que ir mesturado con algo na ración para diluílo, porque a vaca máis do 6% de aceite non o tolera”, advirte. Mesturado na ración con silo de millo, a proporción idónea para a mestura sería dúas partes de millo por unha de xirasol.
O xirasol é máis resistente ao estrés hídrico que o millo; é unha alternativa interesante
Un dos hándicaps do xirasol é que existen poucos xirasois forraxeiros e a maioría das variedades comerciais actuais están xeneticamente modificadas para producir aceite oleico. “Para alimentación de gando vacún non nos interesa o aceite oleico, senón o linoleico, que a vaca transforma en ácido linoleico conxugado (CLA), que é cardiosaudable, igual que no liño”, aclara.
Para alimentación de gando vacún non nos interesa o aceite oleico, senón o linoleico
O xirasol é máis resistente ao estrés hídrico, pero menos produtivo que o millo. “O millo produce 14 toneladas de materia seca por hectárea, mentres que o xirasol produce 10, é dicir, un terzo menos. Pero como leva aceite, produce un terzo menos pero ten un 20% máis de UFL, polo que en rendemento leiteiro podería ser máis ou menos equiparable”, matiza. Para que acade o 15-18% de aceite habería que agardar 4-5 semanas despois da floración para recollelo. Ese seria o momento idóneo para o ensilado. Se se pasa a pipa endurece e perde dixestibilidade.
O momento ideal para o ensilado sería entre 4 e 5 semanas despois da floración
O xirasol require ademais duns coñecementos agronómicos específicos e dun manexo no silo diferente ao do millo. “A cabeza do xirasol en terras con pouca fertilidade queda pequena, pero se ten moita fertilidade a cabeza é moi grande e iso é un problema para as colleitadoras porque tende a caer cara fóra á hora da recollida. E para pisar no silo tamén é máis difícil porque patina a maquinaria”, explica.
Unha solución sería ensilalo mesturado co millo, como fai a gandería Granxa Xustás SL, de Cospeito. Para ensílalo solo habería que embutilo como cando se fai o pastone, porque resulta moi difícil de manexar nun silo convencional de trincheira.
Sorgo
No caso do sorgo existe aínda menos experiencia en Galicia que no caso do xirasol. “Noutros países europeos estase traballando moito o sorgo en gran para animais monogástricos (porcos, aves) pero para forraxe en rumiantes moi pouco”, lamenta Juan.
“Podería ser un cultivo interesante pero os sorgos que hai no mercado hoxe son menos dixestibles e teñen unha cantidade enerxética semellante ao millo, polo tanto en UFL están por debaixo do millo”, aclara.
Pero en determinadas zonas pode resultar mellor deixar de plantar millo e apostar por unha alternativa de cultivo máis adaptada á climatoloxía da zona. “En Sandiás, na comarca da Limia, levamos 3 anos sementando sorgo, xirasol e millo. O xirasol é o que mellor responde, o millo por detrás e o sorgo é o que peor resulta. En cambio, en Mabegondo dáse ben, pero onde vai o millo, a preferencia sempre é botar millo”, defende.
O Colectivo de Gandeiras e Gandeiros Galegos reclama unha adaptación efectiva do Plan de Abonado á estrutura parcelaria da comunidade e máis medios públicos para facilitar o cumprimento da normativa de fertilización sustentable. O sector comparte os obxectivos de protección do solo e das augas, pero advirte de que a aplicación das novas obrigas pode supor unha carga económica e administrativa desproporcionada para as pequenas explotacións.
A obriga de dispoñer dun plan de abonado entrou en vigor, con carácter xeral, o pasado 1 de setembro, no marco do Real Decreto 1051/2022, modificado polo Real Decreto 934/2025. Para o sector, a principal dificultade está na aplicación dunha norma nun territorio marcado polo minifundio e por unha elevada fragmentación das parcelas.
Segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), na campaña da PAC de 2025 declararonse en Galicia 1.240.640 parcelas, correspondentes a unhas 22.100 explotacións e 470.318 hectáreas. Isto supón unha media de 56 parcelas por explotación. Ademais, o SIGPAC rexistra arredor de 16 millóns de recintos na comunidade, a cifra máis elevada de España.
As gandeiras e gandeiros valoran algunhas das modificacións introducidas polo Real Decreto 934/2025, como o adiamento de determinadas obrigas, a exclusión dos pastos non fertilizados e de pequenas explotacións de secaño ou autoconsumo, ou a posibilidade de manter o caderno de explotación en papel.
Porén, consideran necesario completar estas adaptacións. Entre as súas principais demandas figura elevar os limiares de exención, tanto para as analíticas de solo como para a elaboración do propio plan de abonado, tendo en conta o tamaño das unidades produtivas galegas.
O colectivo reclama tamén que o asesoramento técnico, que será esixible en 2027 nas zonas vulnerables e en 2028 no resto, sexa público, gratuíto e presencial, apoiado na rede autonómica de investigación e extensión agraria. Outra das peticións é integrar a ferramenta gratuíta de cálculo dos plans co SIGPAC e co Rexistro de Explotacións Agrarias (REA), evitando a introdución manual de numerosos recintos.
Finalmente, solicitan unha moratoria sancionadora mentres non estean plenamente operativas a ferramenta de cálculo e as guías oficiais de mostraxe e análise de solos. O sector insiste en que quere cumprir coa normativa e contribuír á protección do territorio, pero reclama que as obrigas sexan proporcionadas á realidade das explotacións galegas e que conten co apoio público necesario.
A Central Agropecuaria de Galicia viviu este martes unha sesión con maior presenza de gando, o que non impediu a revalorización nalgunhas das principais categorías do mercado, como as vacas ou os becerros cruzados, mantendo deste xeito a dinámica positiva das últimas semanas en Silleda.
Nos becerros de recría, esta semana subiron os xatos cruzados, mentras os pintos mantiveron prezos. A suba foi de 50 euros para os machos entre 15 e 20 días e de 30 para os de 21 a 50 días, entanto os de máis de 50 días baixaron lixeiramente (uns 10 euros de media). Nos frisóns, a dinámica foi a inversa, con lixeira caída dos máis pequenos e un pequeno repunte nos máis grandes.
No caso dos xatos pasteiros, a sesión deste martes en Silleda tamén foi positiva, malia a maior oferta de animais (99 fronte aos 60 da semana anterior). Os machos de cruzamento industrial pagáronse a 1.040 euros de media (15 euros máis que a semana pasada) e a raza rubia galega a 1.112 (10 euros máis que o martes pasado).
Logo da suba da semana pasada, a dinámica para os becerros carniceiros foi de perda de valor para os machos e lixeira mellora de prezo para as femias de razas de cruzamento industrial, mentras na rubia galega subiron tanto os machos como as femias.
No vacún maior, e malia unha maior presenza de gando, a sesión foi de forte suba para as vacas de categoría Extra, que se revalorizaron máis de 200 euros de media, volvendo cotizar por enriba dos 2.800 euros e achegándose de novo aos valores de máximos históricos acadados a comezos deste ano. O resto de categorías (Primeira e Segunda), mantiveron as cotizacións da semana anterior.
No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, a sesión desta semana foi plana, sen cambios no porcino (tras semanas de mellora de prezos), nin tampouco nos ovos, coellos e galiñas.
Descarga as cotizacións completas desta semana neste enlace.
O responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo, Daniel García, participou na presentación da Feira de Gando Cabalar, organizada pola Asociación de Veciños de Augaxosa, que terá lugar este sábado, día 12, coincidindo coas festas parroquiais.
A Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Medio Rural, contribúe ao desenvolvemento desta cita coa achega de 5.000 euros, fortalecendo así a súa colaboración coas feiras cabalares que se celebran na provincia, especialmente na Mariña interior, e favorecendo a continuidade dunha tradición estreitamente ligada ao territorio.
Neste senso, Daniel García sinalou “o traballo da asociación veciñal á hora de manter unha feira documentada desde o século XVIII, e consolidada como unha das máis importantes da contorna e que, en anteriores edicións, reuniu arredor de 200 cabezas entre cabalos, eguas e poldros”.
A inauguración terá lugar ás 9.30 horas e repartirá máis de 800 euros en premios para as gandeirías que presenten un maior número de animais. Ademais, contará cunha mostra de razas autóctonas, demostracións de cestería e torneado de madeira, animación con música tradicional e postos de téxtil e alimentación.
Durante a xornada tamén se ofrecerán degustacións de hamburguesas de poldro de Pura Raza Galega, en colaboración coa Asociación de Criadores Puraga, como parte do programa de promoción de razas autóctonas “Un gusto rural, un rural degusto”.
Na contorna da feira poderase ver tamén a exposición "Gardiáns" de Jorge Arévalo, con imaxes que amosam o traballo diario nas ganderías, a pegada dos animais na cultura, os ciclos vitais ou as consecuencias dos lumes na actividade gandeira.
A Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG) cualifica como un "acto de xustiza tardío pero insuficiente" a entrada en vigor, o pasado 3 de setembro, do veto á importación de carnes (vacún e ave) procedentes do Brasil pola incapacidade de garantir que cumpren a prohibición da UE de utilizar medicamentos antimicrobianos para fomentar o crecemento e aumentar o rendemento e de antimicrobianos reservados para o tratamento de determinadas infeccións nas persoas.
“Esta suspensión da listaxe de países autorizados demóstranos que as denuncias do sector gandeiro eran certas. O mercado europeo estivo exposto a importacións que non garanten o cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria esixida aos produtores comunitarios por fallos na rastrexabilidade, tal e como recoñece a auditoría publicada pola Comisión Europea o pasado mes de febreiro”, subliñou Joaquín gargallo, responsable de vacún de carne de COIAG. A isto tamén se sumarían, tal e como recolle a investigación realizada pola organización irlandesa IFA, graves diferenzas en materia de benestar animal e medio ambiente no modelo de neno e engorde de gando das granxas brasileiras en relación ás europeas”
Desde COAG denuncian “a desproporcionada asimetría na aplicación dos controis. Calquera gandería española ou europea debe responder de inmediato a calquera requirimento en materia de rastrexabilidade, sanidade e benestar animal. Con todo, Bruxelas atrasou meses a aplicación da mesma normativa cara ao continxente do bloque de Mercosur”.
Por iso, desde a COAG exiten que esta medida de bloqueo e inspección sanitaria non se limite unicamente ao Brasil, senón que se estenda sen excepcións a todo o continxente e a todos os países do bloque de Mercosur (Arxentina, Uruguai e Paraguai). “A aplicación de inspeccións para detectar deficiencias en materia de rastrexabilidade, sanidade, deforestación e uso de promotores de crecemento, deben aplicarse non só a nivel documental, senón de forma real e efectiva a cada partida importada”, subliñan.
Desde COAG lembran que xa esixiron formalmente en xullo ao Ministerio de Agricultura a activación inmediata das cláusulas de salvaguardia contempladas no Regulamento de Execución do acordo. As importacións de carne baixo condicións arancelarias preferentes provocaron un afundimento inxustificado das cotizacións nas principais lonxas españolas, trasladando a presión económica ás explotacións familiares de vacún de carne. Os resultados da auditoría da Comisión confirman que a competencia desleal da carne brasileira estaba baseada non só en dumping económico, senón tamén nun grave dumping normativo.
A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou este sábado a súa tradicional poxa de setembro no mercado gandeiro da Fonsagrada, cun prezo medio de 3.475 euros, por encima dos 2900 euros de saída.
As catro xovencas preñadas, duns 25 meses de idade e preñadas de entre catro e seis meses, foron vendidas a dous gandeiros de Sarria e a outros tantos criadores do Corgo e do propio municipio da Fonsagrada, tras adxudicarse en 3.500, 3.600, 3.200 e 3.600 euros.
Houbo ata 17 tarxetas de posibles compradores, a gran maioría gandeiros e gandeiras da provincia de Lugo. As próximas poxas organizadas por Acruga terán lugar o próximo día 10 en Castro Caldelas e o 20, en Pedrafita do Cebreiro.
A Peste Porcina Africana (PPA) está a ter un forte impacto sobre as exportacións do sector porcino español tras o peche de mercados estratéxicos no exterior. Segundo os datos do primeiro semestre de 2026 recollidos pola Asociación Nacional de Industrias da Carne de España (ANICE), o valor das vendas de carne, despoxos e produtos elaborados reduciuse en case 350 millóns de euros só en Xapón e México, en comparación co mesmo período do ano anterior.
O mercado xaponés rexistrou a caída máis avultada. Entre xaneiro e xuño de 2026, España exportou a Xapón 24.880 toneladas de carne e despojos de porcino, o que supón un descenso do 73,9 % respecto ás 95.425 toneladas do primeiro semestre de 2025. En termos económicos, o valor destas vendas pasou de 402,9 a 90,6 millóns de euros, o que se traduce nunha perda de 312,3 millóns de euros en apenas seis meses (-77,5 %). A evolución mensual amosa un peche progresivo, pasando de unhas 7.000 toneladas enviadas en xaneiro a apenas 600 toneladas en xuño.
No caso de México, a paralización foi total. Durante o primeiro semestre de 2025 vendéranse 5.154 toneladas de carne e despojos por un valor de 9,8 millóns de euros, mentres que nas estatísticas dos primeiros seis meses de 2026 non se rexistra ningunha exportación. Así mesmo, o fluxo de produtos elaborados quedou pracmaticamente paralizado.
O director xeral de ANICE, Giuseppe Aloisio, advertiu de que os datos actuais aínda non amosan a dimensión real do problema, xa que moitas empresas puideron aproveitar nos primeiros meses do ano as marxes do empaquetado previo ás restricións.
A entidade sinala que, de non recuperar o acceso a estes mercados, o impacto será moito máis acusado na segunda metade do ano e insta a avanzar no recoñecemento dos mecanismos de rexionalización para que as zonas libres da enfermidade poidan seguir exportando. Así mesmo, ANICE recoñeceu o traballo técnico do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e defendeu a creación dun fondo mutualista europeo para protexer a competitividade da cadea fronte a estas crises sanitarias.
Situación da peste porcina en Cataluña
Esta semana, detectáronse 5 novos positivos en xabaríns, todos na área de alto risco, arredor dos primeiros brotes. Nesa zona, os positivos elévanse a 384, dun total de máis de 11.500 xabaríns capturados e analizados.
A enfermidade, con todo, semella en proceso de control, logo de que na segunda quincena de agosto houbese dúas semanas consecutivas sen ningún positivo, as dúas primeiras desde o inicio do brote.
A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) homenaxeou este xoves en Lugo ós profesionais da gandaría que se xubilaron durante 2025. No acto participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que puxo en valor a súa contribución ao mantemento e conservación desta raza autóctona.
Gómez destacou que estes profesionais forman parte da historia da gandaría galega e da propia Rubia Galega, actualmente considerada pola Xunta unha referencia e un motivo de orgullo. A conselleira reivindicou tamén o carácter vocacional do sector, ao sinalar que a gandaría é "unha maneira de vivir e de entender a terra".
Durante a súa intervención, referiuse á transformación do sector primario e á súa adaptación ás novas tecnoloxías e formas de traballo. Tamén agradeceu o labor desenvolvido nas últimas décadas por César Dorado Pin, que deixa a presidencia de Acruga e que non concurrirá ó proceso electoral que se iniciará en breve.
A Xunta asegurou que manterá o apoio ao sector gandeiro e á posta en valor do produto galego como parte da defensa do rural e da identidade de Galicia.
Miguel Garrido ten unha explotación de cabras de raza boer en Salvaterra de Miño. A raza é orixinaria de Sudáfrica e destaca polo seu comportamento cárnico, cunha elevada ganancia media diaria. Falamos con el para que nos explique as peculiaridades desta raza e as dificultades para traballar nunha zona sen máis ganderías.
Xunto coas cabras boer, mantén tamén un pequeno rabaño de Rubia Galega, no que tamén está a coidar a xenética.
– Cóntanos brevemente a historia desta gandería. Como se iniciou?
–Esta é unha explotación familiar, lévoa eu principalmente pero teño aos meus pais que me axudan sempre e son un apoio para tomar algunhas decisións importantes.
Eu empecei coas cabras xa dende moi pequeniño e chegou un momento no que me puxen a pensar que come o mesmo un animal bo que un animal malo. Os cabritos, cando se matan arredor dos 10-11 meses, pois tiñan sobre 12 quilos limpos. Estiven valorando as razas e vin que a boer é a raza cárnica por excelencia mundial, a que máis quilos e ganancia media diaria ten.
Entón daquela, pois tentei buscar algún animal de raza boer, que viñan de Alemaña a España. Naqueles anos non había animais que a xente lle chama puros, pero si que viñan animais brancos con cabeza marrón a un determinado prezo.
Case todo o meu rabaño actual procede de inseminación artificial
E a partir de aí, pois comprei un par de animais, a cousa foi a máis e chegou un momento no que dixen, teño estes animais, pero non sei se son realmente cabras boer ou simplemente son cabras brancas coa cabeza marrón. E sobre o ano 2015 foi cando entrei na Asociación de Cabras Boer de Portugal.
A metade dos animais ou máis da metade dos animais que eu tiña naquel momento non eran cabras boer, así que tiven que desfacerme delas e así empezamos a traballar pouco a pouco, con catro ou cinco femias e un macho dunha calidade que, a día de hoxe, diría que bastante corrente, normal ou mala, e fomos evolucionando ata que mercamos doses seminais.
Hoxe xa é máis normal iso, cando antes era moi raro ter unha cabra de inseminación artificial. Neste momento case todo o meu rabaño é de inseminación.
– Explícanos a superficie de terreo manexado, o número de cabras e vacas que tendes.
– O noso número de animais e de hectáreas que manexamos é pequeno. É dicir, estamos en Salvaterra de Miño e esta é unha zona de minifundio. Por norma xeral, unha finca grande acostuma ter sobre 1.000 metros cadrados e traballar grandes extensións é difícil.
Estamos en Salvaterra de Miño e aquí unha finca 'grande' ten 1.000 metros cadrados
En total manexamos unhas 11 hectáreas repartidas en tres parroquias distintas e dous concellos distintos. Iso xa fala da distancia entre elas, pero en extensión é moi pequeniña e, de feito, en cabras temos arredor de 60 reprodutoras, coas que acabaremos este ano, e 8 machos; e en vacas, reducimos e temos 6 nais reprodutoras, 2 delas inscritas nos rexistros de méritos da raza Rubia galega e as demais, fillas delas ou fillas de vacas e sementais que xa tiñamos antes.
– Fálanos da comarca na que estás, que non se caracteriza pola produción gandeira. Como é dedicarse á gandería nesta zona do Baixo Miño e como é o acceso á terra e a servizos gandeiros.
– Estamos no concello de Salvaterra de Miño. Non é unha zona gandeira actualmente, aínda que antigamente si que o era, pois en todas as casas había unha vaca ou había un rabaño pequeno de ovellas e demais.
Hoxe en día iso case non existe e temos a única explotación de bovino do sur de Pontevedra que está actualmente en ADS, pero probablemente deixemos de estar en ADS porque non hai máis gandeiros que se queiran meter dentro da asociación da ADS e dende este ano decidiron que como estamos tan lonxe e veñen dende Lalín, vannos cobrar un suplemento bastante alto de transporte, moi superior ao que nos cobran por vir a desparasitar as vacas, e probablemente teñamos que saír diso.
En canto as cabras, tamén estamos en ADS. A parte, tamén as temos inscritas na Asociación Boer francesa.
É complicado ter gando nesta zona; como estamos lonxe, a ADS cóbranos máis polo desprazamento que por desparasitar
É complicado ter animais nunha zona de minifundio, principalmente porque xuntar terra é complicado e cando vas apañar herba, non eres capaz de xuntar un autocargador nunha finca e logo para abastecerse, pois é complexo e tes que pensar moi ben que facer, como facelo e cando facelo.
Queremos facer un polígono agroforestal para ter a capacidade forraxeira de abastecer os nosos propios animais
Actualmente facemos uns 120 rolos de silo e xa nos quedamos escasos. A mediados de febreiro ou así, xa nos quedamos sen a materia prima que producimos e necesitamos mercar. De aí tamén un pouco que queriamos facer un polígono agroforestal para ter a capacidade forraxeira de abastecer os nosos propios animais.
– Entrando no tema das cabras e a raza boer. É unha raza peculiar. Explícanos a súa orixe e características.
– A raza de cabras boer é orixinaria de Sudáfrica. Foi unha cabra creada en Sudáfrica cando os holandeses se asentaron alí e empezaron a mesturar as cabras orixinarias ata conseguir ese cruce. Nos anos noventa exportaron moitísimos embrións a Australia e nós en Europa, pois conseguimos tamén esta raza a través de Australia.
Un cabrito boer de 8 - 10 meses pode estar en 30 quilos canal, cunha carne suave, tenra e con graxa infiltrada
En canto ás súas peculiaridades, pois é a raza cárnica por excelencia do mundo. Ten unha ganancia media diaria de entre 250 e 300 gramos diarios, dependendo do animal ou da calidade xenética do animal. A calidade da carne é excepcional. Un cabrito de 8-10 meses pode estar tranquilamente en 30 quilos canal limpo e o sabor non é nada parecido ao dos cabritos tradicionais de Galicia, non sabe a bravo, é unha carne moi suave, tenra e con graxa infiltrada.
– Fálanos da túa experiencia coa raza a nivel de rendementos, coidados, partos e do seu manexo en xeral.
– A cabra boer é unha cabra moi dócil e bastante rústica. Que teña tanto peso fai que sexa bastante tranquila en comparación coas demais e non soen saltar moito os peches polo peso que teñen. Pastan moi ben e tamén por esa rusticidade que comentabamos non acostuman ter enfermidades.
Os partos acostuman ir dende un ata catro cabritos, que nós xa tivemos en varias ocasións, e os pesos de nacemento acostuman oscilar, tamén dependendo do número de animais que nazan, entre os dous quilos e medio e os seis quilos trescentos, que tamén xa tivemos algún.
– Explícanos tamén as necesidades que teñen en canto a terreos, alimentación e clima.
– A cabra, en canto a necesidades alimentarias, é igual ou moi similar a calquera outra raza caprina. Necesita, pois, pasto fresco. E nós, no noso caso, dámoslle un suplemento pequeno a cada un delas de cereal diario. Simplemente para que teñan unha mantenza e estean equilibradas.
– A raza boer é unha raza que está a xerar interese en Galicia, ben a nivel de raza pura ou de cruzamento?.
– A situación da cabra boer, tanto en Galicia como en España, e tamén noutros países, vén sendo similar. Hai un número moi limitado de animais puros realmente, animais que sexan auténticos e que teñan o seu certificado zootécnico.
Entón, o que sucede é que hai un ou dous criadores potentes por país, e que acostuman estar nos países onde están as asociacións, véxase Portugal, Francia, Alemaña ou Irlanda, e logo outros países como aquí en España que non temos a asociación. Principalmente o que máis se pode atopar en páxinas de segunda man ou revenda de animais son animais que din que son puros pero que realmente non son o que din ser.
– Detállanos o traballo de xenética que estás a desenvolver coa raza a nivel de inseminación e selección de embrións.
– A nivel de selección de embrións levamos facendo embrións na nosa explotación, só para nós, dende fai 8 anos, desde o 2018.
No tema da xenética, fixemos a primeira experiencia de inseminación coa Universidade de Santiago de Compostela. De aí sacamos logramos sacar tres animais. E o seguinte paso foi afianzar ese proceso de inseminación artificial. Pero xa en vez de vía vaxinal, na que a porcentaxe de acerto era moi ínfimo, vía laparoscópica.
As doses seminais que traemos de Australia son moi caras. Tanto o custo das doses en si, como sobre todo o transporte. De feito, agora estamos intentando volver traer e simplemente un envío de doses seminais de tres machos son 22.000 euros.
O último ano conseguimos un 92% de éxito en inseminación artificial, que agora facemos vía laparoscópica
Entón, o que tentamos foi mellorar a efectividade e fai catro anos empezamos a facer a inseminación vía laparoscópica cuns resultados excelentes e pouco a pouco fomos afinando a técnica ata tal nivel que o ano pasado en inseminación artificial conseguimos de 43 femias reprodutoras, un 92,2% de acerto, o cal quere dicir que nos quedaron tres animais sen cubrir de forma artificial, que as cubriron os machos ao entrar no rabaño.
E tamén empezamos a facer por vía laparoscópica a implantación dos embrións cuns resultados excepcionais. Fai dous anos, con Champion, conseguimos 32 embrións viables de nivel un, o cal foi un auténtico éxito.
A partir de aí fomos afinando un pouquiño tamén ese proceso e démonos de conta de que facer embrións polo método laparoscópico, aínda que é minimamente invasivo e non lle facemos dano aos animais, as doadoras si crean adherencias e iso é un problema a nivel reprodutivo cando traballas con inseminación artificial.
E dicir, se queremos facer a reprodución ano a ano, pódense crear esas pequenas adherencias que falabamos e ese animal pode quedar inservible para volver a facelo outro ano. E iso é un hándicap porque sempre seleccionamos os mellores animais.
Como actualmente contamos co rabaño de maior número de animais de nivel xenético de Europa, o que queriamos era intentar seguir ese proceso de evolución en embrións, pero sen prexudicar ás nosas mellores femias. E puxémonos a investigar no campo do in vitro, que é algo que en pequenos ruminantes non está nada traballado como si pode estar en grandes ruminantes.
Estamos a traballar coa empresa Embriovet en facer embrións in vitro, que era algo que non estaba desenvolvido en pequenos rumiantes
Estamos a traballar coa empresa Embriovet cunha colaboración moi positiva e sacando resultados bos. Pensamos que podemos chegar a conseguir este ano mesmo xa afianzar ese resultado. De feito, o ano pasado xa conseguimos facer embrións in vitro, pero agora queremos afinar ese proceso porque a nivel europeo non hai ningún equipo veterinario que consiga facer ese proceso. Entón, digamos que é algo pioneiro, pois a nivel europeo ou quizais mundial.
Temos cualificación sanitaria para exportar animais a calquera país e estamos tramitando a certificación para poder exportar tamén a xenética
E o seguinte fito que estamos a intentar conseguir a nivel de embrións e de doses seminais está marcado tamén a nivel da cualificación sanitaria que temos. Fai oito anos comezamos a andadura de poder conseguir a cualificación sanitaria para poder exportar a calquera país da comunidade europea ou a terceiros países asociados a Europa e xa temos esa cualificación e este ano conseguimos tamén outro paso máis, que é que a nosa granxa, en colaboración con Embriovet, sexa un centro de extracción de material xenético, que é algo que nolo van validar no mes de outubro despois de ano e medio de traballo.
A partir de aí poderemos exportar o material xenético tanto dos nosos machos como femias, é dicir, doses seminais e embrións.
– Tal como nos contas, estás orientando parte do teu rabaño a comercializar animais de boa xenética para outras ganderías. Tes demanda?
– Actualmente, debido ao traballo de selección xenética que levamos feito, e sobre todo dende o 2018, cando foi o Brexit en Europa, vimos unha gran problemática, pois todo o material xenético que viña de Australia de cabra de raza boer que entraba en Europa, entraba por Inglaterra. Ao oficializarse o Brexit, cerrouse a porta de entrada directa de grandes importadores de caprino e dalgún xeito intuíamos que ninguén se ía atrever a facer ese investimento de, por exemplo, gastar 22.000 euros en tres machos.
Investimos en doses seminais para posicionarnos na vangarda da raza boer en Europa
Entón o que fomos facendo dende o ano 2018 ata agora foi ir contactando cos mellores criadores de Europa que ían deixando de criar cabras e comprándolles as doses seminais ou buscando doses seminais en centros de reprodución de toda Europa. Actualmente temos o maior stock de doses semanais en machos de diferentes liñas de toda Europa, cun total de 33 machos que en breve serán uns cantos máis porque en Italia hai un centro de produción no que conseguimos detectar varios machos e imos aumentar s novas liñas, e iso é o que nos permite a nós ser a vangarda na raza boer de toda Europa.
En Francia temos diversos machos que están mellorando os seus rabaños a nivel xenético e que están funcionando moi ben e están levando ao ano distintos animais para alá. E en Eslovenia xa van dous machos este ano para mellorar tamén o que é o rabaño do presidente da Asociación Boer de Eslovenia. E para o ano que vén temos tamén prevemos envíos para Italia e Eslovenia, Francia e Alxeria.
Os animais que exportamos a Francia e Eslovenia están dando bo resultado. Para o ano, temos previsto tamén mandar animais a Alxeria e Italia
O de Alxeria vai ser unha cousa novidosa porque será a primeira vez que mandemos animais para este país e teremos que ver evidentemente todos os trámites sanitarios, transportes, transfronteirizos que sexan necesarios levar a cabo, para facer os envíos con todas as garantías sanitarias para os animais, como sempre facemos.
– A nivel da venda de cabritos para carne, como traballades e como valoras a demanda e a comercialización?
– A venda de cabritos a nivel cárnico é un asunto que nos leva preocupando desde fai tempo, porque evidentemente non todos os animais que nacen son animais elite adecuados para a reprodución.
Digamos que o rabaño que tiña até agora era un rabaño case de autoconsumo e por iso moi pouca xente sabe realmente o valor culinario que ten esta carne. Pero temos un proxecto, que a Xunta acaba de coñecer, que lle chamamos de emprendemento circular, dende o polígono agroforestal para o consumo desa herba por parte dos animais até a innovación científica e tamén a comercialización desa carne. Sería unha carne moi axeitada por exemplo para escolas de Galiña azul para os nenos, porque a carne de cabrito é excepcional para os nenos.
Outro dos factores nos que nos vai axudar a Xunta de Galicia é a crear unha asociación boer española, porque unha cousa que non entendían era como dende España, e máis concretamente dende Galicia, estabamos servindo a tódalas asociacións boer de Europa, mentres en Galicia e España non tiñamos unha asociación boer con libro xenealóxico, que é o que se busca.
Dende o Ministerio nos dicían que tódolos países da Unión Europea temos as mesmas normas, pero é que cada país pon o mínimo de número de animais necesarios para crear unha asociación cun libro xenealóxico. Ese mínimo para España son 4.000 animais, cando en Portugal, por exemplo, cando creamos a Asociación Boer, da cal eu cheguei a ser o vicepresidente, formámola con 16 animais. Isto é un sensentido e así llo trasladamos á Xunta.
"Apostamos polas cabras porque no vacún de carne realmente non somos donos do noso produto"
– Explícanos finalmente o enfoque do traballo que seguides na gandería coas vacas de carne e como é a vosa produción.
– O número de animais que temos actualmente son 6 nais reprodutoras. Fai uns tres anos decidimos reducir o número de animais en bovino e aumentar en caprino debido a que somos unha explotación pequena. E entón fixemos unha selección, quedando cos teóricos mellores animais e dúas vacas de rexistro de méritos, sobre todo xovencas e recría desas nais do rexistro de méritos, como nais dos nosos futuros sementais.
A gandería de vacas comezou principalmente como un autoabastecemento, o típico de ter unha vaca na casa e tal. Fomos aumentando e os becerros que nacen e que, digamos, non teñen a calidade para recría, mandámolos a través de ACRUGA ao matadoiro. En canto á comercialización dos animais de recría, acostumamos vendelos a outros criadores ou a xente da zona.
– Como valoras a situación actual da xenética da rubia galega. En ACRUGA, da que formas parte, sempre hai certa polémica entre os distintos grupos de socios.
– Como socio de ACRUGA, e principalmente hai que ter en conta que son de Pontevedra, o cal xa di bastante do asunto, nós buscamos sempre animais de talla e leite. Pensamos que un becerro que está alimentado aguantado pola nai é un aforro enorme en penso e en diñeiro ao final.
Entón o que tentamos é buscar vacas reprodutoras con bastante rusticidade, xa que ACRUGA no seu momento, pois non apostou por esa liña. Nós no seu día buscamos animais para tentar formar iso nas provincias de Ourense e da Coruña, que principalmente foron as provincias onde quedou máis resgardada esa clase de animais.
– Como estás orientando a nivel de xenética o rabaño? Traballas con touros ou con inseminación artificial?
– Cando decidimos vender parte do rabaño, unha das cousas que estabamos levando a cabo era facer embrións das nosas vacas. Todo ese material xenético está gardado para o momento no que o mercado o pague e realmente se poida vivir da xenética e poidamos nós tamén aumentar a cantidade de terreo dispoñible para alimentar os nosos animais.
Actualmente temos gardado ese banco xenético de embrións que tiñamos feito e tamén temos dúas xovencas nadas de embrións, que foron seleccionadas especificamente polo seu carácter leiteiro.
Nun becerro que está alimentado e aguantado pola nai co seu leite o aforro en penso é enorme e ao final iso é diñeiro
Ata fai un ano estabamos implantando embrións en explotacións de frisoa. Se saían machos eran para eles e se saían femias recriabámolas nós, pero actualmente criamos un novillo, que é fillo dunha vaca de rexistro de méritos cunha actitude leiteira excepcional. E, de feito, o irmán estivo amamantando ata os once meses, o cal é moi excepcional no que é a raza Rubia galega, pero non só polo feito de estar amamantado ata os once meses, senón pola cantidade de leite que realmente tiña ese ubre. Non era un ubre cárnico, era un ubre leiteiro.
Entón, estamos buscando un pouquiño esa actitude, unha vaca rústica, unha vaca de antes. E que non faga falta, pois estar meténdolle penso tódolos días, senón que coa herba se vaia mantendo.
– En canto a Ternera Gallega, estás dentro de Ternera Gallega Suprema e como valoras o funcionamento da IXP?
– A nosa granxa sitúase dentro do selo da IXP Ternera Gallega Suprema de Raza Rubia Gallega. Os prezos ponos a mesa de prezos e é un dos factores polo cal apostamos máis polas cabras. Porque realmente non somos donos do noso produto, senón que uns terceiros, que nunca chegamos a coñecer ou a sentarnos con eles, son os que nos ditan a que prezo imos vender o noso produto.
E nese sentido, pois a aposta foi máis firme polas cabras porque nas vacas pensamos que estamos, por dicilo dalgunha maneira, a expensas doutros, do que poidan facer outros ou do que queiran outros.
– Hai algunha cousa máis que queiras comentar?
– É interesante pór en valor como a raza Rubia galega e os distintos tipos de Rubia galega, tanto o enfoque máis cárnico como o leiteiro ou rústico, si poden ser viables en calquera punto de Galicia, co noso exemplo en Salvaterra de Miño.
Esas características moitas veces non se teñen en conta por parte das ganderías á hora de apostar por razas foráneas que logo se meten dentro da IXP, facéndoas pasar como Ternera Gallega.
– En paralelo á gandería, xestionas unha Escola de Natureza. Explícanos que traballo se desenvolve aí e que vinculación ten coa gandería.
– A Escola da Natureza Gorriona é un dos traballos que teño. Nela temos animais que fan unha labor pedagóxica cos rapaces. Eles danlles de comer, aliméntanos, preocúpanse de se están ben ou se están mal. O outro día mesmamente tivemos un parto no campamento e moitos nenos viron por primeira vez parir unha cabra. E todo o proceso dende que pare ata cando empezan a camiñar os animais, para eles é unha novidade.
A Escola da Natureza que xestionamos cumpre unha función pedagóxica con rapaces que non teñen a oportunidade de ter contacto directo con gando doméstico
Nese senso, a granxa fai unha función de servizo pedagóxico. Os rapaces, moitos deles como son rapaces de cidade, ou aínda que sexan xente de aquí de Salvaterra, non teñen a oportunidade de ter contacto directo cos animais, xa que tal como comentabamos antes, nas casas xa non hai animais como había antes e, aínda que son nenos de aldea, non conviven con animais.
A suspensión das importacións de carne de vacún e de aves de corral procedentes de Brasil por motivos sanitarios entra en vigor este xoves, 3 de setembro, ao abeiro do Regulamento de Execución (UE) 2026/1189. As organizacións representativas da cadea gandeiro-cárnica valoran positivamente a medida e consideran que debe marcar un punto de inflexión na política europea de control das importacións.
O sector reclama á Comisión Europea que aplique a suspensión de maneira estrita, sen atrasos nin concesión de prórrogas. Ao mesmo tempo, advirte de que limitar o veto exclusivamente ao control do uso de medicamentos antimicrobianos na gandería brasileña sería insuficiente, tendo en conta as deficiencias detectadas nas inspeccións realizadas polos servizos oficiais da Unión Europea.
As organizacións consideran que o 3 de setembro debe representar un cambio de rumbo e non unha actuación puntual ou temporal. Por iso, defenden que calquera eventual levantamento das restricións quede condicionado a garantías estruturais que permitan comprobar de maneira efectiva o cumprimento dos requisitos europeos.
En concreto, solicitan un reforzo inmediato dos recursos destinados aos Postos de Control en Fronteira da Unión Europea, tanto en persoal como en medios técnicos e infraestruturas, para asegurar que as inspeccións oficiais dispoñan da capacidade necesaria. Ademais, reclaman unha nova auditoría oficial en orixe que permita verificar de forma fehaciente a implantación e o funcionamento dun sistema integral e inalterable de trazabilidade desde a granxa ata a exportación.
Normas espello para as importacións
O sector pon tamén o foco na competencia entre os produtores comunitarios e os procedentes de terceiros países. As organizacións asinantes lembran que os gandeiros e industriais europeos están sometidos a esixentes normas en materia de seguridade alimentaria, trazabilidade, benestar animal e sustentabilidade ambiental. Ao seu xuízo, non resulta xusto esixir o máximo nivel de cumprimento dentro da UE mentres se permite a entrada de produtos que non acrediten garantías equivalentes.
Por último, solicitan ás autoridades nacionais e comunitarias unha reunión de traballo inmediata para supervisar a entrada en vigor do veto, coñecer os recursos despregados e comprobar que os puntos de entrada á UE dispoñen dos medios necesarios para realizar os controis.
As organizacións defenden así que a suspensión non sexa só unha medida puntual, senón o inicio dunha nova etapa baseada en controis efectivos, trazabilidade real e garantías iguais para todos os produtos que entren no mercado europeo.
Os prezos do gando que concorreu esta semana ao recinto feiral do Mercado de Amio mantéñense con respecto á sesión anterior para o vacún de recría e o mediano e maior de abasto.
En canto á Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega, decidiu por unanimidade baixar 0,03 euros os prezos das canais de todas as clasificación e as categorías desta carne.
Finalmente, a asistencia ó mercado chegou ás 1.446 reses, 171 máis que á do día 26 de agosto. En detalle, pasaron 1.981 cabezas de vacún menor (151 máis que na sesión anterior); 36 de vacún mediano (-3 animais) e 119 de vacún grande (23 máis que na do 22 de xullo).
Cotizacións do 2 de setembro de 2026
A Central Agropecuaria de Galicia celebrou este martes unha sesión na que os becerros pintos procedentes das explotacións leiteiras continuaron gañando valor, seguindo o camiño iniciado a semana pasada, e na que a sensación positiva se trasladou tamén ao resto de gando vacún, con suba importante dos becerros carniceiros e revalorización tamén das vacas de matadoiro.
A suba dos xatos pintos de recría notouse en todos os grupos de idade: entre 15 e 21 días, cunha suba de 20 euros de media; entre 21 e 50 días, gañando 70 euros; mentres que os de máis de 50 días revalorizáronse 40 euros. No cruzamento industrial, a suba foi menor e máis desigual, cun lixeiro descenso dos xatos máis pequenos e unha lixeira revalorización dos máis grandes.
Pasteiros
A menor oferta de becerros pasteiros a respecto da semana anterior (só acudiron 60 animais a esta sesión fronte aos 129 da anterior) fixo que os prezos se elevaran na sesión deste martes, cos xatos cruzados pagándose por enriba dos 1.000 euros e os de raza rubia galega nos 1.100 euros.
Becerros carniceiros
A xornada positiva en Silleda tamén se trasladou aos becerros de matadoiro, cunha suba importante nos animais de cruzamento industrial, que gañaron de media 180 euros. A rubia galega mantívose máis estable, cun ascenso de 30 euros, pagándose cerca dos 1.600 euros os machos e dos 1.500 as femias.
Vacún maior
Do mesmo xeito, e malia contar con maior asistencia de vacas que a semana anterior, o vacún maior tamén gañou terreo. As vacas de categoría Extra subiron 100 euros de media para volver cotizar por enriba dos 2.500 euros, mentres as de Primeira se pagaron a case 1.390 euros de media, 25 máis que a semana pasada.
No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, o porcino cebado mantén a tendencia positiva das últimas semanas, cunha lixeira subida dun céntimo en quilo nesta sesión, logo de ter gañado 3 céntimos a semana pasada. O prezo dos bacoriños mantívose estable, ao igual que o dos ovos, os coellos e as galiñas de desvelle.
Descarga o pdf coas cotizacións completas desta semana neste enlace.
A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (Acruga) pechou o exercicio 2025 cun resultado positivo de 28.416 euros, segundo recolle o informe dunha auditoría externa realizada sobre as contas da entidade. O documento avala a situación financeira da asociación e será presentado na asemblea xeral prevista para este xoves, 3 de setembro, segundo anuncia a directiva.
As contas anuais recollen uns ingresos de 1.006.250 euros e uns gastos de 932.300 euros. O balance supón un resultado de case 74.000 euros que, unha vez aplicados os impostos, se traduce no beneficio final de 28.416 euros. A directiva de Acruga decidiu someter as contas a unha auditoría externa tanto para presentar os resultados ante a asemblea como para corroborar a situación da asociación ante a próxima apertura do proceso electoral.
O actual presidente de Acruga, César Dorado, que leva máis de dúas décadas á fronte da entidade, xa anunciou a súa intención de non presentarse á reelección.
Entre as principais fontes de ingresos figuran as subvencións procedentes das distintas administracións públicas, entre elas o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Tamén teñen un peso relevante os ingresos pola venda de animais do centro de recría da Granja Gayoso Castro, así como pola comercialización de sementais da nave de testaxe e de doses seminales.
No capítulo de gastos, a partida máis importante corresponde ao persoal, con preto de 400.000 euros. Séguelle a adquisición de novillas aos gandeiros e gandeiras de Acruga para garantir a dispoñibilidade de animais de calidade no centro de recría e nas poxas. A entidade tamén destinou recursos ao funcionamento e mantemento da nave de testaxe, á compra de nitróxeno e materias primas, á xestión do Libro Xenealóxico e á participación en feiras, certames e subastas.
O informe de auditoría conclúe que as contas anuais ofrecen unha imaxe fiel do patrimonio e da situación financeira de Acruga a 31 de decembro de 2025. Ademais, determina que non existen riscos significativos e lembra que a auditoría foi realizada por decisión da asociación e non por tratarse dunha obriga contable.