Category Archives: Agricultura

Galicia achégase ás 400 hectáreas de maceiras de sidra en ecolóxico

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe Galicia como toda unha potencia no sector da mazá de sidra, consolidada como unhas principais rexións produtoras de España. Destacouno na súa visita ás cooperativas Ullama e Maestra, situadas no concello pontevedrés da Estrada, nas que acaban de comezar os labores de colleita antes do habitual debido ás condicións climatolóxicas do verán. Seguindo esta liña, Gómez sinalou que a comunidade conta cunhas 400 hectáreas certificadas para mazá de sidra (das cales 120 están localizadas neste municipio da Estrada), cuxa produción acadou no ano 2025 un valor económico de 2,2 millóns de euros. A titular de Medio Rural puxo tamén en valor o papel das persoas produtoras de sidra, cuxa aposta, asegurou, contribúe á gran calidade que caracteriza ás producións desta localidade, na que cada ano se recollen uns 1,5 millóns de quilos de mazá que acadan un valor económico estimado de preto de 700.000 euros. Así, A Estrada é, de feito, o territorio europeo con máis superficie certificada en ecolóxico e é a principal produtora de sidra do continente. Ademáis, as dúas sidras producidas na Estada, Rabiosa e Peroja, comercialízanse baixo o distintivo Artesanía Alimentaria. Por último, a conselleira avanzou que por parte do Goberno galego seguirá a traballarse nesta liña, apostando pola produción agroalimentaria ampla e diversa que caracteriza ao sector primario galego, ao tempo que se aposta pola transformación para que o valor engadido xerado quede no territorio.

Xornada de demostración na Limia das últimas novidades en maquinaria para o cultivo de pataca

A nova edición de Alimagro celebrarase os días 5 e 6 de setembro de 2026. A feira concentra este ano a súa actividade durante o sábado e o domingo e incorpora importantes novidades para reforzar o seu carácter profesional e consolidarse como unha cita de referencia para a agricultura galega, a maquinaria agrícola e o sector da pataca. Unha das grandes feiras agrícolas de España Alimagro mantén como un dos seus principais atractivos unha das maiores exposicións de maquinaria agrícola de España, cunha ampla representación das principais marcas do mercado e as últimas novidades en tractores e equipos para os cultivos. Xunto á exposición exterior, a feira dispón dun espazo interior de casetas dedicado a empresas, produtores, entidades e servizos relacionados co sector agrario. Neste espazo, a gran protagonista volve ser a pataca, o cultivo emblemático da Limia, ao redor do cal se desenvolverán actividades profesionais, gastronómicas e divulgativas. Como en edicións anteriores, ALIMAGRO contará con máis de 20.000 metros cadrados de exposición e superará as cen marcas representadas, situándose entre as dez maiores feiras españolas do sector. DEMOALIMAGRO leva a maquinaria ao campo A principal novidade será DEMOALIMAGRO, unha demostración de maquinaria agrícola en campo que se celebrará o sábado 5 de setembro, entre as 10.00 e as 13.30 horas. Os agricultores poderán ver traballando en condicións reais tractores e maquinaria para a preparación do chan, seméntaa, a pulverización, o abonado e a recolección de pataca, coa participación das principais marcas do mercado. DEMOALIMAGRO permitirá comprobar directamente o funcionamento e as prestacións de diferentes equipos, coñecer as últimas solucións de mecanización e achegar as novidades do mercado a agricultores e profesionais. A auga e a agricultura en Galicia Como actividade previa á apertura da feira, o xoves 3 de setembro, a partir das 19.00 horas, terá lugar a xornada técnica “A auga e a agricultura en Galicia”. O encontro analizará a importancia da auga para o presente e o futuro do campo galego. Durante a xornada abordaranse a situación dos regadíos, a dispoñibilidade e planificación dos recursos hídricos, a xestión das comunidades de regantes e as posibilidades que ofrecen a dixitalización e as novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia da rega. Tamén se tratarán a agricultura de precisión, a modernización das infraestruturas, o mantemento e a substitución dos sistemas existentes e os principais retos que afrontan agricultores e regantes. A xornada finalizará cunha mesa redonda sobre o presente e o futuro do regadío en Galicia, coa participación de agricultores e representantes de comunidades de regantes da Limia. Cata-Concurso Nacional de Pataca A programación incluirá tamén unha nova edición da Cata-Concurso Nacional de Pataca, que se celebrará o venres 4 ao 19.00 h. e que este ano estreará un formato máis áxil, dinámico e participativo. As variedades presentaranse de xeito anónimo e sen unha orde previamente establecida. A degustación centrarase en dúas elaboracións, pataca frita e pataca cocida, que se servirán en pequenas porcións e poderán probarse en mesas altas. Este novo formato permitirá facilitar a participación do público e achegar aos consumidores a diversidade e calidade das variedades presentadas.

Galicia recibe o 0,6% das axudas á compra de fertilizantes que aporta o Ministerio de Agricultura

O Ministerio de Agricultura vai abonar 494,5 millóns de euros en axudas para a compra de fertilizantes a 249.000 explotacións agrícolas de todo o estado. A Galicia vanse destinar 3.024.944 euros, é decir, o 0,6% do total. Castela León, con 32.893 beneficiarios e 117.030.035 euros en axudas, encabeza o listado. Os produtores castelán-leoneses reciben así o 23,6% do total das subvencións. En segundo lugar sitúase Andalucía, con 87.674 beneficiarios e 112.926.040 euros. No prego de condicións para a axuda á compra de fertilizantes non se incluían as praderías de uso gandeiro. Por eso, os miles de hectáreas de pastos herbáceos que se cultivan en Galicia para alimentación, sobre todo, de gando vacún quedaron excluidas. O Ministerio desenvolveu estas axudas a raíz do encarecemento dos fertilizantes derivado da guerra en Irán e o bloqueo do estreito de Ormuz. As axudas son de 92,5 € por hectárea para regadío e de 38,33 € para secano, excepto para pastos temporais e permanentes. A primeira lista de beneficiarios foi publicada o pasado 6 de xullo. Daquela, os agricultores tiveron que manifestar a súa aceptación expresa no prazo de 20 días previstos para o trámite. Dende o Ministerio prevén que os ingresos na contas dos beneficiarios se realicen na primeira semana de setembro. A día de hoxe hai outros 9.362 solicitantes pendentes de resolver cuestións burocráticas para poder percibir a axuda. Da lista publicada o 6 de xullo, 1.290 agricultores comunicaron a súa renuncia á axuda. Nas vindeiras semanas vanse publicar novos listados de beneficiarios. Dende o Ministerio sinalan que “a axuda para a compra de fertilizantes é unha das medidas incluídas no Plan Integral de Resposta á Crise de Oriente Medio aprobado polo Goberno o pasado 20 de marzo mediante o Real Decreto-lei 7/2026, cun orzamento de inicial de 500 millóns de euros.” No segundo Real Decreto-lei 18/2026, de medidas de apoio aprobado polo Consello de Ministros o pasado 29 de xuño, ampliouse dita cantidade en 165 millóns de euros, hasta un total de 665 millóns. En dito Consello de Ministros incrementáronse as contías da axuda para facer fronte ao encarecemento dos fertilizantes ata 92,5 euros por hectárea para os cultivos de regadío e 38,33 para os de secano. Os responsables ministeriais lembran que “os fertilizantes son unha das materias primas que máis se encareceron a causa do conflicto bélico, polo que esta medida busca paliar o impacto de dito incremento nas explotacións agrarias. O obxectivo é que os agricultores poidan aplicar uns niveis adecuados de fertilización, que son imprescindibles para manter o volume da produción agrícola, sen que supoña un elevado sobrecoste e non repercuta nun encarecemento dos alimentos.” Pódense consultar os datos completos das axudas neste ENLACE

Gandeiros e horticultores da comarca de Betanzos ven en risco as súas explotacións pola seca e as restricións á rega

Imaxe do río Mandeo preto da captación do polígono de Teixeiro esta semana A escaseza de auga nos ríos e regatos da comarca de Betanzos pon en xaque as explotacións agrogandeiras. Esta semana, din os afectados, técnicos de Medio Ambiente desprazáronse á zona de captación para o concello e o polígono industrial de Teixeiro e constataron o notorio descenso do caudal do río Mandeo. Hai zonas do Mandeo de 12 metros de ancho onde apenas hai un metro de auga de profundidade. incluso están a morrer troitas, como xa denunciaron algúns pescadores. E Problemas similares xa se están a detectar na comarca de Bergantiños, especialmente na concello de A Laracha. O río Anllóns tamén presenta unha cantidade moi baixa de auga. Por outro lado, temen que a vaga de calor que se agarda para a semana que ven acabe por provocar restricións moi severas que afecten aos cultivos e mesmo ao consumo das vacas e limpeza das granxas.
Os efectos da falta de auga no millo van provocar perdas económicas a futuro porque haberá que mercar forraxes noutras zonas
Os afectados lembran que a cantidade mínima de auga que ten que inxerir diariamente unha vaca para poder dar leite suficiente é de 80 litros e que no verán esa cifra pode incrementarse ata 120 litros nos momentos de máis calor. E todo eso sen descoidar os labores de limpeza das instalacións, que se realizan varias veces no día. Así, xa se agoira unha mala colleita de millo, o cal redundará en perdas económicas para as explotacións gandeiras, que terán que mercalo noutros lugares. E nun contexto de caída da produción de cereais en toda España por causa da seca, co conseguinte encarecemento do que haxa dispoñible. Sen esquecer que o gandeiro sempre anteporá dar de beber as vacas e limpar, como mínimo, os sistemas de muxido antes que destinar a auga a regar o millo. Os horticultores sinalan que, aínda que agora xa non sería unha solución técnica, de cara ao futuro sería unha boa solución que se permita establecer dispositivos de recollida da auga que escorre polos invernadoiros cando chove e que se pode almacear e empregar en momentos de escaseza. Algo que veñen reclamando dende 2017. Dende as explotacións afectadas denuncian que os requisitos para poder establecer captacións de augas son tremendamente rigorosos e complexos. Por exemplo, habería que instalar contadores independentes nas zonas onde se vaia coller a auga e, ademais, estaría prohibido captar nos momentos de pouco caudal. A seca e a imposibilidade de regar deixaron o millo sen o crecemento necesario Así, recoñecen que a seca é un problema de difícil solución pero reclaman un papel activo por parte da administración, especialmente de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, para poder garantir a viabilidade da produción agrogandeira.
Os afectados ven estrano que en só catro meses se baleiraran as concas de ríos e regatos que estaban cheas a comezos de marzo
E entenden que tamén hai que manter a actividade industrial dos polígonos pero reclaman un reparto equitativo dos recursos hídricos para que todos poidan sacar adíante o seu traballo nunhas circunstancias tan difíciles. A única solución, aseguran, semella ser a chuvia. Pero non abonda con que chova un día; tería que chover como mínimo durante 15 días seguidos para que se puidera retomar unha situación próxima á normalidade. E Tampouco ven viable que se leven camións cisterna cargados de auga á zona afectada. Porque sería poñer un parche inútil a un problema grave e crear outro problema nas zonas onde non o había. Ademais, ven estrano que, hai catro meses, se falara de que as concas estaban cheas e en só 120 días practicamente se baleiraran os ríos e regatos desta zona. E máis cando xa hai semanas que se entrou en prealerta por seca e se restrinxiron usos como o enchido de piscinas, a rega de xardíns ou o lavado de coches.

As condicións climáticas reducen en 2 millóns de toneladas as expectativas da colleita de cereais en España

A última estimación do Consejo Sectorial de Cereales de Cooperativas Agro-alimentarias de España sitúa a colleita deste ano en 18,6 millóns de toneladas. Esta cifra supón unha revisión á baixa de 1,96 millóns de toneladas e unha caída do 9,5 % respecto da primeira previsión -realizada no mes de maio- que situaba a colleita en 20,56 millóns de toneladas. O informe realizado por Cooperativas Agroalimentarias cifra en 5,28 millóns de hectáreas a superficie destinada a cultivo de cereais. Tivéronse en conta as declaracións dos agricultores e gandeiros perante o Ministerio de Agricultura e as solicitudes de PAC. A estimación sitúa o rendemento medio de todas as comunidades autónomas en 3,52 toneladas por hectárea. Respecto da campaña de 2025, considerada unha das mellores dende que hai rexistros e na que se acadaron 26,64 millóns de toneladas, a produción total vaise reducir de forma moi significativa ata un 30% en volume e un 24% en rendemento. A produción de cereais de inverno estímase en torno a 14,8 millóns de toneladas, cun descenso xeneralizado en todos os cultivos. E quedaría nos seguintes números: - Trigo brando: 5,6 millóns de toneladas - Trigo duro: 449.000 toneladas - Cebada: 6,9 millóns de toneladas - Avea: 868.000 millóns de toneladas - Centeo: 149.000 toneladas - Triticale e outros cereais: 804.000 toneladas De xeito aínda preliminar, habería que engadir 3,83 millones de toneladas de millo. O trigo brando reduce a previsión de produción un 36 %, e a cebada tería un axuste á baixa do 32 %, respecto da campaña pasada. A cebada continúa sendo o principal cereal español por volume, cun rendemento medio de 3,19 toneladas por hectárea. Séguelle o trigo brando, con 3,25 toneladas por hectárea. A esta baixada de produción, hai que engadirlle un factor económico que agrava a campaña: o incremento de custes de produción en insumos, enerxía e laboreo, que reducen a rendibilidade das explotacións cerealistas. Aínda que os rendementos son só levemente inferiores á media dos últimos cinco anos, a marxe para os agricultores é sensiblemente menor. Factores climáticos Dende Cooperativas Agroalimentarias de España sinalan que as expectativas favorables xeradas polas chuvias de primavera non se consolidaron de maneira uniforme. E que as elevadas temperaturas dende a segunda quincena de maio aceleraron o crecemento e maduración en zonas centro e norte. Así, reduciuse o período de enchido, o peso do gran e o rendemento final. A Axencia Estatal de Meteoroloxía sinala que a temperatura media peninsular se situou en 3,2 °C por encima do normal en primavera e as precipitacións quedaron só no 39 % dos seus valores habituais. O rendemento caeu con forza, especialmente nas zonas onde o cereal se estaba enchendo cando chegaron as vagas de calor. Máis alá das cifras totais, dende Cooperativas Agroalimentarias apuntan a unha campaña moi desigual territorialmente. Mentres que en boa parte do centro e norte de España o principal factor limitante foi o estrés térmico e hídrico, en Andalucía as chuvias persistentes de inverno provocaron anegamentos, problemas de nascencia e falta de uniformidade en determinadas parcelas, afectando o potencial produtivo e a calidade do gran. A cebada segue a ser o cereal máis cultivado e con maiores rendementos en España Demandas do sector Cooperativas Agroalimentarias sinala que “os cereais constitúen un cultivo estratéxico para o equilibrio territorial, a actividade económica do medio rural e o abastecemento da cadea agroalimentaria. A volatilidade das últimas campañas amosa a necesidade de adaptar as explotacións fronte a fenómenos climáticos cada vez máis extremos e concentrados.” Por eso, consideran prioritario “avanzando na profesionalización dos cultivos, a mellora xenética, o uso de semente certificada e de gran acondicionado, a agricultura de precisión e o fortalecemento dos seguros agrarios.” A entidade sinala a iniciativa Agricultores Contra el Cambio Climático, AC3, como “unha ferramenta fundamental para xerar e trasladar solucións agronómicas que permitan reducir o impacto dos episodios climáticos adversos e avanzar hacia unha produción cerealista máis resiliente.” Pódese consultar o informe completo neste  ENLACE

A Conferencia Sectorial de Agricultura acorda a distribución territorial de 132,3 millóns de euros para a loita contra enfermidades animais e vexetais e actuacións vitivinícolas

A Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural acordou este martes a distribución territorial entre as distintas comunidades autónomas dun total de 132.334.445 euros, destinados a financiar actuacións en materia de sanidade animal e vexetal (18,5 millóns de euros) e distintas medidas da Intervención Sectorial Vitivinícola da Política Agraria Común (113,7 millóns de euros).

Sanidade vexetal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación destina 10.092.337,85 euros de apoio ao labor das comunidades autónomas na prevención e loita contra pragas no exercicio de 2026. Con esta partida finánciase o programa de vixilancia de pragas en todo o territorio nacional e un 44% de actuacións das comunidades autónomas no control e loita de determinadas pragas cuarentenarias que son as seguintes: -Xylella fastidiosa na Comunidade Valenciana, Baleares e Estremadura. -Nematodo da madeira do piñeiro en Galicia, Estremadura e Castela e León. -Picudo vermello das palmeiras en Illas Canarias, Comunidade Valenciana e Ceuta. -Couza guatemalteca da pataca en Canarias e Galicia. -Psyla africana dos cítricos en Canarias e Galicia. -Lagosta en Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, Murcia e Estremadura. -Chancro resinoso do piñeiro en Asturias. -Mosca da froita en Cantabria. -Filoxera da vide, gurgullo da raíz dos cítricos, mosca da cabaza, verme cogollero do millo e cochinilla do aguacate en Canarias. -Podremia anular da pataca en Cantabria. -Ralstonia solanacearum e Meloidogyne chitwoodi en Castela e León. -Caracol mazá e virus da nerviación amarela dos cítricos en Cataluña. -Flavescencia dourada da vide en Cataluña e Galicia. -Barrenillo do té en Andalucía. -Trips surafricano dos cítricos en Illas Baleares. A repartición territorial é a seguinte:

Sanidade animal

Para apoiar a execución de programas de erradicación de enfermidades animais, aprobouse a distribución por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de 8.502.274,84 euros. As medidas que se financian son indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais positivos en enfermidades suxeitas a erradicación, repoboación de explotacións tras os baleirados sanitarios e plans de vixilancia de encefalopatías esponxiformes transmisibles. Ademais, finánciase tamén a xestión de focos de gripe aviaria e de dermatose nodular contaxiosa -incluído o baleirado sanitario de explotacións afectadas e o 50% da aplicación das vacinas-. A repartición territorial desta partida é a seguinte:

Intervención Sectorial Vitivinícola

A Conferencia Sectorial acordou a repartición de 113.739.792,66 euros para financiar o desenvolvemento de medidas contempladas nesta intervención sectorial da Política Agraria Común para o exercicio de 2027, dos que 69.740.715 corresponden á liña de reestruturación e reconversión de viñedos e 43.999.077,66 euros para a de investimentos en transformación e comercialización (cuarta convocatoria, correspondente ao exercicio de 2027). A repartición territorial é a seguinte:

Repartición global:

Consello consultivo

No Consello Consultivo celebrado tamén este martes, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, informou aos conselleiros autonómicos sobre as prioridades da Presidencia de quenda de Irlanda no Consello da Unión Europea para este semestre, que viran ao redor de tres prioridades: competitividade, valores e seguridade. Planas destacou que, a Presidencia irlandesa expoña unha forte aposta pola simplificación normativa para reducir as cargas administrativas que pesan sobre os produtores a prol de facilitar a competitividade e reforzar o mercado único. Neste semestre deberase avanzar de forma determinante en asegurar que a Política Agraria Común (PAC) conte cun financiamento suficiente no futuro Marco Financeiro Plurianual, que previsiblemente quedará fixado a final de ano. En materia comercial, o ministro valorou que a Presidencia de quenda proxecte promover unha política comercial aberta que diversifique os mercados da Unión Europea con socios fiables, á vez que se protexen as producións europeas das prácticas desleais, en liña co que defende España.

Formación práctica para aprender a mellorar a fertilidade do solo coas cubertas vexetais

A Fundación Juana de Vega organiza o vindeiro mércores, 8 de xullo, unha xornada sobre xestión de cubertas vexetais en fincas rexenerativas. Esta actividade dá continuidade ao traballo que ven facendo esta institución ao arredor da agricultura rexenerativa e recolle unha proposta formulada pola hortícola Os Biosbardos a partir da súa propia experiencia práctica neste ámbito, e en colaboración coa empresa Jympa, referente do sector.

A formación impartirase en horario de 9:00 a 13:00 horas na sede da Fundación Juana de Vega (San Pedro de Nós, Oleiros) – Parcela de maceiras en Ardexurxo.

A inscrición é de balde pero a asistencia está limitada a un máximo de 40 prazas.

O obxectivo durante as 4 horas de formación será abordar, desde un enfoque técnico e demostrativo, o papel das cubertas vexetais na mellora da fertilidade do solo, na redución da dependencia de insumos externos e no avance cara a sistemas produtivos máis resilientes.

A actividade tamén pretende contribuír a crear comunidade entre produtores, técnicos e entidades interesadas en novas formas de producir, facilitando o intercambio de experiencias e ofrecendo respostas prácticas a algúns dos retos que afrontan as explotacións galegas.

Enlace para inscribirse

O SLG reclama unha Mesa do Cambio Climático ante o avance do verme soldado no millo e as vagas de calor

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicita a convocatoria urxente dunha Mesa do Cambio Climático para “abordar as medidas de fondo e actuar antes de que sexa demasiado tarde”. A organización agraria pon o foco nas altas temperaturas, os episodios de treboadas que causaron estragos nas colleitas, os danos nos cultivos e a praga do verme soldado no millo. Respecto do verme, o SLG asegura que a afectación, xunto á falta de forraxe e a perda de calidade no mesmo “preocupan en grande medidas os produtordes, que aturan perdas nos cultivos e non contarán con forraxes suficientes para alimentar o gando no outono e o inverno.” Para este venres, 26 de xuño, está convocado o pleno do Consello Agrario Galego. O SLG vai solicitar a antedita convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático para “trasladar a preocupación dos produtores ante a proliferación do verme soldado nas súas colleitas, que está afectando a toda Galicia”. O SLG pide medidas urxentes fronte ao avance do verme soldado A organización agraria subliña que “a presenza do verme no millo vai provocar perdas que poden millonarias para as granxas de leite. É necesario actuar de maneira urxente. Cómpre que a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tomen as medidas necesarias”. Entre esas medidas piden que se garantan os recursos e fondos necesarios para cubrir as perdas que están tendo ou poidan ter labregos e gandeiros. Por outra banda, o SLG anuncia que xa están a valorar a posibilidade de dirixirse a outras organizacións agrarias e sectoriais e non desbotan a convocatoria de mobilizacións. Finalmente, sinalan que “é urxente que a Xunta de Galicia reaccione xa a esta situación que afecta a centos de produtores por todo o territorio galego.”

Últimos días para inscribirse no obradoiro de enxertos de primavera

Por primeira vez, a Fundación Juana de Vega incorpora ao programa dos seus Cursos de fruticultura o Obradoiro de enxertos de primavera (nivel iniciación).  Con esta formación de dous días dá continuidade aos cursos de poda de árbores froiteiras e ao de poda de viñedo que se realizaron a principios de 2026, incorporando unha técnica complementaria á poda e esencial para a multiplicación, adaptación e conservación de árbores froiteiras. Se a poda contribúe a formar a árbore, equilibrar o seu desenvolvemento e mellorar a calidade e cantidade de froita, o enxerto permite traballar sobre a reprodución varietal, a elección de portaenxertos, a recuperación de variedades locais e a adaptación do material vexetal a diferentes condicións produtivas. O obradoiro impartirase o mércores 17 e xoves 18 de xuño na sede da Fundación Juana de Vega, en San Pedro de Nós (Oleiros) en horario de 16:00 a 20:00h. O custe da inscrición é de 60€. O docente será Filippo Foglia, biólogo molecular, asesor en agroforestería e especialista en prácticas rexenerativas. Conta con máis de sete anos de experiencia impartindo talleres de enxertos no marco do seu proxecto Finca Las Guindas.

Formulario para inscribirse dispoñible online na web da Fundación Juana de Vega 

Curso sobre instalación de invernadoiros do tipo “túnel de eiruga” en Ponte Caldelas

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organiza unha actividade formativa sobre a instalación e manexo dos invernadoiros de tipo “túnel de eiruga”. As formacións terán lugar os días 25, 26 e 27 de xuño Centro Cultural de Forzáns, no concello de Ponte Caldelas. A actividade é totalmente gratuíta e será impartida polo especialista Tomas Wyatt. A inscrición xa está aberta e pódese realizar a través do enderezo electrónico agrotecnico@sindicatolabrego.gal ou do teléfono móbil 669 80 84 18. Os túneles de tipo eiruga están formados por arcos paralelos que, partindo dende o chan, únense entre si mediante perfís cilíndricos. Eso permite crear estruturas ríxidas que facilitan a ventilación lateral de forma natural. Entre os contidos que se van tratar no curso, destacan os seguintes: – Introdución técnica aos túneles eiruga: usos, variantes e adaptación a distintos contextos – Selección e preparación do terreo – Construcción dun molde para os arcos e outros elementos da estrutura – Instalación da estrutura e colocación do plástico – Instalación de sistema de entitorado Na parte práctica, os participantes poderán visitar as instalacións de Horta da Agra, un proxecto promovido por afiliados do SLG e que ven de poñer en marcha o cultivo de diferentes hortalizas para envasalas en formato mezclum e comercializalas en puntos de distribución. A actividade conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e conta coa colaboración na parte organizativa da Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG) e do departamento de Formaciòn Agroalimentaria do MAPA  

Curso na Estrada de iniciación á fruticultura ecolóxica

O Sindicato Labrego Galego organiza un curso gratuíto na Estrada (Pontevedra) unha formación de iniciación á aprendizaxe de fruticultura ecolóxica. As sesións serán os días 11 e 18 deste mes de xuño, e o 24 de setembro e 29 de outubro, no horario de15:30 a 19:30 horas. A organización recomenda asistir todos os días. A formación está dirixida a persoas traballadoras, autónomas e desempregadas e será dirixida por Marcos Besada. Para asistir é preciso inscribirse en aestrada@sindicatolabrego.gal ou en 659 21 15 23. A actividade conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

A Deputación de Pontevedra lanza novas visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica Areeiro

A Deputación de Pontevedra acaba de reactivar o seu programa de visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica Areeiro, despois da grande acollida desta iniciativa durante a súa convocatoria 2025-2026. Deste xeito, estas instalacións ábrense unha vez máis ao público co fin de que a cidadanía coñeza tanto o traballo que se está a facer nas mesmas como os seus xardíns. Nas súas preto de seis hectáreas de superficie, conta con plantacións piloto de froiteiras, a colección de camelias da Deputación (con máis de mil exemplares), a primeira plantación de té de Galicia, un xardín de aromáticas e outras especies vexetais de interese. As visitas son gratuítas e están abertas a grupos de entre 2 e 30 persoas. As persoas encargadas de realizalas son guías habilitadas co título de guía turístico de Galicia e realizaranse os martes e xoves de 9:00 a 14:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas. Unicamente se poderá realizar unha visita por persoa ou grupo ao ano e pódense solicitar desde este momento cubrindo o formulario dispoñible na páxina web da Estación Fitopatolóxica Areeiro, cunha antelación mínima de dous días naturais. No caso de que participen menores, deberán estar acompañados dunha persoa adulta (nai, pai ou titora) e contar coa autorización asinada no caso de que se trate dunha visita escolar. A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.

Os funxicidas lideran o uso de fitosanitarios en España e representan máis da metade das aplicacións agrícolas

Os funxicidas e bactericidas seguen sendo a principal ferramenta fitosanitaria utilizada polos agricultores españois. Así o reflicte a Enquisa de Uso de Produtos Fitosanitarios 2024, publicada polo Ministerio de Agricultura, que revela que este tipo de produtos representa o 54 % do total de substancias activas empregadas durante a última campaña agrícola. Séguenlles os herbicidas, desbrozadores e musguicidas, cun 27 %, mentres que os insecticidas e acaricidas supoñen o 17 % do uso total rexistrado. A enquisa, correspondente ao período comprendido entre outubro de 2023 e setembro de 2024, ofrece unha radiografía detallada das prácticas de protección vexetal no sector agrario español. Entre os produtos máis utilizados destaca o xofre, empregado principalmente para a prevención e o tratamento de enfermidades en cultivos leñosos como o viñedo, o oliveiral e determinados froiteiros. Unha das principais novidades desta edición é a ampliación do número de cultivos analizados, que pasa de nove a dezanove. O estudo incorpora información sobre cereais, leguminosas, remolacha, algodón, xirasol, colza, froitos secos, viñedo, oliveiral, millo, arroz, tabaco, cítricos, froiteiros, pataca, forraxeiras e diferentes producións hortícolas tanto ao aire libre como en invernadoiro. Esta ampliación permite obter unha visión máis completa e representativa da utilización de produtos fitosanitarios no conxunto da agricultura española. A elaboración da enquisa foi posible grazas á análise de máis de 7.000 cadernos de explotación agrícola, recompilados coa colaboración do Instituto Nacional de Estatística (INE) e das explotacións participantes. Segundo destaca o Ministerio, a elevada taxa de resposta pon de manifesto o interese do sector por dispoñer de información fiable sobre o uso destes produtos e contribuír a mellorar o coñecemento das prácticas agrícolas. Alén de cuantificar as substancias activas utilizadas, a publicación recolle indicadores como a superficie tratada, o número medio de aplicacións realizadas ou as doses empregadas por unidade de superficie. Estes datos constitúen unha ferramenta fundamental para o seguimento das políticas agrarias e medioambientais, así como para o deseño de estratexias orientadas a fomentar un uso máis eficiente e sostible dos produtos fitosanitarios, en liña cos obxectivos establecidos pola Unión Europea.

Obradoiro de enxertos de primavera en froiteiras

A Fundación Juana de Vega incorpora ao programa dos cursos de fruticultura o Obradoiro de enxertos de primavera (nivel iniciación).  A formación impartirase o mércores 17 e xoves 18 de xuño en horario de 16:00 a 20:00 horas e ten un custo de 60 €. As prazas están limitadas a 25 persoas. Con esta formación de dous días dáse continuidade aos cursos de poda de árbores froiteiras e á poda de viñedo que se realizaron a principios de 2026, incorporando unha técnica complementaria á poda e esencial para a multiplicación, adaptación e conservación de árbores froiteiras. Se a poda contribúe a formar a árbore, equilibrar o seu desenvolvemento e mellorar a calidade e cantidade de froita, o enxerto permite traballar sobre a reprodución varietal, a elección de portaenxertos, a recuperación de variedades locais e a adaptación do material vexetal a diferentes condicións produtivas.

Ligazón para inscribirse e consultar o programa completo