O Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen normas para a nutrición sostible nos solos agrarios, consolida os cambios que se viñan anunciando no manexo de xurros e fertilizantes
Actualización Primavera 2024
– A Xunta autorizará a aplicación de xurros co prato invertido
A nova norma busca reducir as emisións de gases contaminantes, en especial do amoníaco, así como diminuír a contaminación das augas e dos solos. Así, o decreto prohíbe a aplicación de xurros con prato, canón ou en abano a partir do 1 de xaneiro do 2024. Establece ademais a obriga de que as explotacións conten cun plan de abonado a partir de setembro do 2024.
Facemos un repaso polos principais cambios que introduce a nova normativa:
–Será obrigatorio que todas as explotacións dispoñan dun plan de abonado, no que se inclúa unha estimación dos nutrientes que é preciso empregar, tanto de orixe orgánica como mineral, en función de cada cultivo e das analíticas de solo. Neste plan deberá indicarse o momento no que se ten previsto realizar o abonado, así como as medidas que se adoptaron para diminuír as emisións de amoníaco e doutros gases contaminantes.
As explotacións deberán contar con este plan a partir do 1 de setembro do 2024. O plan de abonado non será obrigatorio para as explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie, sempre que sexan de secano ou estean dedicadas unicamente a pastos ou cultivos forraxeiros para autoconsumo.
-As explotacións deberán contar cun caderno dixital de explotación no que se inclúa un apartado de Fertilización. Neste apartado debe figurar:
• O plan de abonado, naqueles casos nos que é obrigatorio.
• Os datos do solo e a composición analítica dos xurros e estercos aplicados nas parcelas.
• A data e doses nas que se realiza o abonado. Terase que rexistrasr no caderno de explotación, a máis tardar, no prazo dun mes desde a aplicación.
Todas as explotacións deberán contar con asesoramento técnico para o plan de abonado desde o 1 de setembro do 2025 (En zonas vulnerables a nitratos, desde un ano antes).
-Prohíbese aplicar o xurro con prato, abano ou canón, agás nos terreos con pendentes superiores ao 10%, onde só se poderán aplicar xurros producidos na propia explotación. Esta prohibición, igual que a maior parte do contido do decreto, terá efecto a partir do 1 de xaneiro do 2024.
-Tampouco haberá limitacións á aplicación do xurro con sistema de prato ou abano cando máis da metade da superficie da explotación teña máis do 10% de pendente ou teña menos de 2 hectáreas de base territorial.
-Nestes terreos tampouco se poderá aplicar xurro en situacións de elevadas temperaturas -para evitar a evaporación de nitróxeno á atmósfera-, períodos que teñen que ser definidos polas Comunidades Autónomas.
-Tampouco se poderán empregar o prato, abano ou o canón para aplicar outros materiais orgánicos ou orgánico-minerais cando teñan unha humidade superior ó 90%.
–O xurro ou esterco deberá ser enterrado o antes posible trala súa aplicación e sempre nas primeiras 12 horas, agás cando se realice sementeira directa, en agricultura de conservación ou cando se aplique en pastos. Tampouco será preciso enterralo cando se aplique por inxectores ou sistemas de aplicación localizada, así como cando ese xurro foi compostado ou dixerido previamente.
-Deberase empregar como mínimo unha das seguintes medidas de mitigación de emisións:
. Sistema de bandas con mangueiras ou tubos rixidos
. Sistemas de bandas con discos ou rexas
. Inxección
. Esterco sólido enterrado en menos de 4 horas desde a súa aplicación
. Aplicar produtos que inhiban a nitrificacion
. Acidificación do xurro.
. Calquera medida avalada técnicamente e recoñecida polas CCAA
–Prohíbese aplicar xurro ou esterco en terreos xeados, con neve, encharcados ou en períodos de precipitacións torrenciais. Tampouco se poderá aplicar naqueles terreos nos que pola distancia ou as características poidan producirse arrastres de nutrientes a humedais ou barrancos.
-Establécense períodos nos que estará prohibido realizar fertilización nitroxenada de determinados cultivos coma o viñedo (novembro – febreiro) ou os cultivos de inverno (verán), agás que se empreguen sistemas de rega localizada ou técnicas de agricultura de precisión.
-A maquinaria de aplicación debe estar calibrada e en bo estado. Contémplase que nun futuro poidan realizarse revisións periódicas por parte do Ministerio de Agricultura.
-O esterco e xurro sen transformar poderase aplicar en terras sen cultivo, en pastos cun mínimo de 21 días antes do pastoreo ou sega. No resto de cultivos forraxeiros haberá que esperar dende que se aplica un mínimo de 2 meses antes da colleita ou 21 días se non hai contacto coas partes comestibles do cultivo.
–Deberase ter en conta o contido en Nitróxeno e Fósforo do esterco e xurro, de xeito que non se superen as necesidades do cultivo nestes nutrientes.
-Non se poderá aplicar xurro ou esterco a menos de 5 metros de ríos, regatos, lagos, costa mariña, praias, captación de auga para consumo humano, pozos e fontes. As CCAA poden establecer distancias superiores.
-Controlarase a concentración de metais pesado e doutros contaminantes e impurezas nos solos.
-Prohíbese o uso de fertilizantes a base de carbonato de amonio. No caso da urea, será obrigatorio empregar polo menos un método para reducir as emisións (Incorporar a urea ó solo cun sistema de inxección ou mediante mestura dos grans fertilizantes co solo; enterrala no momento da aplicación ou antes de 4 horas, ou empregar urea recuberta de polímeros, entre outras posibilidades).
-Favorecerase o uso de fertilizantes que produzan menos emisións de amoníaco, tendo en conta as características dos solos, clima e cultivo.
-Créase un rexistro de fabricantes e outros axentes económicos de produtos fertilizantes no que deberán inscribirse para operar no sector.