A publicación por parte do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dos importes provisionais da PAC deste ano segue traendo malas noticias para os gandeiros de vacún de carne. Se no ecorrexime de pastoreo a merma nas contías é dun 28% respecto ao inicialmente previsto, nas axudas asociadas á produción (prima por vaca nutriz), prodúcese un descenso de case un 10% respecto do planificado, e o importe final queda por baixo do cobrado este ano polas explotacións.
Segundo o importe provisional para este ano 2023 feito público este luns polo FEGA, as ganderías galegas van percibir 3,63 euros menos por vaca ca este ano, pasando dos 85,16€ do ano 2022, aos 81,53€ da actual campaña, o que representa 8,72 euros menos do importe planificado inicialmente, fixado en 90,25€ por vaca nutriz, cun 10% máis (99,27€) en caso de tratarse de razas autóctonas, importe que queda agora en 89,68€.
O importe planificado inicialmente (90,25€) redúcese até 81,53€ por vaca
No caso da axuda asociada á produción láctea, mantense o importe de 157,95€ por vaca leiteira (181,66€ en zonas de montaña) para os primeiros 150 animais e 78,99 (90,83 en zonas de montaña) entre 151 e 725 vacas. Pola súa banda, os gandeiros extensivos de ovino e caprino de carne recibirán 14,46 euros por cabeza e os de leite 12,49€.
Críticas do SLG
“Resulta totalmente imprescindible que o Ministerio faga un urxente exercicio de responsabilidade e proceda á ampliación do orzamento até equiparar as axudas o máximo posible ao previsto. O vacún de carne foi un sector especialmente castigado nestes últimos anos no tocante ás axudas públicas”, insiste Ana Rodríguez, economista especializada na PAC do Sindicato Labrego Galego.
“Dende o SLG instamos ao Ministerio a ampliar orzamento até subsanar estas situacións, xa de por si incongruentes habida conta da responsabilidade que ten como Administración pública de establecer políticas dirixidas a garantir que se produzan alimentos a nivel de todo o Estado, canto máis se temos en conta a alza de custos de produción e os problemas derivados do quecemento global aos que se están a enfrontar as labregas e labregos”, asegura.
Unha marxe de erro de até un 28% evidencia eivas nos cálculos e pon en risco a situación económica das granxas
Desde o SLG insisten en que a redución das axudas pon en risco a continuidade das explotacións. “As granxas pediron os ecorreximes en función dunhas previsións que agora non se cumpren. Unha redución de 1/3 por hectárea dos importes muda moito o escenario, en moitos casos complicando de xeito salientable a viabilidade das granxas”, afirma Ana.
Desde o SLG consideran que tanto os ecorreximes como as axudas asociadas son “fontes de financiamento moi sensíbeis para as granxas”, polo que esixen “solucións” ante a “inxustificable falta de correspondencia entre as previsións das axudas do Ministerio e a súa contía final”.
As explotacións pediron os ecorreximes en función dunhas previsións que agora non se cumpren
Así, o Sindicato Labrego considera que unha variación do 28% entre as estimacións e as contías reais, como acontece no caso dos ecorreximes en pastos (pastoreo extensivo, sega ou illas d biodiversidade), que supón 17,44€ menos por hectárea, “é absolutamente inaceptable”.
Caso similar dase nos ecorreximes en terras de cultivo (sementeira directa e rotación con especies mellorantes), que tamén afecta de xeito diferenciado ás granxas galegas, onde a falta de concordancia entre o estipulado e o previsto sitúase no 20% (17,08€ menos por hectárea).
“Sendo os importes iniciais proporcionados polo propio Ministerio de Agricultura a información en base á cal as granxas toman boa parte das decisións económicas para o desenvolvemento da súa actividade produtiva, estes deben ser elaborados de xeito estritamente rigoroso”, argumenta Ana.
Só o 62% da superficie agraria que se acolle á PAC en Galicia pediu algún ecorrexime
Unións Agrarias estima que Galicia vai perder 5 millóns de euros en ecorreximes nesta campaña “polo deficiente asesoramento e os problemas de tramitación da PAC”. UUAA considera que case un 20% da superficie agraria que podía terse beneficiado destes fondos no primeiro período de aplicación dos ecoreximes da PAC non o fará polas dificultades rexistradas ao non ter contado con servizos de asesoramento especializados á hora de realizar unha tramitación que, cos novos requerimentos, se ten volto significativamente máis complicada.
Unións Agrarias lamenta a perda dunha oportunidade que terá importantes consecuencias para as explotacións da comunidade
Segundo os datos que vén de facer públicos o Ministerio de Agricultura, en Galicia só o 62% da superficie agraria que se acolle á PAC estará amparada polos ecorreximes, unha cifra que evidencia “os problemas á hora de enfrontar ese trámite cos que se atoparon os agricultores e gandeiros que non contaron cun asesoramento técnico especializado axeitado. Unha porcentaxe que no conxunto do Estado é moi superior e que, segundo as estimacións de UUAA, tamén en Galicia debera ter roldado o 80%.
Unión Agrarias lamenta que esa falla de apoio teña levado ás explotacións agrogandeiras galegas a unha situación que supón unha importante oportunidade perdida e que terá graves consecuencias económicas para o sector produtor. Unha situación que, de repetirse nos anos sucesivos, suporía un total de 25 millóns de euros perdidos para Galicia no período 2023-2027 da Política Agraria Común.