O 2023 preséntase como un ano de cambios nas explotacións leiteiras. Á entrada en vigor da nova PAC súmanse unha serie de normativas en materia de abonado, ordenación de granxas e dixitalización que obrigarán ás ganderías a modificar rutinas e facer investimentos e que supoñen unha ameaza para as máis antigas.
Trala súa aprobación a finais de decembro, o calendario de aplicación destas novas normativas é inminente. A partir de setembro as ganderías que traballen máis de 30 hectáreas de terreo deberán contar cun Caderno de Explotación dixital no que vaian apuntando os traballos realizados en cada parcela, así como as aplicacións de abonos e tratamentos fitosanitarios efectuados. Para o resto de explotacións entrará en vigor o 1 de xullo de 2024.
As ganderías terán de prazo un mes para facer esas anotacións e a partir do 1 de xaneiro do 2024 os sistemas informáticos deberán incluír a ferramenta de sostibilidade agraria para nutrintes. Ademais, non se poderá botar o purín cos sistemas actuais de prato ou abanico, agás en fincas de menos de 2 hectáreas ou cunha pendente superior ao 10%, en virtude do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas.
As novas normativas foron aprobadas en pleno Nadal, na última semana de decembro, e son polo momento descoñecidas para a maioría dos gandeiros
A maiores, haberá unha serie de esixencias no relativo ás instalacións coas que contan as explotacións e o benestar dos animais, en función do Real Decreto de Ordenación das granxas de vacún. Segundo establece a normativa, desde o 1 de xaneiro de 2025 as ganderías de máis de 180 UGM deberán dispoñer dun patio exterior ao que poder saír os animais, unha obriga que se estenderá ás ganderías de máis de 20 UGM tres anos máis tarde.
A partir de 2026 os establos xa existentes deberán contar con elementos que permitan minimizar o estrés térmico dos animais, os comedeiros e bebedoiros deberán ser suficientes para evitar situacións de competencia e o número de vacas por lote non poderá superar o número de cubículos e prazas de alimentación dispoñibles.
Algúns aspectos quedan a expensas da regulación por parte das comunidades autónomas
Son todos cambios normativos aprobados na última semana de decembro, en plenas festas do Nadal e, aínda que anunciados durante meses, descoñecidos por boa parte do sector. As novas esixencias collen en moitos casos aos gandeiros desinformados e ás ganderías sen estar adaptadas ou con escasa marxe para facelo.
Falamos con organizacións agrarias e cooperativas para avaliar o grao de adaptación á realidade galega dalgunhas das medidas e a capacidade de cumprilas por parte das explotacións.
José Luis Pérez (Agromuralla) “Ou coidas os animais e as terras ou cubres papeis, para todo non dá o tempo”
Desde a asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla incídese na carga de burocracia e traballo que as novas normas van levar aparelladas. “En cada granxa case vai ter que haber un secretario para que che leve os papeis, porque ou coidas os animais e as terras ou cubres papeis, para todo non dá o tempo”, afirma o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro.
“O caderno dixital é máis burocracia, supón cumprimentar máis formularios. E o problema é que cada vez que se burocratiza algo é un gasto a maiores para o gandeiro que non se ve repercutido no valor do noso produto”, quéixase.
“Agora a maioría de granxas van ter que contratar un técnico máis para que lles faga o Plan de Abonado, que é imprescindible no Caderno de Explotación dependendo das características da granxa, pero as granxas que quedamos producindo leite en Galicia xa temos todas máis de 10 ha e estamos obrigadas”, di.
O Caderno Dixital cómeche moitas horas se queres levalo ao día
Na súa explotación, Caseiro SAT, ubicada na Pastoriza, levan dous anos traballando xa cun caderno dixital. Desa experiencia José Luis destaca que é necesario dedicarlle tempo. “Cómeche moitas horas e telo que levar ao día. Nas campañas hai que meter moitos datos porque se converte case nun parte de traballo diario e hai que ter uns coñecementos de informática que moita xente non ten”, insiste.
Facer investimentos a curto prazo
En canto ás novas normas de xestión de xurros, o presidente de Agromuralla considera que “vén dado pola mala xestión da Administración á hora de organizar as granxas”. “As explotacións intensivas sen terra de polos e porcos de zonas como a Limia ou Rodeiro son un pouco o problema. Non lles estou botando a culpa a eles, pero por uns imos pagar todos. Déronse licenzas e autorizacións onde non se deberían ter dado. O do purín é un problema xerado pola Administración que nos traslada agora aos gandeiros”, quéixase José Luis.
O do purín é un problema xerado pola Administración que nos traslada agora aos gandeiros
Agora, unha vez creado o problema, di, “aproban unha norma que vai repercutir en investimentos a curto prazo, porque a normativa está aí”. “Durante moitos anos déronse axudas para maquinaria pero non se priorizou a ampliación e cubrición das fosas”, lamenta.
Déronse axudas para maquinaria pero non se priorizou a ampliación e cubrición das fosas
Desde Agromuralla insístese en que “non hai exceso de nitróxeno en Galicia” e propoñen acordos entre granxas de polos e porcos que non dispoñen de superficie e ganderías de vacún, tanto de leite como de carne, que teñan capacidade para asumir ese xurro nas súas terras. “O xurro hai que xestionalo ben, non é tiralo de calquera maneira, pero non sobra. Só hai que ver a cantidade de fertilizantes químicos que se mercan cada ano”, razoa José Luis.
Ás cidades non se lles está pedindo a trazabilidade dos seus residuos que se nos pide aos gandeiros
“Os gandeiros non nos negamos a coidar o medio ambiente; ao contrario, xa o facemos, porque somos os verdadeiros xestores do territorio. Pero hai unha dobre vara de medir, porque ás cidades non se lles está pedindo a trazabilidade dos seus residuos que se nos pide aos gandeiros. Nós non temos onde botar o noso purín pero queren que botemos os lodos das depuradoras das cidades”, quéixase.
Flexibilización a nivel autonómico
Sobre o Real Decreto de ordenación de granxas, Agromuralla considera que “hai moitas esixencias que non son adaptables ás condicións de Galicia”. “Hai que poñer normativas que sexan cumpribles e que se adapten á realidade. Regular é necesario, pero o que se regla ten que ser realista e cumprible e para iso á hora de poñer as normas hai que contar cos que as imos sufrir e ter que aplicar”, razoa José Luis.
Falta a adaptación das directrices xerais á comunidade autónoma e pedímoslle á Xunta que flexibilice a nivel autonómico a norma
O presidente de Agromuralla repróchalle ao Goberno central “o seu descoñecemento da realidade” e pídelle á Xunta “que xa que non deu feito a presión suficiente en Madrid para que as directrices xerais se adaptaran á situación de Galicia, polo menos que non aperten máis a nivel autonómico a norma e a flexibilicen o máis posible”.
“Con todo isto van obrigar ás pequenas granxas a pechar”
José Luis considera que para as explotacións de maior tamaño as novas esixencias normativas van supoñer un incremento de custos, pero para as granxas máis pequenas pode ser a súa sentenza definitiva. “En 5 anos moitas destas explotacións vanse ver obrigadas a pechar. Sobre todo no caso de ganderías sen un relevo que están esperando a xubilación e ás que non lles é viable facer investimentos. Neses casos todas estas normas supoñen o seu peche prematuro”, lamenta.
Ademais da necesidade de adaptar as súas infraestruturas e maquinaria, a propia configuración de moitas explotacións xa existentes fai inviable a aplicación de determinadas solucións alternativas. “As épocas de botar o purín coinciden con momentos de colleita e sementeira, polo que o parque de maquinaria actual do que dispoñen tanto as cooperativas como as empresas de servizo non van dar abasto. E está o problema engadido de que en moitos casos as grandes máquinas non entren á esterqueira ou a cargar á fosa de xurro, sobre todo cando non son establos novos e foron medrando e ampliando as instalacións existentes”, di.
Óscar Pose (Unións Agrarias): “Aplicar o decreto de xurros é tanto como dicirlle á xente que non vai cobrar a PAC”
O sindicato Unións Agrarias é moi crítico coa decisión final dos Ministerios de Agricultura e de Medio Ambiente de non permitir a aplicación de xurros polos sistemas convencionais e anuncia que “dará a batalla” para que o Decreto non se aplique tal e como está aprobado.
“Eu esperaba que houbera algo de cordura e que finalmente se abrira permitindo o prato invertido. Iso sería o viable, porque o plantexamento que hai agora non é viable para as explotacións, nin tampouco é posible que se fabriquen todas esas máquinas que serían necesarias para cumprir co Decreto para xaneiro do 2024”, asegura Óscar Pose, responsable do sector de leite.
O Decreto de xurros aprobado é unha medida para lavarse a cara ante Europa pero que tecnicamente non se sostén
Na súa opinión, o Real Decreto aprobado “é unha medida para cubrirse fronte a Europa pero que tecnicamente non se sostén, porque hai outras medidas moito máis efectivas para reducir as emisións”. Propón facer “o mesmo que se fai noutros países”, con solucións como ampliar e cubrir as fosas de purín, mellorar a formación dos produtores á hora de aplicar o xurro ou fixar condicións para que a partir dunha determinada temperatura ambiental non se poida botar.
Implicará perder as axudas da PAC
“Imos dar unha batalla dura para que non se chegue a aplicar o Real Decreto, porque iso é tanto como dicirlle á xente que non vai cobrar a PAC. O único que van facer é levarse por diante moitas explotacións, e as que non, supoñerlles un custo engadido”, argumenta Óscar.
É partidario de que “se persiga a quen xestione mal o xurro” pero pide “que non se criminalice a todo o sector”. “O purín non vacuno non é un residuo, é un abono. Se mercamos abono químico para o millo ou para as pradeiras é porque non nos chega o purín que temos nas explotacións. E, se sobra o purín, tamén sobran os lodos de depuradora. Son debates que hai que abrir”, di.
O responsable do sector leiteiro de UUAA ve “presións do lobby do sector dos fertilizantes e do porcino” e considera unha clara discriminación o feito de que ao vacún de leite, responsable segundo os datos oficiais do 8% das emisións de amoníaco, se lle obrigue a unha redución do 40%; mentres as de porcino, que supoñen o 20%, unicamente se teñan que reducir nun 8%.
En Galicia non temos un problema e onde o hai non se debe ao vacún, polo que non se vai solucionar con esta norma
“Non queremos xerar un enfrontamento entre sectores, porque somos todos gandeiros, pero é unha realidade que hai que contar, porque por moito que se insista en Galicia non temos un problema e onde o hai non se debe ao vacún, senón á contaminación por acumulación de outras especies. Así que con isto non se vai solucionar o problema nesas zonas porque non está causado polas vacas”, afirma.
Os patios exteriores carecen de toda lóxica
En canto ao Decreto de Ordenación de granxas, “non supón cambios moi importantes para as explotacións, pero si unha volta de tuerca máis con esixencias, moitas delas ridículas, como peches ou rexistros, que non teñen moita efectividade desde o punto de vista sanitario”, opina Óscar.
Non ten sentido ningún obrigar ao vacún a ter un patio exterior e non facelo con outras especies que están máis acinadas. Carece de toda lóxica
A respecto dos borradores iniciais houbo unha certa “flexibilización”, di, en cuestións como as distancias a núcleos de poboación, pero quedan aspectos da norma aínda por pulir, considera. “Entendemos que no caso da esixencia de patios exteriores se poderá adaptar aos períodos no que as vacas están secas. Non ten sentido nun establo no que as vacas andan libres, teñen un espazo adecuado e un volume de aire de boa calidade, esixir un patio exterior, sobre todo cando noutras especies onde os animais están moito máis acinados non se pide”, compara. “Eso está posto aí por descoñecemento”, asegura.
En canto á limitación do tamaño máximo das granxas, considera que o tope fixado en 850 UGM “en Galicia practicamente non nos afecta e serve para protexer ás explotacións pequenas e medianas, que son as que temos aquí, as que manexan o territorio e fan que teña vida o rural”, afirma.
Para a aplicación do Caderno dixital, Óscar ve “moi apurados os prazos” e agarda “certa marxe de flexibilidade” para permitir ás explotacións irse adaptando porque, di, “hai que ser conscientes da realidade que temos no sector”. “Estamos cargando ás explotacións de burocracia que incide en máis custos de produción. Con isto imos obrigar ás explotacións a ter máis técnicos contratados”, asegura.
Isabel Vilalba, SLG: “O número de cabezas ten que gardar unha relación equilibrada coa terra que se traballa”
O Sindicato Labrego Galego fai fincapé na redución da carga gandeira como solución para cumprir tanto coa nova normativa de xurros como con distintos aspectos da ordenación de granxas.
“O modelo que nós defendemos é no que o número de cabezas garda relación equilibrada coa terra que se traballa, por varios aspectos: por alimentación, para unha menor compra de insumos, e para unha xestión adecuada do medio”, argumenta a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba.
Parécenos esaxerado o número máximo de 850UGM; farían falta 400 ha de base territorial e en Galicia non hai ningunha granxa que as teña
“Por iso, parécenos esaxerado o número máximo de 850UGM. Desde ese criterio de lograr un equilibrio entre terra e número de animais, con 2UGM/ha faría falta moita máis base territorial porque estariamos falando de granxas de 400 ha, que non hai ningunha en Galicia”, di.
O “despropósito” das plantas de tratamento de xurros
“É necesario apostar por un modelo sostible e a base territorial é un parámetro necesario para iso. O contrario lévanos a disfuncións como a concentración de cebadoiros e o consecuente problema para as augas”, afirma Isabel, que critica a intención da Xunta de inzar Galicia de plantas de biogás.
“Outra cousa que nos parece un despropósito é o anuncio das plantas de tratamento de xurros, esa é a consecuencia de apostar por un modelo equivocado. Se nós temos un modelo onde se prioriza o extensivo e dotar de base territorial ás granxas, xa habería unha diminución das emisións”, di.
Os sistemas de inxección ao chan non funcionan ben co tipo de purín que se xera nas granxas
O SLG tampouco está dacordo cos novos condicionantes impostos para a aplicación do purín. “Estamos moi en contra de que se esixan esas grandes máquinas, cando falamos de inxección ao chan. Debe analizarse a medida cunha mirada integral, porque a máquina tractora ten que ser de gran potencia e se reduces as emisións por meter o xurro no chan pero tes máis emisións por queimar gasóleo non fixeches nada”, razoa.
Parécenos adecuado reducir as emisións, pero hai outros métodos para facelo. A solución non son grandes máquinas senón medidas que estean ao alcance dos gandeiros
Ademais, di, “en cooperativas e en ensaios que se están facendo estamos vendo que os primeiros sistemas de inxección teñen múltiples problemas. Trancan e non funcionan ben co tipo de residuo que se xera nas granxas e leva máis tempo botar o purín. Hai máquinas dese tipo aparcadas nas cooperativas”, asegura Isabel.
O feito de eximir aquelas superficies de menos de 2 ha ou con pendente superior ao 10% é un respiro
O SLG aposta polo dimensionamento das fosas e por tempos máis axeitados de aplicación. “Nisto é básico apostar pola investigación e desde o CIAM están apostando por modelos sostibles sen ter grandes máquinas nin ter que facer grandes investimentos que moitas veces non son sostibles. A solución non ten que vir por grandes máquinas e si por un modelo sostible e medidas de reducción máis nas mans dos gandeiros”, conclúe.
“O Caderno dixital implica unha complicación enorme”
“O Caderno dixital para as granxas parécenos unha barbaridade porque non engade nada novo, pero si implica unha complicación enorme e un gasto para moitas explotacións”, quéixase Isabel Vilalba.
“Sabemos a media de idade que temos no sector, bastante elevada, e unha cousa é facer un trámite online concreto, que xa supón unha complexidade, pero outra cousa é o día a día, e facer estas anotacións case diarias van obrigar a moitas granxas a ter que recurrir a un gabinete externo”, asegura.
Noutros países optouse por que estes cadernos dixitais foran unha opción voluntaria
“Noutros países optouse por que estes cadernos dixitais foran unha opción voluntaria pero aquí decidiuse facelo obrigatorio. Iso é non coñecer o sector que tes e pensar que todas as granxas son grandes empresas que teñen unha oficina para iso. O sector ten unha sobrecarga de traballo enorme para meterlle esta complexidade a maiores”, argumenta.
Ademais, di, “o caderno dixital non engade nada a nivel de trazabilidade e seguridade alimentaria porque xa existen eses libros onde se anotan os tratamentos e os animais que entran e saen da explotación”. “Queriamos que a dixitalización fora unha ferramenta de mellora para as granxas e non un problema, e tal como está plantexado neste momento é un problema”, conclúe.
Ausencia de modelos oficiais
Malia a publicación do Real Decreto que o regula e a súa entrada en vigor inminente xa no mes de setembro non existen aínda cadernos dixitais oficiais a disposición das explotacións, nin da Xunta nin do Goberno central, algo do que se queixa o SLG.
Eu recomendo á xente cautela, non vaia ser que agora merquen un paquete tecnolóxico que despois non estea homologado
“O sistema non está preparado aínda. Debería estar dispoñible o modelo oficial esixido no momento de aprobación do Real Decreto. O que temos agora no campo son empresas que están pensando en facer o seu agosto con isto, pero os oficiais non saíron. Eu recomendo á xente cautela, non vaia ser que agora merquen un paquete tecnolóxico que despois non estea homologado ou non se adapte aos modelos esixidos. A obriga é verdade que é próxima, pero eu recomendaría agardar a que saian os modelos da Administración”, recomenda Isabel.
Román Santalla (Cobideza): “O 50% dos socios veránse afectados e non poderán botar o purín coa súa cisterna actual”
A entrada en vigor dentro dun ano da prohibición de botar o purín cos sistemas de prato ou abanico vai obrigar a moitas explotacións a adaptar a súa maquinaria ou a externalizar os traballos. Pero o problema é a capacidade coa que contan as empresas e cooperativas para acoller esa sobrecarga de traballo cos parques de maquinaria actuais.
“No noso caso, o 50% dos socios veríanse afectados pola normativa e non poderían botar o purín coa súa cisterna actual. Teríamos un problema serio, porque non teriamos capacidade para botar o purín a ese 50% de socios. E igual ca nós, o resto de cooperativas e empresas de servizos”, recoñece Román Santalla, presidente de Cobideza.
A xestión do purín é algo moi complicado, porque cando vén a campaña todo o mundo quere nos mesmos días e non hai maneira
A cooperativa conta con dúas cisternas con sistemas de tubos colgantes pero admiten que “o traballo está sempre ao límite e no momento oportuno farían falta 20 cisternas”. Por iso, di, “é necesario ter unha cisterna na casa, porque a colectiva está ben, pero por servizo hai que ter a outra tamén”, asegura.
Hai un problema de acceso á maquinaria; queres mercar unha cisterna e tes que esperar un ano por ela
Por iso, Román lamenta que o Ministerio non autorizara finalmente esparcir o xurro co sistema de prato invertido, moito máis doado de incorporar ás cisternas actuais que hai nas explotacións que os inxectores. “Co prato invertido as emisións son menores e cando se saca no inverno ou en días de orballo hai incluso emisións negativas”, di.
O de porco é un purín máis doado de xestionar porque é máis líquido pero o de vaca atranca e causa problemas nos inxectores
“Iso hai que telo en conta e axustar o modelo un pouco máis antes de culpabilizarnos. Non é lexislar nun salón. Todos temos a mellor vontade de facer os nosos deberes na redución das emisións, pero teñen que facernos algún caso”, pide.
A pesar de que na versión definitiva do Real Decreto reduciuse a dimensión requerida para as fosas de 6 a 3 meses, Román defende que nas explotacións fai falta capacidade de almacenamento. “A comunidade autónoma ten que esquecerse das plantas de tratamento e de andar transportando o purín para elas; o purín fai falta para a terra. Ese fertilizante é un valor engadido e a maioría de explotacións andamos xustas”, recoñece.
Distancia das granxas ás vivendas
En canto ao Decreto de Ordenación de granxas, Román asegura que ten “luces e sombras”. Defende, por exemplo, a utilidade de “poñer teito ás granxas de gran tamaño”. “Había que buscar unha fórmula legal para que ese tipo de granxas non proliferen, que para Galicia ían ser un problema, pero ao mesmo tempo que permitira o establecemento de granxas comunitarias, onde varios socios se unen para reducir custos e gañar en calidade de vida e eu penso que o teito establecido, 850 UGM, é suficiente para iso porque para vivir das vacas o que hai que ter é unha rendibilidade”, argumenta.
Necesitamos granxas de tipo medio onde poidan agruparse distintas persoas para recudir custos e gañar calidade de vida, pero non necesitamos Noviercas
“O que me preocupa máis é o sistema de xestión que hai que facer en materia urbanística, como peches perimetrais e control de accesos, aínda que foi positivo que non se fixasen distancias, como estaba ao principio, porque en Galicia non temos territorio para que unha granxa teña que poñerse a medio quilómetro das casas”, razoa.
A normativa aprobada finalmente recolle que o establecemento de novas explotacións debe adaptarse ás regulacións autonómicas e aos plans urbanísticos dos Concellos. “En Lalín, por exemplo, temos que separar 50 metros do núcleo de población, a partir desa distancia podemos facer un establo”, exemplifica Román.
“Non é o mesmo unha gandería de 20 vacas que unha de 180”
Para o presidente de Cobideza, o que “non ten sentido” do Real Decreto aprobado é “que se meta no mesmo saco as granxas de 20 vacas e as de 180”. “Nese baremo é no que se move o 90% das ganderías galegas e obriga a pequenas explotacións de 25 vacas a facer o mesmo que unha de 180 vacas. Para as pequenas granxas pode ser o acicate para que desaparezan antes”, asegura.
Hai que limar algunhas cousas e estamos a tempo de facelo aínda que o decreto estea xa publicado
Por iso propón establecer o corte en 100 UGM, de maneira que se adapte mellor á realidade de Galicia. Tamén no relativo a outras medidas como a esixencia de patio exterior para os animais para que, debido ás condicións climatolóxicas galegas, non se convirta nun “patio de castigo”.
Considera que, coa nova regulación, “o modelo canadense co pastor eléctrico por riba leva camiño de desaparecer” pero, sen embargo, “a eliminación do emparrillado aprázase bastantes anos e se conta cunha zona de cubículos non tería problemas”, di.
A xente oe rumores e pouco máis; o primeiro que hai é unha falta de información tremenda
O Caderno dixital pide que se aprace a súa entrada en vigor porque “setembro xa está aí”. “É unha preocupación tremenda para as granxas porque leva moito tempo e a xente non está preparada para iso e os sistemas informáticos moitas veces non funcionan ben. Estase querendo pasar o mundo gandeiro a tecnoloxía punta e iso leva consigo dificultades, non é todo tan doado”, afirma.
Rosa Otero (CLUN): “A obriga de ter un patio exterior non é unha medida que se adapte a Galicia”
Rosa Otero traballa no servizo de xestión técnico-económica que Clun presta ás súas granxas socias e é a responsable da Entidade de Aconsellamento da cooperativa. Asegura que moitas das normas aprobadas “non colleron por sorpresa aos gandeiros porque levaban anos anunciándose”.
Desde a cooperativa realizaron xa 17 xornadas informativas nas distintas comarcas para informar ás ganderías e porán o seu equipo de enxeñeiros agrícolas e veterinarios a disposición dos socios para asesoralos na aplicación destas novas normativas.
Rosa pon o énfase en que moitos dos cambios supoñen para as granxas ter que facer algún tipo de investimento, ben sexa en materia de benestar animal e reforma das instalacións, ben en adquisición de maquinaria ou dixitalización, e di que “dependendo da situación financieira de cada granxa, pode ser difícil acometer eses investimentos nos prazos que se establecen”.
Levamos anos incidindo nestas materias e informando aos socios
Tamén detecta que cuestións como o Caderno dixital ou a obriga de elaborar Plans de Abonado “os gandeiros venas como un requisito burocrático máis”. “E o problema grave das explotacións é a falta de man de obra; teñen tanto traballo que a documentación déixana para o final”, recoñece.
Aspectos difíciles de cumprir
As cuestións que afectan ao benestar animal, di, “son aspectos que desde a cooperativa xa estabamos recomendando porque son medidas que benefician á produción, como dimensionar o número de animais ás instalacións que tes e que non haxa superpoboación nos cubículos”, indica.
As explotacións que están deseñadas con 3 filas de cubículos teñen normalmente un 30% máis de prazas de descanso que de alimentación
Un problema pode estar, conta Rosa, na aplicación nas explotacións que están deseñadas con 3 filas de cubículos “porque teñen normalmente un 30% máis de cubículos que prazas de alimentación”, aínda que Rosa agarda que poidan acollerse a unha salvedade recollida na norma, que o permite se se garante que todos os animais acceden, aínda que sexa por turnos, ao pasillo de alimentación.
No inverno o patio exterior converterase inevitablemente nunha lameira
Outro requisito difícil de cumprir pode estar na obriga de contar con patios exteriores, “tanto se obrigan a telo cementado como se é unha finca”. “Se é de cemento tes que recoller o líquido e mandalo para a fosa de xurro, co que son cantidades moi grandes de auga que irían para o purín, restando capacidade de almacenaxe. E se está en terra, no inverno converterase inevitablemente nunha lameira, que penalizaría en materia de benestar animal. Polo tanto, para Galicia non vai ser unha medida moi adaptada, porque o benestar que ganas por un lado, porque os animais saen fóra, pérdelo por outro, porque van estar encharcados nese patio”, asegura.
Os gandeiros son profesionais de elite e queren o mellor benestar para os seus animais
En canto ás medidas fronte ao estrés térmico, di, “a maioría das granxas fóronse adaptando e este pasado ano coa ola de calor no verán colocáronse moitos ventiladores e aspersores porque son cambios beneficiosos que supoñen maior produción”.
Fondos para adquisición de maquinaria
As granxas máis grandes levan tamén anos adaptándose ás novas obrigas en materia de xestión e aplicación de xurros. “Levamos dous anos metendo nos plans de mellora tanto cisternas como ampliación de fosas, pero sobre todo aplicadores, porque a maioría das fosas estábanse dimensionando xa para 6 meses porque o esixía Medio Ambiente e co que chove aquí compensa ter as fosas cubertas e, de feito, a maioría xa se foron cubrindo”, explica.
Espéranse axudas Next Generation para poñer ao día as cisternas
As explotacións teñen ata xaneiro de 2024 para eliminar o prato e abanico, polo que se agarda que o número de solicitudes aumenten dentro dos plans de mellora deste ano. É un investimento que se financia nun 35% con estas subvencións, pero que require afrontar a outra parte ao gandeiro. “Espéranse tamén axudas dos fondos Next Generation para poñerse ao día no tema da maquinaria”, indica Rosa.
No parque de maquinaria de Os Irmandiños na Devesa, en Ribadeo, vanse adaptar as cisternas para facer as aplicacións de xurros conforme á nova normativa e en caso de non ser dabondas está prevista a compra dalgunha máis. “A obriga de Clun é darlle servizo ao socio que o requira. Se é moi grande a demanda temos previsto a adquisición de máis equipos para tratar de cubrir esa demanda”, anuncia.