As granxas de vacún deberán ter un patio exterior ao que poida saír o gando

Publícase o decreto de ordenación de granxas bovinas, que regula as instalacións e cuestións de benestar animal. As ganderías existentes de máis de 180 unidades de gando maior deberán ademais cubrir a súa foxa de xurro para o 2026 e instalar un valado perimetral á explotación. Limítase a 850 unidades de gando maior (UGM) o tamaño máximo

Vista aérea das instalacións da granxa e a queixería

O Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas, aprobado o pasado martes en Consello de Ministros e publicado este xoves no BOE, establece as normas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións de gando bovino, en canto á capacidade produtiva máxima, as condicións mínimas de infraestrutura, equipamento e manexo, localización, bioseguridade, benestar animal, condicións hixiénico-sanitarias e requisitos ambientais.

“A intrínseca relación entre a produción de leite e de carne no sector bovino, fai que se decidira abordar a normativa considerando o sector no seu conxunto”, xustifica o Ministerio, aínda que se recollen diferenzas nos requisitos esixidos ás explotacións en función do seu sistema produtivo e o seu tamaño, e téñense en conta os condicionantes propios da produción de carne (cebadeiros) e de leite (granxas leiteiras), aínda que cun límite máximo común: 850 UGM.

As granxas clasifícanse en distintas categorías en función da súa capacidade produtiva co obxectivo de modular o nivel de esixencia de requisitos en cada caso. Do mesmo xeito, establécese unha diferenciación entre os requisitos para as granxas de nova instalación respecto das existentes. Así, as granxas existentes tamén deberán de cumprir e adaptarse aos novos requisitos en materia de bioseguridade, medioambiente e benestar animal, establecéndose un período transitorio para esta adaptación en caso de ser necesario.

Tamaño máximo, acceso a un patio exterior ou cobertura da foxa de purín son algunhas das cuestións reguladas, que pasamos a detallar:

850 UGM como máximo

tabla equivalencia UGM

“Co obxectivo de conseguir un desenvolvemento harmónico e ordenado do sector, considérase necesario establecer unha capacidade máxima aplicable ás granxas de nova creación e como límite de tamaño para as posibles ampliacións das granxas existentes”, indica o Real Decreto.

Esta capacidade produtiva máxima queda establecida en 850 Unidades de Gando Maior (UGM), sendo de aplicación tanto ás explotacións de nova instalación como no caso de ampliación de explotacións existentes. As autoridades autonómicas poderán, mediante normativa, incrementar a capacidade produtiva establecida ata un máximo dun 10%.

En función do seu tamaño, as explotacións intensivas serán clasificadas en tres grupos:

  • Grupo I: explotacións con capacidade de ata 20 UGM inclusive.
  • Grupo II: explotacións con capacidade superior a 20 e ata 180 UGM inclusive.
  • Grupo III: explotacións con capacidade superior a 180 e ata 850 UGM
  • Grupo IV: explotacións cunha capacidade superior a 850 UGM que á data de entrada en vigor do presente real decreto xa se atopasen en funcionamento, xa obtivesen a autorización correspondente ou se atopasen pendentes de obter a devandita autorización.

En caso de ampliacións, non terán consideración de nova instalación aquelas explotacións que ao aumentar e exceder o límite do seu grupo non supere en 50 UGM o límite inferior do novo grupo. As explotacións que na actualidade teñan máis de 850 UGM poderán manter a súa capacidade pero non ampliala.

Instalacións

O Real Decreto establece aspectos relativos ás instalacións que serán de obrigado cumprimento en instalacións de nova construción e a partir de 2026 nas xa existentes.

O gando deberá contar con espazos cubertos e nos establos deberase minimizar o estrés térmico dos animais. Os comedeiros e bebedoiros deberán ser suficientes para evitar situacións de competencia entre animais. O número de animais non poderá superar o número de cubículos nin de prazas de alimentación “a menos que haxa alimento ad libitum ou otros sistemas que eviten as situacións de competencia”, indica a norma.

A explotación deberá manter un rexistro de consumo anual de auga e cando a auga de bebida dos animais non proceda da traída municipal, deberán realizarse analíticas cada ano e proceder á súa potabilización en caso necesario.

Emparrillado e patio exterior

En caso de existir parrillas, polo menos a zona de descanso deberá estar libre de emparrillado. Do mesmo xeito os animais dispoñerán de patios ou zonas exteriores ás que poder saír.

Estes dous aspectos aplicaranse gradualmente para as explotacións xa existentes:

  • explotacións extensivas, semiextensivas e intensivas de menos de 20 UGM: 1 de xaneiro de 2030
  • explotacións semiextensivas e intensivas entre 20 e 180 UGM: 1 de xaneiro de 2028
  • explotacións semiextensivas e intensivas de máis de 180 UGM: 1 de xaneiro de 2025

Os tenreiros e tenreiras de máis de 2 meses non estarán en boxes individuais, salvo recomendación veterinaria.

Prohíbese a amputación do rabo pero permítese o descornado por ablación cirúrxica. Prohíbese tamén o uso de aparellos que emitan descargas eléctricas agás pastores e cercas eléctricas.

Distancias

A diferenza dos borradores iniciais, na redacción definitiva do Real Decreto non se establecen distancias das explotacións a outras granxas ou núcleos de poboación, quedando esta delimitación en mans das comunidades autónomas, que poderán limitar tamén a instalación e ampliación de explotacións en zonas declaradas como de alta densidade gandeira ou en zonas vulnerables á contaminación por nitratos.

As explotacións de nova construción de máis de 180 UGM e as existentes de máis de 850 deberán estar delimitadas perimetralmente cun valado continuo para evitar a entrada de persoas alleas á actividade e o contacto do gando con animais salvaxes.

O acceso ao interior da explotación debe dispoñer de peche

As comunidades autónomas poderán establecer esta obrigatoriedade para o resto de explotacións, podendo exceptuar a aquelas explotacións de nova construción clasificadas como extensivas sempre que non exista risco sanitario.

Control de acceso

Os accesos ao recinto da explotación manteranse permanente pechados, salvo cando se utilicen para a entrada ou saída do persoal ou de vehículos autorizados. Deberán dispoñer de arcos de desinfección para os vehículos que entren na explotación ou medios alternativos de eficacia equivalente que aseguren a desinfección das rodas.

As explotacións deberán manter “na medida do posible” un rexistro actualizado dos vehículos e persoas que acceden á explotación “e, en todo caso, sempre dos veterinarios”.

Todas as explotacións deberán dispoñer de roupa e calzado de uso exclusivo da explotación

A explotación deberá contar cun espazo adecuado para o cambio de roupa do persoal que traballa na explotación así como as posibles visitas. Dispoñerán ademais de ducha con auga quente, xabón e medios de secado.

Sistema Integral de Xestión

O Sistema Integral de Xestión das Explotacións Bovinas (SIGE) esixirase a partir do 1 de xaneiro de 2024 a todas as explotacións de máis de 20 UGM e deberá actualizarse cada 5 anos ou sempre que se produzan cambios substanciais nas instalacións ou prácticas de manexo.

No SIGE inclúese a aplicación dun Plan Sanitario Integral que deberá elaborar o veterinario, o Plan de Benestar Animal, o Plan de Xestión Ambiental e o Plan de Produción e Xestión de Estercos.

En materia de antibióticos, deberán almacenarse separadamente os medicamentos e produtos que se administran durante o muxido daqueles que se utilizan na fase de secado.

Xurros

A explotación deberá contar cun Plan de Produción e Xestión de Esterco ou Xurro e haberá un prazo de adaptación das intalaciones para as explotacións existentes ata o 31 de decembro de 2024.

O estercoleiro deberá contar con soleira impermeabilizada que evite a saída dos lixiviados. En explotacións de nova construción de máis de 20 UGM e nas existentes de máis de 180, o estercoleiro deberá estar cuberto.

As fosas de xurro deberán estar delimitadas perimetralmente e ter capacidade de almacenaxe por un período mínimo de 3 meses

As explotacións de nova construción de máis de 180 UGM e as existentes de máis de 850 deberán adoptar sistemas de mitigación de gases de efecto invernadoiro, en concreto, do amoníaco (redución da proteína na ración, fosas cubertas, costra natural, aproveitamento enerxético do metano).

Esta obrigación entra en vigor a partir do 1 de xuño de 2025 en caso de implicar modificación substancial das instalacións e un ano antes en caso contrario. A partir de 2026 podería revisarse esta obriga ampliándose ao resto de explotacións en función dos resultados das medicións de gases, avanza o Real Decreto.

Formación para o persoal das granxas

A partir do 1 de xaneiro de 2024, o titular da explotación deberá asegurarse de que todas as persoas que traballan co gando na explotación teñan unha formación adecuada e suficiente, mediante acreditación dun mínimo de 20 horas, en materia de benestar animal, manexo do gando, xestión de xurros e estercos e resistencia a antibióticos. Haberá 6 meses contados desde a data de inicio do contrato para efectuar esta formación.

As comunidades autónomas poderán eximir deste requisito aos traballadores que poidan demostrar un mínimo de 3 anos de experiencia práctica en explotacións de gando bovino. Cada 5 anos todos os traballadores deberán realizar cursos de actualización de coñecementos á normativa por un mínimo de 10 horas.

A aplicación de xurros con prato ou en abano prohíbese a partir do 1 de xaneiro do 2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información