A enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) é unha enfermidade producida por un virus ARN da familia Reoviridae (xénero Orbivirus) e transmitida por un culicoide, un insecto moi parecido a un mosquito responsable tamén da transmisión da lingua azul.
Alberto Prieto Lago, profesor do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, leva máis dun ano estudando esta enfermidade emerxente que se ve favorecida na súa expansión polo cambio climático e que o ano pasado apareceu por primeira vez en Galicia.
Este ano non ten por que ser peor que o anterior, polo menos naqueles lugares onde xa se detectaron bastantes casos o ano pasado porque seguramente a inmunidade de rabaño nesas zonas sexa elevada
Alberto participou recentemente nunhas xornadas organizadas por Agromuralla, onde defendeu a necesidade de axilizar a confirmación de casos e de realizar un estudo de seroprevalencia por comarcas para coñecer o estado real de inmunización actual acadado polo rabaño bovino nas distintas zonas produtoras trala aparición e avance da enfermidade o verán pasado.
O vector transmisor empeza a circular cando a temperatura mínima sobe de 10-12 grados
Os culicoides empezan a circular cando a temperatura mínima sobe de 10-12 grados, polo que co incremento de temperatura destes últimos días poderían comezar a saír do seu letargo invernal.
Se unha vez que empeza a circular o insecto vén unha semana de chuvia ou frío, o mal tempo non corta o seu ciclo, tan só o ralentiza. Pola contra, se soben as temperaturas acelérase o proceso de posta de ovos e eclosión de novos individuos.
Pero para transmitir o virus da EHE o insecto primeiro ten que cumprir o seu ciclo e logo atopar un animal infectado para poder transmitir a enfermidade. Por iso Alberto prevé que os primeiros casos deste ano empecen a producirse en Galicia nos meses de xullo e agosto.
Nos meses de calor a EHE afecta máis a explotacións en extensivo que a granxas que teñen sempre aos animais no establo
Con todo, considera que o 2024 non ten que ser peor que o anterior en canto ao número de casos e a evolución da enfermidade, polo menos naquelas zonas onde en 2023 houbo xa un número significativo de animais infectados.
“Nalgunhas zonas de Galicia, onde houbo unha alta incidencia e se detectaron moitos casos clínicos no outono pasado, como a zona de Guitiriz, Xermade, Muras, A Capela ou tamén a zona de Chantada, eu creo que a inmunidade de rabaño ten que ser moito maior da que se pensa, porque se se detectaron un número elevado de casos clínicos tivo que haber moitos máis casos subclínicos”, argumenta.
Sería convinte facer estudos de prevalencia por provincias ou comunidades para saber o estado no que se atopa a enfermidade
Para coñecer esa realidade, considera que sería necesario facer un estudo de prevalencia usando para iso as mostras de soros que toman por exemplo as ADSG, para ter información por zonas e saber cal é a situación da enfermidade neste momento e prever a súa evolución.
Axilizar a confirmación de casos positivos
O profesor de Patoloxía Animal da USC tamén recomenda axilizar os protocolos por parte da Administración para a confirmación dos casos. “O resultado dunha PCR pode terse no día, non hai que esperar 3 meses”, di.
A EHE estendeuse con rapidez o ano pasado pola península e Alberto considera que seguirá avanzando até converterse nun problema sanitario a nivel de toda a UE. “A enfermidade non vai parar nos Pirineos, seguirá subindo e vai chegar até Alemaña”, prognostica.
A enfermidade non vai parar nos Pirineos, seguirá subindo e vai chegar até Alemaña
En Europa a enfermidade entrou a finais de 2022. O 10 de novembro dese ano describiuse en Sicilia e Cerdeña, procedente do serotipo 8 de Túnez. Uns días despois, sobre o 18 de novembro xa se describen os primeiros casos en Andalucía, co mesmo serotipo 8 tunecino. “O transporte marítimo de animais eu creo que foi a causa máis probable da chegada a España”, considera o profesor de Veterinaria.
A finais de setembro de 2023 detectáronse os primeiros casos nos municipios coruñeses da Capela e As Pontes e o 22 de novembro deixaron de comunicarse casos, coincidindo coa chegada do frío e a baixada de actividade do insecto transmisor.
De febreiro-marzo até novembro temos presenza destes insectos en España
“De febreiro-marzo até novembro temos presenza destes insectos en España e en condicións favorables son posibles entre 3 e 4 xeracións de insectos no mesmo ano en función das condicións de humidade e temperatura”, indica.
Distintos serotipos sen inmunización cruzada entre eles
O virus que provoca a EHE ten unha particularidade que dificulta o seu control. “Xa se coñecen 7 serotipos da enfermidade e non hai protección cruzada entre eles. O serotipo 8 é o que está circulando agora en España”, explica Alberto.
A súa procedencia é Túnez, pero está xa constatada a presenza do serotipo 6 en Marrocos, que podería dar lugar á entrada en España doutra variante da enfermidade.
O orbivirus causante da EHE ten similitudes co virus causante da peste equina africana e co da lingua azul
A enfermidade da EHE foi detectada por primeira vez en EEUU en 1955 en venados salvaxes. Neste momento o serotipo 1 do virus é endémico en EEUU, mentres que en Xapón está presente o serotipo 2. Aínda que na conca mediterránea os máis estendidos son o serotipo 6 e 8, a cepa israelí, sen embargo, é do serotipo 7 e causou importantes perdas na súa cabana leiteira no ano 2006.
Como se comporta a enfermidade?
A evolución dos animais infectados que desenvolven a enfermidade da EHE é moi variable, asegura Alberto, pois poden darse desde formas subclínicas sen signos aparentes da enfermidade, que son os casos máis frecuentes, a casos agudos como consecuencia dos danos provocados nos vasos sanguíneos do pulmón e que poden levar mesmo á morte do animal.
É discutible que se diga que a mortalidade é baixa, pois vemos porcentaxes de até un 10% de mortalidade entre os animais que desenvolven cadros clínicos
En canto aos síntomas, o profesor de Patoloxía Animal do Campus Terra enumera os seguintes: “os animais deixan de comer porque se atopan mal; pode haber edemas ou teren a lingua inchada e inflamada, o que lles dificulta comer e tamén beber; ás vacas infectadas ás veces cústalles mesmo manter a lingua dentro da boca; apréciase caída de saliva e úlceras orais ou nasales, tamén con secreción nasal e ocular; úlceras no fociño; edemas oculares con conxuntivite e párpados moi inchados; en algunhas razas detéctanse problemas de patas e coxeiras, xa que se producen necroses de cascos, que ás veces acaban mesmo desprendéndose; e están aparecendo tamén diarreas hemorráxicas”, indica.
O problema é que cando entra nun establo e baixa a inmunidade do rabaño, aparecen enfermidades concomitantes bacterianas
Pero a maiores das propias consecuencias do virus, a EHE é tamén un desencadeante ou un potenciador de outro tipo de patoloxías. “O problema é que cando entra nun establo e baixa a inmunidade do rabaño, aparecen enfermidades concomitantes bacterianas que empeoran as consecuencias da propia enfermidade”, explica.
“É discutible que se diga que a mortalidade é baixa, pois vemos porcentaxes de até un 10% de mortalidade entre os animais que desenvolven cadros clínicos”, afirma o profesor de Veterinaria.
En EEUU ou Israel esta enfermidade xa se considera endémica
Pero a medida que a inmunidade de rabaño sobe, os efectos da EHE van diminuíndo. “Cando a porcentaxe de animais inmunizados aumenta non temos tanta mortalidade. É unha enfermidade moi complicada de erradicar que tende a volverse endémica, como acontece xa en EEUU ou Israel”, aclara.
“O problema dáse sobre todo co contacto con poboacións de animais virxes, como está pasando neste momento”, engade Alberto, que bota man dun símil para entender o que está sucedendo a día de hoxe nas explotacións de vacún: “cando os españois chegaron a América mataron a más indíxenas coa viruela que cos fusís”.
Tratamento e factores de risco
A adquisición de animais ou ter outras granxas a menos de 200 metros de distancia son factores de risco que incrementan as probabilidades de sufrir a enfermidade no rabaño.
Pola experiencia adquirida, pénsase que existe tamén un factor xenético como condicionante. “Hai razas más azotadas pola enfermidade, como a limusín ou a frisona, fronte a outras como a angus, que parece que resiste más, pero non está de todo demostrado”, aclara Alberto.
É fundamental manter a inxesta de auga e comida por parte do animal enfermo
Non existe un tratamento específico para a EHE e os seus efectos clínicos son tratados habitualmente con antiinflamatorios. “Só debemos dar un antibiótico se sospeitamos que hai unha inflamación bacteriana a maiores”, insiste o profesor da Facultade de Veterinaria. É tamén imprescindible manter a rehidratación do animal enfermo e a inxesta de alimento, para o que é recomendable a súa separación e vixiancia. Para as curas locais de úlceras e outros danos na pel pode empregarse clorhexidina como desinfectante de acción antiséptica.
Medidas preventivas a nivel de granxa
Aumentar a inmunidade do rabaño para que deste modo os animais da explotación resistan moito mellor a enfermidade é a principal recomendación que fai este experto para previr as consecuencias da EHE sobre a cabana gandeira.
Unha das características fundamentais dos insectos culicoides que transmiten a EHE é o seu pequeno tamaño, o que condiciona a posible colocación de mallas ou outro tipo de barreiras físicas para impedir a súa entrada aos establos. “Son moi pequenos e difíciles de ver, normalmente entéraste cando che pica”, asegura Alberto.
Non serven as mallas antimosquitos, porque os culicoides son máis pequenos
“As mallas teñen que ser finas, non serven as antimosquito, e se se impregnan con piretroides son un bon sistema de protección, pero ten un custo e ás veces non é doado instalalas, en función do deseño das instalacións”, recoñece.
Pero o feito de seren insectos moi pequenos tamén limita a súa mobilidade e a súa capacidade de desprazamento entre unha granxa infectada e outra que non o está. “É moi lixeiro e mal volador, polo que non percorre grandes distancias entre unha granxa e outra. Ademais, se temos correntes de aire cústalles máis pousarse sobre o gando porque é un insecto moi lixeiro”, remarca.
Se temos correntes de aire cústalles pousarse sobre o gando porque son insectos moi lixeiros
Outra diferenza a respecto dos mosquitos é que mentres que estes se reproducen na auga, os culicoides necesitan tamén de materia orgánica para o desenvolvemento das súas larvas, xa que as femias depositan os ovos na materia orgánica (marxes de fosas de purín, restos de silos, pilas de esterco, zonas de sombra con presenza de animais en extensivo onde hai restos de feces, comedeiros, etc).
Por iso, manter limpas estas zonas onde pode haber restos orgánicos é unha medida imprescindible para que o vector transmisor da EHE non se poida reproducir. “Eu recomendo extremar a limpeza e eliminar a materia orgánica que teñamos ao redor da granxa para reducir os lugares de cría. Nestas zonas podemos empregar tortas de sementes de Neem como larvicidas”, engade.
Uso de insecticidas
Para reducir a transmisión da enfermidade existen dúas estratexias: podemos reducir o contacto dos nosos animais co vector ou reducir o número de vectores. “Mediante o uso de tratamentos insecticidas, teremos menos risco, pero non existe o risco cero”, aclara Alberto.
En animais de produción non se poden usar repelentes sintéticos, só algúns de orixe natural. “Os insecticidas con piretroides son máis efectivos sobre o animal que no ambiente. Teñen unha duración de 21 a 35 días, aínda que se chove ou os animais se mollan os seus efectos desaparecen antes. E é necesario pulverizar ao animal por completo, porque aos culicoides gústalles picar no baixo ventre e na zona do ubre porque a pel é máis fina”, explica.
Por iso, di, meter os repelentes nos sistemas de nebulización non funciona, “porque unicamente mollamos o lombo e as costelas, pero non a zona baixa da barriga ou o ubre”, indica.
Para cando unha vacina?
Aínda que hai xa varias empresas farmacéuticas traballando no desenvolvemento dunha vacina para o serotipo 8 presente en España, Alberto é pouco optimista. “Non creo que teñamos vacina para este ano”, di, porque “o desenvolvemento dunha vacina require uns prazos e aínda que existe vacina xa para a lingua azul e comparte similitudes vexo pouco factible que estea lista no 2024. Pero se a enfermidade sigue subindo cara Francia e Alemaña eu penso que haberá máis presión a nivel europeo cara á industria farmacéutica para que se desenvolva unha vacina”, razoa.
Non creo que teñamos vacina para este ano pero se a enfermidade sigue subindo cara Francia e Alemaña eu penso que haberá máis presión cara á industria farmacéutica para que se desenvolva unha vacina
Nos Estados Unidos teñen empregado vacinas autóxenas para fauna salvaxe a partir de patóxenos e antíxenos, algo que na UE non está permitido. En Japón existen tamén dúas vacinas comerciais, pero son para o serotipo 2 e non protexen contra o resto de variantes pola reducida protección cruzada existente.
En EEUU desenvolveron autovacinas para a fauna silvestre, pero en España están prohibidas
“A peste porcina africana conseguimos erradicala en España grazas á vacinación”, lembra Alberto, que explica que “a experiencia coa lingua azul indícanos que cando temos un 80% da poboación vacinada ou inmunizada desaparece a circulación do virus e os casos clínicos da enfermidade desaparecen”. Coa EHE está por ver cal dos dous remedios (vacinación ou inmunización natural) se produce antes.
Por que no verán as vacas máis afectadas son as que están en pastoreo e no outono as das explotacións intensivas?
Aínda que a mellor maneira que teñen de pasaren o inverno os culicoides é en estado larvario, tamén son capaces de sobrevivir ao frío algúns individuos adultos, un feito favorecido sobre todo pola suavización das temperaturas invernais debido ao cambio climático.
Para resgardarse da invernada, moitas veces os insectos buscan acubillo no interior das naves das explotacións. “Os culicoides que temos aquí en Galicia son máis propensos a entrar nos establos que os que hai no sur de España”, asegura Alberto.
Na zona norte de España conviven distintos tipos de culicoide, entre os que están os do xénero Obsoletus e os do xénero Pulicaris. “O Obsoletus é o que máis nos debe preocupar aquí en Galicia”, asegura o profesor da USC. “Prefire estar fóra dos establos, aínda que tamén entra cando as temperaturas descenden”, explica.
Nas ganderías de carne existe maior risco en xullo e agosto e nas de leite en setembro e outubro
Esa sería a razón pola cal os casos detectados nos meses do verán se producen sobre todo no gando que está en extensivo e a medida que avanza o outono a maior parte das infeccións se trasladan a explotacións intensivas con gando estabulado, razoa.
O orbivirus responsable da EHE pode sobrevivir ao inverno dentro dun destes colicoides infectado que se refuxia dentro dun establo ou outra construción. “O mal de Schmallenberg en Alemaña tamén era transmitido por culicoides e viron que insectos infectados podían pasar o inverno dentro dos establos ou doutras construcións”, explica.
Para a reactivación da EHE este ano en Galicia tamén existe a posibilidade de que o seu vector (o insecto culicoide) volva entrar, infectado ou non, desde outras zonas, como aconteceu neste último verán.
Só pican e transmiten a enfermidade os insectos femia e acostuman facelo ao amencer e ao atardecer
Ovellas e cabras, así como rumiantes silvestres como os corzos poden actuar tamén de reservorios da enfermidade. Cando un insecto se infecta inicia un período de incubación que dura de 7 a 10 días, dependendo das condicións climáticas (con humidade e temperatura alta este período acúrtase).
Só pican e transmiten a enfermidade os insectos femia e prefire os momentos crepusculares, “No amencer e no atardecer é cando máis risco temos”, indica Alberto. “As femias para facer as postas necesitan sangue, e é nese momento no que van aos animais, pícanlles e inféctanos”, engade.
As vacas infectadas manteñen ata 50 e 60 días a enfermidade no sangue
No caso do gando, as vacas desenvolven a enfermidade entre 2 e 10 días despois de ser picadas e manteñen o virus no corpo durante uns dous meses. “Son virus con similitudes co da peste equina africana e a lingua azul”, indica.