Category Archives: Desenvolvemento rural

A Xunta quéixase ao Goberno Central pola discriminación a Galicia nas axudas para a compra de fertilizantes

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, trasladou este mércores o rexeitamento de Galicia aos criterios de reparto establecidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) das axudas para a compra de fertilizantes. Foi durante a súa participación na Comisión sectorial de Agricultura. Segundo Cerviño, “os profesionais agricultores e gandeiros galegos resultaron prexudicados pola distribución destas achegas, xa que se empregaron unicamente criterios relativos á Superficie Agraria Útil (SAU), sen ter en conta o tipo de cultivo”. Así, sinalou que “non ten as mesmas necesidades de fertilización o millo -cultivo maioritario en Galicia- que o centeo, a avea ou a alfalfa, por poñer algúns exemplos”. Nesta liña, o director xeral advertiu que “as comunidades do norte de España, entre elas Galicia, que plantan sobre todo millo, pero que teñen menos superficie cultivada en relación cos latifundios do centro e do sur, saen peor paradas no reparto”, algo que considerou inxusto e polo que pediu explicacións ao Ministerio. Asemade, Cerviño criticou que, “dentro da superficie subvencionada, se pagase máis ao regadío que ao secaño, algo no que a nosa autonomía tamén saíu prexudicada, tendo en conta que a maior parte dos terreos en Galicia corresponden a este segundo tipo de cultivo”.

O Sindicato Labrego Galego esixe a paralización inmediata do tratado de libre comercio UE-Mercosur

Coincidindo co Día Internacional de Acción contra a OMC e os Tratados Internacionais, que se celebra todos os anos o 10 de setembro, o SLG volve solicitar a paralización inmediata do tratado de libre comercio UE-MERCOSUR, especialmente nunha semana na que entra en vigor a prohibición temporal das importacións de carne de vacún, aves de curral e mel procedentes de Brasil. O SLG lembra, ademais, que aínda está pendente o pronunciamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a validez ou non do acordo. Para o SLG, esta suspensión “demostra que as denuncias e a oposición manifestadas pola organización eran certas e necesarias, e que o mercado europeo e, polo tanto, as consumidoras europeas, están expostos a importacións que non garanten o cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria comunitaria debido a fallos na trazabilidade”. Desde o SLG esixen que “estas medidas de bloqueo e inspección non se limiten unicamente a Brasil, senón que se estendan a todo o continxente e a todos os países que forman parte do acordo do MERCOSUR”. Así mesmo, solicitan á Comisión Europea que paralice de forma inmediata o acordo de libre comercio, tendo en conta que actualmente se atopa nunha fase de aplicación provisional, á espera de que se pronuncie a xustiza europea. A ollos do SLG, “esta situación demostra que as cláusulas de salvagarda prometidas non serven nin para protexer o produtor europeo fronte ás importacións masivas dos tres países nin para protexer o consumidor final do produto”. A organización lembra que, ante o desplome dos prezos en sectores como o vacún de carne e o mel nos últimos meses, xa no mes de xullo solicitara a aplicación das cláusulas de salvagarda, sen obter resposta ningunha, o que demostra a ineficacia destas medidas. Os resultados da auditoría da Comisión Europea confirman que, neste caso, a competencia desleal da carne brasileira non se basea só no dumping comercial, senón tamén nun grave dumping normativo. Aproveitando a celebración, o 10 de setembro, do Día Internacional de Acción contra a OMC e os Tratados Internacionais, desde o SLG reiteran a súa posición de rexeitamento á inclusión da alimentación nos tratados de libre comercio e, en xeral, o seu rexeitamento a tratados de libre comercio sen unhas regras claras e cunha absoluta transparencia. Lembran que o actual tratado de libre comercio UE-MERCOSUR foi aplicado de forma transitoria, utilizando un baleiro legal e sen escoitar a opinión da cidadanía e dos seus representantes no Parlamento Europeo. O período transitorio establecido constata como este foi utilizado de forma abusiva polos grandes operadores e importadores, que aceleraron a entrada de carne nos mercados europeos, facendo caer os prezos en destino sen que, por iso, o consumidor vise reducirse o prezo final. Esta situación, a ollos do SLG, “demostra o nocivos que son para a sociedade en xeral os tratados de libre comercio, e esixen unha vez máis a paralización deste tipo de acordos”. Así mesmo, lembran “o prexudiciais que son estes tratados para as producións locais e as pequenas explotacións, tanto nos países de orixe como nos de destino”.

A Deputación de Ourense convoca novas axudas para apoiar as explotacións gandeiras e agrícolas

Reunión Luis Menor Pérez (Presidene da deputación de Ourense), con membros da Asociación do Sector Primairo de Galicia, representada por Jesús Prieto Domínguez, Toño Prieto Domínguez, José Manuel Quintáns Pérez; José Manuel Quintana Valado e do alcalde de Xunqueita de Espadanedo, Pablo Graña Rodríguez.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, realizou esta mañá unha visita a unha explotación gandeira situada en Xunqueira de Espadanedo, co obxectivo de poñer en valor o firme apoio da institución provincial ao campo ourensán, a través das novas liñas de axudas dirixidas de forma específica ao sector primario.

Acompañado por unha ampla representación da Asociación do Sector Primario de Galicia, entidade creada en Ourense, e polo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, o presidente provincial destacou que a Deputación cumpre co compromiso de defensa do sector primario adquirido o pasado mes de xaneiro, no contexto das mobilizacións de gandeiros e agricultores que reclamaban medidas urxentes para protexer a súa actividade ante os novos desafíos do mercado.

Para facer efectivo este respaldo, a institución provincial aprobou o pasado 24 de agosto as bases de dúas novas convocatorias de axudas, cunha por un importe total de 350.000 euros, para apoiar ás explotacións agrícolas e gandeiras, favorecer a recría e contribuír á xestión e protección do territorio.

Luis Menor avanzou que se prevé a presentación de numerosas solicitudes, o que indica que “desde a institución e grazas á asociación conectamos perfectamente coas peticións do sector”. Adiantou ademais que unha vez avaliadas as peticións “estudaremos a posibilidade de incrementar estas axudas e melloralas, porque temos que actuar sobre o territorio e contribuír á viabilidade das explotacións agrícolas e gandeiras”.

Menor valorou positivamente este proceso, en tanto que demostra que a administración provincial adoptou medidas “que repercuten directamente sobre o territorio e as persoas, como institución útil para a sociedade”.

Dúas liñas de axuda

A primeira convocatoria está dirixida a intervencións de prevención de incendios forestais e apoio á gandería e explotacións agrícolas, cunha dotación de 200.000 euros para dous tipos de accións: 25.000 euros para gasto corrente, que permitirá financiar a recollida, transporte, tratamento e reciclaxe de plásticos agrícolas nas explotacións.

En segundo lugar, 175.000 euros serán para investimento, permitindo financiar a adquisición de maquinaria para prevención de incendios e xestión de biomasa.

A segunda convocatoria está destinada ao fomento da recría de femias de gando vacún, ovino e caprino en explotacións extensivas, cunha dotación de 150.000 euros, dos cales 130.000 serán para bovino e 20.000 para ovino e caprino.

O prazo para solicitar todas estas axudas finaliza o 25 de setembro.

Consulta aqui as bases das axudas

 

O Sindicato Labrego Galego mostra a súa preocupación pola “pasividade” da Consellería de Medio Rural ante a negociación da nova PAC

O Sindicato Labrego Galego mostra a súa preocupación ante o que cualifica de “pasividade” da Consellería de Medio Rural ante a negociación da nova PAC a partir do ano 2028. Para a organización “está en xogo o futuro máis ala do ano 2028 de milleiros de granxas de todos os sectores de Galicia”. Actualmente está na fase final de elaboración e debate a proposta marco da Comisión Europea para a PAC máis ala do ano 2028. O proceso de debate e negociación que se iniciaba en Xullo do ano 2025 coa publicación do primeiro borrador da proposta marco por parte da Comisión Europea presidida por Ursula Von Der Leyen esta chegando o seu remate no marco Europeo, para logo trasladarse o marco dos estados membros da UE. Para o SLG estamos ante “ a fase máis decisiva para saber que PAC teremos entre os anos 2028 e 2034 e sobre todo no momento de pelear por un marco Europeo cumpra coas nosas expectativas para a PAC futura.” Por iso dende o Sindicato Labrego Galego veñen de rexistrar diante do MAPA  as suas alegacións e achegas o borrador de marco proposto pola Comisión Europea a través dos propios cuestionarios que elaborou o MAPA para escoitar e recoller a voz de todo o sector. Para o SLG “Tentar levar a nosa voz e fundamental para camiñar cara unha PAC que nos sexa útil no noso país e que garanta a viabilidade económica na próxima década”. Dende o SLG destacan que froito do debate interno e da aprobación xa no pasado mes de Febreiro dun posicionamento público sobre como tería que ser a futura PAC fixeron chegar aportacións tendentes a garantir que a PAC chega a quen esta producindo alimentos no territorio, contribue a regulación dos mercados, garante a renda digna das persoas labregas, contribue a conservación do medio ambiente e dun medio rural vivo. Destacan dende o SLG que fan fincape no que é a base da súa proposta, garantir un pago directo por agicultor/a activo/a e non basear os pagos directos en base a superficie: “É preciso que a PAC vaia a quen de verdade coida o medio e produce alimentos, actualmente temos un sistema terriblemente inxusto onde se non tes unha gran extensión de terra non cobras moitos dos pagos da PAC”. Neste sentido consideran que o sistema actual de PAC perxudica moito a Galicia e a cornixa cantabrica, onde a base territorial e “escasa” e salientan que “Galiza é o único territorio do estado español que ten máis cotizantes a seguridade social agraria que solicitantes PAC”. E que os datos amosan claramente a ollos do SLG como o sistema actual de PAC é desigual para a realidade de Galicia e como esta actualmente non serve para cumprir cos obxectivos se lle asignaron na súa creación a través do Tratado de Roma en 1962 “ Se no resto do estado español practicamente 1 de cada 2 beneficiarios da PAC a súa actividade principal non é a actividade agraria, no caso de Galiza é á inversa, pois case 1 de cada 2 cotizantes á seguridade social agraria quedan fóra da PAC, en especial sectores como o viño, a horta e a apicultura. Esta anomalia é contrario os principios fundacionais da PAC en 1962: Incrementar a produción agraria, nivel de vida digno para as persoas productoras, estabilizar os mercados e prezos razonables garantindo o abastecemento”.

Preocupación pola dirección que está a coller a nova PAC

Dende o SLG mostran a súa preocupación coa dirección que esta a coller a nova PAC e consideran fundamental que é o momento de facer forza para intentar que a proposta se axuste as necesidades do sector. Neste sentido salientan que a proposta da Comisión Europea supón un importante retroceso para as granxas de toda Europa, onde destacan a redución presupuestaria e a suposta eliminación das axudas para o desenvolvemento Rural como duas das propostas máis preocupante do marco que se está a debatir en Bruselas “ a proposta de PAC feita esta moi lonxe de cubrir as demandas do sector e no noso caso vai supor un forte recorte dos fondos que as granxas van percibir”. Neste sentido salientan que “a proposta só constata como para  a UE a produción de alimentos en territorios da UE deixa de ser unha prioridade para Bruxelas e que de non mudar a orientación  e camiñar cara unha PAC e uns regulamentos da OMC axuden a regular os mercados e garantir rentas dignas, vai supor que en toda  Europa sigan a pechar milleiros de granxas e afondar no abandono das zonas rurais”.

“Despreocupación da Consellería do Medio Rural”

O SLG ao mesmo tempo fixo chegar as suas aportacións e enmendas aos cuestionarios formulados polo MAPA e facer así chegar a súa voz á negociación en Bruxelas, remitiu estasá Consellería de Medio Rural para que sexan tidas en conta pola mesma. Do mesmo xeito preguntan á Consellería de Medio Rural qué traballo fixo neste sentido para “tentar levar a voz e reivindicación das labregas galegas a Bruselas”. Sinalan dende o SLG que teñen constancia de que estes cuestionarios foron remitidos ás administracións autonómicas por parte do Ministerio para tamén recoller o seu sentir á hora de preparar o debate en Bruselas , pero que a estas horas “non temos constancia ningunha de que aportou ou se se fixo algo dende a Consellería do Medio Rural, algo ademais que contradí os acordos alcanzados no propio Consello Agrario Galego onde a finais do ano pasado se aprobou a creación dunha comisión de traballo coas organizacións agrarias para abordar a negociación dun xeito colectivo e facer unha posición de forza dende o noso país, comisión que so se reuniu unha vez en 8 meses”. Por iso esixen á CMR que con carácter inmediato convoque este órgano para avaliar a situación actual e facer un traballo conxunto que permita chegar a acordos e ter unha voz propia en Bruselas. Recordan tamén dende o SLG que actualmente están a debate as máis de 4000 enmendas que os distintos grupos parlamentarios do Europarlamento fixeron o texto proposto pola Comisión Europea, e que actualmente se atopan analizándoas no SLG a través da ECVC coa intención tamén de manter unha interlocución a nivel do parlamento europeo. Por último salientan dende o SLG que “a pasividade xeral que mostra a CMR ante este debate, xúntaselle a absoluta falta de información que esta está a ter co conxunto do sector, o que é unha mostra máis do pouco que lle interesa o actual goberno da Xunta de Galicia unha cuestión tan importante como a PAC”. Neste sentido resaltan dende o SLG que rematada a análise de toda a documentación e mantida a interlocución en todos os niveis, realizarán asembleas comarcais con todo o sector co fin de trasladar a siuación do debate e barallar accións tendentes a que sexan tidos en conta. “ A Consellería actualmente non ten goberno ningún, e semella que vontade ningunha en defender os intereses do sector en Bruselas e Madrid, viven na autocomplaciencia para manter o seu chiringuito pero traballo polo sector 0, esiximos se poñan o fronte neste momento e cumpran coas súas obrigas”, conclúen dende a organización labrega.

Hoxe inicíase o pago das axudas extraordinarias para a compra de fertilizantes

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación principia este venres, 4 de setembro, o pagamento das axudas extraordinarias destinadas a facilitar a compra de fertilizantes entre os profesionais do sector agrario. Nesta primeira fase, un total de 249.376 agricultores de todo o Estado recibirán unha contía conxunta que ascende a 494,57 millóns de euros. A relación completa de beneficiarios e o importe asignado xa se atopa dispoñible para a súa consulta pública a través do portal web do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Esta liña de apoio económico atópase regulada no artigo 50 do Real Decreto-lei 7/2026, do 20 de marzo, no marco do Plan Integral de Resposta á Crise de Oriente Medio, e dispón dun orzamento global de 700 millóns de euros. Segundo informou o propio departamento ministerial, proximamente darase a coñecer un segundo listado de potenciais perceptores para completar o reparto dos fondos asignados. O importe das subvencións establécese en función do tipo de cultivo e da superficie rexistrada. Deste xeito, os agricultores percibirán ata un máximo de 92,5 euros por hectárea no caso dos terreos de regadío e de ata 38,33 euros por hectárea nas superficies de secano. A medida busca paliar o forte impacto que o aumento dos prezos das materias primas tivo nas explotacións agrarias, ao ser os fertilizantes un dos insumos máis afectados polas tensións xeopolíticas internacionais. Desde o Executivo subliñan que o mantemento duns niveis óptimos de fertilización resulta imprescindible para preservar o volume da produción agrícola, evitando así que o incremento dos custos de produción repercuta nunha subida final dos prezos dos alimentos para os consumidores. No que respecta á distribución territorial, Castela e León lidera o reparto con 117 millóns de euros destinados a 32.893 beneficiarios, seguida de Andalucía con 112,9 millóns e Castela-A Mancha con 98,6 millóns de euros. Pola súa banda, en Galicia un total de 3.299 agricultores resultaron beneficiados nesta primeira resolución, cun importe global que supera os tres millóns de euros (3.024.944,19 euros) para dar cobertura a máis de 75.400 hectáreas. Por provincias, A Coruña sitúase á cabeza na comunidade con 1.506 perceptores e 1,43 millóns de euros, seguida de Lugo con 1.131 agricultores e 913.913 euros. En Ourense, 391 profesionais recibirán unha suma de 508.183 euros, mentres que en Pontevedra os 271 beneficiarios contabilizados sumarán un apoio de 169.901 euros.

Por qué o rural debe ter glamur? A debate o 12 de setembro no Muvicla

O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla) organiza o día 12 de setembro na súa sede en Trasliste, no concello lugués de Láncara, unha xornada sobre "O Glamur é do máis rural que hai", na que intervirá xente vinculada ao agro. Ademais, seguirase vinculando a xornada con marcas de automoción glamurosas con pasado rural; neste caso Ducati, Pegaso e Alfa Romeo. A inscrición é gratuíta previa confirmación no teléfono 619 389 069. Velaquí o programa da xornada:

A asociación ‘Elas Eles’ pide participar no control da Lei da Cadea Alimentaria

O colectivo gandeiro Elas Eles fixo pública a súa solicitude formal á Consellería do Medio Rural para incorporarse de maneira inmediata ás mesas de control e seguimento da Lei da Cadea Alimentaria, tanto no sector lácteo como no da carne. Esixen a mesma presenza e capacidade de interlocución que se lles recoñece a outras organizacións do sector. Os produtores denuncian que se ven excluídos dos espazos onde se fiscaliza o cumprimento da lexislación vixente. Lembran que o obxectivo principal da Lei da Cadea Alimentaria é evitar a venda a perda e protexer ao produtor fronte aos abusos de poder na negociación coa industria e a distribución; sen embargo, o colectivo considera imposible garantir ese control se quen traballa a terra e coida do gando non está presente nas mesas de vixilancia. "Non ten sentido que se fale de controlar custos e prezos transparentes mentres se deixa fóra da mesa a quen asume todo o risco económico da actividade", sinalan dende o colectivo. O sector afirma que a súa presenza nestes órganos é vital para trasladar a realidade dos custos de produción (pensos, enerxía, combustible) e comprobar en tempo real se as industrias cumpren formalmente a lei ao rubricar os contratos. Gandeiras e gandeiros galegos Elas Eles reclaman á Administración que formalice a súa incorporación sen máis demora, ao considerar que a participación dos produtores é imprescindible para mellorar a transparencia da cadea de valor, garantir un control efectivo da normativa e asegurar a viabilidade das explotacións galegas.

Balance das axudas para maquinaria agrícola en réxime asociativo

A Consellería do Medio Rural destinou seis millóns de euros nas dúas últimas convocatorias de axudas, realizadas en 2025, para fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo. En total, 61 cooperativas e sociedades agrarias de transformación beneficiáronse destas achegas. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou este xoves en Touro a importancia destes apoios durante unha visita á gandería de leite Casal Vilar, unha das explotacións de maior tamaño da Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) Brandelos, que tamén recibiu financiamento. Segundo explicou Gómez, as subvencións permiten reducir os custos e a carga de traballo das explotacións, ademais de mellorar a seguridade dos usuarios e favorecer o aforro e a eficiencia enerxética. As axudas poden chegar a cubrir ata o 50 % do custo da maquinaria. A CUMA Brandelos recibiu máis de 790.000 euros nos últimos anos ao abeiro desta liña de apoio. A cooperativa está formada por nove explotacións que xestionan máis de 730 hectáreas, contan con máis de 2.500 cabezas de gando e producen preto de 18 millóns de quilos de leite ao ano. Durante a visita, a conselleira puxo tamén en valor o papel das cooperativas e das sociedades agrarias de transformación na mellora da competitividade do sector primario e, especialmente, do lácteo. Gómez salientou, ademais, a presenza das mulleres no funcionamento da CUMA Brandelos, onde representan o 60 % das persoas socias. A conselleira cualificou esta participación como un “verdadeiro exemplo” e reafirmou o compromiso da Xunta para seguir impulsando a presenza feminina nos postos de toma de decisións do rural galego.

Entrepinares, Dairylac e Novafrigsa logran as maiores axudas para proxectos de transformación agroalimentaria

A Consellería do Medio Rural fixo pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da convocatoria de axudas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, unha liña de financiamento cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Nesta edición, a Xunta de Galicia destina máis de 16 millóns de euros ao apoio de 36 novos proxectos empresariais e industriais orientados a incrementar o valor engadido do sector primario galego. Con todo, a elevada demanda rexistrada nesta convocatoria provocou que un total de 48 solicitudes fosen desestimadas. Entre os proxectos que obteñen unha maior contía económica destacan os presentados por industrias de referencia no panorama agroalimentario galego como Entrepinares (3 millóns de euros), Dairylac (2,7 millóns) e Novafrigsa (1,6 millóns). A meirande parte do crédito orzamentario adxudicado concentrarase de feito nas cadeas de valor dos sectores lácteo e cárnico, considerados dous piares fundamentais para o desenvolvemento económico e a fixación de poboación no medio rural de Galicia. Algunhas outras das principais industrias beneficiadas son Granja Campomayor (1,5 millóns de euros), Queixos Galicia -a alianza de Aira e García Baquero- (1,3 millóns de euros) ou Celega (1,1 millóns de euros). Pódese consultar na resolución o listado completo de industrias beneficiadas. Dúas liñas de apoios: industrial e ambiental A convocatoria deste ano introduce como principal novidade a creación de dúas liñas subvencionables diferenciadas. A primeira delas está orientada á transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, contaba cun orzamento de 15 millóns de euros dirixido a mellorar o rendemento económico das empresas, fomentar a calidade das producións e potenciar a súa competitividade nos mercados internacionais. Pola súa banda, a segunda liña céntrase exclusivamente en investimentos con obxectivos ambientais e dispuña de 7,9 millóns de euros. A través desta liña novidosa, os fondos subvencionarán proxectos dirixidos á mellora da eficiencia enerxética, a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, a incorporación de enerxías alternativas e o procesamento de biomasa agrícola na industria agroalimentaria. En conxunto, a Consellería do Medio Rural prevé mobilizar ata o ano 2028 un orzamento total de 23 millóns de euros para este programa de axudas, o que destaca que supón un incremento substancial sobre os 19 millóns que estaban previstos inicialmente.

A Feira Rural de San Sadurniño reunirá 65 postos o sábado 29 de agosto

A Feira Rural de San Sadurniño contará este ano con 65 postos na súa 17ª edición, que se celebrará o sábado 29 de agosto na leira da Cortiña, á beira do río Xubia. A Área de Desenvolvemento Local acaba de publicar a listaxe definitiva de participantes, na que predominan os expositores agroalimentarios e artesáns, xunto con propostas vinculadas á dinamización e sustentabilidade do medio rural. En concreto, rexistráronse 26 solicitudes de postos agroalimentarios, 17 de artesanía e 11 para a venda de artigos de segunda man. A estas súmanse dous viveiros de planta e flor, un expositor de maquinaria, catro entidades asociativas e outros catro postos relacionados coa dinamización rural e a sustentabilidade. Os participantes deberán acceder ao recinto no horario que lles foi asignado para facilitar a montaxe e evitar aglomeracións de vehículos. Os sendeiros da leira non poderán utilizarse para descargar material a partir das 10:15 horas. Para entrar será necesario presentar o xustificante do pagamento da taxa correspondente. A feira abrirá ao público pola mañá e manterá actividade ata pasadas as 20:00 horas. Ademais da variedade de produtos á venda, o programa inclúe visitas ao colmear didáctico e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, con prácticas de poda e enxertado, así como dúas buscas do tesouro familiares e descensos en kaiak polo Xubia. Tamén se celebrará o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, haberá sorteos de lotes de produto local, degustación e venda de produtos da Fusquenlla, charanga e charlas da divulgadora agroecolóxica Nuska Chousa. O concurso de froita desenvolverase durante a mañá e a inscrición deberá facerse o propio sábado.

Prevención de riscos no agro ante o novo escenario climático

Na Galiza, o sector agrícola e gandeiro é un piar fundamental da economía e da sociedade, representando nalgúns territorios até o 18% da poboación activa. A natureza deste traballo, desenvolvido maioritariamente á intemperie, imposibilitando o control das condicións ambientais, sitúa ás persoas labregas nunha posición de extrema vulnerabilidade fronte aos efectos das alteracións climáticas. O aumento das temperaturas e a maior frecuencia de fenómenos meteorolóxicos extremos non son só retos produtivos, senón ameazas directas para a saúde das persoas, especialmente das labregas que realizan a maioría dos seus traballos en espazos exteriores e á intemperie.

Impacto na saúde:

O cambio climático tradúcese nun incremento da radiación ultravioleta e en vagas de calor máis intensas e duradeiras. Segundo a AEMET, o verán climático dura actualmente no Estado Español 5 semanas máis que a comezos dos anos 80, alongándose uns 9 días por década. Nos últimos 20 anos o verán dura entre 18 e 20 días máis, comezando antes e rematando máis tarde. Paralelamente, as temperaturas máximas presentan unha tendencia ascendente e os episodios de calor son máis frecuentes, intensos e duradeiros. Así, nos últimos anos déronse os veráns mais cálidos de toda a serie histórica, destacando 2022, 2023, 2024 e 2025 entre os anos máis calorosos rexistrados. Estas condicións elevan o risco de padecer golpes de calor, que poden chegar a ser mortais. Ademais, a exposición prolongada ao sol asóciase con cancro de pel, danos oculares e o agravamento de doenzas como as cardiovasculares ou as renais.

O risco increméntase pola intensidade física das tarefas (esforzo intenso, posturas forzadas), a falta de aclimatación, a idade avanzada das labregas, e a realización da maioría dos traballos en solitario, que dificulta o auxilio inmediato. Tamén, a roupa de protección necesaria para a realización de determinadas tarefas, impide a evaporación do suor e a perda de calor corporal, agravando os problemas.

Factores de risco:

• Altas temperaturas e vagas de calor extremo: O aumento da temperatura ambiente provoca estrés térmico (acumulación excesiva de calor no corpo pola interacción entre condicións ambientais e esforzo físico) que deriva en esgotamento, deshidratación ou golpe de calor.

• Radiación ultravioleta (UV): Debido ás longas xornadas á intemperie, as labregas teñen unha alta exposición directa á radiación solar, o que aumenta o risco de cancro de pel, danos oculares e envellecemento prematuro da pel.

• Fenómenos meteorolóxicos adversos: O incremento na frecuencia e intensidade de tormentas, inundacións e secas, supón un risco directo para a seguridade física e mental polo incremento do estrés asociado ás perdas de produción, lumes, pragas ou enfermidades; maior presión para realizar as tarefas con tempo favorábel ou o aumento da carga mental pola incerteza climática.

• Risco biolóxico: Un efecto indirecto do aumento das temperaturas é a proliferación de organismos vectores de enfermidades como as carrachas ou os mosquitos. Un clima máis cálido acurta os seus ciclos, expande o seu hábitat, fai que estean activos durante mais tempo e aumenta as súas poboacións.

• Calidade do aire: A exposición a maiores niveis de contaminación atmosférica, po en suspensión, pole e fume de incendios forestais agrava problemas respiratorios.

• Medicamentos e hábitos: O consumo de determinados fármacos (antihistamínicos, diuréticos ou antidepresivos), o sobrepeso ou o consumo de alcohol ou cafeína poden descompensar a resposta do corpo á calor.

• Fatiga e perda de atención: A calor extrema provoca fatiga e perda de atención, afondando nos riscos de seguridade: maior cansazo, aumento da sinistralidade, non emprego do equipo de protección individual (EPI’s) ou erros durante o manexo de maquinaria e animais.

Medidas de prevención e protección:

A prevención debe ser integral, combinando cambios organizativos e protección individual.

• Verificar as previsións e alertas meteorolóxicas e informar ao persoal dos momentos de máximo risco e das medidas de prevención.

• Axustar os horarios e evitar as horas centrais do día.

• Programar as tarefas máis pesadas nos momentos máis frescos en atención ás previsións e alertas meteorolóxicas.

• Establecer pausas frecuentes en lugares frescos e á sombra, ademais de garantir o acceso permanente a auga fresca (10-15 °C).

• Por norma xeral, precísanse entre 7 e 14 días para que as persoas se adapten á calor, polo que se debe de ir aumentando a carga de traballo de forma gradual até acadar esa adaptación. A aclimatación pérdese cando se deixa de traballar nesas condicións 1 ou 2 semanas, polo que hai que recuperala de novo.

• Empregar de repelentes de insectos, vestir roupa de manga longa e pantalóns longos metidos dentro dos calcetíns e evitar sentar directamente no chan en zonas boscosas.

Equipos de Protección Individual (EPI):

• Roupa frouxa, lixeira, transpirábel e de cores que reflictan a calor.

• Sombreiros de ala ancha cubrindo cara e pescozo e lentes de sol con filtro UV.

• Uso de cremas solares cando se traballe ao sol. As cremas con SPF 50 considéranse un EPI máis, e o seu subministro é obrigatorio para a traballadora e traballador.

Obrigas das persoas titulares con traballadores contratados:

As persoas propietarias de granxas con persoal contratado teñen o deber legal de garantir a súa seguridade fronte ao clima, isto inclúe:

• Identificar especificamente na avaliación de riscos o risco por calor e riscos asociados (radiación, vectores,…) así como as tarefas afectadas por estes riscos.

• Formar ao persoal para recoñecer síntomas de alerta como fatiga intensa, mareos ou náuseas.

• Realizar recoñecementos médicos específicos.

• Establecer protocolos de actuación e de emerxencia en caso de accidente por calor.

• Prohibir a realización de determinadas tarefas durante episodios de temperaturas extremas se non se pode garantir a protección por outros medios.

Perspectiva de xénero: factores e medidas específicas para mulleres: No agro, as mulleres enfrontan factores de risco diferenciados que requiren unha atención específica na súa prevención.



Factores de risco específicos:

• Vulnerabilidade térmica: as estatísticas indican que as mulleres teñen unha maior prevalencia de patoloxías relacionadas coa calor (54,3 % fronte ao 39,1 % nos homes).

• Penosidade ergonómica: por regra xeral, as mulleres adoptan posturas forzadas en maior medida que os homes (o 75 % fronte ao 53 %), o que, sumado ao estrés térmico, aumenta o risco de fatiga crónica e lesións.

• Protección da maternidade: as mulleres xestantes e lactantes son colectivos de especial sensibilidade. A exposición a temperaturas extremas recoñécese legalmente como un factor que inflúe negativamente na súa saúde e na do feto ou lactante.

• Saúde reprodutiva: O esforzo físico intenso e as posicións de pé prolongadas baixo calor extremo asócianse a alteracións no ciclo menstrual e outros riscos reprodutivos.

Medidas de prevención e protección:

• Empregar roupa técnica e equipos de protección adaptados á morfoloxía feminina, garantindo lixeireza e transpirabilidade para evitar a acumulación excesiva de calor corporal.

• Identificar os postos con limitacións por temperaturas extremas ou exposición a axentes químicos e biolóxicos para mulleres en situación de embarazo ou lactación, aplicando o protocolo de cambio de posto de ser necesario.

• Vixilancia da saúde: os recoñecementos médicos deben ser específicos e considerar a sensibilidade térmica individual.

• Flexibilizar as tarefas máis pesadas, especialmente nas horas de maior calor.

• Para previr as picaduras e evitar enfermidades transmitidas por vectores, as mulleres embarazadas deben priorizar as barreiras físicas (roupa). Débense usar repelentes autorizados seguindo as instrucións do fabricante e evitar as zonas de maior actividade de insectos.

• Fomentar pautas de hidratación constante, xa que as mulleres presentan síntomas de esgotamento por calor con maior facilidade que os homes en tarefas similares.

Cómpre prestar especial atención ao traballo en invernadoiros, xa que nestes lugares as temperaturas poden superar amplamente ás exteriores, converténdose nun dos lugares con maior risco de estrés térmico.

Como norma xeral débense seguir as seguintes pautas:

• Controlar a temperatura e a humidade mediante ventilación natural ou forzada ou sombreado artificial.

• Organizar as tarefas máis pesadas nas horas de menor temperatura.

• Realizar pausas frecuentes en zonas frescas e sombrías.

• Garantir acceso continuo a auga fresca e potábel. Beber cada 15 – 20 minutos.

• Vixiar especialmente a novas traballadoras e persoas sensíbeis.

• Extremar as precaucións na aplicación de fitosanitarios.

Mantente informada. Infórmate ti e ás túas traballadoras!

Avisos meteorolóxicos AEMET: https://www.aemet.es/gl/eltiempo/prediccion/avisos

Avisos meteorolóxicos Meteogalicia: https://www.meteogalicia.gal/web/predicion/avisos

Predición do índice de radiación ultravioleta: https://www.aemet.es/es/eltiempo/prediccion/radiacionuv

Índice de risco diario de incendio forestal: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/defensa-monte/irdi

Medidas preventivas fronte ás picaduras das carrachas:

https://issga.xunta.gal/gl/novas/medidas-preventivas-ante-picaduras-de-carrachas

Decálogo de recomendacións INSST fronte á calor: https://www.insst.es/documents/d/portal-insst/insst_decalogo-microsite-1

Vén o lume…que facemos?

Os incendios son cada vez máis grandes e máis destrutivos. O maior perigo que sufrimos nas aldeas en caso de lume sucede nas evacuacións e nos desprazamentos. As nosas casas habitadas e lugares son moito máis seguros que estradas estreitas cheas de fume e combustíbel. Que debemos facer en caso de que haxa lume?

O que cómpre ter claro é a realidade: quen coñece os lugares? Os ventos predominantes? As zonas máis seguras? As veciñas das aldeas son, sen dúbida, as persoas máis coñecedoras dos riscos e as mellores formas de atallalas. Máis con todo, moitas das veces as ansias de axudar unido ao descoñecemento lévanos a facer cousas que non deberiamos, provocando situacións de risco innecesarias que poden acabar moi mal. Por iso, non nos queda outra que organizarnos ou barbarie. Xa están tardando as asociacións parroquiais, comunidades de montes, etc, en poñer en práctica principios básicos para combater o lume.

Algunhas das actuacións que cómpre que teñamos en conta son:

• Se decidiches botar unha man, tes que mudar a roupa.

A pesar de que esteamos a 30 graos ou máis, non se pode acudir a un incendios en sandalias e camiseta. Colle as botas, protexe o corpo enteiro. Tamén é recomendábel levar gafas de protección, luvas de coiro e algo para protexer a cara. Toda a auga que poidas e unha mochila pequena.

1. Cubre todo o corpo con roupa de algodón. Manga larga e pantalón longo.
2. Leva calzado forte e resistente.
3. Protexe a cabeza con gorra ou similar
4, Protexe as vías respiratorias: Máscaras ou trapos húmidos.
5, Protexe os ollos: gafas de protección.
6. Guantes de traballo.
7. Beber auga abundante.



Material que podería ter o Concello para repartir entre a veciñanza, se se dese o caso:

1. Gafas de protección
2. Guantes de traballo
3. Máscaras (mínimo FP2)
4. Batelumes

“O maior perigo que sufrimos nas aldeas en caso de lume sucede nas evacuacións e nos desprazamentos”

• Lugar de encontro: a igrexa parroquial é bo lugar.

Nun incendio grande non van funcionar os móbiles, as campás poden ser unha boa forma de volver a comunicarnos.

• Alguén ten que tomar nota das persoas que saen ao monte axudar.

Lembra: nunca vaias só ou soa, sempre en grupos; tamén poderiamos, en función das capacidades da xente, repartir as tarefas. É boa idea poñer distintivos coa nosa función (os petos de emerxencia dos coches son perfectos).

• Ter o coñecemento e contacto de todas as cisternas que temos na parroquia, son unha axuda perfecta para cargar as motobombas.

• As persoas moi coñecedoras dos lugares poden acompañar no camión e guiar polos montes.

• Ter coñecemento de veciños e veciñas con maquinaria, xeradores eléctricos, bombas hidráulicas, tractores con rozadoiras, motoserristas, etc.

• Grupos asignados aos brigadistas. Cómpre que lles leven e movan as mangueiras e que estean pendentes de que non salte o lume.

Se conseguimos facer isto, moitos teremos avanzado…comezamos?

 

O programa Cultiva 2026 abre prazo de solicitude para estancias agrarias en explotacións

O Ministerio de Agricultura abriu o prazo de solicitudes para participar no programa Cultiva 2026, unha iniciativa de formación práctica para as novas xeracións do sector. As solicitudes poderán presentarse ata o 15 de setembro, incluído, a través da sede electrónica do Ministerio, mentres que as estancias comezarán a partir de xaneiro de 2027. Nesta convocatoria están dispoñibles 300 explotacións modelo distribuídas por todas as comunidades autónomas. O catálogo permite seleccionar as opcións segundo o territorio, as datas e o tipo de produción agraria. As persoas participantes poden escoller explotacións con producións iguais ou diferentes ás súas, sen importar o sector, e situadas en calquera punto do territorio nacional. O programa cobre os gastos de aloxamento, manutención e transporte durante a participación e conta este ano cunha dotación orzamentaria inicial de 1,2 millóns de euros, ampliable. Ademais, os participantes dispoñen dunha compensación polos gastos de substitución para a atención e xestión das súas explotacións. As estancias están dirixidas a titulares de explotación de ata 40 anos e tamén a profesionais de 41 ou máis que se instalaran no sector nos últimos cinco anos. Terán prioridade as mulleres, as persoas incorporadas máis recentemente e aquelas que non participasen en edicións anteriores. As explotacións de acollida destacan pola súa innovación, medios produtivos, modelo de negocio e características sociais, ambientais e climáticas. As estancias son organizadas polas entidades colaboradoras do programa. Na organización participan Asaja, Asoporcel, Cooperativas Agro-alimentarias de España, COAG, Fundación San Isidro Micas, UPA e Unión de Uniones de Agricultores e Ganaderos, entidades colaboradoras responsables das estancias deste programa. Cultiva iniciou a súa andaina como proxecto piloto en 2020, con 13 participantes en oito comunidades autónomas. Desde entón, a participación medrou ata os 363 participantes na convocatoria de 2026, aínda en execución. A presenza feminina oscilou entre o 18 % e case o 30 % nas últimas edicións.

As emisións de amoniaco das granxas españolas baixan un 17,6 % en 20 anos e cumpren coa UE

Segundo datos do Informe do Sistema Español de Inventario de Emisións, o sector gandeiro español reduciu as emisións de amoníaco no ano 2024 nun 2,3% con respecto ao ano anterior. Esto supón unha redución acumulada do 17,6 % dende 2005, o exercicio que se utiliza como referencia na directiva de Teitos Nacionais de Emisión.  De feito, é a gandería o sector que máis reduciu as súas emisións neste tempo. Porque esa baixada do 17,6% contrasta coa baixada media que se situou no 13%. Os outros sectores que se teñen en conta no informe son o procesamento de enerxía e combustibles, xunto con procesos industriais e uso de disolventes. Dende o Ministerio de Agricultura sinalan que estas cifras se acadaron como consecuencia das reducións do 14,9 % na xestión de estercos e xurros e do 2,1% na aplicación de fertilizantes orgánicos, que inclúe as emisións do gando en sistemas de pastoreo e extensivos.
A redución de emisións en gandería sitúase por riba da media de todos os sectores que xeneran emisións controladas
Por contra, as emisións de amoníaco debidas ao uso de fertilizantes nitroxenados medraron en 2024. O Ministerio achaca esta suba principalmente ao incremento de uso deses fertilizantes, en particular a urea. Con todo, garantiuse o cumprimento dos obxectivos de España para a redución nun 16% en 2030 con respecto ao ano de referencia, 2005. O interese de controlar as emisións de amoniaco radica sobre todo na perigosidade destas para a saúde humana, así como polo seu impacto ambiental. Dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno, compostos orgánicos volátiles non metánicos, amoníaco e material particulado inferior a 2,5 μm son os contaminantes atmosféricos controlados no sistema Emisións da urea No caso dos fertilizantes, explicase a suba de emisións do 2024 por un aumento do consumo de abonos. Cómpre lembrar que a guerra de Ucrania en 2022 supuxo un forte aumento de prezos dos fertilizantes, que se mantiveron en niveis moito máis altos que antes da guerra durante case todo 2023. E en 2023 a seca intensa afectou á meirande parte de cultivos e houbo menos emprego de fertilización. Dous factores que levaron a un descenso importante na demanda de fertilizantes e, por tanto, a unha redución de emisións por fertilizantes nitroxenados. Nesa liña comparativa entre os dous últimos anos medidos, o informe sinala os cereais. “Son cultivos de relevancia nos balances de fertilización pola súa importancia territorial. A seca severa en 2023 tivo como consecuencia un desplome da produción que chegou ao 44 % respecto da media de anos anteriores, que se situara en 11,2 millóns de toneladas. En cambio, 2024 tivo unha pluviometría normal e uns prezos de fertilizantes que -aínda algo máis altos que antes da guerra- xa se estabilizaran. Por tanto, había mellores expectativas de produción. Dese xeito o consumo de fertilizantes medrou respecto aos dous anos anteriores e a produción superou os 20 millóns de toneladas.
O repunte de 2024 debeuse a unha boa previsión de colleitas que levou a utilizar máis fetilizantes nitroxenados
O informe recolle que o consumo de fertilizantes está moi influenciado polo prezo que teñen en cada momento e polas condicións meteorolóxicas, que teñen unha relación directa co desenvolvemento dos cultivos: canto maior sexa o rendemento esperado, maior será a cantidade de fertilizantes que se apliquen aos solos agrícolas. Uns usos que xa se están a regular dende as comunidades autónomasCumprimento de obxectivos O informe establece que España cumpriu por cuarto ano consecutivo co compromiso de reducións fixado na directiva e alcanzou unha diminución catro veces superior á esixida para calquera ano do período comprendido entre 2020 e 2030. As emisións de contaminantes atmosféricos non deixaron de reducirse dende 1990 O Ministerio considera que a redución conseguiuse en noa medida grazas á implementación do sistema Ecogan. E é que a información está recollida nese sistema informatizado de forma individualizada por cada granxa que comunican os seus titulares e posteriormente notifican as Comunidades Autónomas ao Ministerio.
Dende o Ministerio de Agricultura din que as reducións acadadas permitirán cumprir coas obxectivos europeos sobre emisións para 20230
“As melloras efectuadas en Ecogan, xunto co esforzo de gandeiros e administracións autonómicas, permitiron reportar ao Sistema Español de Inventarios información máis precisa sobre as técnicas de redución de emisións aplicadas a nivel nacional e o seu impacto sobre o cálculo de emisións da gandería.”, explica nun comunicado o Ministerio de Agricultura. “Desta forma, España dispón dun dos sistemas de estimación de emisións en granxa máis avanzados, que permite reflectir os esforzos realizados por todas as partes para conseguir unha produción gandeira máis sustentable dende o punto de vista ambiental.” Os datos están recollidos no Sistema Español de Inventarios de Emisións e publicados na edición 2026 do Inventario Nacional de Contaminantes Atmosféricos, correspondente á serie 1990-2024, que incorpora a información sobre balance de nitróxeno e implantación de Melloras Técnicas Dispoñibles no sector porcino intensivo e o sector avícola. Co actual ritmo de redución de emisións España cumprirá cos obxectivos fixados pola UE Comparación con outros sectores O informe recolle os principais resultados das estimaciónes de emisións dos cinco contaminantes principais cubertos polo Protocolo de Gotemburgo e a Directiva de Teitos Nacionais de Emisión: dióxido de xofre (SO₂), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), amoníaco (NH₃) e material particulado inferior a 2,5 μm (PM₂ˌ₅). As emisións de PM₂ˌ₅ en 2024 descenderon un 0,7 %, pola disminución dun 3,8 % das emisións rexistradas no sector residencial, comercial e institucional, que son responsables do 31,4 % do total de emisións de PM₂ˌ₅. A baixada logrouse malia o aumento do 0,5 % de no transporte por estrada, responsable do 11,8 % e da suba do 1,9 % na xeración de electricidade, cun 3,3 % do total deste contaminante.
Agás no amoníaco, as emisións de gandería e agricultura están moi por debaixo dos outros sectores en todos os contaminantes atmosféricos
O resto de emisións de PM₂ˌ₅ están fundamentalmente xeradas pola queima a ceo aberto de residuos de poda e polo uso de biomasa no sector residencial, o que explica as variacións interanuais observadas. En 2024 as emisións sitúanse un 48,7 % por baixo do nivel rexistrado no ano 2000. Por canto ao Nox, en 2024 rexistrouse un leve descenso do 0,7 % respecto a 2023. A baixada relaciónase coa redución do 2,6 % das emisións do transporte por estrada, que é a actividade con máis emisións deste gas, un 34 % do total. Agás no amoníaco, a gandería está por debaixo dos outros sectores en canto a emisións Tamén influíu a redución do 1,5 % no sector da industria manufactureira e da construción que ten un peso do 14,4 % nas emisións de NOx, e o descenso do 2,7 % nos efectos da xeración eléctrica, que representa un 9,5 % das emisións totais de Nox. As emisións de COVNM en 2024 diminuíron un 2,4 % a nivel nacional. Están fundamentalmente dominadas polo uso de disolventes, que representa o 43 % do total, e experimentou un descenso do 5,2 %. Tamén houbo diminucións na industria manufactureira e construción, que caeron un 7,2 %. O consumo de combustibles nos sectores residencial, comercial e institucional baixou un 1,4 %, e as do transporte por estrada no 0,7 %. A redución de emisións no SO₂ foi do 3,3 %. Debéronse a un descenso no consumo de carbón que provocou o descenso do 4 % de combustión no sector da industria manufactureira e da construción (responsable do 35,4 % das emisións deste contaminante a nivel nacional) e a diminución do 4,9 % na xeración eléctrica, que supón un 8,9 % do total de SO₂.
Control de fertilizantes, xestión de xurros e melloras en alimentación animal están detrás da redución acadada
Por contraste, as emisións de amoniaco permaneceron relativamente estables ao longo da serie. Estas emisións, principalmente dominadas polas actividades agrícolas e gandeiras, alcanzaron os seus máximos niveis en torno ao cambio de milenio, chegando a aumentar ata un 15,1 % no ano 2000 respecto a 1990. Posteriormente, observouse unha diminución das emisións como consecuencia da introdución de técnicas de control das emisións na aplicación de fertilizantes en campo e melloras na alimentación animal e técnicas de xestión de estercos e xurros. Pódense consultar o informe completo neste ENLACE.