A denominada “condicionalidade reforzada”, que entrará en vigor no novo período da PAC, incrementa os requisitos de boas prácticas obrigatorias que agricultores e gandeiros deberán cumprir para seren beneficiarios das axudas da Política Agraria Común.
Aspectos incluídos no denominado pago verde (greening), que no actual período tiñan carácter voluntario, pasan a ser de obrigado cumprimento por todos os perceptores, ao que se suman novas esixencias para percibir pagos europeos.
Outra diferenza con respecto ao período actual, no que os beneficiarios que figuraban no réxime de pequenos agricultores non estaban obrigados a cumprir coa condicionalidade, é que a partir de 2023 non se farán excepcións nestes requisitos xerais de boas prácticas ambientais e agrarias a cumprir polas explotacións, aínda que se rebaixan algunhas medidas cando se trata de explotacións de menos de 10 hectáreas de superficie.
As esixencias derivan de Directivas comunitarias, como as de augas, nitratos e praguicidas, así como dunha serie de boas prácticas agrarias fixadas con carácter xeral
O Plan Estratéxico Nacional da PAC, presentado hai un par de semanas, inclúe un documento específico sobre condicionalidade onde se detallan a maioría de exigencias, aínda que algúns asuntos relevantes, como a xestión e aplicación de puríns, queda pendente, a expensas da aprobación do novo Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agarios que prepara o Ministerio.
O punto de partida desta nova condicionalidade reforzada é o actual réxime de condicionalidade que se veu aplicando no período 2014-2020, prolongado por prazo de dous anos a maiores e recollida no Regulamento (UE) nº1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro do 2013 e a nivel español no Real Decreto 1078/2014.
A estes mínimos actuais, súmanse novas esixencias a cumprir polas explotacións, froito do Acordo do Consello de Agricultura e Pesca celebrado en Luxemburgo o 28 e 29 de xuño de 2021, tanto en materia de Boas Condicións Agrarias e Medioambientais (BCAM) como de Requisitos Legais de Xestión (RLG).
Analizamos a continuación cales son estas condicións mínimas a cumprir polas explotacións para poder cobrar axudas da PAC a partir de 2023:
1. Mantemento dos pastos permantentes
No período 2023-2027 non poderá reducirse en máis dun 5% a porcentaxe actual de pastos permanentes. O obxectivo principal da norma, recollida actualmente dentro do pago verde ás explotacións, é evitar a conversión dos pastos permanentes a outros usos agrícolas para preservar deste xeito as reservas de carbono.
Anualmente determinarase o cociente existente de pastos permanentes en relación ao total da superficie agrícola, sobre a base das solicitudes de cobro de axudas da PAC de cada campaña. Se se detectase unha diminución a escala nacional superior ao 5%, baixaríase a nivel de comunidade autónoma e obrigaríase ás explotacións que transformaron pastos en cultivos a reverter o cambio.
De producirse unha diminución superior ao 5% anual no conxunto de comunidades autónomas, os produtores que converteran pastos permanentes a outros cultivos deberán restaurar as superficies afectadas
Para o cálculo utilízase a comparación co ano de referencia 2018. Nese momento a porcentaxe de pastos permanentes a nivel español sobre o total da superficie agrícola era do 27,65% (5.849.725 hectáreas de pastos e 21.154.301 hectáreas agrarias declaradas nesa campaña).
2. Protección de humidais e turbeiras
Os humidais e as turbeiras son áreas consideradas sensibles que constitúen un importante sumidoiro de carbono, polo que a Comisión Europea pretende a través da condicionalidade reforzada da PAC protexer estes chans ricos en carbono.
Por iso, non se poderán realizar rozas con fins agrícolas en humidais e turbeiras, aínda que si se poderá manter nestas superficies actividade gandeira ligada ao pastoreo cunha carga máxima de animais aínda pendente de determinar.
A partir de 2025 non se poderán realizar rozas con fins agrícolas en humidais e turbeiras, pero si pastoreo con animais
Do mesmo xeito, falta tamén por concretar cales serían estas zonas protexidas de humidais e turbeiras, pois os traballos para xerar unha capa adicional no SIXPAC con esta información aínda non concluíron. Isto fai que esta medida de condicionalidade non entre en vigor en 2023, senón no 2025.
3. Prohibición de queima de rastrollos
Para evitar a perda de materia orgánica do chan, estará prohibido queimar os restrollos e restos de colleita de cultivos herbáceos, unha medida que xa figuraba na actual condicionalidade.
Mantense a excepción no caso de que, por razóns fitosanitarias (eliminación de enfermidades fúnxicas ou pragas, por exemplo verme do arame, caracois, Pyricularia ou nematodos), así o determine a comunidade autónoma.
As comunidades autónomas poderán establecer excepcións en caso de pragas ou enfermidades fúnxicas
O tratamento de calquera residuo vexetal xerado na contorna agraria deberá cumprir o establecido na futura Lei de Residuos e Chans Contaminados, actualmente en tramitación no Congreso dos Deputados.
4. Faixa de 5 metros sen cultivar nas marxes fluviais
Para evitar a contaminación e as escorrentías aos ríos e outros cursos de auga permanentes, deberán respectarse franxas de protección de 5 metros de ancho, unha distancia que xa figuraba recollida na actual condicionalidade da PAC.
Esta distancia mínima poderá ser ampliada en zonas declaradas vulnerables á contaminación por nitratos, en virtude da Directiva 91/676, aínda que en Galicia actualmente non hai ningunha con esta consideración. As obrigas recollidas neste punto da condicionalidade reforzada da PAC non afectarán a acequias de rega ou outras infraestruturas similares.
Non poderán aplicarse fertilizantes nin fitosanitarios e deberá manterse unha cuberta vexetal na que estará permitido o pastoreo
Nesta franxa de seguridade de 5 metros non poderá haber produción agrícola nin se poderán aplicar fertilizantes nin fitosanitarios, aínda que existe obriga de manter unha cuberta vexetal, que poderá ser sementada ou espontánea, do mesmo xeito que deberán manterse os cultivos leñosos que xa estean implantados.
Nestas zonas permitirase o pastoreo ou a sega e poderanse realizar, en caso necesario, labores superficiais de mantemento para evitar a proliferación de pragas e enfermidades que constitúan un risco sanitario para os cultivos adxacentes.
5. Arar en perpendicular á pendente
En parcelas nas que o desnivel medio sexa superior ao 10% non estará permitido labrar no sentido da pendente, senón que os regos deberán facerse ao traveso, en perpendicular á inclinación máxima do terreo, para reducir o risco de erosión do chan.
Este requisito de xestión da labranza, que xa aparecía recollida na condicionalidade da PAC actual, non será de obrigado cumprimento cando a pendente do recinto cultivado estea compensada con terrazas ou bancais e nese caso será obrigatorio evitar calquera tipo de labores que afecten á estrutura dos noiros existentes.
As comunidades autónomas poderán eximir da aplicación deste requisito en parcelas onde exista risco de envorcamento da maquinaria
Con todo, as comunidades autónomas poderán eximir da aplicación desta esixencia aos agricultores cando a obriga de non labrar na dirección da máxima pendente da parcela poida supoñer un risco de envorcamento da maquinaria e, por tanto, se poña en perigo a vida dos operarios que traballen con ela.
6. Evitar chans desnudos
Esíxese unha cobertura mínima para evitar chans espidos nos períodos máis sensibles e protexelos desta forma contra a lixiviación de nutrintes, a erosión e o esgotamento da materia orgánica.
Esta condición xa figuraba na actual condicionalidade da PAC e implica que o chan deberá manterse cuberto permanentemente salvo o tempo imprescindible para o levantamento dos restrollos da colleita anterior e a nova sementeira.
Non se poderán arar as leiras antes do 1 de setembro, agás para renovar as pradeiras
Esta esixencia aplícase ás terras de cultivo, excluíndo os pastos temporais, e aos cultivos permanentes. Nas parcelas agrícolas que se sementen con cultivos herbáceos de inverno non se labrará o chan con volteo nin con labra vertical entre a data de recolección da colleita e o 1 de setembro, data que se establece como referencia para o inicio da presembra, aínda que as comunidades autónomas poderán adaptar esta data ás súas condicións agronómicas co obxectivo de manter a cuberta vexetal o maior tempo posible.
No caso de cultivos leñosos situados en parcelas con pendente superior ao 10% e non compensada con bancais, será necesario manter unha cuberta vexetal dunha anchura mínima de 1 metro nas rúas, aínda que as comunidades autónomas poderán autorizar a súa eliminación mediante unha labra superficial cando poida competir co cultivo ou imposibilite a súa recolección.
Non se poderá arrincar ningún pé de cultivos leñosos situados en recintos de pendente igual ou superior ao 10%
Así mesmo, non se poderá arrincar ningún pé de cultivos leñosos situados en recintos de pendente igual ou superior ao 10% non compensada con terrazas ou bancais, salvo en zonas que sexan obxecto de reposición autorizada, respectando nestes casos a reconversión varietal e os cambios de cultivo permitidos.
En terras en barbeito, realizaranse prácticas tradicionais de mínima labra para o mantemento adecuado da cuberta vexetal, aínda que estas non se poderán levar a cabo entre os meses de abril e xuño, ambos incluídos, podendo as comunidades autónomas estender este período.
Do mesmo xeito, en parcelas agrícolas que se atopen incluídas en zonas de influencia forestal poderase establecer a obriga de labrar unha faixa perimetral da anchura necesaria para que sirva de cortalumes.
7. Rotación de cultivos
Esta condición figuraba na PAC actual dentro do greening ou pago verde. Perséguese a diversificación de cultivos das explotacións, sendo obrigatorio que todas as parcelas roten os seus cultivos tras un máximo de 3 anos, excepto os cultivos plurianuais.
Todas as parcelas da explotación deberán cambiar de cultivo polo menos cada tres anos
Establécense distintas porcentaxes e niveis de rotación en función do tamaño da explotación. Así, se a superficie total de terras de cultivo se atopa entre 10 e 20 hectáreas, débense cultivar, polo menos, dous cultivos diferentes sen que o principal ocupe máis do 75% da superficie, unha porcentaxe que baixa ao 70% no caso de que o total de terras cultivadas se atope entre 20 e 30 hectáreas.
Se a explotación conta con máis de 30 hectáreas de terras de cultivo, deberá dispoñer de tres cultivos diferentes, sen que o principal ocupe máis do 70% da superficie e sen que os dous maioritarios sumen máis do 90%.
Non se esixirá rotación a explotacións que dispoñan de menos de 10 hectáreas, as que estean certificadas en ecolóxico ou as que produzan maioritariamente forraxes herbáceas
Exceptúanse destas obrigas explotacións con menos de 10 hectáreas cultivables, explotacións certificadas para produción ecolóxica ou aquelas nas que máis do 75% da súa superficie agrícola admisible sexan pastos ou nas que máis do 75% das terras de cultivo se utilicen para producir herba, leguminosas ou outras forraxes herbáceas.
8. O 4% da superficie adicada a biodiversidade
Esixirase ás explotacións que polo menos o 4% da súa superficie agrícola estea adicada a elementos non produtivos, incluídas as terras en barbeito. Se esa porcentaxe se incrementa ata o 7% o agricultor terá dereito ao cobro dun ecoesquema, o que lle achegará ingresos adicionais da PAC.
Dentro destas porcentaxes pode computarse a superficie ocupada polas franxas de protección dos leitos fluviais, os lindes de carácter forestal ou elementos como muros de pedra ou terrazas de retención en terreos pendentes.
Non poderá alterarse a topografía das parcelas e deberán conservarse os muros de pedra, sebes e lindes de ata 10 metros de ancho e as árbores en grupo que ocupen unha superficie máxima de 0,3 hectáreas
Perséguese deste xeito o incremento da biodiversidade nas superficies agrícolas, que deberán manter elementos da paisaxe como muros de peche, sebes e árbores. De feito, queda prohibido cortar ou podar sebes e árbores durante a tempada de cría e reprodución das aves, entre os meses de abril a xuño, e non se poderán efectuar alteracións das particularidades topográficas das parcelas, salvo en caso de contar con autorización expresa da comunidade autónoma.
Do mesmo xeito que no punto anterior de condicionalidade, relativo á rotación de cultivos, as explotacións de menos de 10 hectáreas cultivables ou as que dediquen máis do 75% da súa superficie a pastos ou máis do 75% das súas terras de cultivo a producir forraxes herbáceas, este tipo de explotacións tamén estarán exentas de deixar sen cultivar unha porcentaxe mínima do 4% das súas terras.
9. Prohibición de arar pastos sensibles en Rede Natura
Incorporada do actual greening, a condicionalidade reforzada da PAC limita a labra en Rede Natura, prohibindo converter ou arar aqueles pastos permanentes declarados como sensibles, co obxectivo de lograr unha protección efectiva de hábitats e especies nestas contornas, especialmente chans ricos en carbono e paisaxes de alto valor natural.
10. Xestión de puríns e estercos
No 2023, cando comece a aplicarse a nova condicionalidade da PAC, estará xa en vigor o novo Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas, que ultima o Ministerio, e que regulará cuestións relativas ao abonado de parcelas, tales como o uso de fertilizantes químicos e orgánicos, como xurros e estercos, de modo que os beneficiarios da PAC, do mesmo xeito que o resto de agricultores e gandeiros, deberán cumprir con esta normativa.
O principal aspecto en Galicia derivado da súa entrada en vigor será a necesidade de adaptación dos sistemas de distribución de xurro existentes para desta forma cumprir coas novas esixencias legais, que forman parte especificamente da condicionalidade reforzada da PAC para o período 2023-2027.
A aplicación de xurro e esterco realizarase segundo o calendario e condicións que fixe o futuro Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas
Deste xeito, a partir da entrada en vigor do novo Real Decreto, para poder seguir cobrando a PAC a aplicación de xurro deberá facerse con sistemas de inxección no chan ou tubos colgantes, evitando a repartición por medio de sistemas de abanico ou prato, os máis habituais en Galicia. A aplicación mediante canón, utilizada sobre todo en zonas de montaña, quedou xa prohibida no 2018.
Todas as operacións de fertilización deberán estar rexistradas no caderno de explotación
En canto aos estercos, non poden estar amontoados directamente sobre o terreo, xa que poden provocar filtracións de lixiviados ao chan, polo que se esixirá que se depositen para o seu almacenamento sobre unha base de formigón con recollida de efluentes. O novo Real Decreto establece ademais condicións para a súa utilización en campo, de modo que deberán ser enterrados antes de que transcorran 4 horas desde a súa aplicación.
Así mesmo, para poder cobrar axudas da PAC, todas as operacións encamiñadas a achegar nutrintes ou materia orgánica ao chan deberán estar correctamente rexistradas no caderno de explotación. Naqueles casos nos que así se estableza no novo Real Decreto, as explotacións tamén deberán contar con plans de abonado específicos.
Sancións que poden supoñer penalizacións importantes e mesmo a perda das axudas
En Galicia, do mesmo xeito que no resto de comunidades autónomas, desenvólvense cada ano controis específicos ás explotacións beneficiarias da PAC en materia de cumprimento da condicionalidade, así como outras inspeccións sobre admisibilidade de parcelas ou sobre cuestións de carácter administrativo.
O incumprimento das normas de condicionalidade leva aparellada unha penalización no cobro das axudas que, dependendo da gravidade, persistencia e intencionalidade, pode mesmo supoñer a perda do 100% do importe dese ano
Cando se detectan incumprimentos de certa gravidade en aspectos de condicionalidade, a Administración aplica unha penalización que adoita oscilar entre o 3 e o 5% das axudas da PAC que cobra a persoa afectada. Se nos anos seguintes se detectan reiteracións no incumprimento, a penalización nas axudas podería subir entón ata o 15%, e de percibirse en diante que hai unha intencionalidade nas infraccións, podería chegar a retirárselle á explotación a totalidade das axudas desa campaña.
Cumprimento das directivas europeas
A maiores das Boas Condicións Agrarias e Ambientais, dentro dos Requisitos Legais de Xestión recollidos na condicionalidade reforzada da PAC 2023-2027 inclúese o cumprimento de toda unha serie de normativas comunitarias con incidencia na produción agrícola e gandeira.
Esíxese respectar un amplo compendio de normativa a cumprir en ámbitos como o benestar animal ou o uso de medicamentos e praguicidas
En concreto, o Plan Estratéxico da PAC refírese a diversas directivas comunitarias, tales como a directiva de augas, a de nitratos, a de aves, a relativa a hábitats naturais, a que prohibe o uso de hormonas en gando, a de praguicidas, a de benestar animal, ou as de protección de tenreiros e porcos; así como a regulamentos como o de seguridade alimentaria ou o de comercialización de produtos fitosanitarios.
A Directiva de Augas (Directiva 2000/60/CE) obriga, por exemplo, a evitar as escorrentías de lixiviados, tales como os efluentes procedentes dos silos, que deben ser recollidos; mentres que a Directiva relativa á conservación de aves silvestres (Directiva 2009/147/CE) prohibe que se depositen ou abandonen na explotación envases, plásticos, cordas, aceite ou gasoil da maquinaria ou utensilios agrícolas en mal estado.