Centos de tractores toman Lugo en demanda de solucións para a gandería de vacún de carne

Gandeiros Galegos de Suprema, a asociación convocante, pide medidas para evitar que as granxas sigan vendendo por baixo dos custos de produción. Cuestionan tamén a baixada das axudas da PAC e advirten dos danos do lobo sobre as ganderías extensivas

Centos de tractores toman Lugo en demanda de solucións para a gandería de vacún de carne

Os máis de trescentos tractores que marcharon este martes polas rúas de Lugo son un bo termómetro da complicada situación que atravesa o vacún de carne, un sector afogado pola suba dos custos de produción e un prezo de venda dos xatos insuficiente. 

A caravana de tractores, acompañados de gandeiros a pé, partiu ás 11 e media da mañá desde o Polígono das Gándaras e rematou pasadas as tres da tarde diante da delegación da Xunta de Galicia, onde se xuntou un milleiro de produtores cunha ducia dos seus animais, logo dunha parada tamén na subdelegación do Goberno.

A asociación convocante da protesta, Gandeiros Galegos de Suprema, expuña diante das dúas Administracións, nas que permanecerá a partir de agora concentrada de xeito indefinido até que se poñan sobre a mesa solucións aos seus problemas, as principais reinvindicacións: un prezo de venda dos xatos xusto, que non se recorten as axudas da PAC e que se free o avance do lobo. 

Non hai relevo xeracional porque as nosas explotacións non son viables

En conxunto, as peticións dos produtores resúmense nunha: “cubrir os custos de produción e obter unha marxe de beneficio para que as explotacións de carne sexan viables e non se vexan abocadas ao peche”. “Prezo xusto é igual a profesionalización e a vida no rural, mentres que a situación actual leva ao abandono”, aseguran. “Os mellores bombeiros somos os gandeiros, somos os que coidamos o territorio e se non hai gandeiros teremos unicamente incendios e terra queimada”, insistiron. 

Prezo imposto polos matadoiros

gandeiros suprema tractoresO presidente de Gandeiros Galegos de Suprema, Santiago Rego, cuestiona o que considera un incuprimento da Ley de la Cadena Alimentaria: “A propia Administración ten un estudo do 2021 no que se di que o noso custo de produción está en 6,20 euros. A día de hoxe, trala suba dos pensos e materias primas o ano pasado, estaremos arredor dos 7 euros, moi por riba do prezo de venda dos xatos”, valora.

Os custos de produción estannos a afogar. Sentímonos totalmente indefensos neste sistema onde predomina o monopolio da industria

“Os custos de produción estannos a afogar. Estamos vendendo a perdas. Onde está a AICA?”, pregunta. “Sentímonos indefensos de todo ante este sistema onde predomina o monopolio da industria. Vémonos obrigados a asinar uns contratos ilegais baixo a ameaza de non levarnos os becerros e nós aos xatos temos que darlles saída”, din.

A nova PAC, unha “descapitalización” para as explotacións de carne

Tractores na Ronda da Muralla, preto da delegación da Xunta.

Tractores na Ronda da Muralla, preto da delegación da Xunta.

No contexto actual de altos custos, os produtores de Suprema consideran preciso un reforzo das axudas da PAC, pero advirten sen embargo de que o novo período da Política Agraria Común 2023-2027 chega para as granxas de vacún de carne cun recorte de axudas.

A PAC hoxe é imprescindible, pero non temos nin prezo nin axudas

“A nova PAC é unha descapitalización en toda regra das nosas explotacións”, aseguran, alertando da “trampa” que supoñen novas liñas de axudas como os ecorreximes e as novas condicións impostas para o cobro das axudas agroambientais destinadas ao fomento de pastos. 

O problema da fauna salvaxe

vacas marcha

Outro aspecto que preocupa aos gandeiros é sobre o lobo, que aseguran que está causando importantes danos sobre a gandería extensiva. “Se queren que sigamos mantendo o lobo, terá que haber suficientes subvencións para iso. Se non, terán que regular as poboacións, pero coa situación actual, na que o lobo está no Listado de Especies en Protección Especial, quedamos indefensos”, critica Santiago Rego.

As camadas de lobos multiplicáronse e campan ás súas anchas; se temos que seguir dándolles de comer, que nos paguen por iso

Os gandeiros acusan aos políticos de descoñecer a realidade dos produtores. “Acúsasenos de provocar o cambio climático, de que as nosas vacas contaminan e de ser os responsables de que a cesta da compra suba. Basta xa de ataques ao noso sector. Necesitamos políticos que nos defendan e que non nos ataquen”, dixeron. 

Rebaixa do IVE á carne

Manifestacion Gandeiros Galegos da Suprema en Lugo (18-4-23)22A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide ademais que a carne sexa considerada “un produto de primeira necesidade” e que se lle aplique unha rebaixa do IVE, ao igual que se fixo con outros produtos de alimentación como o leite. “Rebaixar o IVE da carne serviría para incentivar o consumo e para rebaixar o custo da cesta da compra aos consumidores”, defenden. 

Sobre o prezo de venda da carne, a asociación defende que non é preciso subir máis o que se lle cobra ó consumidor, “senón facer un reparto máis equitativo do valor da carne ó longo da cadea”. “Ternera Gallega somos nós e non as industrias”, reprocháronlle ao Consello Regulador da IXP. “Se o campo non produce a cidade non come”, corearon durante toda a marcha e preguntaron “que trazabilidade ten a carne que chega de terceiros países a prezos baixos?”.

Os gandeiros manterán unha concentración indefinida ante a Xunta e a Subdelegación do Goberno até que se adopten medidas para solucionar a actual situación

Por parte da Xunta, Medio Rural sinalou hoxe nun comunicado que demanda do Goberno central un IVE cero para a carne, a fin de que os produtores poidan aumentar os seus ingresos. Tamén asegura que velará para evitar a venda de gando a perdas a través do Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, a chamada ‘Aica galega’, pois asume en Galicia parte das competencias que vén desempeñando a Agencia de Información y Control Alimentario.

Sindicatos, “chiringuitos”

Algúns alcaldes, como o da Fonsagrada, acudiron a apoiar aos gandeiros dos seus concellos

Algúns alcaldes, como o da Fonsagrada, acudiron a apoiar aos gandeiros dos seus concellos

Santiago Rego avogou pola unidade do sector e agradeceu o respaldo das asociacións que apoiaron a marcha. Na súa cartelería e nos lemas coreados, os gandeiros lembráronse tamén dos sindicatos, “os grandes austentes” da protesta, ós que equiparan a “chiringuitos” ligados ós partidos políticos.

Ás portas das eleccións, a marcha foi secundada por alcaldes do PSOE, como o da Fonsagrada, e do PP, como os de As Nogais, Triacastela, Castro de Rei ou Friol, así como por deputados do PP ou do BNG. O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema criticou os intentos de “politización” do sector. 

Ás portas das eleccións municipais, a protesta dos gandeiros foi apoiada por alcaldes do PP e do PSOE

“Houbo alcaldes que se moveron nas eleccións ó consello regulador de Vacún de Galicia e que se volveron a mover estes días para pedir que non se fose a esta manifestación”, criticaron os convocantes nun dos discursos ao remate da marcha. “Divide e vencerás”, lamentaron.

Gando ao pé da delegación da Xunta en Lugo, ao remate da marcha.

Gando ao pé da delegación da Xunta en Lugo, ao remate da marcha.

Álex Rodríguez (Láncara)

“Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse á gandería”

alex lancara ap

Álex Rodríguez, un mozo de 27 anos de Láncara, tiña previsto incorporarse este ano á gandería familiar, que leva na actualidade súa nai, Marifé Blanco. Pero cos custos e prezos actuais, ve o panorama complicado. “Non hai garantías de futuro. Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse. Precisamos unha boa PAC porque cos prezos que temos hoxe polo gando, é imprescindible”, sinala.

A gandería está a cobrar arredor de 6 euros /Kg. polos animais e cos prezos actuais do penso, xa decidiu reducir o periodo de ceba e a cantidade de penso que lle dá ós xatos. “De momento seguimos cebando, pero quizais chegue un momento no que teñamos que parar”, valora.

José Antonio Santos (Friol)

“Cobramos o mesmo polos xatos que hai 30 anos, pero daquela un saco de penso de 40 Kg. costaba 500 pesetas”

Jose antonio santos friol

José Antonio Santos é un gandeiro xubilado de Friol que acudiu á concentración co seu fillo, que é o que leva hoxe en día a gandería, de 70 reprodutoras. Santos fai números comparando prezos e custos de hai 30 anos cos de agora. “Daquela cobrabamos 200.000 pesetas por un xato, que é parecido ó que cobramos agora, pero o saco de penso de 40 Kg. estaba a 500 pesetas e hoxe un saco de 25 Kg. custa 15 euros”, compara.

A mesma situación dáse co abono. “Daquela un saco de abono eran 200 pesetas, hoxe son 30 euros” -explica-. “Nós o ano pasado xa non abonamos as pradeiras con fertilizantes químicos e este ano tampouco o faremos. O que fixemos foi reducir o rabaño”, apunta.

De cara ó futuro, o produtor opina que “a xente que vén atrás vaino pasar moi mal”.

José Ángel Lamas (Friol)

“O sector gandeiro move a economía dos concellos”

jose angel lamas friol ap

José Ángel Lamas é un gandeiro de Friol que ten un rabaño de 28 vacas, que lle serve de complemento á súa actividade principal, a venda de penso. “O sector gandeiro move a economía dos concellos rurais”, advirte. Lamas considera que a mobilización en demanda de solucións “vai para longo” e pide “unidade” do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información