Cambios que lle afectan ás terras de millo na nova PAC

Analizamos como queda o principal cultivo agrícola que se realiza en Galicia logo da entrada en vigor nesta campaña da condicionalidade reforzada e os ecorreximes, así como as distintas posibilidades existentes para cumprir coa rotación esixida nas fincas

Finca de millo na comarca da Mariña, onde o cultivo acumula retraso malia ser labrado cedo

O cultivo de millo é considerado o cultivo secundario a efectos da PAC e o cultivo de inverno o cultivo principal

Comeza a sementeira de millo en distintas zonas de Galicia e este ano coincide en plena campaña de solicitude única da PAC, retrasada con motivo da entrada en vigor do novo período 2023-2027, que trae cambios importantes a respecto das terras de cultivo.  

Cada ano seméntanse en Galicia unhas 70.000 hectáreas de millo forraxeiro. Constitúe un dos ingredientes principais das racións de alimentación das vacas de leite e un xeito de abaratar o cebo dos xatos nas explotacións de carne.

Os cambios derivados da entrada en vigor de novas medidas recollidas na Política Agraria Común, como os ecorreximes, incentivan a adopción por parte das explotacións de determinadas prácticas, como as rotacións con cultivos mellorantes. 

As decisións de sementeira do outono condicionarán as axudas que se poderán pedir o ano que vén

As novas esixencias son tamén unha oportunidade para lograr fondos complementarios, para incrementar a suficiencia alimentaria das ganderías e para reducir as necesidades de fertilización e o uso de herbicidas, pero cos custos de gasóleo, sementes e abonos en niveis elevados cada granxa terá que valorar o seu caso particular en función da terra, a man de obra ou a maquinaria dispoñible. 

As decisións de sementeira deberán anticiparse e ser meditadas, xa que van condicionar en boa medida as axudas que van poder cobrar as explotacións, tanto na actual campaña como nas vindeiras.

Tratamos de respostar ás principais dúbidas que xorden da aplicación da nova normativa da PAC:

– O cultivo de millo condiciona o cobro da PAC?
– A nova PAC inclúe unha condicionalidade reforzada que esixe o cumprimento dunha serie de requisitos mínimos para acceder ás axudas. Entre eles está manter unhas boas condicións agrarias e medioambientais (BCAM). De non cumprírense podería haber penalizacións e mesmo a perda do dereito ao cobro da PAC por parte da explotación.

As explotacións que boten menos de 10 ha de millo non están obrigadas a facer rotación de cultivos

Entre as boas prácticas de obrigado cumprimento que afectarían ás terras de millo atópase a BCAM 4, na que é obrigatorio deixar unha franxa de protección de polo menos 5 metros sen labrar a ambos lados de ríos, regatos ou cauces de auga; a BCAM 5, que prohibe labrar a terra na dirección da máxima pendente cando a pendente media sexa superior ao 10%; a BCAM 7, pola que todas as parcelas da explotación deberán rotar de cultivo polo menos unha vez cada 4 anos; a BCAM 8, que esixe dedicar cando menos o 4% da superficie adicada a terras de cultivo da explotación a elementos non produtivos; e a BCAM 10, que obriga á aplicación localizada do purín, ao soterramento do esterco, a contar con plans de abonado e a rexistrar no caderno de explotación as operacións de fertilización realizadas.

– Hai que cumprir este ano con todas estas boas prácticas?
– A prohibición do uso de prato ou abano para o xurro entra en vigor o 1 de xaneiro do vindeiro ano, ao igual que a necesidade de plans de abonado, que serán obrigatorios a partir de setembro de 2024, mentres que o caderno dixital aplicarase de xeito escalonado a partir do 1 de setembro deste ano en función do tamaño da explotación, sendo necesario para aquelas que declaren máis de 30 ha de terras de cultivo na PAC.

As explotacións que declaren máis de 30 ha a millo deberán cubrir o caderno dixital a partir de setembro

Como consecuencia da guerra de Ucraína, a Comisión Europea estableceu excepcionalmente para este ano que na campaña da PAC 2023 non é necesario cumprir coa BCAM 8, no relativo á porcentaxe mínima do 4% de elementos non produtivos, agás no caso de acollerse ao ecorrexime de espazos de biodiversidade; e á BCAM 7, de rotación de cultivos, excepto para os produtores que se acollan ao ecorrexime de rotación con especie mellorante ou sementeira directa, que xa deberán cumprir este ano.

– Todas as explotacións deberán cumprir coa rotación a partir do ano que vén?
– O cumprimento da obriga de rotación nas terras de cultivo non se esixe cando a superficie cultivada sexa igual ou inferior a 10 ha, cando o 75% das terras de cultivo se utilicen para producir herba, forraxes herbáceas ou leguminosas ou cando o 75% da superficie agrícola total da explotación sexan pastos permanentes. Estes mesmos supostos tamén permiten non estar obrigados a deixar sen cultivar o 4% das terras.

Todas as parcelas da explotación adicadas a terras de cultivo deberán rotar polo menos unha vez cada 4 anos a non ser que no 75% da superficie se bote herba

– En que consiste a rotación?
– Se a explotación non entra en ningún dos supostos anteriores, deberá mudar o cultivo polo menos unha vez cada catro anos en todas as parcelas. Esta diversificación será máis esixente a medida que aumenta a superficie cultivada, de xeito que entre 10 e 20 hectáreas débense labrar polo menos 2 cultivos diferentes sen que o maioritario supoña máis do 75% da superficie; entre 20 e 30 hectáreas a superficie do cultivo maioritario non pode superar o 70%; e se se labran máis de 30 hectáreas esíxense cando menos 3 cultivos, sen que o maioritario supere o 70% da superficie e a suma dos dous maioritarios o 90%.

O ‘pago verde’ do anterior período era máis simple que a actual rotación, aínda que tamén esixía diversificación de cultivos

– A rotación dentro do mesmo ano cumpriría?
– Si, pero esta rotación ten que manterse durante 3 anos. Non se permite xustificar o uso de cultivo secundario intraanual como opción á rotación exclusivamente no terceiro ano se non se usou nos 2 anos anteriores, é dicir, non serviría botar 2 anos unicamente millo e o terceiro ano sementar un cultivo de inverno ao colleitar o millo.

– En que campaña se fará a comprobación?
– O FOGGA comprobará no ano 2025 o cumprimento da esixencia de rotación de cultivos tendo en conta os cultivos declarados en cada parcela nos tres anos previos. Isto implica que se no 2021 e 2022 se botou millo nas mesmas parcelas, ben este ano ou o ano que vén habería que sementar un cultivo diferente ao millo nesas fincas.

No caso de acollerse á opción de rotación dentro do mesmo ano miraranse só os dous anos anteriores. Isto implica que as explotacións que botan millo sobre millo non poderían deixar as terras baleiras e este ano xa terían que botar algo nesas parcelas de cara ao inverno.

– Que se considera cultivo principal e cultivo secundario?
– Ten consideración de cultivo principal aquel que ocupe máis tempo na parcela entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril de cada ano, de maneira que en Galicia o millo sería considerado cultivo secundario e o cultivo de inverno o principal. Isto obriga a unha planificación por parte das explotacións, dado que o cultivo principal para a PAC do ano que vén será o que se semente en outubro deste ano.

– Poden deixarse baleiras as terras do millo?
– No caso de que unha explotación estea obrigada a cumprir coa BCAM 7 de rotación nas terras de cultivo (máis de 10 hectáreas cultivadas e menos do 75% da superficie adicada a cultivos herbáceos ou a prado permanente) pero opte por botar millo sobre millo nas mesmas parcelas, no último ano (2025), non poderá sementalo, estando obrigado a cambiar de cultivo.

Se se bota na mesma parcela unicamente millo durante tres anos no cuarto ano habería que sementar outro cultivo ou botarlle raigrás todo o ano

– Considérase barbeito non sementar un cultivo de inverno?
– Para declarar barbeito as fincas teñen que estar sen cultivo durante 6 meses entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, polo que o período establecido na normativa non se adapta aos ciclos de cultivo habituais en Galicia. Deixar as fincas baleiras no inverno, unha práctica que realizan algunhas explotacións nunha parte das parcelas unha vez ensilado o millo, non estaría xa que logo considerado barbeito, pois non entraría dentro do fixado na norma da nova PAC, aínda que pasen máis de 6 meses de separación entre cultivo e cultivo.

– Que ocorre se non se deixan sen labrar os 5 metros de marxes fluviais?
– Aínda que non está aínda aprobado o decreto de penalizacións, este incumprimento vai ser considerado unha infracción grave. Con todo, moitas destas franxas en torno aos cauces de auga non aparecen marcadas debido ás deficiencias que ten o SIGPAC nesta campaña a este respecto.

A rotación dentro do mesmo ano na metade das terras cun 10% de superficie labrada con especies mellorantes págase a 85€ por hectárea

Ensilado de raigrás e trebo anual na zona de Chantada nunha parcela en rotación con millo

A mestura de raigrás e trevo anual en rotación co millo non serve para cobrar o ecorexime

Entre as principais novidades que introduce a Política Agraria Común para o período 2023-2027 están os novos reximes en favor do clima, o medio ambiente e o benestar animal (ecorreximes), unha serie de prácticas anuais de carácter voluntario primadas con pagos adicionais.

Son dous os principais ecorreximes aplicables nas terras de cultivo, aínda que só un, o de rotación de cultivos con especies mellorantes, se acomoda ben  ao sistema habitual de cultivo do millo en Galicia.

O novo ecorrexime de rotación de cultivos con especie mellorante é a principal novidade para o millo na PAC

A outra posibilidade sería a práctica da sementeira directa, moi pouco habitual aínda en Galicia. Consistiría en non arar para botar o seguinte cultivo e o importe a percibir (87,72€/ha) é practicamente o mesmo que no caso da rotación convencional con especie mellorante (85,72€/ha).

No caso de sementeira directa esíxese rotar o 40% das parcelas, non o 50%, como ocorre no ecorrexime de rotación con especie mellorante

Pódese facer sementeira directa sempre sobre a mesma parcela, unha práctica que se prima con 25€/ha adicionais, pero é necesario igualmente rotar os cultivos. A porcentaxe de rotación sobre o total das parcelas do ecorrexime que se esixe neste caso é do 40%, no canto do 50% que se pide para o cobro por rotación con especie mellorante.

– Canto se paga polo ecorrexime?
– O importe mínimo estimado está fixado en 85,72€/ha en secano húmido para as primeiras 30 ha solicitadas, e 151,99€/ha para terras de cultivo en regadío para as primeiras 25 ha, cunha posible redución a partir desa superficie en función do número de solicitudes de cobro do ecorrexime que se produzan en cada campaña. A degresividade, en todo caso, está limitada e o importe final a percibir non poderá ser inferior ao 70% do importe planificado inicialmente.

O importe calcúlase a nivel estatal, repartíndose o montante económico asignado para esta práctica entre a totalidade das solicitudes, de maneira que a cantidade final a percibir podería ser sensiblemente superior aos 85€/ha establecidos, sobre todo neste primeiro ano, no que se agarda un menor número de peticións.

– É necesario contar con dereitos sobre unha parcela para cobrar o ecorrexime?
– Non. O cobro polas novas prácticas en favor do clima e o medio ambiente non está ligado a dereitos históricos, senón á superficie da explotación. Non é necesario tampouco acoller toda a superficie da explotación a estes ecorreximes, senón que son de adopción voluntaria, polo que unha explotación que labre 50 hectáreas de millo non ten por que solicitar o ecorrexime sobre a totalidade das terras de cultivo.

As explotacións que se acollan ao ecorrexime deberán cumprir coa BCAM 7 de rotación de cultivos xa nesta campaña

– En caso de solicitar o ecorrexime nesta campaña, esíxese un compromiso plurianual?
– Non. O compromiso de cumprimento do ecorrexime é anual e voluntario, polo que o feito de solicitar ou non o ecorrexime nunha campaña non condiciona a as vindeiras, aínda que si o fai o tipo de cultivo que a explotación realice no outono unha vez levantado o millo, xa que será o cultivo principal tido en conta para a solicitude da PAC do seguinte ano.

– Hai que rotar todas as parcelas acollidas ao ecorrexime?
– Non. Esíxese que como mínimo deben rotar o 50% das terras de cultivo polas que se solicita o ecorrexime, aínda que se cobraría polo 100% da superficie. Admítese como rotación a introdución dun cultivo secundario dentro do mesmo ano.

As explotacións que queiran solicitar o ecorrexime o vindeiro ano deberán sementar un cultivo mellorante neste outono

Como mínimo o 10% da totalidade das terras de cultivo polas que se solicita o ecorrexime deben ser sementadas con especies mellorantes, das cales polo menos a metade serán leguminosas, que se permiten tamén como abonado en verde.

– A rotación raigrás-millo serve para cobrar o ecorrexime?
– Non. A rotación raigrás-millo cumpriría para a BCAM de rotación de cultivos, sempre que se faga todos os anos, pero non serviría para cobrar o ecorrexime de rotación con especie mellorante, nin sequera cando o que se sementa é unha mestura de raigrás con trevo anual, dado que se esixe que nun 10% da superficie a especie considerada mellorante sexa maioritaria na mestura.

– Que especies se consideran mellorantes?
– Na listaxe de especies mellorantes admitidas están leguminosas como chícharo, faba, altramuz, feixón, veza ou trevo; crucíferas ou brásicas como colza, nabo ou camelina e outras especies como o xirasol ou o cártamo.

Permítese as leguminosas para abonado en verde 

O trevo só cumpriría, ao igual que distintas mesturas de leguminosas con cereais de inverno, como por exemplo chícharo con triticale ou veza con avea, sempre que a leguminosa sexa a predominante na mestura.

– En caso de non ter botado unha especie mellorante neste inverno, pódese pedir o ecorrexime?
– Si, pero para cumprir coa esixencia de sementar un 10% de especies mellorantes habería que sementalas esta primavera, reducindo un 10% as hectáreas de millo para sementar a metade desa superficie con xirasol e a outra metade cunha leguminosa de verán (altramuz, faba ou veza, por exemplo).

– En caso de incumprimento, cales son as consecuencias?
– Este ano non vai haber penalizacións por incumprimento dos ecorreximes, pero nas seguintes campañas se o incumprimento é superior ao 20% da superficie solicitada non se cobraría nada. A penalización é, en todo caso, unicamente sobre o ecorrexime e non afecta ao resto de axudas da PAC percibidas pola explotación.

– Que acontece se se botan menos de 10 ha de millo?
– No caso de explotacións que labren menos de 10 ha de millo, que están exentas da obriga de rotación de cultivos (BCAM 7), pero que queiran acollerse ao ecorrexime, entrarían nunha rotación simplificada na que non se lles obriga a sementar unha especie mellorante. Neste caso a rotación millo-raigrás dentro do mesmo ano no 50% das terras serviría para cobrar o ecorrexime ou ben ir cambiando cada ano a metade das fincas nas que se bota o millo.

– É compatible a axuda agroambiental de produción ecolóxica co ecorrexime de rotación con especies mellorantes?
– Si. Pola mesma superficie podería cobrarse o ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes e a axuda agroambiental de produción ecolóxica: 326€/ha nos 2 anos de conversión e 275 €/ha no posterior período de mantemento.

– Pode unha mesma explotación solicitar o ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes e o ecorrexime de espazos de biodiversidade?
– Si, pero en parcelas distintas. Neste caso a mesma finca non podería cobrar polos dous. O importe será menor no ecorrexime de espazos de biodiversidade (54,06 €/ha fronte aos 85,72€/ha da rotación con especies mellorantes).

Para cobrar o ecorrexime de espazos de biodiversidade esíxese unha superficie mínima sen cultivar do 7%, dentro da que computan os distintos elementos da paisaxe (sebes, árbores, pozas, etc). No caso do cultivo de millo, podería optarse por solicitar este ecorrexime en superficies marxinais ou pouco produtivas. Estas zonas de non colleitado, nas que está permitido o uso de fitosanitarios e fertilizantes, deberán estar labradas con un cereal ou unha oleaxinosa e deberán manterse no terreo polo menos até o 1 de setembro. O cobro sería polo 100% da superficie solicitada, incluíndo o 7% sen cultivar e o 93% restante cultivado.  

As marxes fluviais contan para o ecorrexime de espazos de biodiversidade pero non para o mínimo do 4% de terras sen cultivar

Os 5 metros de marxes fluviais non contan para a porcentaxe mínima do 4% das terras de cultivo a superficies non produtivas pero si para o ecorrexime de espazos de biodiversidade. Dase, sen embargo, unha contradición, pois estas marxes de biodiversidade teñen que ser sementadas, pero nas faixas dos ríos e regatos non se pode laborear.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información