As gandarías galegas apenas se beneficiarán das axudas do Goberno central pola seca

A orde de axudas do Goberno central publicada hoxe no BOE confirma que os 355 millóns de axudas para o sector gandeiro priorizarán aos produtores das comunidades autónomas máis afectadas pola seca.

As gandarías galegas apenas se beneficiarán das axudas do Goberno central pola seca

O Boletín Oficial do Estado publica este venres a orde de axudas extraordinarias do Goberno Central ao sector agrícola e gandeiro para paliar os efectos da seca confirmando o que xa se temía: Os 355 millóns de euros en axudas aos gandeiros de vacún de leite, vacún de carne, ovino e caprino para compensalos pola seca e o aumento de custos de produción beneficiarán principalmente aos produtores das Comunidades Autónomas máis afectadas pola seca en 2023: é dicir, Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Rexión de Murcia e Comunitat Valenciana. Pola contra, as gandarías situadas en Galicia, Principado de Asturias, Illes Balears, Cantabria, Euskadi e Canarias apenas recibirán axudas.

Como se repartirán as axudas por sectores gandeiros?

Os 355 millóns de euros repartiranse en contías estimadas de 197 millóns de euros para os produtores de carne de vacún (vacas nutrices), 117,4 millóns de euros para os produtores de carne de ovino e caprino, 17, 4 millóns de euros para os produtores de leite de vaca, e 2322 millóns de euros para os produtores de leite de ovella e cabra.

Canto recibirán de axudas as gandarías en cada comunidade autónoma?

A) Comunidades con alta afectación da seca:

Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección alta (Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Rexión de Murcia e Comunitat Valenciana), os importes das axudas serán os seguintes:

157 euros por vaca de carne (nutriz).

18 euros por ovella e cabra de carne.

61 euros por vaca de leite.

11 euros por ovella e cabra de leite.

b)  Comunidades con afectación media da seca:

Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección media ( Castela e León. Comunidade de Madrid. A Rioxa. Comunidade Foral de Navarra), recibirán como máximo unha axuda de até o 50% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva no apartado a):

76,5 euros por vaca de carne (nutriz).

9 euros por ovella e cabra de carne.

30,5 euros por vaca de leite.

5,5 euros por ovella e cabra de leite.

c) Comunidades con afectación baixa da seca:

Para as explotacións que conten coa maior parte de animais potencialmente subvencionables na campaña 2022 nas comunidades autónomas establecidas nas zonas de afección moderada (Galicia, Principado de Asturias, Illes Balears, Cantabria, Euskadi e Canarias) até o 25 % dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva no apartado a):

39,25 euros por vaca de carne (nutriz).

4,5 euros por ovella e cabra de carne.

15 euros por vaca de leite.

2,75 euros por ovella e cabra de leite.

Máximo de axudas por produtor:

Para os produtores de leite de vaca establécese un máximo de 725 animais subvencionables por beneficiario.

Os produtores de vacas nutrices (gandarías de carne) percibirán o 100% dos importes mencionados nos parágrafos anteriores para as 250 primeiras vacas, e un 50% dos mesmos desde a 251 até a totalidade do seu censo.

Os produtores de ovellas e cabras percibirán o 100% dos importes respectivos para os primeiros 2.000 animais, e o 50% dos mesmos para o resto dos seus animais elixibles.

No caso de que cos importes unitarios establecidos se superase o importe estimado para cada grupo de produtores, poderanse alterar ditos importes por grupo sempre que dita alteración non implique a superación da contía total máxima da axuda. No caso de que non resultase posible a alteración mencionada, realizarase un axuste lineal dos importes unitarios.

Non se concederán axudas cando o importe a percibir por beneficiario resulte inferior aos 200 euros.

A Xunta di que “é unha clara discriminación aos gandeiros galegos”

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de trasladarlle ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación o que cualifica de “discriminación territorial inaceptable” que prexudica a Galicia, tras analizar as medidas do Goberno central para paliar a seca e os efectos da invasión rusa de Ucraína que hoxe se publican mediante Real Decreto-lei no Boletín Oficial do Estado (BOE). Malia a valoración inicial positiva de onte, ao entender que se atendían demandas que viñan sendo reiteradas desde Galicia, o conselleiro rexeita hoxe de plano o detalle das medidas, “ao confirmarse -asegura- a discriminación da nosa comunidade”.

Así, no caso dos sectores cárnico e lácteo, o titular de Medio Rural considera “inaceptable” que Galicia só poida recibir un 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, porcentaxe destinada ás comunidades que o Goberno central establece como de afectación moderada pola seca, situación na que tamén se atopan -por exemplo- o resto de autonomías da Cornixa cantábrica. Deste xeito, esas primas que onte se anunciaron “a bombo e platillo”, segundo José González, quedarán en menos de 40 euros por vaca nutriz de carne e en 15 euros no caso do vacún de leite. “No caso da apicultura, dos 5 millóns previstos para o conxunto do Estado, para Galicia virán unicamente 15.500 euros, outra cantidade considerada insuficiente para a nosa comunidade”, advirte.

Segundo o titular de Medio Rural, estes datos constatan que se está a materializar unha “discriminación por territorios no caso das axudas directas”, malia que na exposición de motivos se explica claramente que as medidas aprobadas se deben tamén ao incremento de custos de produción derivado da invasión rusa de Ucraína, un incremento que afecta de cheo aos gandeiros galegos, “sen que os prezos en orixe sexan capaces de cubrir aínda ese incremento”, puntualiza.

Deste xeito, o conselleiro amosa “un rexeitamento frontal ao que considera unha discriminación territorial que afecta a Galicia e que só vén confirmar, di, que as medidas aprobadas unicamente responden a un fin electoralista, a 15 días dos comicios municipais”.

Consulta aquí o decreto publicado no BOE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información