Éxito ou fracaso dos ecorreximes en Galicia?

Analizamos a que prácticas en favor do clima e a biodiversidade se acolleron as explotacións galegas na solicitude única da PAC deste ano. A redución dos importes de axuda previstos podería desincentivar o incremento da superficie nas vindeiras campañas

superficie ecorreximes PAC 2023 GALQue ecorreximes pediron as explotacións galegas? Por que se reducen finalmente as contías previstas inicialmente? Atopamos a resposta se temos en conta o importante volume de solicitudes que se observan no conxunto do Estado, onde case 9 de cada 10 hectáreas declaradas na PAC se enmarcan dentro dalgún ecorrexime. 

As explotacións agrogandeiras galegas, sen embargo, recibiron con menos entusiasmo unha das principais novidades da PAC neste primeiro ano de aplicación, malia que a Xunta mesmo se esforzou a animar aos produtores a acollerse a eles indicando que nesta campaña non se van realizar controis sobre o seu cumprimento.

Pero finalmente só 291.968 hectáreas están adscritas a algunha destas prácticas a favor do clima e o medio ambiente do total de 468.827 hectáreas incluídas nas declaracións únicas da PAC deste ano en Galicia, presentadas por 24.395 titulares de explotacións, o que significa que en 4 de cada 10 hectáreas preferiron non acollerse a estes pagos extra, que implican esixencias a maiores das incluídas na condicionalidade da PAC, aínda que de vinculación anual na maioría dos casos.

A Xunta mesmo animou aos produtores a acollerse a algún dos ecorreximes indicando que este ano non se ían realizar controis sobre o seu cumprimento

O principal ecorrexime solicitado polas explotacións agrogandeiras galegas foi o de pastoreo extensivo, para o que foron solicitadas 228.467 hectáreas, principalmente por parte de ganderías de vacún de carne, e representan o 64% da superficie total destinada a pastoreo na comunidade (pastos permanentes e temporais), unha cifra moi inferior á media do conxunto do Estado (92%). 

importe provisional ecorreximes PAC 2023A segunda práctica con máis hectáreas solicitadas, fundamentalmente por parte de ganderías de vacún de leite que botan millo,  foi a da rotación de cultivos en terras de labor, cun total de 57.429 hectáreas, o que equivale ao 56% das terras totais de cultivo declaradas na PAC en Galicia, unha porcentaxe que está 10 puntos por baixo da media de toda España (dos 10,47 millóns de hectáreas de terras de cultivo 6,94 acolléronse a este ecorrexime) e é sensiblemente inferior á de comunidades da cornixa cantábrica como Cantabria (71%) ou o País Vasco (95%), aínda que similar á de Asturias (55%).

Tivo máis ‘éxito’ entre os produtores galegos o ecorrexime de pastoreo que o de rotación de cultivos

As cubertas vexetais en cultivos leñosos permanentes, por exemplo viñedo ou froiteiras, ocupan un total de 3.197 hectáreas, das que 2.135 sitúanse en parcelas de elevada pendente (+10%) ou cultivadas en bancais. Finalmente, ao ecorrexime de espazos de biodiversidade acolléronse un total de 2.873 hectáreas en Galicia.

“Imos cobrar por vaca a metade que os do leite; non nos parece xusto”

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas en Mazoi (Lugo)

Os produtores de vacún de carne en extensivo séntense “enganados” polo Ministerio e “novamente prexudicados” polas decisións tomadas en relación á PAC. “Dinnos que imos cobrar unha cantidade e en función diso cada un fixo as súas cábalas e tomou as súas decisións e agora modifican os importes, unha vez xa que non temos marxe de manobra”, quéixase Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

“Vén saír o que nós viñamos denunciando desde fai meses, que imos cobrar por vaca a metade que os do leite. Non temos nada en contra dos nosos compañeiros gandeiros de leite, pero non nos parece xusto”, di.

Lembra ademais que a prima por vaca de carne, fixada para este ano en 81,53€, levaba conxelada desde o ano 2014, polo que considera “incomprensible que en vez de aumentala, incluso se diminúa”; mentres a que se cobra por vaca leiteira pasou no mesmo período de 120€ a 157 na actualidade, o que equivale a unha revalorización do 30%.

Con respecto á última campaña a axuda por vaca nodriza descende un 4%, mentres a prima por vaca leiteira aumenta un 30%

O descenso no importe final da axuda asociada a vaca nodriza, que cae un 10% con respecto ao previsto inicialmente para o período da PAC 2023-2027 e un 4% respecto ao cobrado na última campaña, e a diminución do 28% do valor do ecorrexime de pastoreo, que queda fixado en 44,72€, vai supoñer unha nova perda de ingresos para as explotacións nun momento de custos de produción elevados e estancamento no prezo de venda dos xatos.

Por iso, desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema esixen ás Administracións “unha liña de subvencións para compensar a perda de axudas nos ecorreximes e na vaca nodriza”. “Nos ecorreximes tamén nos penalizan, non se está fomentando o que di a PAC, que é a extensificación para coidar o medio ambiente e combatir incendios; non se está primando iso que se está vendendo”, denuncia.

“Moita xente vai deixar de pedir o ecorrexime”

A importante redución na contía do ecorrexime de pastoreo, considera Santiago, “vai desincentivar á xente a pedilo o ano que vén”. “Este ano era un pouco de proba e ao ver a contía final do importe e os requisitos que tes que cumprir, entre outros o de levar un caderno de pastoreo, moitas explotacións van deixar de solicitalo”, argumenta.

Santiago achaca a menor porcentaxe de hectáreas acollidas ao ecorrexime en Galicia (64%) en comparación co total do Estado (92%) a diversos factores, entre outros ao tipo de explotacións, máis pequenas e menos profesionalizadas, ou á estrutura da propiedade. “Non é o mesmo facer pastoreo aquí que facelo en Castela ou Estremadura, aquí temos o minifundio e o problema do lobo”, engade.

“A axuda pola seca non dá nin para mercar un rolo de herba”

Os produtores de Suprema séntense “dobremente enganados polo Ministerio”, despois de que a axuda anunciada para paliar os efectos da seca tamén vira reducido o seu importe final. “Anunciáronse 100 euros que despois quedaron en 35,87 euros por vaca nodriza, é unha cantidade ridícula”, di.

A palla está a 200€ a tonelada, o rolo de herba seca a 40€ e o de silo a 60. Quen aguanta o gando no inverno con estes custos?

Prevese o seu cobro polas ganderías en outubro pero de pouco vai servir para aliviar a situación das granxas. “A tonelada de palla está a máis de 200€, os rolos de herba seca a 40 euros e os de silo chegan incluso aos 60. A axuda non dá nin para comprar un rolo por vaca e en todo o inverno unha vaca come moitos rolos”, quéixase Santiago.

“Prevese que este inverno haxa falta de gando”

Ante a falta de forraxe e os altos prezos, explica, moitas explotacións optaron por diminuír o número de cabezas polo que pensa que “nos vindeiros meses van escasear os xatos de Suprema”. “Prevese que no inverno haxa falta de gando. Imos para unha época na que sempre sobraba carne, pero este ano non vai ser así”, prognostica.

Ternera Gallega permitirá cebar no prado os xatos de Suprema pero esixirá o acurralamento dos animais

As modificacións no Regulamento da IXP Ternera Gallega, acordadas no seo do Consello Regulador e que previsiblemente se farán públicas o mes que vén, esixirán unha finalización mínima de 2 meses dos animais, ben sexa en interior ou, se é no exterior, con acurralamento. “Vai encarecer o custo final dos becerros para as explotacións que non estaban cebando, pero é algo necesario para potenciar unha Suprema mellor, porque non se pode seguir devaluando o selo marcando animais que non cumpren”, defende Santiago Rego.  

Finalmente, tamén haberá cambios en relación á axuda comprometida pola Xunta para primar a Suprema, unha medida arrincada polos produtores ao conselleiro logo das mobilizacións levadas a cabo en Lugo esta pasada primavera. A axuda abrirase no 2024 e non será finalmente por quilo de carne, senón por canal certificada, para poder encadrar esta subvención dentro do PDR, segundo explican desde Gandeiros Galegos de Suprema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información