Desde este 1 de setembro é obrigatorio que todas as explotacións agrarias e gandeiras que traballen máis de 10 hectáreas de superficie e fertilicen con xurro ou abono químico as súas parcelas elaboren un plan de abonado no que teñan en conta o estado do solo e as necesidades do cultivo. Calcúlase que a norma podería afectar a máis de 12.000 explotacións en Galicia.
O sector acolle con claro escepticismo a entrada en vigor da norma, tendo en conta que non están aínda dispoñibles as ferramentas anunciadas pola Administración para facilitar ao sector o seu cumprimento,. Esperábanse táboas orientativas cos valores oficiais de referencia para os distintos tipos de xurro ou mapas de solo por zonas xeográficas,, que eviten ter que facer analíticas en todas as parcelas.
O sector considera que serían positivas táboas oficiais orientativas con valores nutricionais de referencia dos distintos tipos de xurro, así como mapas de solos por zonas xeográficas
Até o momento, a elaboración de plans de abonado é algo moi minoritario. Tan só as explotacións de vacún de leite de maior dimensión traballan con este tipo de documentos, elaborados ben polas empresas que lles venden os abonos químicos para fertilizar o millo e a herba ou por asesorías que elaboran proxectos ou lles tramitan a PAC.
Axustar as doses ás necesidades reais dos cultivos permite aforrar custos de abonado ás granxas, pero require da realización de analíticas da terra e o xurro que hai pouco quen as faga. É o primeiro paso para poder aplicar unha fertilización eficiente e para que a elaboración dos plans de abonado agora esixidos non quede nun mero trámite burocrático máis, sen resultado nin efectividade real sobre o medio ambiente e o peto das explotacións.
Brais Álvarez. Sindicato Labrego
“A carga burocrática das explotacións vai ser excesiva, sobre todo nas de leite”
Brais Álvarez, secretario de acción sindical do SLG, quéixase de que “a Administración lexisla e obríganos a cumprir cunhas obrigas, pero non temos as ferramentas para cumprir con iso”. Despois de sucesivos adiamentos, asegura, “a data final de entrada en vigor case imposta por Europa e neste tempo de marxe que houbo, a Consellería nunca puxo as ferramentas para que puidera haber un cumprimento e unha implantación real da norma”, insiste.
“XEAGA segue funcionando mal e non se formou ao sector”, exemplifica. Pola contra, SATIVUM, a aplicación equivalente ao XEAGA elaborada pola Junta de Castela e León, facilita a elaboración automática de plans de abonado.
SATIVUM, a aplicación da Junta de Castela e León equivalente a XEAGA, permite a elaboración automática de plans de abonado
“Ti metes as parcelas e ten unha capa que xa che xera moitos dos datos que necesitas para elaborar estes plans de abonado. Pedimos fai máis dun ano á Consellería que falara con Castela e León para adaptar XEAGA ou permitir que usemos SATIVUM, pero non podemos usalo porque non ten cargadas as parcelas de aquí. Seguimos sen ter ferramentas nin ter tampouco con quen falar da Administración. Falla a interlocución real que tiña que haber co sector”, quéixase.
Sancións importantes
O incumprimento da obriga de contar con plans de abonado en explotacións de máis de 10 hectáreas de superficie pode acarrear sancións importantes vía PAC. “A primeira pode ser un 2% pero unha segunda e sucesivas pode supoñer entre un 15 e un 100% de merma na PAC. Non discutimos a implantación da norma, senón os prazos; pedimos que a Administración sexa laxa na aplicación e permita un período de adaptación”, solicita o representante do SLG.
Se a Administración é moi estrita no cumprimento, podémonos atopar con que as granxas teñan descontos da PAC
“O que acabamos facendo moitas veces cando se aproba unha nova norma son documentos salva sancións, en vez de sacarlles rendemento. Vai ser positivo saber o que teño que aportarlle aos meus kiwis ou ás miñas mazas ou se unha granxa de leite lle está botando de máis ao millo. É unha mágoa non traballar isto ben co sector a medio e longo prazo porque é unha oportunidade”, defende.
Mapas xenéricos
Dentro das novas obrigas establecidas pola norma, “as analíticas é o que máis nos preocupa”, avanza o Sindicato Labrego. “Habería que facer analíticas periódicas a todas as parcelas. Falouse de que se ían facer mapas orientativos sobre as necesidades por zonas en Galicia, serían mapas xenéricos que se poderían usar como punto de partida para elaborar os plans de abonado. É unha promesa da Consellería de fai máis de 2 anos”, lembra.
“Non temos ferramentas nin medios suficientes e é inviable facer analíticas en Galicia a máis de medio millón de parcelas que hai inscritas na PAC. Os centros de análise públicos, como poderían ser a USC ou Mabegondo, teñen poucos medios e en laboratorios privados o custo que supón para unha granxa analizar 50 ou 60 parcelas, entre 20-30 euros por analítica, é moi elevado”, di.
Caderno de fitosanitarios, a próxima obriga
O Sindicato Labrego, que tramita en torno ao 5% das PACs que se cobran en Galicia, mandou un aviso a todos os afiliados informándoos das novas obrigas legais (plan de fertilización, SIGE, caderno dixital) en función das características da granxa.
“Estamos comunicando as obrigas que ten cada unha das explotacións, miramos de maneira individual que aspectos tería que cumprir cada unha para que o teñan en conta”, indica Brais, que alerta do aumento da carga administrativa.
“A carga burocrática das granxas é brutal, sobre todo as de leite, e con isto aínda se vai incrementar máis”, advirte. “Nós imos elaborar plans de abonado para os nosos afiliados, comezamos a traballar agora a finais de agosto”, avanza.
A próxima norma de aplicación para o agro chegará en xaneiro, cando entra en vigor a obriga do caderno de fitosanitarios. Poderá ser dixital ou analóxico, en función do caso. “Non hai coordinación entre a Xunta e o Ministerio. Deberíase ter en conta a realidade do sector e a idade media dos titulares de explotación. Ao sector vitícola, que non ten PAC en Galicia e non está familiarizado tanto coa tramitación burocrática, vai afectarlle de cheo”, advirte.
Javier Iglesias. Unións Agrarias
“Unha terceira parte das explotacións que hai en Galicia veranse obrigadas a elaborar plans de fertilización”
Javier Iglesias, de Unións Agrarias, fai un cálculo aproximado do número de explotacións que en Galicia estarían obrigadas a elaborar plans de abonado anuais para os seus cultivos. “No informe de condicionalidade da PAC do ano 2024 aparecen un total de 13.414 explotacións con máis de 10 ha, poderíanse descontar as que só fan pastoreo e non fertilizan, pero tamén hai que sumar algunha explotación de horta que pode ter regadío. Nós estimamos entre 12.000 e 13.000 explotacións veranse obrigadas a contar con plan de fertilización, unha terceira parte das explotacións que hai en Galicia”, calcula.
Non é malo saber que necesidades temos e o que botamos, pero é un rexistro máis e un trámite máis dentro dos que xa temos
“Esperamos que as sancións non se leven a cabo inicialmente, pero ás explotacións que cobran PAC pode afectarlles nas inspeccións. Dependendo da gravidade e a reiteración, as sancións comezan nun 2% pero poden chegar á totalidade da PAC”, advirte Javier. “Non é malo saber que necesidades temos e o que botamos, pero é un rexistro máis e un trámite máis dentro dos que xa temos”, di.
Obriga de analítica para usar purín de terceiros
Facer un plan de abonado é un documento relativamente sinxelo, indica. Existe a aplicación gratuíta FertiliCalc, validada polo Ministerio, pero o grado de utilización e cumprimento da norma é moi minoritario até o de agora.
“Dentro do Decreto está previsto que as comunidades autónomas desenvolvan unha aplicación para xerar o plan de abonado. Desde a Xunta de Galicia non está dispoñible. O RAX é para cultivo de millo pero non serve para o resto nin cumpre coas expectativas”, asegura.
As explotacións máis grandes si son conscientes desta necesidade e das vantaxes dos plans de abonado
As analíticas de solo esixidas poden agruparse por cultivos e só é necesario repetilas cada 10 anos, pero no caso de utilización de puríns de terceiros requírese que vaia acompañada da correspondente análise para coñecer os seus valores nutricionais.
“Tal como establece o decreto, para as granxas de leite e de carne que utilizan puríns de porcino non hai ningunha excepcionalidade, o cal xera uns gastos importantes. A necesidade de ter analítica dos puríns afecta tanto ao que merca como ao que vende, que tampouco pode desfacerse dese xurro sen ter a correspondente analítica”, indica Javier.
Sistemas de aplicación de xurro
A partir do ano 2028, ademais de dotarse de plans de abonado, as explotacións deberán ter asignado un asesor en materia de fertilización. As casas comerciais son as que están realizando esa labor de asesoramento na actualidade, que a partir do ano que vén se converte en obrigatorio. Unións ten previsto tamén ofrecer ese servizo porque considera que “depender de quen ten intereses económicos na materia non é bo”, opinan.
A maiores das restricións ao uso de urea e outras solucións nitroxenadas, está tamén enriba da mesa a cuestión dos sistemas autorizados para abonar con purín. “Non é só cuestión do plan de abonado e o rexistro da fertilización, tamén está enriba da mesa o asunto dos métodos de aplicación. Seguimos dependendo da boa vontade dos inspectores”, recoñece.
A Xunta comprometeuse a elaborar un informe para autorizar o prato invertido. Que foi del?
Javier insiste en que “é materialmente imposible sacar os puríns de todos os pozos que hai en Galicia con cisternas que inxecten o xurro ou teñan tubos colgantes e tamén substituír o parque actual de cisternas convencionais por este tipo de cisternas”.
“É certo que non está habendo presión por parte da Administración, pero en calquera momento iso pode cambiar. E hai métodos coma o prato invertido que está demostrado que reducen as emisións e non se está facendo nada para autorizalo e validalo. Había un compromiso por parte da Xunta de Galicia de elaborar un informe e remitilo ao Ministerio para a súa validación, pero non sabemos se se elaborou ou non, se se enviou ou non e cal foi o resultado”, pregunta.
Adrián Veras. Progando
“Os gandeiros están concienciados e fan un abonado eficiente”
Adrián Veras, da empresa Progando, considera que a elaboración de plans de abonado ten beneficios para as explotacións. “As cousas véñense facendo ben desde fai uns anos. O gandeiros están concienciados sobre a necesidade de facer un abono eficiente. Por aforro económico e por coidado do medio ambiente tratan de sacar o máximo rendemento posible á terra”, asegura.
Trala entrada en vigor da norma, a elaboración de plans de abonado será un servizo máis que Progando dará aos seus clientes. “Nós xa o faciamos porque había determinadas industrias leiteiras que llo pedían aos seus gandeiros. Nestlé, por exemplo, xa valoraba estas cousas no prezo do leite e cada vez se vai ter máis en conta”, considera.
Empresas como Nestlé xa pedían plans de abonado das súas granxas proveedoras e valórano cunha prima no prezo do leite
“O caderno de campo xa o estabamos facendo e o plan de abonado é un servizo máis que ofrecemos, polo que non supón moito cambio para nós. E ofrecemos tamén o servizo de analíticas de terras”, explica Adrián.
A partir do vindeiro ano será obrigatorio contar cun asesor en fertilización, unha función que neste momento están asumindo en boa medida as empresas que comercializan abonos. “Unha empresa como a nosa sempre busca axudar aos seus clientes e neste caso vai tratar tamén de facilitar o cumprimento da norma”, avanza.
Isabel Arza. Ingeniería Arza
"O plan de abonado é unha previsión anual, non ten por que coincidir co que se aplica finalmente"
Isabel Arza, de Ingeniería Arza, que conta con caderno dixital propio (
AZAgro), tamén está familiarizada coa elaboración de plans de abonado, aínda que recoñece que “a día de hoxe en Galicia non hai moito quen faga este tipo de documentos, nin plans de abonado nin rexistros de abonado, que son dúas cousas diferentes”, aclara.
“Un é unha previsión anual de cultivos e fertilizantes e outro é o abonado real que se acaba producindo en función de factores como as condicións meteorolóxicas ou os días de pastoreo, no caso de granxas extensivas, xa que 21 días antes de que vaian a pastorear as vacas non podes abonar”, explica.
Unha cousa é o plan de abonado e outra diferente o rexistro de abonos; son dous documentos distintos
No plan de abonado ponse canto abono tes previsto botar en cada finca cada mes, tendo en conta o nitróxeno e o fósforo, e o rexistro é despois o real, aí xa poñemos o día concreto de aplicación e o método utilizado; no caso do purín, por exemplo, quen o aplicou, con que tipo de máquina e se foi con inxectores ou non. O máis habitual é que non coincidan exactamente o plan de abonado e o rexistro de abonado, porque tes que ter en conta a meteoroloxía”, aclara.
Avaliacións ambientais
Ingeniería Arza está habituada a elaborar plans de abonado. “A nós xa nolo pedían cada vez que facemos un proxecto de ampliación, ao igual que para a elaboración e os seguimentos das autorizacións ambientais integradas, que nós facemos bastante”, explica Isabel.
Neste tipo de documentos faise un cálculo de produción de purín e esterco na explotación, en función do número de animais e da súa idade. “Na nosa aplicación sae totalmente automático, temos metidos os datos de número de cabezas, as parcelas e os cultivos e xa fai os cálculos”, destaca.
Nos plans de abonado hai que ter en conta o número de animais por idades para facer unha previsión de xeración de purín e esterco da granxa
O punto de partida son tamén as analíticas de solo. “Calculas as necesidades, o nitróxeno e o fósforo que producen os teus animais e distribúese polas parcelas ao longo do ano en función dos momentos previstos de aplicación: abonado de pradeiras, sementeira do millo, etc. Despois cubrimos as necesidades que faltan con abono químico”, indica.
Condicionalidade da PAC
Arza tamén é a empresa galega que máis solicitudes de PAC tramita. “As revisións e inspeccións de condicionalidade da PAC fixéronse este ano no mes de agosto, cando aínda non entrara en vigor a obriga normativa, e non pediron na maior parte dos casos os plans de abonado, pero para o ano que vén supoño que xa se esixirán”, prognostica.
De momento imos pedir unha analítica por cultivo nunha finca media, que sexa representativa da explotación e nos anos sucesivos faremos un chequeo por zonas
Cando se usa purín ou esterco doutra explotación é obrigatorio tamén contar cunha análise da composición dese abono orgánico e facer unha estimación das cantidades xestionadas ou aplicadas. “Cando as dúas explotacións están no noso sistema, tanto o produtor como o receptor, xa nos saen automaticamente os datos na aplicación e apúntao aos dous no seu caderno. Cada vez se usa máis xurro de porcino, por exemplo, por parte de granxas de vacún de leite ou de carne. Todo isto xa o temos contemplado no noso caderno dixital, xa é automática a suba de datos e estás xerando o plan de abonado dos dous de forma automática”, aclara Isabel.
https://www.campogalego.es/entra-en-vigor-la-obligacion-de-contar-con-un-plan-de-fertilizacion-para-las-granjas-de-mas-de-10-hectareas/