Category Archives: Portada arriba dereita

Aberta a inscrición para a 41ª Escola Nacional de Xuíces Gandeiros 2024

O próximo 15 de maio finaliza o prazo de inscrición á 41ª Escola Nacional de Xuíces Gandeiros, que se celebrará os días 24, 25 e 26 de xuño de 2024 organizada por CONAFE en colaboración con Asturiana de Control Lechero - Asociación Frisona (ASCOLAF) e o Ayuntamiento de Tineo, e coa participación de ganderías locais. Os asistentes terán a oportunidade de coñecer en profundidade como se xulgan os animais na pista dun concurso. Lembrámosvos que as prazas son limitadas. Descarga desde aquí o formulario de inscrición A escola comezará o luns 24 de xuño cunha charla sobre morfoloxía, a cargo de Santiago Mato, xefe do Departamento de Morfoloxía de CONAFE, e outra sobre Juzgamiento, que impartirá Bonet Cid, Director Técnico da Escola. A continuación, haberá unhas clases prácticas con animais procedentes de ganderías asturianas. Ademais, o martes 25 e o mércores 26 de xuño continuará o desenvolvemento das seccións prácticas da escola. O obxectivo destas escolas, que se retomaron con gran éxito no ano 2022 e tiveron tamén unha excelente acollida o pasado ano 2023, é a formación de Xuíces Gandeiros e, igualmente importante, achegar coñecementos morfolóxicos do animal que permitan mellorar o nivel do rabaño, corrixindo os defectos ou aumentando as virtudes dos seus animais mediante un mellor emprego do material xenético que asegure unha mellor descendencia. Inscrición antes do 15 de maio enviando o formulario de inscrición a: conafe@conafe.com, ou á seguinte dirección postal: CONAFE Apartado de Correos 31 - 28340 Valdemoro (Madrid)

Orondis Ultra: Un gran salto fronte ao mildiu en viñedo

As intensas choivas dos últimos días e a subida de temperaturas que se prevén para esta semana son o caldo de cultivo perfecto para o desenvolvemento do mildiu, a principal enfermidade que afecta á viña en Galicia e que, de non atallarse a tempo con produtos eficaces, pode supor perdas moi importantes na produción de uva.

Precisamente, desde Syngenta España ofrecen aos viticultores Orondis Ultra, un funxicida deseñado para un excepcional control do mildiu, permitindo aos produtores obter unha colleita de gran calidade e cantidade.

Orondis Ultra, é un funxicida específico para o control de mildiu (Oomicetos) grazas ás súas dúas materias activas (mandipropamida e oxatiapiprolina), que lle confiren ao produto unha excelente eficacia.

Usando Orondis Ultra de forma preventiva obtemos os máximos beneficios do produto, pero tamén ten capacidade curativa e antiesporulante.

Os beneficios de Orondis Ultra:

– Gran aliado no control de mildiu.

– Longa duración de protección no control de mildiu.

– Excelente eficacia a doses moi reducidas.

– Dobre tecnoloxía no seu modo de acción.

– Formulación específica desenvolvida para o mercado global de oomicetos.

– Xestión de resistencias mellorada grazas aos seus dous modos de acción.

– Rápida absorción do produto evitando o lavado por choiva.

– Protexe novas follas e brotes ao poderse aplicar na fase de rápido crecemento.

Máis información

Premiados na cata popular da Feira do Viño do Ribeiro 2024

Este mediodía tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 61ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, o alcalde do Concello de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil (coorganizadores do evento), o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e outras autoridades. Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado co primeiro premio Alter 2023 de Priorato de Razamonde, o viño Ramón do Casar 2023, de Adega Ramón do Casar recibiu o segundo premio e na marca Catro Parroquias Godello 2023 de Adegas Loeda recaeu o terceiro premio. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Zapicos do Verea 2023 de Adegas Gómez Sanmartín. Por último, na categoría de Viños Tintos, o mellor viño tinto de Colleiteiros recaeu en Viña Carpazal Selección 2022 de Cristian Rodríguez Vázquez e o mellor veu tinto de Adegas resultou ser Preto de Leive 2022 de Leive Ecoadega. Doutra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos de Adegas a Luís Ramos López, chegado de Pinto, Madrid, o galardón de Mellor Catador de Viños Tintos de Colleiteiros levouno Marta Araújo Montero, veciña de Ribadavia. Na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro premiouse a Xosé Manoel Gómez Cruz, de Moreiras, Toén e como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega o galardoado foi Roberto Taibo Frieiro, veciño de Ribadavia. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados nas distintas categorías. Na súa intervención, Juan Manuel Casares quixo felicitar ás adegas e colleiteiros así como “agradecer a colaboración sempre recibida polo Concello de Ribadavia para a organización deste evento, que ano a ano vaise fortalecendo máis”. O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sumouse ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros e agradeceu tamén “o traballo dos voluntarios incansables na feira, así como o saber estar de todos os visitantes que fan deste evento algo moi grande”. Esta actividade, xestionada polo C.R.D.O. Ribeiro, está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. Do total das 35 marcas presentadas a concurso (15 viños brancos de adegas, 8 brancos de colleiteiros, 7 viños tintos de adegas e 5 tintos de colleiteiros) son valoradas en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que se está probando.

Prezo medio de 2330 euros na poxa de Rubia Galega en Seane do Courel

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou esta mañá a poxa de tres xovencas preñadas na localidade de Seoane do Courel, dentro dos actos da cuarta edición da feira de gando. O primeiro dos exemplares adxudicouse en 2.400 euros, mentres que as outras dúas xovencas vendéronse en 2.300 euros. Estes animais irán parar a explotacións de Sarria, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro. As seguintes poxas nas que está a traballar esta asociación levarán máis touras a Cervantes, o próximo 11 de maio, e en Sarria, o día 12 do mesmo mes.

12 medallas de ouro para os viños galegos no “Challenge International du Vin”, o máis prestixioso de Francia

Os viños galegos lograron 12 medallas de ouro e dúas de prata no concurso internacional de viños Challenge International du Vin 2024, unha cita celebrada no Pazo de Congresos de Bordeus (Francia) o venres e sábado da pasada semana. Premiados da D.O. Ribeiro: MEDALLA DE OURO Adega do Moucho 2020 de Francisco García Pérez Cuñas Davia A Xiada 2023 de Adegas Valdavia Laudes 2022 de Lázaro Moreno Sotelo Ramón do Casar Nobre 2022 de Ramón do Casar Ramón do Casar Varietal 2022 de Ramón do Casar MEDALLA DE PRATA Cunqueiro III Milenium 2022 de Bodegas Cunqueiro Pazo Tizón blanco 2022 de Pazo Tizón Premiados da D.O. Valdeorras: MEDALLA DE OURO Guitián sobre lías Blanco 2022. Bodegas A Tapada. Guitián fermentado en barrica. Blanco 2022. Bodegas A Tapada. Premiados da D.O. Monterrei: MEDALLA DE OURO Abeledos Godello 2023. Bodega Abeledos S.L. Premiados da D.O. Rías Baixas: MEDALLA DE OURO As Laxas 2023. Bodegas As Laxas. Val do Sosego Albariño 2023. Bodegas As Laxas. Nº12 by Paco & Lola 2023. Bodegas Paco & Lola Espumoso Pedras Rubras Millesime 2014. Adegas Valtea

Challenge International du Vin

O Challenge du Vin, con máis de 47 anos de experiencia, é o concurso internacional de viños e augardentes máis antigo organizado en Francia e esta edición reuniu a 600 catadores de máis de 20 nacionalidades para analizar un total de 4.500 mostras. Esta competición, organízase en forma de cata a cegas (sen coñecer a marca) coa particularidade de que cada xurado de catadores está composto por catro membros: un técnico, un produtor, un distribuidor e un consumidor experto, deste xeito, os viños premiados son a expresión do gusto do consumidor.

Consulta aquí todos os resultados

Aumenta a produción e o rendemento do millo forraxeiro co biofertilizante Neoforce® N Fixer

Na actualidade, a biotecnoloxía conseguiu numerosos avances no sector agrícola. Fertiberia TECH está sempre á vangarda en produtos tecnolóxicos para a agricultura, que complementan as prácticas de fertilización actuais coa finalidade de crear un camiño que leve a optimizar producións e obter a maior rendibilidade dos nosos cultivos, contribuíndo a unha maior sustentabilidade e respecto polo medio ambiente.

A nova liña Neoforce® con tecnoloxía Care de Fertiberia TECH centra o seu desenvolvemento en solucións de biofertilización, bioprotección e bioestimulación. A aplicación de Neoforce® N Fixer aumenta a biodispoñibilidade, fixación e absorción de nutrientes por parte da planta. Destinado a cultivos con grandes requirimentos nutricionais e un alto grao de tecnificación, está desenvolvido especialmente para a fixación biolóxica de nitróxeno. Induce a síntese de sustancias que atrasan o envellecemento das células vexetais prolongando a actividade fotosintética e reducindo as perdas nutricionais, aumentando a eficiencia enerxética.

Trátase dun biofertilizante único no mercado formulado como concentrado soluble (SL) a base dun consorcio de 3 microorganismos fixadores de nitróxeno: Azospirillum brasilense (109 ufc/ml*), Azotobacter vinelandii (109 ufc/ml*) e Rhizobium leguminosarum (109 ufc/ml*) [unidades formadoras de colonias].

Este potente consorcio de microorganismos, aos que se lle incorpora a tecnoloxía Care, actúa en equilibrio tanto no microbioma da folla como no microbioma do chan de forma libre, asociativa e simbiótica. Ademais, a exclusiva composición de Neoforce® N Fixer contén elicitores moleculares metabólicos (lipoquitooligosacáridos) que actúan como moléculas sinal na comunicación “microorganismo-planta-microorganismo”.

Os principais beneficios da aplicación de Neoforce® N Fixer son os seguintes:

1. Fixación de nitróxeno e asimilación de nutrientes
Neoforce® N Fixer está composto por un consorcio de microorganismos (libres, asociativos e simbióticos) e un conxunto de bioactivos sinal que, ao colonizar raíces e follas, son capaces de transformar o nitróxeno atmosférico en formas de nitróxeno asimilables polos cultivos. Ademais, axuda a reducir a perda de nitróxeno por lixiviación de maneira indirecta, mediante a promoción do crecemento das raíces das plantas e a mellora da súa capacidade para absorber e utilizar o nitróxeno dispoñible no chan.

2. Promoción do crecemento
Uno dos efectos de Neoforce® N Fixer é a indución da síntese de ácido indolacético (fitohormona vexetal de crecemento). Esta fitohormona é fundamental durante os primeiros estados de implantación do cultivo, imprescindible para o seu desenvolvemento e crecemento. Ademais, mellora o desenvolvemento radicular, promovendo o desenvolvemento das raíces adventicias. Desta forma, as novas plantacións están mellor preparadas para a absorción de auga e nutrientes.

3. Mitigación de tensión
A activación da encima ACC-desaminasa bloquea a síntese de etileno que xeran as plantas baixo condicións de tensións. Este fenómeno xera un efecto positivo sobre a fisioloxía vexetal dos cultivos, atrasando o envellecemento das células vexetais e mellorando a capacidade fotosintética.

Ensaios demostrativos en Asturias e Galicia
A eficacia de Neoforce® N Fixer foi testada en diversos campos demostrativos nas provincias de Lugo e Asturias na campaña de 2023 en millo forraxeiro, onde se comparou coa non aplicación do produto (control). Observouse que aquelas plantas nas que se aplicou o biofertilizante de Fertiberia TECH mostraban unha coloración foliar máis verde e menor cantidade de restrollos (menor cantidade de follas secas e ausencia de síntomas de carencias). A produción de materia verde estimouse pesando mostras de plantas enteiras. Nos campos, obtivéronse aumentos de produción superiores a 4 toneladas/ha, cunha media de +6,7 toneladas/ha (+13 %), acompañados dun aumento no contido de proteína soluble, cando se aplicou Neoforce® N Fixer.

Como se aplica Neoforce® N Fixer?
Neoforce® N Fixer pode aplicarse en todo tipo de cultivos, xa sexa de maneira directa ao chan ou foliarmente. No cultivo de millo recoméndase a aplicación de 3 L/ha, desde pre-emerxencia ata post-emerxencia precoz cando as plantas de millo presenten 3-4 follas verdadeiras.

Abre a convocatoria de axudas para as explotacións agrarias de titularidade compartida

O Ministerio de Agricultura abriu a convocatoria para a concesión directa de subvencións ás explotacións agrarias de titularidade compartida para este ano, por un importe que supera os 1,7 millóns de euros. A finalidade destas axudas é contribuír ao pago das cotas da Seguridade Social ás que se atopan obrigadas as persoas titulares das explotacións agrarias de titularidade compartida.

As axudas diríxense a explotacións agrarias que se atopen inscritas en situación de alta no rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida do ministerio, cun mes de antelación á data de publicación do devandito extracto da orde de convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). A contía máxima anual alcanza os 1.500 euros por explotación beneficiaria e convócanse en réxime de concesión directa, sen estar suxeitas á concorrencia competitiva das persoas solicitantes. O prazo de presentación da documentación é de 15 días hábiles, contados a partir do 4 de maio.

Dentro do paquete de medidas lexislativas aprobadas en xullo de 2022, destinadas aos traballadores autónomos, incluíuse o aumento da bonificación na cota do cónxuxe do titular da explotación agraria de titularidade compartida, que pasa do 30 % ao 40 %, medida aplicable desde xaneiro de 2023 por un período de cinco anos e que é compatible con estas axudas.

Consulta máis información sobre as axudas na páxina web do ministerio.

Nova poxa de Acruga en Seoane do Courel

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) levará a cabo unha nova poxa mañá, día 4, na IV Feira de Gando, celebrada en Seoane do Courel. Este evento  que se recuperou hai uns anos, comezará a partir das 12.30 da mañá. Poderase poxar por tres xovencas, de idades comprendidas entre os 25 e os 16 meses, e preñadas de entre 4 e 6 meses.  Estes tres exemplares, proceden de dúas explotacións de Vilalba e dunha de Becerreá, aínda que a recría dos animais se levou a cabo no centro da granxa Gayoso Castro, onde Deputación de Lugo e Acruga traballan conxuntamente na recría de animais de pura para para dinamizar e potenciar a loura galega.  As tres xovencas teñen un prezo de saída de 2.200 euros, e para incentivar a súa compra, Caixa Rural axudará con 200 euros por exemplar. Os interesados en adquirir algún destes animais poderán retirar o seu cartón desde unha hora antes.  “Hai uns anos recibimos a solicitude do propio Concello de Folgoso do Courel, interesado en recuperar as antigas feiras de gando que tiñan lugar en Seoane dúas veces ao mes, e todas as poxas que celebramos desde entón finalizaron con boas cotizacións e con todas as xovencas adxudicadas. Esperemos que mañá tamén vaia ben”, sinala o presidente de Acruga, César Dourado. As seguintes poxas nas que está a traballar esta asociación levarán máis xovencas a Cervantes, o próximo 11 de maio, e en Sarria, o día 12 do mesmo mes. 

Ence prevé investir 120 millóns en Pontevedra, sen aumentar liñas nin capacidade de produción

Ence - Energía y Celulosa prevé realizar 120 millóns de euros de investimentos na súa fábrica de Pontevedra para seguir avanzando na súa competitividade e sustentabilidade, así como para mellorar e diversificar o seu mix de produtos de celulosa Kraft. Grazas a estas melloras, a compañía sinala que reducirase o consumo de madeira e auga para producir as mesmas toneladas de celulosa. Neste sentido, recentemente foi exposto a información pública o proxecto de modificación do PIA/PSIS desta fábrica -Proxecto de Interese Autonómico, anteriormente denominado Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal-. Este non supón, en ningún caso, unha ampliación da biofábrica, senón que constitúe unha mellora integral da instalación. Esta modificación inclúe actuacións para a redución do consumo de auga en ata un 40%, á vez que farán posible que esta fábrica continúe operando en períodos de seca, sen afectar ao caudal do río Lérez, nin ao consumo cidadán. De igual modo, mellorarase a eficiencia da produción de pasta de celulosa, reducindo a cantidade de madeira consumida por tonelada de pasta. Esta redución do consumo de madeira equivale a uns 60.000 m3 de madeira ao ano para a produción actual da factoría. Este proxecto inclúe tamén medidas encamiñadas á descarbonización da instalación: a través da substitución de combustible fósil polo consumo de enerxías renovables lograrase unha redución das emisións. Tamén, medidas destinadas a reducir o seu consumo de enerxía (eléctrica, en aproximadamente 7.000.000 de kwh/ano, e térmica, nuns 100.000.000 de kWht/ano), aumentando así a súa eficiencia enerxética. Outras melloras ambientais incluídas neste plan permitirán seguir avanzando na redución das emisións olorosas e do impacto acústico. A este respecto, a modificación inclúe tamén medidas para a integración paisaxística e a minimización do impacto visual. Tamén contempla actuacións para a mellora dos produtos. Deste xeito, implementarase un sistema para incrementar o grao de secura da pasta, á vez que os novos dixestores dotarán dunha maior flexibilidade na operación, que fará posible a substitución de madeira Globulus por Nitens, sempre para a produción de celulosa Kraft.

Viños da Ribeira Sacra, música e gastronomía este fin de semana na Feira do Viño de Vilachá

O lugar de Vilachá, no municipio da Pobra do Brollón, acollerá desde hoxe venres e durante todo o fin de semana unha nova edición da Feira do Viño, na que participarán 18 adegas e colleiteiros. Ademais de poder degustar os viños da Ribeira Sacra tamén haberá espazo para a gastronomía e para un completo programa musical.

Programa:

O venres 3 ás 21.00 horas comezará a cata ambulante musical con Juanjo Figueoa e Suso 40. O circuíto de adegas (7 viños) terán un custo de 20 euros. Haberá callos para degustar en a Adega Pedro. Sábado 4, ás 13.00 horas terá lugar a Cata IXP con Martiño Santos e Xosé Gontá (Vide, vide) (5 viños). O prezo será de 15 euros. O domingo 5 ás 13.00 horas Juanjo Figueroa, Presidente da Asociación de Sumilleres, dará lectura ao pregón e acto seguido actuará a Escola de Música Samoeiro. Ás 19.00 horas dará inicio a Cata Concurso Circuíto Colleiteiros. Durante as xornadas de o sábado e domingo haberá animación musical a cargo de: -Sábado (Macizas Centrais, Searas, Estoupafoles, Son do Mao, Sintróm e Son, Corenta e Chinco, Foliada de Bosende, Os Bochetas e Ministreles). -Domingo (Cachuch´ao Pil-Pil, Skachakunchas, Dakidoasma, gaitukada Aikirindo e Escola Samoeiro).

A Fundación Arume programa para o 29 de outubro ‘Piñeiros 24’, a cuarta edición do encontro anual das coníferas

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 29 de outubro ‘Piñeiros 24’, a cuarta edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.

O encontro abordará o papel da madeira na industrialización da construción, que representa un cambio de paradigma no sector, pois as pezas de madeira prepáranse na industria coas medidas exactas requeridas e chegan á obra listas para a súa montaxe en seco.

Outro dos focos porase sobre a xestión forestal en monte das masas de piñeiro, así como sobre usos e produtos complementarios que se extraen das coníferas.

Francia, país convidado
Este ano, Francia será o país convidado en Piñeiros 24, seguindo a tendencia dos anos anteriores, cando foran Portugal (Piñeiros 22) e Euskadi (Piñeiros 23) os coprotagonistas do evento.

Francia, en especial a rexión de Nova Aquitania, é un dos referentes europeos no manexo do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), tanto a nivel forestal como industrial. En Piñeiros 24 contarase cunha serie de ponentes de Francia que explicarán a realidade da cadea monte – industria de coníferas no país veciño.

Deste xeito, consolídase o posicionamento internacional do encontro Piñeiros, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.

A Feira do Viño do Ribeiro arranca este venres cun amplo programa de actividades

A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa 61ª edición, inagurarase este venres e prolongarase durante toda a fin de semana, 4 e 5 de maio , no recinto da Alameda en Ribadavia (Ourense). Neste ano participarán un total de 36 adegas e colleiteiros que ofrecerán os seus viños a todos os visitantes que se acheguen ata Ribadavia durante os días do evento. O público deberá mercar a súa copa na caseta de venda de copas (na entrada do recinto) e, posteriormente, visitará as casetas das adegas onde poderá optar por degustar os viños mediante a proba, por copa ou por botella. Cada opción terá un prezo diferente que marcará cada adega. A principal novidade desta edición reside na zona gastronómica, que contará con dous ambientes diferenciados. Por un lado, un restaurante con capacidade para 150 persoas, que ofrecerá tres menús diferentes a escoller, e no que se poderá reservar previamente tanto para xantar como para cear. Por outra parte, tamén haberá un espazo denominado “Zona de Tapeo”, que contará cunha pulpeira, cun posto de queixos de todo o mundo e cun posto de Coren, onde se ofertará comida variada e complementaria para aquela xente que acuda sen reserva ou que queira acompañar os viños con algo de comer. Entre as principais actividades destacan os showcookings e catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de recoñecido prestixio, RibeiroBUS (rutas turísticas nun autobús antigo polos viñedos e patrimonio do Ribeiro), a cata popular, actuacións musicais en sesión nocturna tralo peche do recinto, zona infantil, Botella Xigante,visitas guiadas ao Castelo e ao Museo do Viño de Galicia, etc.

Xornadas de alimentación de vacún de leite, a vindeira semana na EFA Fonteboa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en Coristanco (A Coruña), organiza a vindeira semana, do 6 ao 13 de maio, unhas xornadas de alimentación de vacún de leite, coa participación de técnicos do sector. As xornadas celebraranse no Salón de Usos Múltiples do Concello de Coristanco e son de entrada gratuíta. Para máis información enviar un correo a fonteboa@fonteboa.es ou chamar ao 981 733 051 Velaquí o programa:

Previsión de aumento de mildio e black rot na viña pola suba de temperaturas e humidade

A Deputación de Pontevedra aconsella, a través do boletín fitosanitario de Areeiro desta semana, extremar a vixilancia das viñas ante o mildio e o black rot debido ao aumento previsto das temperaturas. Tamén recomenda tratar ante o mildio as patacas e plantas de horta xa que despois das chuvias e coa subida de temperaturas producirase unha evaporación da auga do solo que favorecerá a aparición deste patóxeno nas plantas próximas ao terreo. Nestes días, Areeiro ten detectado diferentes situacións con respecto ao avance do mildio. Nalgunhas viñas, xa tratadas con unha ou dúas aplicacións, observouse ausencia total de síntomas; noutras había algunha que outra mancha nova; noutras detectáronse máis manchas e non perfectamente curadas e, nas abandonadas, manchas novas. Deste xeito, e ante a previsión de aumento de temperaturas para os próximos días que favorecerá o desenvolvemento do patóxeno, Areeiro advirte da necesidade de extremar a vixilancia e, naqueles predios nos que haxa maior incidencia de síntomas, renovar o tratamento o antes posible. Ademais, debido aos danos nas follas ou nos gromos pola sarabia, o centro dependente da Deputación recomenda elixir algún funxicida que leve folpet para favorecer a cicatrización das lesións e limitar a instalación de botrite. A humidade elevada e as temperaturas altas favorecen a aparición de black rot nas viñas, polo que Areeiro aconsella estar moi pendentes e, naqueles predios con historial de danos por este patóxeno, utilizar funxicidas rexistrados para controlalo ou facer intervencións antimildio ou tratamentos antioidio. Por outra banda, o centro dependente da Deputación de Pontevedra tamén recolleu esta semana os primeiros insectos de 'Lobesia botrana' e mosquito verde.