Category Archives: Axudas

Convocadas as axudas para maquinaria eficiente e de agricultura de precisión

A Consellería do Medio Rural publicou este xoves, 21 de maio, a convocatoria para a compra de equipamentos máis eficientes, con menor gasto enerxético e de agricultura de precisión, dotada cun orzamento de 8,6 millóns de euros.

As axudas convócanse por concorrencia competitiva. Daráselle prioridade ás ganderías con persoas mozas incorporadas nos últimos 5 anos. Outros criterios de puntuación valoran que o beneficiario se adique exclusivamente á actividade gandeira, que estea en produción ecolóxica, as zonas de montaña, a titularidade compartida ou que teña menos de 2 UGM por hectárea, entre outros factores.

A resolución da convocatoria ten que producirse, a máis tardar, en outubro do 2026, e o prazo de execución será ata o 31 de xullo do 2027.

A maquinaria subvencionable é a seguinte:

a) Máquinas relacionadas coa xestión eficiente de estercos e xurros. A maquinaria de aplicación de xurro mediante sistemas de prato, abano ou canóns non se considera elixible.

b) Máquinas que melloren a aplicación eficiente de fertilizantes.

c) Máquinas que melloren a aplicación eficiente de produtos fitosanitarios.

d) Maquinaria agrícola que optimice a xestión de recursos:
Carro mesturador con análise NIR da ración.
Tractor con clasificación enerxética A.
Robot.

e) Compoñentes de agricultura de precisión para a adaptación de equipamentos na explotación:
• Kit de adaptación ISOBUS.
• Sensor NIR.
• Sistema de adaptación de máquinas para traballo variable.
• Sistema de autoguiado.

f) Estudos técnico-económicos de viabilidade.

Non se financiará a simple renovación de equipos nin maquinaria de segunda man.

O importe da axuda será, como mínimo, do 40 % dos custos elixibles. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 75 % en función dos requisitos que cumpra a persoa solicitante, como poden ser o caso dos investimentos en explotacións de agricultura ecolóxica, en zonas con limitacións naturais ou se se trata dunha persoa moza recentemente incorporada, entre outros. Neste sentido, o investimento mínimo elixible será de 12.500 euros, mentres que o máximo ascende a 100.000 euros.

Convocadas as axudas de incorporación ó agro e plans de mellora

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas de incorporación ó agro e plans de mellora. O orzamento previsto é de 23 millóns de euros para a incorporación de mozos ao agro e outros 30 millóns para financiar os plans de mellora asociados. Trátase da maior convocatoria desde o ano 2018.

Con esta orde, a Consellería de Medio Rural sinala que búscase dar resposta á alta demanda de solicitudes recibidas no 2025, e por iso poderán optar a estas achegas tanto os solicitantes do ano pasado coma outros novos. O prazo de presentación será dun mes, a partir de mañá martes.

A persoas mozas que xa presentaran a súa solicitude non terán que volver rexistrala e garánteselles as mesmas condicións que tiñan o ano pasado, especialmente en relación cos prazos dos investimentos e a idade máxima permitida -41 anos-.

No 2025, Medio Rural sinala que se recibiran máis de 460 solicitudes de xeito conxunto entre ambas liñas de subvención (axudas de incorporación e plans de mellora).

A través destas axudas o Goberno autonómico sinala que afianza a súa aposta pola remuda xeracional, que é fundamental para garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental da actividade agrogandeira no seu conxunto. Por outra banda, a mellora das explotacións incide de xeito positivo na súa rendibilidade e competitividade.

Publicadas as axudas 2026 para as agrupacións forestais de xestión conxunta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta, dotadas cun orzamento de 2.125.000 euros para as anualidades de 2026 e 2027. Isto supón un incremento do 50 % con respecto á convocatoria anterior. Estas axudas dispoñen de dúas liñas de subvención. Por un lado, a destinada a apoiar a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta, distinguindo dúas modalidades, básica e con base territorial. Inclúese tamén a posibilidade de transformación de agrupacións básicas en agrupacións con base territorial, favorecendo así a evolución cara a modelos de maior integración. Por outra banda, a segunda liña de axudas diríxese ás agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial xa inscritas no rexistro correspondente, co obxectivo de apoiar a realización de novos procesos e actividades orientadas á súa consolidación. Deste xeito, o que se persegue é facilitar a creación de novas agrupacións forestais; apoiar a consolidación das xa existentes; incrementar a superficie forestal xestionada de forma conxunta e mellorar a capacidade organizativa, técnica e comercial destas entidades. O prazo de presentación de solicitudes é de 45 días hábiles para a liña 1 e de 30 para a liña 2. Actualmente están en funcionamento 24 agrupacións, pero unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 estímase que se terán creado outras 40 novas agrupacións, incorporando estas unha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas, co que o número total de entidades rexistradas roldará as 65. Beneficiarios Poden beneficiarse destas axudas as asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís, cooperativas, sociedades agrarias de transformación, mercantís, de fomento forestal e outras entidades que teñan por obxecto a xestión conxunta de terras forestais en Galicia. A intensidade da axuda poderá acadar ata o 100 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 51.000 euros por entidade beneficiaria. As actuacións subvencionables, que deberán executarse entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de xuño de 2027, abarcan un amplo conxunto de tarefas necesarias tanto para a creación como para a consolidación das agrupacións. Así, inclúen a identificación e impulso da iniciativa; os gastos de constitución e inscrición; a revisión do parcelario e investigación da titularidade; a elaboración de cartografía; a implantación de sistemas de certificación forestal e a mellora da gobernanza e xestión interna. Actualmente están en funcionamento 24 agrupacións, pero unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 estímase que se terán creado unhas 40 novas, incorporando estas unha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas, co que o número total de entidades rexistradas roldará as 65.

Convocadas as axudas para apicultura

A Consellería de Medio Rural vén de convocar as axudas á apicultura, que están dotadas neste 2026 con máis de 1,4 millóns de euros, no marco da Intervención Sectorial Apícola do Plan estratéxico da política agraria común. Os apoios permitirán subvencionar as actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos inclusive, período de duración dunha campaña apícola. Os principais obxectivos destas axudas son o mantemento e o fomento desta actividade en Galicia. O informe constata que esta finalidade se está cumprindo, consonte a esa evolución favorable do número de colmeas e de explotacións nos últimos anos, que converten a Galicia nunha das principais comunidades autónomas do sector. De feito, en 2025 deuse apoio a 2.172 apicultores cunha achega destinada a máis de 195.000 colmeas. Nos últimos 13 anos, multiplicáronse por tres o número de apicultores beneficiarios -foron 638 en 2013- e reflicte o progresivo aumento da rendibilidade do mel e produtos derivados, contribuíndo a que persoas mozas opten por desenvolver un proxecto produtivo vinculado a esta actividade agrícola. A través destas achegas financiaranse diferentes servizos de carácter técnico; investimentos en activos materiais e inmateriais, entre os que se inclúe a loita contra invasores como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose; actuacións de análise que permitan incrementar o número de abellas ou a súa produción; a promoción, comunicación e comercialización dos produtos e as actividades que permitan incrementar a súa calidade.

Convocadas as axudas para plantar piñeiros e frondosas trala corta de madeira

A Consellería do Medio Rural convocou unha nova liña de axudas destinada a financiar investimentos en reforestacións produtivas de frondosas e coníferas naquelas zonas onde se realizase un aproveitamento madeireiro previo nos últimos 3 anos.

Estas achegas contan cun orzamento total de 8.483.000 de euros para os anos 2026 e 2027 (4.133.000 para 2026 e 4.350.000 para 2027), distribuído pola súa vez en tres liñas de achegas. Destínanse 6,6 millóns a coníferas, 1,3 millóns a frondosas caducifolias e 400.000 euros a chopo.

Esta orde de axudas busca potenciar a produción de madeira de calidade con valor engadido, especialmente no caso das frondosas autóctonas, e contribuír á prevención dos incendios forestais e á mellora da resiliencia dos ecosistemas forestais.

Por outra banda, e dende unha perspectiva ampla que pon o foco nas positivas repercusións que terán estas axudas para o monte galego, xérase tamén actividade económica no medio rural.

Poden beneficiarse destas achegas as comunidades de montes veciñais en man común (40% dos fondos) as agrupacións forestais de xestión conxunta (40% dos fondos) e aquelas persoas silvicultoras activas (20% dos fondos) que estean inscritas no Rexistro de Silvicultor Activo. No caso de non estar inscritas no Rexistro, poden facelo de xeito paralelo á presentación da axuda.

O prazo de presentación abriuse este xoves e remata o próximo 12 de marzo.

Os terreos en que se poderán implantar estas reforestacións son aqueles -situados en Galicia- que fosen obxecto dun aproveitamento madeireiro ou terreos conveniados coa Administración forestal en que se executase o dito aproveitamento. A superficie mínima de plantación será dunha hectárea dividida en 3 coutos redondos.

Importes por hectárea en función da actuación

As accións subvencionables estrutúranse en tres liñas diferenciadas ás que se lles aplican módulos normalizados de concesión e xustificación ao abeiro da opción de custos simplificados. Estes módulos establecen importes fixos por hectárea en función da tipoloxía de actuación, da densidade da plantación e das especies empregadas, co fin de garantir a homoxeneidade, a transparencia e a simplificación administrativa na xestión destas axudas.

Liña 1. Coníferas
Deste xeito, a primeira liña de axudas céntrase na reforestación produtiva de coníferas para as actuacións posteriores a aproveitamentos madeireiros de coníferas, eucalipto ou especies invasoras, cun orzamento total de 6,6 millóns de euros divididos a partes iguais para os anos 2026 e 2027.

As achegas económicas por hectárea para esta liña son de 3.691,67 euros para aquelas plantacións cunha densidade igual ou superior a 1.300 pés/ha; 3.383,69 euros para as que teñen unha densidade igual ou superior aos 1.000 pés/ha pero inferior aos 1.300 pés/ha, e de 3.095,71 euros para plantacións cuxa densidade sexa igual ou superior aos 850 pés/ha e inferior aos 1.000/ha.

Tamén se inclúe un módulo específico para a xestión do rexenerado natural tras a corta de masas de coníferas, que é de 2.079,89 euros por hectárea naquelas plantacións cunha densidade final entre 1.000 e 1.400 pés/ha.

Liña 2. Frondosas caducifolias (excepto chopo)
A segunda liña destas achegas vai dirixida á reforestación produtiva de frondosas, que ten como obxecto fomentar a implantación de masas de frondosas de alto valor produtivo e ecolóxico, cun orzamento total de 1,48 millóns de euros, dos cales 733.000 euros corresponden ao ano 2026 e 750.000 euros ao ano 2027.

Así, inclúe módulos cun importe de 4.230,41 euros/ha para plantacións de frondosas cunha densidade igual ou superior a 1.000 pés/ha, 2.569,50 €/ha para as zonas cuxa densidade oscile entre os 50 e os 150 pés/ha e 3.888,12 euros por hectárea para as plantacións mixtas de frondosas e coníferas cunha densidade igual ou superior a 1.000 pés/ha, mantendo unha proporción do 60 % de frondosas e do 40 % de coníferas.

Liña 3. Chopo
Por último, inclúese unha liña específica para a reforestación produtiva de chopo, cun módulo específico de 4.229,60 euros/ha para as plantacións de chopo cunha densidade de entre 250 e 300 pés/ha que empreguen a variedade Populus x interamericana. Esta liña conta cun crédito total de 400.000 euros, distribuído en 100.000 euros no ano 2026 e 300.000 euros para o ano 2027.

Convocatoria de axuda para compensacións complementarias por lucro cesante e a reposición de gando

A Consellería do Medio Rural lanza as axudas de compensación complementarias por lucro cesante e achegas para a reposicións dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando pola execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, que contan cun orzamento de 125.000 euros.

Xa están dispoñibles as bases e poderán beneficiarse aquelas persoas titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas nas que por orde da autoridade competente se levara a cabo o sacrificio obrigatorio ou a destrucións de animais por motivos de sospeita ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa de erradicación ou una actuación sanitaria oficial, como pode ser a tuberculose ou a brucelose, entre outras.

Tamén se incluirán os casos de animais que morresen durante o seu manexo mentres se desenvolvían as actuacións sanitarias oficiais, e os casos de morte ou sacrificio/matanza deses animais como consecuencia da aplicación dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Poderá subvencionarse a compra de animais para repoñer a aqueles que se sacrificaran pola aplicación dos programas oficiais

As axudas están destinadas a compensar o período de inactividade das explotacións nas que se determina o seu baleiro sanitario (sacrificio de todo o gando), subvencionándose, en base ás marxes brutas medias das diferentes actividades produtivas das explotacións, tanto o período de corentena (dende o sacrificio ata que a Consellería do Medio Rural autoriza a incorporación de novos animais), como os tres meses posteriores, no caso de que o gandeiro non repoña nese tempo o gando.

A través destas achegas poderá subvencionarse tamén a compra de animais para repoñer a aqueles que se sacrificaran pola aplicación dos programas oficiais. A intensidade das axudas é do 100 % dos custos subvencionables e así favorecer o desenvolvemento económico das explotacións bovinas, ovinas e cabrúas afectadas por estas enfermidades.

As axudas poderán solicitarse ata o 30 de novembro de 2026.

Aberta a convocatoria de axudas para fomentar certames de gando bovino selecto

A Consellería do Medio Rural publicou a orde axudas para 2026 destinadas á realización de certames de gando bovino selecto por importe de 150.000 euros. A finalidade destas axudas é fomentar a celebración de certames de gando selecto a realizar en diferentes puntos da xeografía galega, onde as ganderías participantes poidan expoñer con distintos fins os animais selectos. Considérase necesario potenciar esta actividade, xa que supón un incentivo para a recría de animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das ganderías, ademais de posibilitar a súa comercialización e representar un estímulo para a mellora gandeira. Os beneficiarios destas subvencións son os concellos galegos, as asociacións de persoas gandeiras, as organizacións empresariais e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen este tipo de eventos e que cumpran unha serie de requisitos que se concretan na convocatoria. Entre eles figuran os de dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas e contar con medios técnicos e persoal para a celebración deste tipo de eventos. A maiores, deberán dispor da colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico ou a realización do control de rendementos, polo menos no relativo á acreditación de que os animais participantes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes As achegas convócanse en réxime de concorrencia non competitiva, de tal forma que se tramitarán todas as solicitudes a medida que os beneficiarios interesados as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario.

Axudas para instalacións e equipamentos de cooperativas agrarias

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria das achegas para fomentar o uso de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo. O orzamento previsto para 2025 ascende a 410.000 euros e poderán optar a el as cooperativas agrarias formadas por titulares de explotacións. Serán financiables investimentos que melloren o rendemento global, a competitividade e a viabilidade das explotacións. Entre eles, destacan as reformas ou construcións para mellorar condicións agroambientais, hixiénico-sanitarias e de benestar animal; a adquisición de construcións agrarias en desuso; a implantación de medidas de bioseguridade ou a xestión eficiente dos recursos naturais. As achegas contan cun carácter plurianual e están cofinanciadas nun 60% co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural, do 12 % da Administración Xeral do Estado e do 28% da Xunta de Galicia. As axudas cubrirán o 40% dos custos elixibles, ampliable ata un máximo do 65% segundo criterios establecidos. En todo caso, a contía máxima será de 3 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de hoxe. A iniciativa ten como obxectivo favorecer a adaptación ao cambio climático e contribuír á súa mitigación. Búscase reducir emisións de gases de efecto invernadoiro, mellorar a captura de carbono e promover un modelo enerxético sostible. Ademais, foméntase o desenvolvemento sostible e a xestión eficiente de recursos como a auga, o solo e o aire, reducindo a dependencia de produtos químicos.

Aberta a convocatoria para os Premios ao Desenvolvemento Rural de Galicia

A Consellería do Medio Rural vén de convocar a XVI edición dos Premios ao Desenvolvemento Rural de Galicia. As bases para concorrer xa están publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). Un ano máis, mantéñense as seis categorías establecidas: mocidade, proxectos de interese social, sector agro-gandeiro, mulleres, innovación tecnolóxica e recuperación e posta en valor da terra agraria. O prazo de solicitude é dun mes, contado dende o 29 de xullo. A iniciativa dos galardóns está promovida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e contará un primeiro premio de 10.000 euros e un segundo de 3.000. Entre os criterios de valoración destacan o impacto socio-económico no territorio, a creación de emprego, a sustentabilidade ambiental ou a inserción laboral da muller e de colectivos desfavorecidos, entre outros Segundo recolle o documento da convocatoria, estes galardóns buscan recoñecer e difundir iniciativas que contribúan a promover o medio rural e a construír unha sociedade rural máis dinámica e con maior cohesión. Respecto das categorías, mocidade vai orientada a iniciativas de persoas mozas ou dirixidas a elas que apostan polo futuro do rural galego. Séguelle a de Proxectos de interese social, que promoven a integración de colectivos vulnerables ou coidado de maiores e dependentes; e a de Sector agro-gandeiro, que valora propostas nos ámbitos agrícola, gandeiro ou agroalimentario cun enfoque innovador. As outras tres categorías son Mulleres, destinada a iniciativas lideradas por ou dirixidas a mulleres no rural que promovan a igualdade e o emprendemento; Innovación tecnolóxica, para proxectos que incorporen tecnoloxía en procesos ou servizos, e Recuperación e posta en valor da terra agraria, centrada na recuperación de terras infrautilizadas.Os criterios de valoración inclúen o impacto socio-económico no territorio, a creación de emprego, a sustentabilidade ambiental, a inserción laboral da muller e de colectivos desfavorecidos, o apoio social, a innovación, a orixinalidade e o feito de desenvolverse nun concello en risco de despoboamento, entre outros. As propostas deberán estar localizadas en Galicia e estar finalizadas antes da publicación da convocatoria, non admitíndose aquelas en fase de deseño ou execución. Quedan excluídas as iniciativas xa premiadas en anteriores edicións ou noutros premios da Axencia.

Convocadas axudas para cubrir gastos técnicos na mobilización e recuperación de terras

A Consellería de Medio Rural vén de convocar axudas para apoiar os gastos técnicos e xurídicos dos propietarios que queiran acometer permutas de interese agrario ou polígonos agroforestais.

Poderán se beneficiarios destas axudas tanto persoas como agrupacións e comunidades de bens que declaren o interese agrario da permuta, que teñan presentado o proxecto de permuta ou que sexan titulares dalgún dos predios aos que se refira a permuta.

Acontece o mesmo no caso dos polígonos agroforestais, sempre que se conte co acordo dos propietarios de mínimo o 70% das terras incluídas no perímetro, se acredite a situación de infrautilización nun mínimo do 50% da superficie e se remitise á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a documentación para a aprobación do polígono e se teña iniciado o expediente.

Os interesados en solicitar esta achega teñen ata o 31 de outubro de 2026 para presentar a súa solicitude e as axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva.

Visita á Estrada
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou esta localidade pontevedresa para poñer en valor a convocatoria das axudas para os gastos de asesoramento técnico e xurídico, de acondicionamento dos terreos, notariais e de inmatriculación rexistral co obxectivo de promover os instrumentos de mobilización e de recuperación da terra agraria, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada. Esta iniciativa da Consellería do Medio Rural sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

A directora xeral explicou que estas achegas están dotadas cun orzamento de 100.000 euros para os anos 2025 e 2026, co cal se subvencionarán os gastos de asesoramento técnico e xurídico, traballos técnicos e de acondicionamento dos terreos, ata un máximo de 15.000 euros; e gastos notariais, rexistrais e de inscrición necesarios, ata un máximo de 3.000 euros.

Como novidade, nesta convocatoria inclúense as axudas para gastos de asesoramento técnico e xurídico, un recurso moi demandado polos propios propietarios que queren acometer este tipo de procesos. Por outra banda, tamén se incorporan dentro desta convocatoria os polígonos agroforestais, así como outros instrumentos cuxo fin sexa a mobilización de terras para un uso agrario ou forestal.

Así o destacou Rodríguez durante o transcurso da súa visita á Estrada, no que puido coñecer un proxecto de mobilización de terra a través de permutas que se quere levar a cabo neste concello. Neste sentido, reuniuse con algúns dos 14 propietarios que solicitaron a declaración de especial interese agrario dunha serie de permutas sobre parcelas situadas neste concello, cunha mobilización de preto de 8,85 hectáreas para aproveitamento forestal, e os cales se poden beneficiar destas achegas convocadas hoxe.

Con estas permutas poderán aumentar a superficie continua de cada unha das explotacións por medio da agrupación da propiedade; o que vai permitir reducir os custos tanto de implantación como de mantemento e explotación das masas forestais, repercutindo de xeito positivo no valor final da madeira.

Convocadas as axudas para segunda transformación da madeira e para o contract

A Axencia Galega da Industria Forestal XERA vén de convocar as axudas para segunda transformación da madeira, orientadas a serradoiros, e para o canal contract, especializado nas instalacións de mobiliario en cadeas comerciais a nivel internacional. A Xunta destinará nos próximos dous anos 4,4 millóns de euros, un 11% máis que na 
anterior convocatoria, para a valorización, segunda transformación e ecoinnovación de 
produtos forestais, así como para a mellora da seguridade e saúde no ámbito laboral da 
industria forestal galega e tamén do contract. Trátase duns apois singulares, únicos a nivel estatal, que impulsa desde o ano 2018 a Axencia Galega da Industrial Forestal XERA, dependente da Consellería de Economía e Industria. Os obxectivos desta orde de axudas pasan por poñer en valor e pechar o ciclo produtivo 
dos recursos forestais na Comunidade a través do impulso da segunda transformación, 
de maneira que se aproveitan as oportunidades que está a xerar o incremento de
 produtos derivados da madeira en diversos eidos, como o da construción. Por iso e para 
dar resposta a dúas cuestións que afectan de xeito significativo ó subsector da 
transformacións da madeira de piñeiro, a nova orde inclúe dúas novidades: facilitar o 
acceso a estes apoios a aqueles serradoiros que superen unha capacidade máxima de 
transformación de 20.000 metros cúbicos de torada ao ano, xa que ata agora tiñan
limitado o acceso á axudas do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) en
 virtude dunha normativa europea. En segundo lugar, inclúense axudas para afrontar as 
consecuencias provocadas pola praga do nematodo do piñeiro no sur da comunidade. 6 liñas de axuda Así, a convocatoria aprobada esta mañá recolle seis liñas de axuda.
  • A liña 1
, Competitividade e valorización, está destinada á adquisición de novo equipamento para a
transformación de produtos de orixe forestal non alimentaria, así como para os
 procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira. Conta cun
 orzamento de 750.000 euros.
  • A liña 2, Mobiliario, contract e construción, facilita a compra de maquinaria nova 
vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e á fabricación de elementos para a 
construción. A partida reservada ascende a 750.000 euros.
  • No caso da liña 3,
 Dixitalización, resérvanse 250.000 euros para a xestión integral, dixitalización de
 procesos e sistemas para a xestión do ciclo de vida, ciberseguridade, intelixencia
 artificial ou automatización e sensorización, entre outros. Neste caso o orzamento 
reservado é de 150.000 euros.
  • No caso da liña 4, Certificacións, ensaios e informes, que conta tamén con 150.000 euros
 de orzamento, poderán solicitala aqueles que queiran implantar e certificar a cadea de 
custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental,
informes, servizos, bens de equipamento, tecnoloxías e obras de acondicionamento
necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais. Tamén
 para marcas colectivas rexistradas ou para a implantación da marcación CE de produtos
de orixe forestal, entre outros.
  • A liña 5, Seguridade e saúde na contorna laboral, está dirixida á incorporación de servizos 
para a implantación e certificación do estándar ISO 45001 – xestión da seguridade e 
saúde no traballo- ou medidas para reducir os riscos de orixe e propagación de incendios,
para o que conta cunha partida de 400.000 euros.
  • E, finalmente, a liña 6, Ecoinnovación, 
está dirixida ao ecodeseño de produtos ou materiais con madeira, a implantación de 
solucións de economía circular, así como a introducir ferramentas que permitan analizar 
diferentes aspectos ambientais nas fases do ciclo de vida. O orzamento desta liña rolda 
os 150.000 euros.
Beneficiarios e apoios En canto aos beneficiarios, a convocatoria está dirixida principalmente ás 
pemes do sector forestal-madeira, así como ás asociacións da cadea de valor e 
empresas que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada no caso da 
liña 3, e de pemes de calquera sector que desenvolvan solucións ecoinnovativas con 
madeira, no caso de solicitar apoios no marco da liña 6. E no que respecta á intensidade das axudas, esta será do 50 % ata un máximo de 60.000
euros en todas as liñas, agás no caso de actuacións encadradas nas liñas 1 e 2, que será 
de 250.000 euros. Ademais, os apoios poderán ser do 70 % no caso da liña 3 se a 
actuación consome servizos web da Xunta ou se se trata de proxectos que empreguen a
 ferramenta gratuíta de rastrexabilidade FORTRA. Estas achegas están enmarcadas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da 
industria forestal-madeira, deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector 
para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade.

Axudas de Augas de Galicia para sistemas de depuración en vivendas unifamiliares

Todas as vivendas que non vertan as súas augas a unha rede pública de sumidoiros deben, obrigatoriamente, estar equipadas cunha solución de saneamento autónomo individual para xestionar de forma idónea as súas augas residuais domésticas. Por este motivo e para cooperar cos particulares que están nesta situación, a Xunta abre unha convocatoria de axudas destinada á instalación e os sistemas de depuración autónomos na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

En Galicia, factores como a elevada dispersión da poboación, unha topografía accidentada ou a elevada pluviometría fan que o saneamento autónomo sexa a solución óptima para resolver moitos problemas do saneamento nas contornas rurais. Os novos enfoques e criterios no deseño de esquemas de saneamento descentralizado mostran que, en moitas ocasións, son unha solución tecnicamente eficaz, económica e ambientalmente sustentable a longo prazo.

Segundo indican dende Augas de Galicia, toda vivenda sen posibilidade de acometida aos sumidoiros públicos deberá de utilizar sistemas individualizados separados, un para a evacuación de augas pluviais e outro de evacuación de augas residuais dotado dun sistema de depuración particular.

O importe será do 100 % do investimento da actuación proposta e co límite de 4.000 euros

As augas pluviais poderán almacenarse para a súa posterior utilización na propia vivenda, ou ben evacuarse ao terreo, preferiblemente, ou a unha canle natural ou a unha rede de drenaxe pluvial público. A evacuación de augas residuais deberá realizarse conectándoa ao sistema de sumidoiros públicos. No entanto, as ordenanzas municipais reguladoras dos servizos de xestión de sumidoiros poden establecer unha distancia máxima a partir da que non é obrigatoria esta conexión.

Requisitos da convocatoria
Serán beneficiarias das axudas as persoas físicas que deban figurar como titulares dunha autorización de vertedura dun sistema de depuración autónomo dunha vivenda unifamiliar situado no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa. O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, até esgotar o crédito da convocatoria e co límite de 4.000 euros por vivenda unifamiliar.

Subvencionarán os investimentos realizados desde a data de publicación desta convocatoria e que os sistemas de saneamento autónomo a instalar se sitúen no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa. Ademais, as augas residuais deben proceder de vivendas unifamiliares e os rendementos de depuración a conseguir coas instalacións de depuración ou as porcentaxes mínimas de redución, cumpran os parámetros técnicos esixidos.

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9:00 horas do 6 de marzo de 2025 e finalizará ás 14:00 horas do 7 de abril de 2025.

Información da convocatoria

Precisamente esta semana, trascendeu a intención da Xunta de declarar zonas vulnerables a nitratos na provincia da Coruña, no Salnés e na Limia, unha cuestión sobre a que hai polémica, pois os Concellos afectados e as organizacións agrarias pregúntanse que parte de responsabilidade disto hai no agro e que parte en augas residuais domésticas ou industriais.

Convocadas as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal para a cadea monte – madeira

Abren a convocatoria de axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027. A convocatoria, a cargo da Axencia Galega da Industria Forestal XERA, establece que poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector forestal radicadas en Galicia. Fíxanse cinco liñas liñas para as subvencións. Unha delas, centrada na xestión forestal activa, outra na madeira e biomasa, a terceira na castaña e resina, a cuarta no valor engadido na primeira transformación da madeira e, finalmente, na medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento. En cada unha delas fíxanse os equipos que serán financiados dentro da convocatoria. Cada persoa solicitante só poderá presentar unha solicitude de axuda e esta só poderá dirixirse a unha única liña de axudas. A axuda máxima limitarase por solicitante aos 200.000 euros para as liñas 1 e 4; 50.000 euros para a liña 5 e 160.000 euros para as liñas 2 e 3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 15 de outubro de 2025 para a primeira anualidade, e para a segunda, o 30 de xuño de 2026. Consulta toda a información

Convocatoria para investimentos en actividades empresariais non agrícolas no rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución coas bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas na convocatoria de 2025, que contan cun orzamento de 1,7 millóns de euros. Poderán beneficiarse destas axudas as pequenas empresas situadas en zonas rurais e as persoas físicas que residan nestas contornas, que desenvolvan a súa actividade en ámbitos tales como a produción de bens e materiais, a transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, a prestación de servizos sociais ou a artesanía e actividades artesanais, entre outros.

Estas achegas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural permiten reforzar o tecido socioeconómico no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos e á consolidación dos existentes e, en última instancia, consolidar e impulsar a dinamización económica destes territorios.

As axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e financiarán proxectos destinados á adquisición de bens de equipo inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes, nunha¡ aposta pola ampliación e modernización do sector produtivo no medio rural.

Ligazón á resolución das axudas para investimentos en actividades non agrícolas no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioO90-261224-0001_gl.html