A Xunta de Galicia anuncia que, “en vindeiras datas” porá en marcha “os mecanismos necesarios” para regular a aplicación de xurros con prato invertido na comunidade, unha medida que evitará ás explotacións o uso de sistemas de inxectores ou tubos colgantes, deixando deste xeito sen efecto unha parte do Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, que prohibe a utilización, desde o pasado 1 de xaneiro dos sistemas convencionais de prato ou abano.
Despois de que o Ministerio explicara por carta esta semana á organización agraria UPA que as comunidades autónomas teñen a potestade de propoñer medidas alternativas que supoñan unha redución das emisións á atmosfera de gases contaminantes, a Consellería do Medio Rural avanza que “vai tomar todas as medidas que dentro da súas competencias garantan a sustentabilidade ambiental, social e económica das explotacións galegas”.
O uso permitido do prato invertido evita ás explotacións ter que adaptar as cisternas existentes ou mercar unha nova
O departamento que dirixe José González asegura que xa comunicou ás organizacións agrarias, en conversas mantidas esta mesma semana, que exercerá a facultade recollida no artigo 10.4 do Real Decreto, que permite o emprego de métodos de aplicación de xurros alternativos aos recollidos no anexo V sempre que conten co aval técnico e medio ambiental.
Neste sentido, a Xunta aclara que, contando cos informes técnicos favorables do CIAM, a súa intención é a de regular a aplicación dos xurros con prato invertido en Galicia. No caso de fincas de menos de 2 hectáreas de superficie ou con pendentes medias superiores ao 10%, o propio Ministerio aclara que o Real Decreto estatal permite seguir empregando o sistema habitual de prato ou abano.
Cambio de postura do Ministerio
Ademais de insistir no “evidente cambio de posición do Ministerio”, xa que “agora semella que vai a recoñecer algo que leva negando durante todo este tempo”, a Consellería apela á “lealdade institucional”, pois “en asuntos de tanta transcendencia como este, debería informar a todas as comunidades autónomas ao mesmo tempo e non contestar, de xeito parcial, a unha organización profesional agraria”, di, remarcando que “os gobernos autonómicos somos parte implicada nas tarefas de regulación e control nesta materia”.
“Celebramos que o Ministerio dea agora marcha atrás na súa postura, despois de que ao longo da tramitación desta nova normativa sempre nos advertiran de que a única solución para cumprir con este Real Decreto era, precisamente, a aplicación dos xurros a través de inxectores”, afirman desde a Consellería do Medio Rural.
A Consellería sinte ciumes porque o Ministerio anunciou a súa marcha atrás nunha carta a UPA
Lembran ademais que pediron, a través das alegacións presentadas, que foron acordadas coas organizacións agrarias, que a lexislación estatal “tivese en conta os condicionantes do agro galego”, entre outros, factores como a orografía, edafoloxía, clima, minifundismo ou tamaño das explotacións e a súa dispersión.
Cómpre contemplar a idiosincrasia de cada territorio e este texto legal non tiña en conta as peculiaridades de Galicia
“Cremos, e así o defendemos no seu momento con informes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que a nosa terra ten moita máis capacidade de asunción de xurros que outras zonas, polas condicións edafoclimáticas e de cultivos que temos aquí”, conclúe a Consellería.