A chegada estes días ás explotacións dos contratos de compra do leite a partir de abril pon fin á calma tensa que se vivía no sector. A intención anunciada por todas as industrias nas súas ofertas era a de baixar o prezo, unha tendencia que se está a confirmar xa coas primeiras renovacións, que inclúen correccións á baixa de entre 2 e 5 céntimos, quedando o litro de leite en orixe en Galicia no entorno dos 45 céntimos.
O sector agardaba unha lixeira corrección, pero non tanto. Logo de caer uns 15 céntimos desde fai un ano e ter desaparecido por completo o diferencial positivo que durante todo o 2023 se mantivo no prezo do leite en España a respecto do resto de países europeos, o prezo para os vindeiros meses comeza a apertar a rendibilidade das explotacións, sobre todo daquelas máis intensivas e máis dependentes da compra de insumos, e tamén das que acometeron investimentos nos últimos anos e aínda os están a pagar.
Unha baixada de máis de 2 céntimos non é asumible por parte de moitas explotacións, sobre todo das máis intensivas, cos custos de produción actuais
É certo que algúns custos de produción para as granxas baixaron con respecto aos máximos acadados a finais de 2022 e comezos de 2023, como por exemplo a electricidade ou as materias primas. O millo está a 200€ a tonelada no porto e a soia a 430€, pero os futuros apuntan novas baixadas debido a unha boa produción mundial, aínda que os seu traslado aos pensos que reciben as explotacións foi até o momento máis limitado. Pola contra, outros gastos, como os custos salariais ou os prezos da maquinaria e os equipamentos, que subiron por mor da inflación, seguen altos e non se van mover.
Comeza a sobrar leite
O aumento da produción en Galicia no último ano (+1%), que se mantén tamén neste comezo de 2024 (+1,37%), e que podería mesmo verse acrecentado nos meses da primavera a medida que aumenten as horas de luz, coincide cun momento de baixada na produción de queixo (-3%) e de caída no consumo de iogures (-3,1%) e batidos (-2,5%) que non é capaz de compensar o leve incremento no leite bebido nos fogares (+0,16%).
O ano pasado, moitas queixerías optaron por mercar o leite directamente nas explotacións logo do desabastecemento sufrido no 2022, pero neste momento as que teñen recollida propia están a ofrecer as súas cisternas sobrantes de leite a outras industrias a prezos de oportunidade que chegan mesmo aos 40 céntimos, o que está a impulsar a caída de prezos no mercado. “Neste momento hai leite a disposición barato a 41 céntimos”, recoñecen nalgunhas industrias.
Os excedentes de materia prima das queixerías están a tirar dos prezos cara abaixo. Neste momento hai leite a disposición barato a 41 céntimos
Con este escenario, a maioría de empresas volven apostar por contratos de compra de leite a curto prazo, de 4 a 6 meses de duración, que lles garanta o mantemento dos provedores á espera de ver o que acontece tralo verán, xa que a enfermidade da EHE e os seus efectos en zonas produtoras coma Galicia poderían mudar a situación de subministro nos vindeiros meses.
Poucos movementos entre industrias
Os últimos meses estanse a caracterizar polos escasos cambios de industria dentro da recollida do leite en Galicia. A estabilidade nos prezos, o estancamento da demanda e o leve incremento na produción limitou os movementos.
Os poucos que se deron foron a consecuencia da decisión dalgunhas empresas de reducir os seus volumes de leite, o que obrigou a algunhas explotacións a buscar novo comprador. É o caso dos socios da cooperativa Codeira de Portomarín, que vendían a García Baquero, a queixería castelán-manchega con planta de fabricación en Palas de Rei.
Neste momento non hai moito para onde ir; todas as empresas están cubertas
O consumo de queixo de vaca barato procedente da importación incrementouse no último ano a costa dos queixos tradicionais e dos feitos con mestura de leite de vaca e ovella, de maior prezo. Ante isto, algunhas queixerías españolas tomaron a decisión de deixar de facer recollidas regulares, optando por mercar cisternas spot puntuais para producir máis barato. É o que explica a redución no número de primeiros compradores, que pasou de 325 no conxunto do Estado en xaneiro do 2023 a 309 a comezos deste ano.
García Baquero deixou de recoller a socios da cooperativa Codeira, que se repartiron entre Celta, Lactalis e Inleit
Aínda que a intención inicial de Codeira era atopar un único comprador para o leite das granxas que subministraban a García Baquero, finalmente unhas explotacións colleunas Celta (as que estaban en pastoreo), outras Lactalis (as que cumprían coa certificación de benestar animal) e outras pasaron a entregar a Inleit, que tamén asumiu parte do leite que Larsa deixou de recoller a Aira e á cooperativa de Frades.
As explotacións máis pequenas, na corda frouxa
As explotacións de maior tamaño seguen tendo a onde ir, pero as ganderías pequenas están a atoparse con menos opcións para a recollida. Empresas como Lactalis están deixando por exemplo as explotacións trabadas, algo que xa fixo tamén Leite Río fai xa catro anos, cando incorporou a certificación a todas as súas granxas.
As industrias esgrimen a normativa de benestar (moitas veces son as propias empresas as que realizan as auditorías para a certificación) para non renovarlles o contrato, aínda que a lexislación non esixe polo momento a desaparición deste tipo de ganderías, pois establece un prazo que vai do ano 2026 ao 2030 para a súa adaptación.
Lactalis está deixando ás explotacións trabadas esgrimindo a normativa de benestar animal
Este é ademais un dos aspectos da normativa que as organizacións agrarias esixen que sexa modificado e formaba parte das súas reivindicacións nas recentes protestas levadas a cabo polo sector agrogandeiro. Son moitas veces ademais granxas que fan pastoreo, polo que os animais só están trabados parte do tempo, cando voltan ao establo.
A raíz das esixencias das cadeas de distribución, a maioría das industrias teñen adoptado nos últimos anos o estándar Welfair e algunhas empresas mesmo optaron por lucir o logo no seu brick, como Lactalis, Pascual ou o Grupo Lence.
Pero esta certificación non só está a poñer contra as cordas ás explotacións pequenas, senón que vai esixir cambios importantes no sistema de manexo e tamén nas instalacións da maioría de granxas. Por exemplo, os emparrillados non van estar permitidos en Welfair a partir do ano que vén e a superficie dos boxes dos tenreiros teñen que ser de 2 metros cadrados para 1 xato, cando en moitas ganderias son de menores dimensións, sendo habituais os de 1,5 metros cadrados.
Sinatura a un tempo en toda España
Agás Entrepinares, que vai un mes descolgado en Castela e León (ten contrato asinado até o 30 de abril), desta volta a renovación en Galicia coincide tamén coa do resto de comunidades, que antes asinaban normalmente un mes máis tarde e tomaban como referencia o acontecido en Galicia.
Larsa e Entrepinares manteñen neste momento os prezos máis altos, mentras Inleit e Reny Picot firman as maiores baixadas
Os gandeiros galegos seguen a manter unha marxe de prezos negativa de 4,7 céntimos no caso de Asturias, 3,5 céntimos no caso de Castela e León ou 3 no caso de Cataluña, segundo amosan os últimos datos do FEGA, correspondentes ao mes de xaneiro.
No mes de xullo tocará volver renovar contratos, xa que todas as empresas apostaron por asinar a 4 meses (agás Naturleite, que asinou por 3). Estes contratos a curto prazo permiten ás industrias axustar mellor as súas compras de materia prima á evolución do mercado en canto a prezos, oferta e demanda.
Tocou fondo a baixada do prezo do leite en orixe?
A día de hoxe todas as empresas xa saíron cos seus contratos. Agárdase que a semana que vén se asinen a maioría deles, tendo en conta que na última semana de marzo cadra a Semana Santa. Con todo, moitas das empresas están a apurar unha vez máis os prazos, pois a informatización do proceso de sinatura permite acurtar os tempos.
Os últimos contratos moitas empresas optaron por mandalos ás súas explotacións pola aplicación (salvo Entrepinares o resto do sector apostou por Docuten, que unha vez asinado polo gandeiro sobe directamente o contrato á AICA).
Repasamos a continuación algúns dos contratos que se teñen presentado até o momento:
Tres céntimos menos en Lactalis
Malia que as industrias que traballan para Mercadona en Galicia (Naturleite, Entrepinares e agora tamén Larsa) teñen cada vez máis que dicir á hora de marcar prezos e tendencias, o contrato de Lactalis segue a ser un dos referentes para o resto de empresas.
A multinacional francesa enviou o pasado venres o seu contrato ás máis de 1.100 granxas ás que merca o leite en Galicia (uns 450 millóns de litros anuais). A empresa da familia Besnier propón un contrato de 4 meses de duración (abril, maio, xuño e xullo) cun prezo base de 41 céntimos, tres menos que no actual contrato. Sumando a prima de volume (que pode ir até os 3 céntimos), e as de dobre AA (1 céntimo) e benestar (1 céntimo), o prezo final no mellor dos casos situaríase nos 46 céntimos, aínda que a maioría de granxas galegas moveríanse entre os 45 e os 45,5 céntimos.
A maioría das máis de 1.100 granxas galegas da multinacional francesa pasarían a cobrar entre 45 e 45,5 céntimos
Habitualmente, para cubrirse as costas, as empresas acostuman presentar ofertas iniciais baixas, que despois matizan nos contratos, pero desta volta dase a circunstancia de que o contrato que ofrece Lactalis é mesmo máis baixo que a proposta inicial remitida ás explotacións fai un mes en forma de oferta a un ano, (que caduca automaticamente aos 15 días se o gandeiro non contesta afirmativamente, pois dase así por rexeitada trala última reforma do Paquete Lácteo). Neste caso, o prezo base era de 41,5 céntimos e a duración de 12 meses, mentres que agora no contrato ofrece só 4 meses e reduce o prezo en medio céntimo, aínda que moitas das explotacións que entregan a Lactalis, sobre todo as de maior volume, optaron por non asinar de momento este contrato.
Contrato ponte dun mes en Reny Picot
A empresa Reny Picot renovou a principios de mes unha parte dos seus contratos, que caducaban o día 29 de febreiro, marcando o camiño das baixadas para o resto de industrias e consolidando unha caída de até 5 céntimos nos contratos a partir do 1 de abril.
A compañía asturiana da familia Rodríguez propuxo inicialmente ás súas granxas galegas unha baixada de 6 céntimos de golpe, que mesmo deixaba o prezo base nalgúns casos por baixo dos 40 céntimos. Pero as explotacións protestaron e a solución final adoptada foi facer un contrato tan só dun mes (marzo) baixando 2 céntimos nalgúns casos e mantendo o prezo noutros.
“Foron só uns poucos contratos, cunha renovación por un mes para igualalos cos que finalizan o 31 de marzo, que son a maioría”, aclaran, pero avanzan que “a partir do 1 de abril sairemos con prezos novos que, por suposto, apuntan baixada”, avanzan desde ILAS.
Reny Picot, que recolle en Galicia 250 millóns de litros ao ano en case 500 ganderías, segue sendo unha das empresas con maior disparidade de prezos
O prezo base para o próximo contrato pasa a ser de 40 céntimos e, malia a disparidade de contratos que segue mantendo Reny Picot, o prezo final, no mellor dos casos e para as ganderías máis grandes, situaríase neste momento por baixo dos 45 céntimos, dos que 3 céntimos se corresponderían coa prima por cantidade (logo de ter eliminado a empresa asturiana a prima por volume super especial que tiña), mentres que a prima por dobre AA sería de 0,6 céntimos e a décima de sólidos pagaríase a 0,3 céntimos a partir de 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Como no caso de Lactalis, tampouco as ganderías de maior volume de Reny Picot terían aceptado polo momento o contrato proposto.
Os 490 gandeiros aos que recolle Reny Picot en Galicia suman uns 700.000 litros diarios, contando á cooperativa Cobideza, o principal proveedor de ILAS na comunidade, que non conta polo momento con fábrica de transformación en Galicia. Fai un ano adquiriu as antigas instalacións de Leche Pascual en Outeiro de Rei coa intención de desenvolver un proxecto industrial que semella estar parado nestes momentos.
O proxecto para Outeiro de Rei segue adiante pero vai máis lento do que nos gustaría
“O proxecto segue adiante pero vai máis lento do que nos gustaría. A situación concursal da anterior propietaria da planta e o desmantelamento das instalacións está a retrasar o proceso”, admiten na empresa. Mentres tanto, a industria asturiana está a apostar pola factoría de Navia, trasladando desde Galicia o leite para a súa transformación.
A planta de Outeiro de Rei estaría destinada á fabricación de distintos tipos de queixo, pero a situación de mercado neste momento non é tampouco propicia, con estancamento no consumo e entrada masiva de queixo barato desde Centroeuropa, segundo constatan os datos oficiais de importacións.
Regularizacións fóra de contrato en Inleit
A estratexia de Inleit o ano pasado foi distinta ao do resto de empresas do sector. Mentres que a maioría de industrias foron pechando contratos de prezo fixo a curto prazo, a planta de Teixeiro asinou cos seus gandeiros a un ano, vinculando o prezo ao índice A3 da Inlac.
A evolución deste referencial en 2023, en boa parte ao estar vinculado ao prezo en Europa, acabou por deixar o contrato de Inleit moi por baixo do resto do mercado en Galicia, pero a compañía de capital español e estadounidense optou por ir regularizando trimestralmente aos seus gandeiros o diferencial existente co prezo medio mensual fixado polo Obsevatorio Lácteo para Galicia por tramos de tipos de granxas segundo volumes, un indicador que se elabora cos datos que aportan todas as industrias tendo en conta as calidades.
Inleit apostaba por esta mesma estratexia para o 2024, cunha oferta co mesmo prezo base de 44 céntimos para abril referenciado nos 11 meses seguintes ao índice A3 da Inlac, co compromiso de seguir corrixindo o desfase de prezo coa media galega no caso de existir. Pero esta política de pagos extracontractuais non está exenta de riscos para as ganderías, sobre todo se deciden cambiar de empresa, pois a industria ten nas súas mans pagar ou non esa cantidade fóra de contrato correspondente aos últimos meses.
Inleit ofrecía inicialmente 44 céntimos en abril para un 4,2% de graxa e un 3,4% de proteína, que estandarizado a un 3,70% de graxa e 3,20% de proteína, o habitual en Galicia, quedaría en 41,4 céntimos
A proposta inicial de Inleit tiña ademais outra diferenza, xunto co feito de estar o prezo referenciado á Inlac, pois esixía uns niveis de sólidos moi por enriba do estándar habitual en Galicia. O prezo de 44 céntimos para abril é para un 4,2% de graxa e un 3,4% de proteína, cando o máis frecuente nos contratos asinados na comunidade é 3,7% e 3,2%. A planta de Teixeiro paga a décima de graxa a 0,4 céntimos e a de proteína a 0,3 céntimos, polo que descontadas esas cantidades o prezo base situaríase en 41,4 céntimos.
Con todo, no contrato definitivo Inleit cambia a modalidade a prezo fixo, cun prezo base nos próximos catro meses de 40 céntimos para un 3,7% de graxa e un 3,2% de proteína, máis primas por volume a partir de 45.000 litros ao mes de 0,1 céntimo por cada 10.000 litros máis ata un tope de 3 céntimos. A prima super AA por calidade hixiénico-sanitaria (menos de 30.000 xermes e 200.000 células) supoñería outro céntimo a maiores (medio céntimo no caso de estar entre os 50.000 e os 30.000 xermes e entre as 250.000 e as 200.000 células), pero habería descontos por mostra diaria que superase eses parámetros, ao igual que fai Naturleite. A prima de certificación de benestar animal é de 0,3 céntimos e a de “antigüidade, permanencia e fidelidade” de 0,05 céntimos por cada ano completo na empresa. O contrato de Inleit quedaría deste xeito, no mellor dos casos, para explotacións de máis de 300.000 litros en 44,35 céntimos e baixaría ata os 42,35 céntimos nunha granxa de 200.000 litros.
O Grupo Lence segue gañando cota de mercado
Se no último ano as queixerías perderon competitividade e as industrias que fan iogures notaron a caída acusada no consumo, as empresas que se adican a envasar leite líquido seguen mantendo unha posición máis vantaxosa, con maior demanda e mellores marxes.
O prezo da marca branca no supermercado, que gañou cota de mercado grazas á inflación, segue no entorno dos 90 céntimos na maioría das cadeas de distribución, malia algunha oferta puntual por baixo mesmo dos 80 céntimos en leite de segundas marcas de fabricante como estratexia das industrias de envasado para desfacerse de excedentes ou lotes próximos á data de caducidade.
Río consolida unha baixada de 2 a 3 céntimos, polo que o prezo final quedaría entre os 43 e os 46 céntimos, en función do volume de entregas da explotación
O Grupo Lence (Río e Leyma) consolida nos seus contratos para os vindeiros meses unha baixada de entre 2 e 3 céntimos, en función do tamaño da granxa, de maneira que as ganderías de maior volume quedarían, no mellor dos casos, nos 45 céntimos, mentres que as máis pequenas baixarían até os 43.
O prezo base do novo contrato é de 42 céntimos, aos que habería que sumar primas de volume (de 40.000 a 60.000 litros 1 céntimo e máis de 60.000, 2 céntimos), as primas por calidades (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína), certificación de benestar (0,01 céntimos) e bacterioloxía (a super A de Lence sitúase en menos de 30.000 xermes e menos de 250.000 células e págase a 0,01 céntimos).
A maiores, o Grupo Lence utiliza a súa “prima de fidelidade” para subir a certas ganderías, sobre todo ás máis grandes, que chegarían desta forma aos 46 céntimos, do mesmo xeito que ocorre nas granxas de maior volume que entregan a Leite Celta. A planta de Pontedeume pertencente á cooperativa portuguesa Lactogal fixou o prezo para os vindeiros meses en 42 céntimos máis primas.
Larsa pásase a prezo fixo
No caso de Larsa, que se pasou á marca branca tralo acordo ao que chegou CAPSA con Mercadona, estaba por ver se existía concertación de prezos con outros provedores da cadea de supermercados, como é o caso de Naturleite, que nas ofertas de renovación presentadas fai mes e medio incluía as maiores baixadas, de 8 céntimos no prezo base.
No contrato final a cooperativa cordobesa propietaria da planta de Meira matiza esta baixada, que queda en 2 céntimos, pasando o prezo final de 48 a 46 céntimos, dentro dos que se incluirían xa os 2 céntimos de primas de benestar e dobre AA. O contrato de Naturleite é o de menor duración, só tres meses, polo que será a primeira industria en Galicia que terá que volver renovar, xa a mediados de xuño, con vistas ao 1 de xullo.
Unha das incógnitas da actual renovación de contratos era ver se Covap e Capsa unificaban a súa estratexia de prezos
Larsa mantivera sempre até agora un contrato con dous prezos, un 70% a prezo fixo e un 30% vinculado ao prezo da manteiga. Esta indexación xogou a favor do prezo final de Capsa en Galicia no actual contrato, con explotacións, as de maior volume, que mesmo están a picar neste momento os 50 céntimos, dos máis altos que se están a pagar na comunidade.
Os produtos lácteos industriais están a subir nos últimos meses, despois de teren tocado fondo a finais do verán pasado. O que máis se revalorizou foi precisamente a manteiga que pasou de 430€ a 561€/100kg, cun incremento do 30% no seu valor, un incremento que se trasladaba ata o de agora aos contratos de compra no campo.
Pero no contrato para os próximos meses Capsa cambia de estratexia e pásase ao prezo fixo, cun prezo base de 42 céntimos, aos que habería que sumar a súa prima de cantidade (ata 4,5 céntimos no caso das ganderías de maior volume), a prima por calidade hixiénico-sanitaria (a super A de Larsa é esixente, de menos de 25.000 xermes e 190.000 células e págase a 1,5 céntimos) e a prima de pastoreo (1,5 céntimos) no caso de granxas en extensivo. Aínda que vai desescalando en función do tamaño da granxa, o de Larsa segue sendo nestes momentos un dos mellores contratos, con prezos que chegan aos 48 céntimos no mellor dos casos.
Entrepinares agarda pola nova planta en Vilalba
En horas máis baixas está o queixo, o que restou competitividade ao contrato de Entrepinares, que liderara as subas no 2022. A empresa de Valladolid está a recoller neste momento uns 580.000 litros diarios en Galicia nunhas 165 explotacións, ás que ofrece un contrato de 4 meses de duración cun prezo base de 47 céntimos en abril e maio (un menos que no actual contrato) e 46 céntimos (2 menos que o prezo de marzo) en xuño e xullo, polo que a baixada media no conxunto dos 4 meses sería de 1,5 céntimos, quedando o prezo base medio en 46,5.
En Castela e León a empresa da familia Martín ten asinado contrato para abril a 48 céntimos de prezo base, despois de ter baixado 1 céntimo de xeito escalonado en febreiro (48,5) e marzo (48 céntimos). O prezo final do contrato en Castela e León neste momento, no mellor dos casos, é de 50,5 céntimos, sumando a prima de volume (que en Galicia non ten) e a dobre AA, mentres a súa competencia directa na comunidade, Lactiber e Pascual, sitúanse nos 51,5 céntimos o litro.
O contrato de Entrepinares é por 4 meses: abril e maio a 47 céntimos e xuño e xullo a 46
En Galicia, Entrepinares non está a coller novas granxas, aínda que a empresa prevé poñer en funcionamento nos vindeiros meses a nova liña de queixo de mestura na planta de Vilalba, pero a estratexia da compañía pasa por cubrir as necesidades de materia prima que poida acarrear co crecemento orgánico das explotacións actuais, que terían incrementado a súa produción un 7% nos últimos dous meses.
“Estase empezando a ver o resultado do investimento que moitas ganderías fixeron o ano pasado. Animadas polos bos prezos, quen máis quen menos fixo algunha mellora na explotación e meteu máis vacas”, explican desde o equipo de campo da empresa.