O estancamento da produción láctea española e o mantemento de prezos elevados durante o ano 2023 (53,05 céntimos de media en España fronte aos 46,97 céntimos de prezo medio da UE no conxunto do ano) fixo que as importacións de leite líquido se dispararan no último exercicio, ao tempo que as de queixo tamén se mantiveron altas, contribuíndo a xerar excedentes nas queixerías españolas e galegas.
Os datos de comercio exterior do 2023 amosan un forte incremento de entradas de leite líquido e nata, que superaron a barreira das 200.000 toneladas, algo que non acontecía desde o fin das cotas lácteas no ano 2015. As case 550 toneladas diarias (20 cisternas) que entraron pola fronteira no 2023 supón case unha cuarta parte máis (23,5%) das que chegaron no 2022.
Por primeira vez desde o final das cotas lácteas, o ano pasado superáronse as 200.000 toneladas de leite e nata importadas
Pero malia a suba das entradas de leite, no conxunto dos 12 meses do 2023 o maior volume de importación de produtos lácteos en España corresponde ao queixo, seguido do leite e a nata, o leite en po, o soro e a manteiga.
Sumando todas as categorías, o total de lácteos importados o ano pasado ascendeu a 945.758 toneladas, 74.457 máis que no exercicio anterior (un 8,5% máis), que sumado ao incremento do 2022 (123.823 toneladas, un 16,5% máis) supón un aumento do 25% nos últimos dous anos.
España volve aos niveis do 2015, con case un millón de toneladas de produtos lácteos importados
En conxunto, as perto dun millón de toneladas de produtos lácteos importadas o ano pasado superan levemente as cifras do ano 2015, se ben a distribución entre categorías variou substancialmente nestes anos, cun descenso do 40% nas importacións de leite e nata e un incremento en termos similares de queixo, manteiga e leite en po.
Entrada de 8,5 cisternas de leite diarias de Portugal e 7,4 de Francia
Malia esta tendencia crecente á importación de produtos industriais máis elaborados, os maiores prezos medios pagados durante o ano 2023 en España con respecto ao resto de países europeos animaron no último ano as importacións de leite e nata.
No conxunto do ano terían entrado case 40.000 toneladas máis que o ano anterior, no que á súa vez xa entraran 30.000 toneladas máis que no 2021. Desde o final das cotas lácteas a entrada de leite líquido en cisternas tíñase reducido a máis da metade, pero no 2022 volveu repuntar con forza, unha tendencia que continuou no 2023.
Leite Celta (Lactogal) cambiou nos seus cartóns o selo PLS, que certifica a orixe española da materia prima, polo marcado UE para facilitar traer leite de Portugal
As máis de 200.000 toneladas importadas equivalen a uns 20 camións diarios cruzando a fronteira, dos que 8 proceden de Portugal e 7 de Francia, é dicir, entre os dous suman tres cuartas partes do total.
Se nas importacións de queixo mandan Holanda e Alemaña, no que se refire á entrada de leite líquido, segue mandando Portugal, con 83.069 toneladas entre xaneiro e decembro do ano pasado, un 9% máis que en todo o 2022 (76.179) e case tres veces máis que no 2019 (30.338).
A entrada de cisternas de leite procedente de Francia incrementouse un 22% o pasado ano e as procedentes de Holanda case se duplicaron
Francia, recuperou o pasado ano o protagonismo perdido en canto ás cisternas de leite se refire, con 70.632 toneladas, un 22,3% máis que no 2022, favorecido polos menores prezos do leite en orixe no país veciño.
Tamén se incrementou de xeito moi considerable a chegada de leite e nata desde os Países Baixos, pasando de 15.804 toneladas a máis de 28.657. Outros países con menor peso tradicionalmente nas importacións de leite tamén aumentaron as súas cifras no último exercicio. Así, aínda que con menores rexistros en comparación con Portugal, Francia ou Holanda, Irlanda e Italia tamén están a incrementar o seu peso no leite importado (Irlanda duplicou os seus envíos de leite e nata o ano pasado e Italia triplicounos).
Case a metade das importacións de leite francés producíronse nos meses da primavera
A rexión da Europa central, na que se atoparían países como Alemaña, Holanda e tamén Francia ou Irlanda, é a principal área produtora de leite europea, acaparando 2 de cada 3 litros muxidos na UE, e tamén a principal zona exportadora cara aos países deficitarios do sur de Europa, como é o caso de España.
O importante incremento de produción nalgúns destes países en 2023 favoreceu as exportacións, e o diferencial de prezo a respecto do que se estaba a pagar en España polo litro de leite en orixe, que chegou a ser de 10 céntimos na primavera e se moderou até o entorno dos 5 céntimos no outono, incentivou as compras de leite da industria española nestes países.
Por exemplo, na primavera entrou moito leite de Francia, con prezos sensiblemente inferiores aos que se estaban a pagar aquí. Case a metade das 70.632 toneladas de leite chegadas do país galo o ano pasado viñeron nos meses da primavera (de marzo a xuño foron 33.248 toneladas).
A caída da producción en Europa e a igualación nos precios podería frear as importacións en 2024
Pero neste momento a situación xa é distinta e podería limitar as importacións no 2024. Por un lado porque a condición excedentaria dos países centroeuropeos está a moderarse por unha caída na produción que está a ser acusada nos casos de Alemaña ou Holanda, que viñan de subidas do 3% o ano pasado. Doutra banda, porque os prezos estanse a igualar, máis aínda coas baixadas apuntadas pola industria en España para a renovación de contratos nesta primavera.
Máis de 30.000 toneladas mensuais de queixo importado
Seguindo a liña fixada na última década, as importacións de queixo amosan unha clara tendencia ascendente nos últimos dous anos. Os datos de comercio exterior do 2023 consolidan o ascenso nas entradas de queixo a baixo prezo que xa se deran na segunda metade do 2022.
As 363.039 toneladas de queixo importadas entre xaneiro e decembro de 2023 superan as dos 12 meses de 2022 (358.450), un ano no que xa se notara con forza o aumento na entrada de queixo barato procedente dos países centroeuropeos.
Pero até agora as cifras mensuais situábanse normalmente por baixo das 30.000 toneladas de queixo de importación, unha cifra que no último exercicio se superou en 8 dos 12 meses: marzo, maio, xuño, xullo, agosto, outubro, novembro e decembro.
As entradas de queixo aumentaron un 1,3% con respecto ao ano anterior, no que as importacións xa subiran un 5,4%
Por países, case unha cuarta parte das toneladas importadas proceden de Holanda (88.677 toneladas, 13.000 máis que en todo o 2022) e outro 22% de Alemaña (79.412 toneladas,10.000 máis que as rexistradas no conxunto do 2022).
O terceiro maior exportador de queixo cara España é Francia, con 59.749 toneladas o ano pasado, seguido de Italia (41.184), Bélxica (27.552), Dinamarca (24.047), Irlanda (8.751) e Portugal (7.615), que triplicou as súas exportacións de queixo a España nos últimos dous anos.
Portugal triplicou o queixo exportado cara España nos últimos dous anos
Outros países, como Rumanía ou Austria contribúen con cantidades inferiores, dunhas 1.000 toneladas/ano. Fóra xa da Unión Europea, o Reino Unido perdeu moita influenza nos últimos tres exercicios, a raíz do Brexit, pasando de case 14.000 toneladas no 2020 a unhas 4.000 o ano pasado.