O escenario do leite no supermercado mudou de xeito radical nos últimos anos. Se ata hai un par de anos, as marcas brancas movíanse no arco de 55 – 60 céntimos, agora sitúanse nos 85 – 90 céntimos, coas marcas de fabricante por riba do euro. O cambio deixou consecuencias positivas, como prezos xustos de leite no campo, pero tamén efectos colaterais que preocupan nas industrias lácteas. O principal, o debilitamento das marcas de fabricante, que perderon cota de mercado en favor das marcas brancas.
As estatísticas de consumo do Ministerio apuntan a que o leite con marca de fabricante véndese agora un 20% menos, se se comparan os datos do 2023 cos de antes da pandemia (2019). Se daquela as marcas de fabricante superaban o 55% de cota de mercado, na actualidade a penas sobrepasan o 40%, en tanto as marcas brancas ou segundas marcas de fabricante, comercializadas no treito baixo de prezos, achéganse ó 60%.
O ascenso das marcas brancas obrigou ás industrias a recompoñerse. É un dos factores que explica, por exemplo, a decisión de Capsa de comezar a suministrarlle leite a Mercadona baixo a marca Hacendado.
“As industrias lácteas que non teñan peso nas marcas de distribución vano pasar mal” (Xabier Iraola, Enba)
A outra cara da moeda do debilitamento das industrias lácteas está no fortalecemento das cadeas de supermercados, sobre todo de Mercadona, que gaña peso como actor principal da cadea do leite, unha situación que preocupa no campo e tamén nas propias industrias.
“As industrias lácteas que non teñan peso no mercado das marcas de distribución vano pasar mal” -pronostica o vasco Xabier Iraola, da organización agraria Enba-. “O que estamos vendo a nivel europeo é que os fabricantes están posicionando nos supermercados leites con valores adicionais, con selos de medioambiente, benestar animal ou leites enriquecidos. Este tipo de leites e as marcas locais, asentadas en cada territorio, poderán competir no supemercado, pero o resto do mercado estao gañando a marca de distribución”, opina Iraola.
Evolución futura
Se ben o equilibrio actual de prezos e de cotas de mercado valórase no sector como positivo para as granxas, para as industrias lácteas a situación é distinta, pois o desexable para elas é recuperar cota de mercado para as súas marcas de fabricante.
Agora ben, co actual escenario de prezos no supemercado, o cambio de tendencia antóllase complicado. As marcas brancas de leite xa experimentaron un lixeiro abaratamento no último ano, pasando do arco de 90-95 céntimos ó de 85-90 céntimos, en consonancia coa baixada de prezos do leite no campo, pero iso a penas repercutiu nun aumento de vendas das marcas de fabricante.
As patronais da alimentación descartan baixadas dos prezos nos supermercados pola presión dos custos laborais e de produción
Tampouco é previsible un abaratamento moito maior das marcas brancas de leite, pois as propias asociacións das cadeas de distribución, como Asedas ou Fiab, descartaron estes días unha baixada xeral no prezo dos alimentos, “dada a presión de custos laborais e de produción que teñen que asumir os supemercados”.
Contratos de primavera no campo
En calquera caso, as industrias están a apostar por novas baixadas de prezos do leite no campo en primavera, un escenario que se terá que aclarar nas próximas semanas. No caso de Central Lechera Asturiana, a cooperativa que é propietaria do 80% de Capsa, a información que trascende no sector é que en Asturias quere baixar só os prezos no campo na medida en que baixen os custos de produción, principalmente o penso, de xeito que se manteña a marxe de beneficio para as granxas.
O razonamento semella en principio correcto no sector. Se o encarecemento do leite no campo veu motivado en boa medida pola suba dos custos de produción, na medida en que os custos se moderen, debe facelo tamén o leite.
A cuestión, para as organizacións agrarias, é a incertidume e a falta de estabilidade e transparencia que xeneran con frecuencia as propostas de contrato de boa parte das industrias lácteas, incluída en Galicia Larsa, propiedade de Capsa. Entre as ofertas iniciais para esta primavera, chama a atención a de Naturleite (Covap) -suministradora de Mercadona-, que propuxo unha rebaixa de 8 céntimos, á espera de ver cal é a súa decisión final.
Índice A3 da Inlac
Unha das solucións que se teñen proposto para introducir maior transparencia no sector pasa pola sinatura de contratos a máis longo prazo e cun índice validado por toda a cadea, como o A3 da Interprofesional Láctea (Inlac). É un índice que ten en conta factores como custos de produción das granxas, prezos do leite nos principais países da UE ou prezos dos produtos lácteos industriais.
Sen embargo, trátase dun índice que ata o de agora tivo un uso limitado polas industrias, pois as principais firmas en Galicia, Capsa e Lactalis, apostan por indexar unha parte do leite ó valor dos produtos lácteos industriais, sen ter en conta o factor dos custos de produción das granxas.
Baixa o consumo de leite líquido no fogar, pero xera máis valor
Os últimos datos de consumo de leite apuntan a unba baixada de consumo de leite líquido no fogar de arredor do 3,6% no último ano (decembro 2022 a novembro 2023). A parte positiva é que con menos leite, xerouse un 13% máis de valor, pois o prezo do leite encareceuse de media no supermercado un 17% en comparación co ano anterior.
O escenario de perda de consumo de leite líquido agudizouse polo encarecemento do leite no supermercado, pero trátase dunha tendencia que vén de atrás. Entre o 2008 e o 2022, o leite líquido perdeu un 13,7% de cota de mercado e no 2023, a falta de pechar decembro, semella que baixará por primeira vez dos 3 millóns de toneladas.
É, con todo, un volume importante que representa arredor dun 40% da produción española de leite, o que explica a correlación en España entre prezos do leite líquido e prezos do leite no campo.
Os únicos leites que soben o consumo son os enriquecidos con vitaminas
En derivados lácteos, tamén houbo unha baixada de consumo superior ó 3%, aínda que tamén é de subliñar un aumento de valor en dobres díxitos, 12,6%.
O único leite que evolucionou á alza en vendas foi o enriquecido con vitaminas (+4%), que representa unha cota de mercado pequena e que vén de anos malos. É de destacar que a categoría xeral de leites enriquecidos (con calcio, vitaminas, Omega 3) perdeu un 21% de vendas entre 2019 e 2022.
Bebidas vexetais
En paralelo á baixada do leite, as bebidas vexetais subiron un 4% as vendas no último ano, seguindo a tendencia á alza das últimas campañas. Ese ascenso das bebidas vexetais explica que boa parte dos operadores lácteos, incluídas cooperativas como Iparlat ou Capsa, estean apostando por liñas paralelas de bebidas vexetais.