A banda marrón segue a facer estragos nas masas de piñeiro radiata en toda a cornixa cantábrica, tamén en Galicia. Outras comunidades como Asturias ou País Vasco están xa a introducir en monte especies alternativas ó piñeiro radiata, ante a magnitude da situación, se ben ese plantexamento en Galicia está nos seus inicios.
No País Vasco apóstase tanto polo piñeiro do país, o’Pinus pinaster’, (sobre todo en Biscaia) como pola Cryptomeria japónica (máis na zona de Gipúzcoa), mentres o Goberno do Principado de Asturias anunciou a principios de abril que autorizará as repoboacións con seis novas especies de coníferas (Pinus taeda, Crytmoneria japónica, Cedrus líbani, Cedrus atlántica, Sequoia sempervirens e Sequoiadendron giganteum) para dar alternativas de repoboación aos propietarios forestais de montes de piñeiro radiata afectados pola banda marrón.
O Principado comezará este mesmo ano a repoboar con piñeiro taeda os montes públicos danados
Dentro do seu plan contra a enfermidade, o Goberno asturiano quere fomentar as replantacións daquelas masas que haxa que cortar por estaren máis afectadas. O novo catálogo autonómico de coníferas é o resultado dun estudo encargado polo departamento de Medio Rural ao Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (Cetemas).
Coa mirada posta no piñeiro taeda
En Galicia a busca de alternativas ao piñeiro radiata resistente a enfermidades como a banda marrón e o nematodo está centrada tanto en especies de coníferas locais, como o Pinus pinaster, como foráneas, como a Cryptomeria japonica ou a Sequoia sempervirens.
De todas elas, o piñeiro taeda (tamén coñecido como piñeiro amarelo ou Pinotea) está a espertar moito interese e a centrar xa os esforzos dalgúns viveiros da comunidade. Por exemplo, Viveiros Franco, de Abadín, comercializa desde fai 4 anos taeda procedente de Francia e Viveros Mañente, de Foz, está comezando a seleccionar e ensaiar variedades procedentes de EEUU.
O piñeiro taeda é quizais o que máis se adapta ás necesidades da industria, por ser unha variedade intermedia, en canto a crecemento e calidade, entre o pinaster e o radiata
Malia que existe pouca experiencia sobre o seu cultivo, máis aló dalgunhas plantacións existentes na comarca de Bergantiños ou en Frades, desde o sector forestal hai grandes expectativas postas nas posibilidades do taeda como especie substituta do radiata, coa cautela que supón sempre traballar con material vexetal a 25 ou 30 anos vista.
Existen tamén outras experiencias no País Vasco, que contaba no ano 2022 con 194 hectáreas de taeda, e en Navarra, con repoboacións levadas a cabo en Goizueta no ano 2016 con planta de procedencia da rexión atlántica francesa.
Ecoloxía e características
Orixinario do surleste dos EEUU, o piñeiro taeda esténdese por unha ampla zona que abrangue unha ducia de Estados, desde Texas a Virxinia, chegando a Florida polo sur. O clima varía entre continental, atlántico temperado e tropical húmido.
A resistencia ao frío invernal depende da procedencia, aínda que polo xeral trátase dunha especie sensible ás xeadas temperáns do outono. Pode medrar en solos de diversa natureza, aínda que prefire os solos profundos e húmidos, que reciban suficiente aporte de auga (800mm repartidos ao longo de todo o ano), aínda que non tolera os solos encharcados.
O piñeiro taeda require de ambiente húmido e tolera mal a seca e as xeadas
Medra mellor en solos moderadamente ácidos, e as súas condicións óptimas de crecemento son veráns longos con abundantes precipitacións e solos fértiles. Nesta situación manéxanse turnos de corta de 25 anos, semellante ao do piñeiro radiata. A súa utilización como especie forestal gañou peso en zonas adecuadas de Sudáfrica, Australia, Brasil ou Arxentina.
En canto ás propiedades da madeira, ten elevados valores de resistencia ao desgaste e trátase dunha madeira semilixeira e estable, características que a converten na madeira estrela en construción nos EEUU, moi apreciada para uso estrutural, carpintería interior e recubrementos decorativos. Tamén se fai taboleiro contrachapado e pasta de papel.
“Estamos falando unicamente de cambiar unha especie foránea de produción por outra; é unha vía que vale a pena explorar”
Jacobo Feijóo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal de Galicia (Asefoga), non ve problema a “cambiar unha especie foránea de produción de madeira por outra” e lembra que o radiata (tamén coñecido como piñeiro de Monterrei) “tamén veu de América”.
“É unha vía que vale a pena explorar se con iso se resolve o problema actual das enfermidades fúnxicas do piñeiro”, di. Pero insiste na necesidade de facer ensaios non só de crecemento, senón tamén de resistencia efectiva a enfermidades.
“É necesario contrastalo coas outras pragas como a procesionaria e o perforador do piñeiro e ver como se comportan as distintas procedencias porque a epixenética interfire co ambiente”, indica. “Na súa zona base o piñeiro radiata desenvolvía moi pouco, era como un arbusto, pero unha vez sacado de alí empezou a desarrollar 30 metros de altura”, lembra.
Hoxe en día hai técnicas alternativas á propia plantación como estudos in vitro ou probas de marcadores xenéticos que poden adiantar os resultados
“O piñeiro insigne é unha especie moi mellorada desde o punto de vista xenético e moi adaptada ás nosas condicións ambientais, con crecementos de 25 a 35 metros cúbicos por hectárea ao ano en parcelas da zona centro de Lugo. No caso do taeda non existe base de coñecemento para tomar unha decisión e iso leva tempo”, recoñece.
Avoga por empezar liñas de traballo para ir adiantando algúns datos e asegura que hai resultados que se poden adiantar in vitro e tamén probas de marcadores xenéticos. “Hoxe en día hai técnicas alternativas á propia plantación e espera e iso permite acurtar tempos, pero ao final as parcelas de ensaio de produción son as que permiten testar en condicións reais as distintas procedencias”, afirma.
Cambiar o piñeiro radiata polo taeda non supón problema algún para a industria asentada en Galicia
En canto a características como tamaño de fibra ou resistencia, Jacobo ve compatible a madeira de taeda coa industria actual asentada en Galicia e os usos principais que se dan ao piñeiro na comunidade, principalmente para táboa aserrada e para taboleiro.
Non esquecerse do pinaster, unha “superespecie”
O secretario xeral de Asefoga propón tamén seguir mellorando o piñeiro do país. “O pinaster é unha super especie, resistente á seca e ás enfermidades; agás fronte ao lume, pode con todo”, asegura.
“O pinaster é moi plástico, dáse en zonas atlánticas e mediterráneas; co taeda pasa un pouco o mesmo, polo que tamén pode haber diferenzas importantes de produción en función das zonas. Para o pinaster a media de idade sitúase nos 32 anos, chegando aos 40 en función da calidade do solo, de se está en zona de costa ou de interior e da altitude (a partir de 900-950 metros recoméndase sylvestris)”, explica.
O radiata aporta máis produción e maiores grosores, o que permite ir a outros usos de maior valor engadido
Pero co pinaster, di, “podemos andar na metade de produción con respecto ao radiata, uns 15 metros cúbicos/hectárea, 300 toneladas no final de turno, fronte ao radiata, que nun turno de 25 anos aporta máis produción e maiores grosores, o que permite ir a outros usos de maior valor engadido”, destaca.
“Temos plantacións de taeda na parte baixa de Bergantiños e en Frades nas mesmas ubicacións que o radiata”
Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia, destaca que “o taeda está estudado e experiemntado como unha das especies de conífera que presenta maior resistencia ás bandas”. “A especie máis afectada é o piñeiro radiata pero tamén hai masas afectadas de pinaster e pseudotsuga, aínda que son máis resistentes ao patóxeno, polo que as medidas preventivas se centran neste momento no radiata”, explica.
En Galicia existen xa algunhas plantacións de taeda na parte baixa da comarca de Bergantiños ou en Frades, aínda que non está clara a súa procedencia. Trataríase de masas de taeda e radiata nas mesmas ubicacións, que permiten comparar ambas especies.
Hai que importar sementes das estacións máis similares a Galicia e facer estudos de aclimatación
“Paréceme que é unha especie moi interesante pero hai que facer estudos de aclimatación en Galicia e analizar ben a procedencia. E isto non o temos e ese é o risco, porque o taeda é pouco resistente á xeada, porque son de zonas subtropicais ou tropicais”, salienta o director da AFG.
“Está moi mal estudada a ecoloxía do taeda no seu lugar de procedencia. É un dos piñeiros amarelos do surleste dos EEUU, pero é unha zona moi ampla onde hai moita variabilidade, tanto clima de media montaña como case tropical. Hai que importar a semente das estacións máis similares a Galicia”, indica.
O taeda ten unha madeira moi similar aos nosos piñeiros, é resistente ás bandas e tamén ao nematodo
O taeda é un piñeiro de crecemento rápido, cun turno de corta como o radiata ou lixeiramente inferior. Non existen polo momento cortas comerciais de taeda na comunidade pero a madeira sería semellante á das especies de piñeiros xa existentes.
Outras alternativas
Francisco Dans salienta que o piñeiro taeda non sería a única alternativa existente para substituír ao radiata, senón que hai outras coníferas con presenza xa en Galicia que son resistentes ás enfermidades fúnxicas.
“O pinaster é máis tolerante ás bandas que o radiata pero ten o problema do nematodo, aínda que temos xa unha serie de familias resistentes ao nematodo que nos permite ser optimistas”, valora.
Coa banda vermella levamos convivindo 40 anos, preocúpame máis a banda marrón
“A pseudotsuga é bastante tolerante tamén e témola xa en Galicia. O problema é que medra máis lento que os nosos piñeiros e é mais exixente coa estación. A secuoia tamén é resistente, pero esixente en canto a solos”, describe.
“Posibilidades temos pero entre que un planta e hai madeira pasan moitos anos, polo que hai que ir tratando e conservando o que temos e despois pensando en todas estas posibilidades”, conclúe o presidente da AFG.
“Apostamos por estudar moito antes de dar unha solución definitiva, porque a consecuencia de equivocarse é a frustración”
Viveiros Mañente é un dos viveiros galegos que está “a traballar para dar nunha alternativa ao problema das bandas”, avanza Enrique Candia, que sen embargo é cauto á hora de adiantar resultados: “estamos a traballar con material vexetal e é unha situación moi complexa”, xustifica.
Nas súas instalacións de Foz, na Mariña, Mañente está a empezar a cultivar piñeiro taeda de distintas procedencias coa intención de realizar parcelas de ensaio nas que testar a súa aclimatación a Galicia e analizar resultados.
“Apostamos por estudar, o mesmo que fixemos co eucalipto nítens para obter o Max Verde, resistente á mycosphaerella. Vimos dunha frustración que é o piñeiro radiata e non debemos meternos nunha nova frustración, polo que se non o tes claro segue estudando porque a consecuencia de equivocarse é a frustración”, argumenta.
É unha situación moi complexa porque estamos a tratar con material vexetal
Os responsables de Viveiros Mañente levan varios meses viaxando por EEUU en busca de procedencias que poidan adaptarse ás características edafoclimáticas galegas. “Cando traes unha procedencia ten que vir dunhas condicións similares ás túas. E o leste de EEUU é unha zona amplísima e con moitas variacións. A temperatura media anual de Galicia é de 15,80 graos centígrados, a de Virginia é de 13 graos pero a de Florida é de 25, xa case tropical”, explica Enrique.
Estamos a traballar con xenetistas de referencia en piñeiro taeda tanto de EEUU coma doutros países para realizar campos de ensaio. Xogar a unha soa procedencia é perigoso
Ademais de estar a traballar cos principais xenetistas do piñeiro taeda a nivel mundial, apostan por estudar distintas sementes en función das calidades de estación presentes en Galicia. “Para a zona de Lugo ten que ir unha procedencia pero para Pontevedra terá que ir outra; xogar a unha soa procedencia é perigoso, entre outras cousas porque estás reducindo a resistencia ao fungo”, indica.
O taeda, que procede de EEUU pero está presente tamén en Europa en países como Francia, non resiste a todas as bandas, aclara Enrique. “Nós estamos nunha latitude diferente a Francia, alí non teñen problemas de bandas, pero non teñen nin a climatoloxía nin o chan para o radiata tampouco”, aclara. “Hai plantacións en Galicia de taeda con 30 anos que están a ir ben, pero as procedencias non están claras”, matiza.
A cryptomeria japónica adáptase ben ao monte, pero non vale para a industria
Viveiros Mañente iniciou hai anos, antes mesmo de que a banda marrón chegase en Galicia, a produción doutras especies de coníferas, como a cryptomeria, unha especie endémica de Xapón pola que se apostou de inicio en Euskadi como alternativa ao radiata, aínda que Enrique rebaixa as súas expectativas. “A cyptomeria adáptase ben ao monte pero non vale para a industria”, sentenza.
“A alternativa non é tanto buscar outra especie de piñeiro como diversificar as masas e plantacións”
Xabier Bruña, responsable do distrito forestal IX (Lugo-Sarria), un dos que conta con máis piñeiro radiata en Galicia e que se está a ver afectado de cheo polas enfermidades causadas por fungos, pon o foco na ordenación forestal máis que na simple substitución dunhas especies de piñeiro por outras.
“Con enfermidades como a banda marrón estamos a ver de novo a importancia de ter diversificadas as masas. O radiata é o máis sensible e se tes masas continuas de radiata estás favorecendo a propagación do fungo. O que logras coa diversificación das masas é que non se espalle, xa que fragmentando o territorio minimizas o avance da enfermidade”, argumenta.
Non solucionamos nada cambiando todo o radiata por taeda, porque tarde ou cedo aparecerá unha praga. Xa nos pasou co eucalipto glóbulos e co piñeiro insigne. Non caiamos no mesmo erro outra vez
“Os parámetros climáticos están cambiando e iso favorece a aparición de pragas. Non solucionamos nada cambiando todo o radiata por taeda, porque tarde ou cedo volve a aparecer a mesma situación de pragas ou doenzas. Pasounos co eucalipto glóbulos e co piñeiro radiata. Non caíamos no mesmo erro outra vez. Diversifiquemos desde o principio”, defende.
“A alternativa non é tanto buscar outra especie como diversificar. Coa incerteza que hai o mellor é buscar unha estrutura variada, tanto en especies como en idades. Iso é complicado en superficies particulares moi pequenas, pero si é posible en comunidades de montes e é o que recomendamos ás CMVMC que teñen convenio coa Administración”, explica.
É difícil artellar solucións desde o minifundismo forestal
Xabier defende as vantaxes da diversificación do monte desde distintos puntos de vista: “economicamente para ter distintas saídas ao mercado, medioambientalmente para loitar contra o lume e tamén para que as masas se defendan mellor destas enfermidades emerxentes, intercalando bandas de frondosas, por exemplo, que provocan unha rotura dende o punto de vista territorial”, salienta.
Saída ao mercado
Aínda que en montes do distrito Lugo-Sarria estanse probando xa outras alternativas por parte de particulares, “queda definir cal podería ser a especie idónea”, considera Xabier. En zonas con mellor solo e cunha boa calidade de estación unha opción válida podería ser o taeda, admite.
“Tería un turno de corta parecido ao radiata. No País Vasco é unha das alternativas que dan, xunto coa cryptomeria. Estase traendo de Francia”, explica, “pero temos que ver como se desenvolven aquí. Non temos datos. Sería interesante probalas”, recoñece.
De momento temos que ser cautelosos á hora de recomendar unha cousa ou outra, porque non existen evidencias ou datos
E engade outro factor relevante: “Cando se proban outras especies tamén hai que ter en conta a saída a mercado. Poden ir ben no territorio pero hai que ter a industria preparada. Pasou co pseudotsuga (piñeiro de Oregón), onde fallou a comercialización. Son dúas cousas que deberían ir parellas e ver coa industria como abordamos un posible cambio de especie”, defende.
Repoboacións con pinaster e sylvestris
“De momento temos que ser cautelosos á hora de recomendar unha cousa ou outra, porque non existen evidencias ou datos. Por iso nas plantacións públicas estamos optando por poñer pinaster ou sylvestris”, explica Xabier.
“O pinaster é sensible á banda pero deféndese mellor. Débese incorporar planta de boa calidade e mesmo optar por sylvestris en determinadas zonas con solos máis pobres. No caso do radiata, outra posible vía sería a da pranta mellorada xeneticamente para que poida defenderse dos fungos foliares; en Chile e Portugal están avanzando por esta liña”, asegura.
As bandas do piñeiro esténdense pola humidade e as altas temperaturas da primavera