Entrepinares rompe o mercado do leite en Galicia cun prezo base de 57 céntimos en outubro

A queixería de Vilalba, proveedora de Mercadona, subiu dous céntimos en setembro e está a comunicar aos seus gandeiros unha nova actualización de 7 céntimos para o leite entregado este mes

SOUTO FRADE SC (Taboada) vacas producion4O prezo do leite en orixe segue a subir e podería aproximarse en Galicia aos 60 céntimos nos vindeiros meses. Entrepinares, a queixería castelán-leonesa con factoría en Vilalba, pagará o leite deste mes de outubro a 57 céntimos máis calidades, o que supón unha suba de 7 céntimos a respecto do mes de setembro.

Os perto de 170 gandeiros que entregan o leite a Entrepinares están a recibir esta semana a chamada da empresa para lles comunicar a suba, que se fará efectiva mediante unha actualización da prima de sostibilidade. Así, a industria está a actualizar os contratos asinados na primavera e que non cambiarían a data de finalización, ao seguir vencendo o día 31 de marzo de 2023.

A suba non afecta á duración dos contratos, que seguen vencendo o 31 de marzo

A estratexia que segue Entrepinares é a de igualar o prezo base a todos os seus gandeiros, independentemente do volume de entregas, de maneira que a única diferenza entre o prezo final a cobrar por uns e outros estaría nos niveis de sólidos, que se endureceron no último contrato ata o 3,80% de graxa e o 3,20% de proteína. Unha décima por enriba ou por debaixo dese baremo supón 5 euros máis ou menos en tonelada no caso da graxa e 7 no caso da proteína.

A revalorización nos últimos tres meses é de 9 céntimos: prezo base de 48 en agosto, 50 en setembro e 57 en outubro

A revalorización acumulada desde o pasado 1 de abril nos contratos de Entrepinares é do 42,5%, desde os 40 céntimos de prezo base asinados nese momento aos 57 deste mes de outubro, o que supón unha suba sen precedentes no sector, acostumado a décadas de inmobilismo nos prezos do leite en orixe.

Descoloca o mercado

A decisión de Entrepinares reventa un mercado que se moveu á alza nos últimos meses, empurrado pola cotización en máximos históricos dos produtos lácteos industriais nos mercados internacionais e pola falta xeralizada de leite no campo, como consecuencia do aumento de custos e a conseguinte caída de produción.

Entrepinares foi unha das empresas que máis incrementou a compra de leite en Galicia nos últimos anos ata alcanzar os 200 millóns de litros anuais

O movemento de Entrepinares chama ademais a atención por tratarse dun proveedor de Mercadona, a cadea que marca tendencia na fixación de prezos nos liñais dos supermercados, cun efecto arrastre sobre o resto da distribución.

Mercadona estaba freando nas últimas semanas unha subida do brick de leite nos supermercados

De feito, a empresa valenciana propiedade da familia Roig estaba a ser sinalada nas últimas semanas como consecuencia da súa negativa a subir o prezo do brick da súa marca branca, Hacendado, dos 79 até os 83-84 céntimos, como fixeron o resto de cadeas da competencia, que despois recuaron coa excusa de non telo feito Mercadona, que controla o 30% das vendas de leite líquido no conxunto do España.

A decisión de Entrepinares de levar a cabo de golpe unha suba de 7 céntimos  aos gandeiros non se entendería sen o respaldo de Mercadona, polo que semella que estaría secundando deste xeito esta nova alza de prezos en todos os elos da cadea, comezando polos produtores, ao igual que fixera hai un ano cando Naturleite, que envasa en Meira leite para Mercadona, fora das primeiras tamén en anunciar unha suba inicial de 2 céntimos, que acabou desencadeando unha revalorización en cadea do resto de empresas.

A planta de Naturleite (Covap) pagou o leite do mes de agosto a un prezo base de 47 céntimos e tiña previsto unha suba dun céntimo para setembro e outro para outubro, pero está por ver se segue a estela de Entrepinares cun incremento de maior calado nos últimos meses do ano.

A ‘febre do leite’ provoca subas xeralizadas no resto de industrias

No mes de marzo, o momento no que se asinan en Galicia a maioría de contratos, prevíase un ano difícil nas explotacións, debido á escalada de prezos dos pensos, o fertilizante, o gasóleo ou a electricidade.

Pero a suba de prezos en orixe que se foi producindo desde entón está a compensar con creces o incremento de custos de produción das granxas e facendo que o 2022 vaia acabar sendo un bo ano para os gandeiros de leite.

Hai pouco leite no campo e os produtos industriais seguen polas nubes

Tanto nos contratos que remataron o 30 de xuño, como nos que o fixeron este 30 de setembro, producíronse importantes alzas e disputa entre industrias por reter ou captar proveedores, o que aviva aínda máis os prezos.

Ofertas de captación

A febre do leite que se está a vivir está a provocar ofertas de captación por parte de empresas como a asturiana Reny Picot ou a galega Grupo Lence (Leche Río e Leyma), que colleron alguna granxa máis neste mes de outubro con contratos concretos a 52, 53 e mesmo 54 céntimos, aínda que estes prezos non son xeralizados, senón casos puntuais froito da negociación individual con algunhas ganderías.

Reny Picot, Grupo Lence, Innolact e Central Lechera de Lugo están a pelexar por novas explotacións

Na pelexa pola captación de novas explotacións está tamén Innolact (Quescrem), con planta en Castro de Rei e socia da cooperativa CLUN en Arquega; e primeiros compradores como Central Lechera de Lugo, con planta en Rábade; e mesmo novos actores como Central Lechera del Cantábrico, con domicilio social en León.   

Contratos de curta duración

En moitos dos casos, os novos contratos asinados son de curta duración, por un periodo de tres meses, o que permite ás explotacións aproveitar de xeito puntual as ofertas que lles chegan e non ter as mans atadas de cara ao futuro, dado que se prevé que a tendencia alcista continúe nos vindeiros meses, achegándose o prezo final aos 60 céntimos de cara a comezos do ano que vén.  

Desde as organizacións agrarias e de produtores están recomendando asinar contratos a curto prazo para poder renegociar prezos

Outras empresas con contratos asinados por un ano están a levar a cabo tamén subas motu propio aínda que de menor calado. É o caso de CAPSA, a cooperativa propietaria de Central Lechera Asturiana e que opera en Galicia coa marca Larsa. Anunciou unha suba de 2 céntimos que deixaría o prezo medio do seu contrato vinculado no 30% ao prezo dos produtos industriais en 47 céntimos.  

Dispárase a diferenza entre as pequenas e as grandes explotacións

Unha das consecuencias da negociación á carta con cada granxa que están a levar a cabo algunhas empresas é que se está a incrementar de xeito notable a diferenza entre as pequenas e as grandes explotacións,

Lactalis, por exemplo, estase a mover nun rango de entre 46 e 52 céntimos en función do volumen de entregas. O mesmo ocorre en Leche Celta, que está a ofrecer 48 céntimos para outubro, 49 para novembro e 50 para decembro, con 3 céntimos menos no caso dos pequenos produtores.

Pascual e Inleit, que comezaran o ano sendo das que máis pagaban, están a quedar atrás con 48 céntimos en setembro

Á vista dos actuais movementos, semella que os tempos do coñecido como Cártel do Leite están superados e por primeira vez en décadas os gandeiros dispoñen de varias ofertas sobre a mesa e poden escoller a quen darlle o leite, aínda que con notables diferenzas de prezos nalgúns casos entre as granxas que están a asinar contrato neste momento e as que o fixeron hai meses.

Mercadona sobe o prezo do leite tras situarse durante semanas por debaixo dos 80 céntimos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información