As industrias lácteas advirten de que os cambios de consumo comprometen a viabilidade do sector

Durante o 2023 aumentou a comercialización de leite e produtos lácteos, pero os consumidores incrementaron a compra de queixos importados, en detrimento dos nacionais. Tamén subiu a comercialización de leite de marca branca

As industrias lácteas advirten de que os cambios de consumo comprometen a viabilidade do sector

Imaxe dun camión de leite cargando nunha granxa galega. / Fonte: Imaxe de arquivo

Os fogares españois consumiron no ano 2023 un total de 4,23 millóns de toneladas de leite e lácteos, o que representa unha discreta variación de +0,16% respecto ao ano anterior, segundo os datos elaborados por Circana (antes IRI) para a Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL). A pesar destas cifras, o sector observa con preocupación o cambio que se está producindo nos patróns de consumo: por categorías, o volume de vendas de iogures e sobremesas caeu un 3,1%, así como os batidos, que baixaron un 2,5%. O leite líquido experimentou unha suba do 1,8%, pero con baixada de vendas nas marcas de fabricantes, en favor das marcas brancas. Algo similar pasou cos queixos, subiu o consumo xeral, pero baixou o volume das vendas de queixo tradicional español, que caeu por riba do 3%.

Esta información reflíctese na terceira edición do ‘Barómetro do sector lácteo’, unha iniciativa da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL) destinada a difundir de maneira periódica os datos máis relevantes do sector. Nela, tamén se fai referencia a que as cifras de importación de leite e lácteos no 2023 acadaron un total de 890.000 toneladas, a cifra máis alta dos últimos 10 anos, e que deixa un marcado contraste fronte ás 510.000 toneladas exportadas.

Ás industrias lácteas preocúpalles en especial a importación de queixos. “Este feito está a pór en perigo ao sector queixeiro nacional. Aínda que o consumo de queixos no seu conxunto crecese o ano pasado en torno ao 1%, a evolución foi diferente por subcategorías: aumentaron as vendas de queixo importado, entre os que se inclúen tamén os raiados e fundidos, mentres que caeron as de queixos tradicionais e frescos”, alerta o Barómetro da Federación.

Variación porcentual das exportacións e importacións de diferentes tipos de queixo. / Fonte: FeNIL

Variación porcentual das exportacións e importacións de diferentes tipos de queixo. / Fonte: FeNIL

Ademáis, a situación de crise inflacionaria que vén afrontando a UE e España desde o 2022 converteu á marca do distribuidor (MDD), tamén coñecida como ‘marca branca’, nun refuxio para os consumidores. Proba diso é que, na práctica totalidade de categorías lácteas, a súa cota de mercado xa supera ás marcas de fabricante (MDF) en volume. No caso do leite líquido clásica, a MDD obtivo o ano pasado unha cota do 58%, mentres que en iogures e queixos esa cota chegou a rozar o 70%, segundo detalla o estudo.

A competitividade como factor clave para a supervivencia e desenvolvemento do sector 

“A industria láctea española, e máis aínda a PEME, afronta momentos de gran incerteza, pois asumiu a maior parte do incremento dos custos de produción derivados da crise inflacionaria (enerxía, transporte, materias primas, etc.). Aínda que se prevé unha estabilización de certos custos, algúns deles, como o prezo que se paga polo leite aos gandeiros, persisten en niveis máis altos que no resto da UE”, afirma o director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas, Luís Calabozo.

Neste contexto, Calabozo sinala que “a competitividade é un factor fundamental para non destruír tecido gandeiro e industrial. As cifras mostran que os altos prezos pagados aos gandeiros de ovella e cabra polo seu leite, lonxe de estimular a produción, están a producir un efecto oposto. Os nosos queixos están a deixar de ser competitivos e están a ser substituídos por importacións de baixo valor engadido, acumulándose grandes stocks de queixo nacional que obrigan a reducir o seu ritmo de fabricación e, en consecuencia, a que haxa unha menor necesidade de leite por parte das queixerías”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información