“Queremos empezar canto antes unha industria moderna de queixos en Galicia e imos necesitar máis leite”

Reny Picot anuncia que empezará “de forma inmediata” a desenvolver o seu proxecto industrial na antiga planta de Leite Pascual en Outeiro de Rei aínda que non dá prazos sobre cando estará en produción

Francisco Rodríguez, entre el presidente de la Xunta y el conselleiro de Medio Rural en la visita a las instalaciones

Francisco Rodríguez, entre o presidente da Xunta e o conselleiro de Medio Rural na visita ás instalacións

A empresa asturiana Reny Picot quixo evidenciar este martes o seu firme compromiso co desenvolvemento dun proxecto empresarial en Galicia, en concreto na planta de Outeiro de Rei, que a compañía adquiriu recentemente, e que estará centrada na produción de queixos, tal como adiantou Campo Galego.

Francisco Rodríguez, fundador de Industrias Lácteas Asturianas (ILAS), matriz de Reny Picot, desprazouse á localidade lucense para visitar as instalacións xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e aínda que preferiu “ser prudente” en canto a prazos e investimentos, asegurou que empezarán o proceso de remodelación “de forma inmediata”.

“Teño a esperanza de empezar canto antes a facer en Galicia unha industria moderna de queixos. Faremos máis dun queixo e trataremos o soro como hai que tratalo, fraccionándoo”, asegurou.

A planta fabricará distintos tipos de queixo e soro desmineralizado

Aínda que estará centrada produción queixeira, do mesmo xeito que no resto de plantas de que dispón a multinacional asturiana, a fábrica de Outeiro de Rei diversificará en distintos tipos de produtos. “Empezaremos polos queixos, pero sabe Deus polo que acabaremos, porque co leite pódense facer moitas cousas. Imos facer todo canto podamos e estender esa acción no tempo”, afirmou Paco Rodríguez, sen dar máis detalles.

Instalacións desmanteladas

Reny Picot Outeiro de Rei2

Tras un longo e truculento proceso de compra, que acabou materializándose en sede xudicial, Reny Picot adquiriu a finais de 2022 a factoría situada na parroquia de Santa Mariña montada por Leite Pascual nos anos 80 e desmantelada por Tegestacín, o último propietario.

A planta presenta actualmente un importante estado de deterioración

As instalacións quedaron inservibles tras serlles retirados os principais elementos produtivos, incluídos os 6 grandes tanques de almacenaxe de materia prima, polo que a súa posta de novo en funcionamento requirirá dun importante investimento e de obras de envergadura.

Incremento da recollida en Galicia

Na súa planta de Navia, Reny Picot procesa na actualidade 300 millóns de litros de leite ao ano, 150 millóns de litros de soro e 50 millóns de litros de nata. A maioría do leite procede de explotacións galegas (uns 190 millóns de litros de máis de 400 ganderías).

Dous de cada tres litros de leite procesados na planta de Navia proceden de Galicia

A posta en funcionamento da factoría de Outeiro de Rei implicaría un aumento da recollida de leite en Galicia. “Por suposto que imos necesitar máis leite”, asegurou Paco Rodríguez en presenza de representantes das principais organizacións agrarias.

“Todos temos que tirar do carro xuntos; eu estou disposto a facelo e a nosa familia está totalmente comprometida”, dixo en referencia ao seu fillo Juan e a súa filla Rocío, tamén presentes no acto e que tomaron xa as rendas da compañía.

Prezos altos no campo e baixada dos produtos industriais

O fundador de ILAS referiuse á actual conxuntura de prezos altos do leite en orixe. “Vivimos unha época convulsa no ámbito económico e agrario en Europa, con prezos altos do leite, pechada esa etapa excesivamente longa de prezos baixos na cornixa cantábrica que fixo que os produtores non tivesen as rendas que se merecían, recoñézoo”, admitiu.

Ao acto asistiron representantes de UUAA, SLG e Agromuralla

Ao mesmo tempo que advertiu de que “comezan a baixar os prezos da manteiga”. “Volvemos unha vez máis ao baile dos prezos da economía de mercado”, dixo, polo que se mostrou partidario de establecer “determinadas proteccións en casos concretos, como é o sistema lácteo, porque están en xogo as rendas agrarias”, insistiu.

O sistema lácteo en Europa ten que ter as debidas proteccións se queremos defender a renda dos nosos gandeiros, que é tanto como defender a supervivencia das industrias

“Europa é moi heteroxénea e temos condicións desiguais con outros produtores. Irlanda, por exemplo, creceu un 27% desde o final das cotas e confúndese o xogo de vantaxe coa competencia”, criticou.

Apoio da Xunta de Galicia ao proxecto

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a benvida a Reny Picot “a esta nova aventura” e comprometeu “todo o apoio da Xunta” ao proxecto “pola conta que nos trae”, dixo. “A transformación é fundamental para achegar valor engadido ao sector lácteo e queremos chegar en 2025 a transformar en Galicia o 75% do leite producido na comunidade”, avanzou.

O leite é unha materia prima que admite moitas posibilidades para seguir creando valor engadido

“Aquí empeza un futuro moi prometedor e o deber das Administracións é apoiar ás industrias, que son as que crean riqueza, eliminando obstáculos e dando axudas, sendo previsibles e estables para dar confianza aos que arriscades o voso capital”, insistiu.

“Tedes todo o apoio da Xunta de Galicia para dar nova vida a unhas instalacións que deixaran de funcionar”, prometeu Alfonso Rueda a Paco Rodríguez, alma máter de Reny Picot, tal como o definiu o presidente da Xunta.

“Levamos 50 anos recollendo leite aquí. Galicia foi moi importante para nós”

Reny Picot Outeiro de Rei3

Francisco Rodríguez lembrou que Reny Picot leva 50 anos recollendo leite en Galicia, unha comunidade clave para o crecemento experimentado pola empresa asturiana, con fábricas na actualidade en distintos países de Europa e América e unha facturación de máis de 950 millóns de euros.

“Este acto de hoxe prodúceme unha tremenda emoción e cóxegas na alma. Galicia foi moi importante para nós. Abriunos os brazos, levamos medio século entre galegos, sempre ben tratados. Tiñamos unha factura pendente con Galicia e esa factura empézase a pagar hoxe”, recoñeceu o fundador de ILAS.

Esta compra é unha añoranza que nace do agradecemento. Galicia abriunos os brazos; levamos 50 anos recollendo leite en Galicia, sempre ben tratados

En 1974 Reny Picot abriu o seu primeiro centro de recollida de leite en Galicia, na localidade de Mondoñedo, aos que seguiron os de Sigüeiro, Melide ou Monterroso. “Asturias é un territorio pequeno para a produción de leite para unha empresa como a nosa, polo que hai anos vimos que era moi difícil medrar se quedabamos en Asturias. Asturias tiña a súa gran cooperativa e nós eramos uns segundóns, polo que a solución para poder crecer era pasar a fronteira de Ribadeo. Esa decisión foi absolutamente clave no desenvolvemento da nosa empresa. Hoxe somos a primeira compañía entre as industrias lácteas españolas, e iso é grazas a Galicia”, reiterou.

A seguinte xeración familiar, formada por Juan e Rocío Rodríguez, tomou o relevo na compañía

Cun cadro de persoal de case 600 traballadores en Anleo (a principal planta do grupo cunha superficie produtiva de 70.000 metros cadrados) e ao redor de 2.000 en todo o mundo (México, EEUU, Polonia, China e Portugal), ILAS factura máis de 950 millóns de euros e fabrica produtos para cadeas de supermercados como Alimerka, Aldi, Auchan, Carrefour, Día, El Corte Inglés, Froiz, Eroski, IFA, Lidl ou Mercadona; cadeas de comida rápida como Burger King ou McDonald´s; e outras industrias lácteas e alimentarias como Danone, Lactalis, Nestlé, Hero ou Mondelez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información