Galicia e España comezaron o 2024 cun incremento da produción de leite con respecto ao 2023 e cun prezos sen cambios con respecto a decembro. Así se recolle no informe do Ministerio de Agricultura de entregas do sector lácteo correspondente a xaneiro.
En canto aos prezos a media en España foi de 0,517 euros o litro, cunha lixeira caída con respecto aos 0,521 de decembro. En Galicia a media foi de 0,495 euros o litro, sen cambios con respecto ao mes anterior.
O dato máis salientable é o incremento da produción tanto en Galicia como en España: No conxunto do Estado as entregas ascenderon a 629248 toneladas, un 1,15% por riba do mesmo mes do ano pasado (621538). En Galicia a suba interanual da produción foi do 1,37%, con 255187 toneladas de leite entregadas en xaneiro fronte ás 251728 do mesmo mes de 2023.
En canto ás calidades do leite en xaneiro foron dunha media en España de 3,87 de graxa e de 3,42 en proteína. Galicia continúa por riba en sólidos do leite, cun 3,94 de graxa e cun 3,43 de proteína.
En leite ecolóxico, as cotizacións medias no campo foron en xaneiro de 0,641 euros o litro, en tanto en Galicia foron de 0,625.
Por último, a destacar que España baixa por primera vez das 10.000 explotacións con entregas de leite: En xaneiro foron 9951 (626 menos que hai un ano), das que 5619 corresponderon a Galicia (358 menos que en xaneiro de 2023).