“Sen estabilidade nos prezos do leite non vai haber remuda nas explotacións”

O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuníronse con representantes das organizacións profesionais agrarias para analizar a situación do sector lácteo

“Sen estabilidade nos prezos do leite non vai haber remuda nas explotacións”

Reunión mantida este martes en Santiago de Compostela

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo con representantes das organizacións profesionais agrarias galegas centrada no lácteo. Na xuntanza, que dá continuidade á que mantiveron a semana pasada con representantes das industrias lácteas, participaron responsables de Unións Agrarias, do Sindicato Labrego Galego, da Asociación Agraria de Galicia, da Federación Rural Galega e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias.

O encontro prodúcese nun momento de inquedanza no sector tras unha baixada media de 10 céntimos no prezo do lei no que vai de ano e anuncios de baixadas de entre 2 e 3 céntimos para o mes de decembro.

Neste sentido, dende a Consellería do Medio Rural salientan que “este encontro serviu para reiterar o apoio do Goberno galego aos gandeiros -un elo que require un esforzo adicional na súa defensa” e para insistir na mensaxe trasladada a pasada semana á industria láctea: “É primordial garantir unha estabilidade en prezos para asegurar a sustentabilidade e a remuda xeracional no sector”.

Neste sentido, José González destacou que nun momento de negociación de contratos, grazas á existencia de Contaláctea -a aplicación informática creada ao abeiro da Estratexia sectorial-, é posible trasladar á industria que “non pode haber baixadas de prezos, porque poríamos en perigo a rendibilidade e a competitividade do sector”. De feito, reiterou que “o maior perigo para a competitividade do sector é que non haxa gandeiros que produzan leite e por iso precisamos que as súas explotacións sexan rendibles”.

Estabilidade no tempo

Ademais, o conselleiro demandou que esa estabilidade “se manteña no tempo para ser capaces de garantir a remuda xeracional e que a medio e longo prazo sigamos tendo sector gandeiro de vacún de leite en Galicia”. A maiores, José González insistiu en trasladar que “non comprendemos nestes momentos a existencia de diferenciais de prezos” entre Galicia e outros territorios, que “non se xustifican por cuestións de calidade do produto”.

Na xuntanza coas organizacións profesionais agrarias tamén se puxo sobre a mesa a demanda da Xunta, trasladada á Interprofesional Láctea (Inlac), para que poña en marcha o antes posible unha campaña publicitaria de fomento do consumo do leite con orixe España. Neste sentido, por parte da Consellería do Medio Rural xa se amosou a súa disposición a colaborar na iniciativa.

Félix Porto (Unións Agrarias): “A Xunta ten ferramentas para actuar como non dar axudas públicas a industrias lácteas que incumpren a Lei de Cadea”

Antes da reunión, Félix Porto, responsable de Gandería de Unións Agrarias, lembrou que a Xunta ten capacidade para actuar e que é o momento de facelo.

“Non se pode permitir diferenza de prezos de 6 céntimos por litro entre Galicia e outras comunidades e por outra que as industrias que cometan infraccións graves á Lei de Cadea Alimentaria e con sentenzas firmes entendemos que a Xunta de Galicia non debe concederlles axudas públicas, o mesmo que a aquelas que están amparando a desigualdade dos prezos simplemente pola ubicación xeográfica da explotación”, subliñou.

Como prioridade, o representante de Unións destacou que “neste momento hai que impedir por todos os medios que se produza unha nova baixada do prezo do leite en Galicia que incremente ese diferencial con outras comunidades autónomas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información