O 100% das ganderías de Leyma e Leite Río logran o certificado de benestar animal

A totalidade das 435 ganderías do grupo Lence ubicadas nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra superan a auditoría Welfair realizada nos últimos 10 meses baixo catro premisas básicas: boa alimentación, aloxamento confortable, boa saúde e comportamento apropiado

gandeiro leche rio

Un gandeiro que entrega o leite que producen as súas vacas ao Grupo Lence

O grupo Lence, ao que pertencen marcas como Leyma ou Río de Galicia, acaba de completar o proceso de certificación das súas ganderías provedoras en materia de benestar animal, de maneira que a totalidade das súas 435 explotacións, situadas nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, cumpren cos parámetros establecidos de bo trato ao gando.

Trala renovación de contratos levada a cabo esta primavera concluíuse o proceso iniciado en 2020 polas ganderías provedoras de Leyma, estendendo agora a certificación á totalidade de granxas do grupo. Desta forma, o 100% das ganderías provedoras do grupo Lence na actualidade obtiveron a certificación Welfair de Benestar Animal ( BA).

En total, 435 ganderías situadas en Coruña, Lugo e Pontevedra contan xa con esta certificación que avala as boas condicións nas que se atopan os animais nas granxas

Con este certificado emitido por Aenor garántese o cumprimento dun estrito protocolo, xa que para alcanzar esta certificación avalíanse unha ducia de parámetros baixo catro eixos fundamentais: a boa alimentación (ausencia de fame e sede prolongada); bo aloxamento (facilidade de movemento e confort na zona de descanso), boa saúde (inclúe ausencia de dor producida polo manexo, lesións e enfermidades) e o comportamento apropiado (expresión de comportamentos sociais, boa relación humano-animal e estado emocional positivo).

O proceso realizouse ao longo dos últimos dez meses nos que o equipo técnico de campo da compañía traballou estreitamente cos gandeiros

Unha vez sometidas a auditoría, todas as ganderías provedoras do Grupo Lence obtiveron unha boa valoración final. A través dun comunicado, a empresa destaca que todo este proceso de certificación de benestar animal nas granxas foi apoiado desde a industria láctea e realizouse en 10 meses, o que supuxo un importante esforzo por parte do equipo de campo da compañía e das 435 ganderías provedoras, todas elas situadas en Galicia.

Estratexia de mellora continua nas granxas

Cama cun 60% de carbonato e un 40% de serrín

Unha vaca descansando en cama de carbonato e serrín nunha das ganderías da provincia de Lugo 

Esta certificación forma parte do impulso á mellora continua das ganderías das distintas marcas de Lence que o grupo está a implantar para incrementar o benestar dos animais e traballar na obtención do mellor produto. Actualmente, o grupo Lence traballa diariamente con 435 explotacións gandeiras familiares do rural galego, o 75% dun tamaño mediano e pequeno.

Todas as nosas ganderías mostraron un forte compromiso coa mellora das condicións de vida dos animais, dando resposta á sensibilidade dos consumidores

“Todas as nosas ganderías mostraron un forte compromiso coa mellora das condicións de vida dos animais nas explotacións, de maneira que o consumidor pode optar por un produto que dá resposta ás súas sensibilidades e valores”, destacan no grupo lácteo, con sede en Lugo.

O grupo compra e transforma toda a súa produción en Galicia, nas súas plantas de Arteixo e Lugo, sendo a terceira compañía por volume de recollida de leite na comunidade cuns 800.000 litros diarios, o que a converte nunha empresa clave para o sector en Galicia e na maior industria láctea de capital galego.

Lence, nova imaxe corporativa para englobar todas as marcas do grupo

La nueva imagen del grupo luce ya en sus plantas de O Ceao

A nova imaxe do grupo loce xa nas súas plantas do Ceao

O grupo Leche Río SA acaba de lanzar tamén a súa nova imaxe corporativa, LENCE, baixo a que se aglutinan todas as marcas integrantes da compañía, entre elas Leyma e Río de Galicia, que seguirán mantendo sen embargo a súa singularidade á vez que se irán renovando en liña co cambio de estratexia e cultura empresarial iniciado hai dous anos pola nova dirección da compañía, trala incorporación de Carmen Lence como CEO.

Neste sentido, o principal obxectivo da nova dirección é o crecemento sostible como grupo lácteo de referencia nacional. Neste contexto enmárcase a nova identidade, que forma parte do plan estratéxico, onde a innovación, a sustentabilidade, o apoio ao rural e a economía circular son eixos básicos para afrontar as demandas dun mercado cada vez máis esixente, tanto en Galicia como no panorama nacional e internacional.

O principal obxectivo do lanzamento desta nova identidade é axuntar baixo o mesmo paragüas as distintas marcas e dar a coñecer os valores dunha das compañías máis emblemáticas do sector lácteo galego. Fundada hai máis de 40 anos por Jesús Lence, a empresa logrou manter a súa competitividade nun mercado dominado polas grandes empresas e multinacionais.

O novo nome é unha homenaxe ao fundador da empresa

Para alcanzar estes obxectivos, o grupo Lence reforzou tamén o seu equipo directivo, que xa contaba con Jesús Garcia como director de operacións, coas incorporacións de José María Valderrama Martin, como director comercial; Francisco José Nomdedéu, novo director financeiro; Celsa González, recentemente incorporada como directora de RRHH; ao que se sumou a creación dun novo departamento de márketing, dirixido por Fumie Kitahori.

Cambios no mercado a raíz do coronavirus

O esforzo e motivación tanto das persoas que traballan nas distintas factorías do grupo como dos gandeiros e gandeiras contribuíu a superar un ano complicado no sector lácteo conseguindo manter o nivel de facturación a pesar da forte caída das vendas en hostalería e baixada de consumo pola falta de turismo, que non se chegou a compensar co incremento de consumo nos fogares.

A empresa logrou acabar 2020 cun aumento da facturación do 3%

Lence, con sede en Lugo, ten a súa principal área de actividade na industria de alimentación, comercializando produtos lácteos a través de varias marcas propias, entre elas Leyma e Río de Galicia. Conta para iso con tres plantas de produción e ten nestes momentos un cadro de empregados de 165 persoas en Galicia. Outras empresas do grupo familiar inclúen Transleche S.L., Lence Torres S.L., Complexo San Cristóbal e Grupo Albura, creando en total uns 400 empregos directos e 2.600 empregos indirectos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información