Reny Picot centrará a súa planta de Outeiro de Rei na produción de queixo

A empresa asturiana recolle actualmente en Galicia 800.000 litros diarios de leite procedentes dunhas 540 ganderías, pero non contaba con ningunha planta de transformación na comunidade

Fábrica de Reny Picot en Anleo (Navia)

Fábrica de Reny Picot en Anleo (Navia)

Galicia contará a curto prazo cun novo centro de transformación láctea enfocado á produción de queixo que a empresa asturiana Reny Picot porá en marcha nas súas instalacións de Outeiro de Rei, adquiridas recentemente.

A planta da antiga Leche Pascual, centrada ata agora no envasado de leite líquido e que nos últimos anos pasou por diversos proxectos frustrados, como o de Alimentos Lácteos ou o de Logística Alimentaria, tería así unha nova vida centrada na fabricación industrial de queixo de vaca.

A empresa asturiana fará unha importante aposta pola transformación do leite que recolle en Galicia mediante a construción dunha queixería industrial

A multinacional, que conta na actualidade con varios centros de produción en España, en Asturias (Navia e Siero),  Zamora e Madrid, recolle a maior parte do seu leite en Galicia, pero ata agora non contaba con instalacións de fabricación na comunidade.

Proceso concursal

Reny Picot levaba tempo buscando terreos en Galicia onde desenvolver un proxecto industrial que evitase ter que transportar en cisternas o leite recollido na comunidade con destino ás súas fábricas de Navia e Zamora e que servise ao mesmo tempo para ampliar a capacidade produtiva das plantas de Anleo e Fresno de la Ribera.

A oportunidade xurdiu tralo peche da planta de Outeiro de Rei por parte de Tegestacín, propietaria das instalacións xunto ao grupo LCG Fruits. Pero as débedas do Grupo Santé con gandeiros e outros provedores retrasou a operación, que se saldou finalmente cunha oferta de compra de ILAS ao Xulgado do Mercantil por importe de 2,5 millóns de euros.

Instalacións desmanteladas

Reny Picot recibe unhas instalacións sen cargas de tipo económico ou laboral, pero completamente desmanteladas, polo que a posta en funcionamento do novo proxecto empresarial suporá un importante investimento económico.

A empresa asturiana terá que facer un importante investimento para poñer en funcionamento a fábrica, xa que as instalacións foron despezadas no último ano por parte dos antigos donos

Sen embargo, a ubicación da fábrica, próxima ao enlace da autovía A-6, fana atractiva, e os permisos e autorizacións en vigor cos que conta a planta situada na parroquia de Santa Mariña permitirían acurtar os prazos administrativos para reflotar unhas instalacións que nos últimos anos pasaron por unha serie de avatares desde a marcha do grupo Pascual e a compra no ano 2014 por parte de Tegestacín, sociedade que agora se atopa en concurso de acreedores.

Aumento da recollida en Galicia

Cisterna de transporte de leite da cooperativa Cobideza con destino á planta de Reny Picot en Navia

Cisterna de transporte de leite dende a cooperativa Cobideza con destino á planta de Reny Picot en Navia

Reny Picot recolle máis de 300 millóns de litros de leite  ao ano, a maior parte en Galicia. Na última década a empresa duplicou o seu volume de recollida na comunidade, pasando de 134.000 toneladas en 2012 a 292.000 o pasado ano.

A empresa asturiana duplicou as compras de leite en Galicia desde o ano 2012

No sector produtor vese con bos ollos a aterraxe de Reny Picot e agárdase que a entrada en funcionamento da fábrica de Outeiro de Rei teña un efecto dinamizador semellante ao que supuxo no seu momento a chegada a Galicia de Entrepinares, aínda que de menor calado, posto que a empresa asturiana xa recolle actualmente leite na comunidade polo que non se trataría da entrada dun novo operador a mercar leite no campo, como ocorreu no seu día con Entrepinares ou Inleit.  

Os 800.000 litros diarios dos que se aprovisiona en Galicia Reny Picot nestes momentos proceden dunhas 540 ganaderías das provincias de Lugo e Pontevedra fundamentalmente, incluíndo acordos de subministro estables con cooperativas como Cobideza.

Reforzamento da presenza na comunidade

A posibilidade de transformar en Outeiro de Rei a materia prima producida polas granxas galegas podería implicar un aumento da recollida de cara ao futuro. De feito, nos últimos meses Reny Picot fixo movementos para facerse con máis explotacións, con ofertas individuais de compra que supuñan unha importante revalorización dos contratos nunha pugna con outras industrias para captar granxas provedoras.

Reny Picot está inmersa neste momento nun plan industrial para a ampliación e diversificación produtiva da factoría de Navia

A compra da factoría lucense reforza a presenza de Reny Picot en Galicia e supón unha aposta estratéxica a longo prazo da multinacional asturiana, que nestes momentos está inmersa tamén nun proceso de ampliación e diversificación produtiva da súa planta principal, a de Navia, á máis grande do grupo, unha factoría multiproduto onde se fabrican desde soros desmineralizados e leites infantís a manteiga, nata, queixo raiado, postres ou leite en po.

Unha das características das fábricas de Reny Picot é precisamente que son plantas moi diversificadas onde se fabrica unha ampla gama de produtos. É o caso tanto da factoría de Navia como da de Fresno de la Ribera, en Zamora, que produce tanto queixo de ovella (baixo as marcas Señorío de Castilla e Señorío de Montelarreina) como queixo fresco, queixo azul e de pasta branda, queixo fundido, queixo de untar e postres lácteos.

Presenza en tres continentes

Fábrica de Anleo, en Navia (Asturias) a planta principal de Reny Picot en España

Fábrica de Anleo, en Navia (Asturias) a principal planta de fabricación de Reny Picot en España

A empresa creada por Francisco Rodríguez en 1960 para elaborar queixo de pasta branda tipo camembert é hoxe unha multinacional enfocada á fabricación de produtos de alto valor engadido con importante presenza en destacados mercados como o norteamericano, o europeo ou o chinés.

ILAS, matriz do grupo, ten hoxe presenza en tres continentes e posúe fábricas en España, México, EEUU, Francia e Polonia. Ten ademais presenza comercial en China e Portugal. Foi unha expansión internacional que a compañía iniciou hai 40 anos instalando en México (en Chihuahua, a 300 quilómetros da fronteira sur de EEUU) unha planta de soro, transformada posteriormente en fábrica de queixos.

A vocación internacional da compañía fíxolle adquirir fábricas nos últimos anos en México, EEUU, Francia e Polonia

A empresa asturiana, convertida na única multinacional láctea española, fíxose en 1988 coa maioría de capital de Old Europe Cheese, empresa dedicada a producir queixos de pasta branda de tipo europeo (brie, camembert, edam bola, gouda e fontina) e asentada en Michigan (EEUU). En 1990 comprou Le Chèvrefeuille, en Nontron (Francia), una pequena fábrica de queixo de cabra; en 1995 deu o salto a China, con Beijing Evergreen Dairy Products, encargada de distribuir desde Pekín para todo o continente asiático leite en po e leites infantís; e en 2007 comprou unha fábrica en Ciechanów (Polonia), dedicada á produción de queixo cheddar y soro en po desmineralizado.

A todas elas súmase agora a adquisición das instalacións de Outeiro de Rei, aínda que, a diferenza das compras anteriores, se trate neste caso dunha fábrica que non se atopa en funcionamento.

Produtos de alto valor engadido

produtos Reny Picot1A compañía factura 700 millóns de euros, a metade grazas ás vendas fóra de España, tras diversificar en produtos de alto valor engadido, unha característica común que ten a estratexia empresarial de Reny Picot.

O 50% da facturación de Reny Picot procede das súas vendas no estranxeiro

A súa ampla gama de queixos e a súa manteiga seguen sendo os seus produtos máis recoñecidos, aos que se sumaron posteriormente os leites infantís, postres, salsas, produtos dietéticos ou para a industria farmacéutica e leite en po.

Aumento das importacións de queixo no 2022

A venda de leite líquido só supón o 10% da facturación do grupo e non sería, a priori, o destino previsto para a planta de Outeiro de Rei, que estaría enfocada cara a produción queixeira, un sector no que está a aumentar moito a demanda, en contraposición co retroceso que leva anos vivindo o consumo de leite líquido.

Unha característica común que ten a estratexia empresarial de Reny Picot é a aposta por produtos industriais de alto valor engadido

En Galicia asentáronse nos últimos anos empresas especializadas na produción de queixo como Entrepinares (con fábrica en Vilalba), García Vaquero (en Palas de Rei), ou TGT (no Pino e Santa Comba), que buscan na comunidade a proximidade de acceso á materia prima.

O grupo catalán TGT produce en Galicia queixo tetilla e Arzúa Ulloa, o mesmo que García Vaquero en Palas baixo a marca Castelo de Pambre. No caso de Entrepinares, a fábrica vilalbesa produce á marxe das denominacións de orixe establecidas distintos tipos de queixo de vaca en procesos máis industriais, para subministrar á cadea de supermercados Mercadona. Ese sería tamén o modelo de queixería de Reny Picot, neste caso para comercializar marcas propias. 

As importacións de queixo de baixo custo procedente de países europeos incrementáronse un 15% no ano 2022

No mercado interior español existe un importante déficit de queixo, un produto do que se importaron no ano 2021 un total de 312.000 toneladas, equivalentes a practicamente a totalidade da produción de leite de Galicia, o que implicaría que existe marxe para incrementar a fabricación de queixo.

Segundo os datos da Federación de Industrias Lácteas (Fenil), o 42% do queixo consumido en España procede doutros países da UE, principalmente Francia, Alemaña, Países Baixos e outros países do norte de Europa, que compensan os seus excedentes lácteos coa exportación a baixo prezo de commodities queixeiras (Edam, Gouda, Cheddar e Emmental) que acaban sendo comercializadas nas cadeas de supermercados españolas.

O bo posicionamento de Reny Picot no mercado internacional abre tamén as portas a posibles exportacións.

Reny Picot, polo de agora, non avanza datos do seu proxecto, á espera dunha próxima presentación pública nos próximos días.

“Queremos empezar canto antes unha industria moderna de queixos en Galicia e imos necesitar máis leite”

Una idea sobre “Reny Picot centrará a súa planta de Outeiro de Rei na produción de queixo

  1. Ana López Teijeiro

    Estoy muy enteresada en trabajar en la fábrica Teniy Picot.Es una gran empresa

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información