Galicia salva un ano máis a produción leiteira española. Durante o 2023 a comunidade superou os tres millóns de toneladas de leite producidos, en concreto 3.001.683, 30.158 toneladas máis que no 2022 (un 1% máis), o que serviu para paliar o descenso en termos similares producido noutras comunidades.
Segundo o último informe publicado polo Ministerio de Agricultura, correspondente ao mes de decembro, no total estatal, a produción foi de 7,330 millóns de toneladas de xaneiro a decembro de 2023, fronte aos 7,325 millóns do ano anterior, o que representa un mínimo incremento do 0,1%, insuficiente para recuperar a produción do ano 2021, que se pechou con 7,49 millóns.
Cos datos do 2023, Galicia achégase ao 41% da produción láctea total española, de maneira que o pasado ano, de cada 10 litros producidos en España, máis de 4 muxíronse en granxas da comunidade.
Os prezos, entre 4 e 5 céntimos menos en Galicia
En canto aos prezos, a media en España dos 12 meses de 2023 foi de 54,64 céntimos, 8 céntimos máis que o promedio do 2022 (46,62 céntimos). Os gandeiros galegos foron unha vez máis en decembro os que menos cobraron de toda España, con diferenzas de máis de 4 céntimos con respecto a Asturias, Castela e León, Andalucía ou Cataluña.
No promedio do ano, o prezo medio en 2023 foi 8 céntimos superior ao de 2022
Decembro mantívose nos 52,1 céntimos no conxunto estatal, aínda que con notables diferenzas entre comunidades autónomas. En Galicia o prezo medio pagado en decembro ás explotacións foi de 49,5 céntimos, 4,9 céntimos menos que en Andalucía (54,4), 4,7 menos que en Asturias (54,2); 4,4 menos que en Castela e León (53,9) ou 4,1 menos que en Cataluña (53,6).
Menos produtores
Malia os bos prezos do leite rexistrados en todo o 2023, seguen a pechar granxas, a un ritmo dunha ao día en Galicia. A comunidade perdeu no último ano 362 explotacións leiteiras. Das 6.017 ganderías con entregas que había fai un ano quedan hoxe tan só 5.655.
En 2023 desapareceron 642 ganderías de leite en España, 362 delas en Galicia
No conxunto das comunidades autónomas, quedan 10.023 explotacións entregando leite, 642 menos que a comezos de ano. Asturias perdeu 71 explotacións (quedan 1.260), Castela e León 69 (quedan 714), Cantabria 58 (quedan 847), Andalucía 12 (quedan 407), Cataluña 19 (quedan 348) e País Vasco 10 (quedan 230).
Movementos no sector no 2024
Este 2024 comeza con anuncios de baixadas de prezo das industrias, que xa iniciaron a negociación dos contratos da próxima primavera. Tamén é de destacar a incorporación de Capsa como envasador de leite Hacendado para Mercadona.