O ano comeza con excedentes de produto nas queixerías galegas

Logo dun bo mes de decembro, o consumo ralentizouse moito en xaneiro e os stocks acumúlanse nas cámaras. Algúns fabricantes estanse a ver obrigados a vender algunhas cisternas de leite, á espera de que a Semana Santa reactive a demanda

Queixos na cámara dunha queixería galega

Distintos tipos de queixos na cámara dunha queixería galega

O arranque do ano sempre é unha época difícil para os produtores de queixo. Tralo Nadal, o consumo nos fogares diminúe, o mesmo que na restauración, e as queixerías acostuman ter dificultades para dar saída ao produto que se acumula nas súas cámaras.

Pero este ano está a ser especialmente complicado, cunha parálise importante na venda de queixos galegos con Denominación de Orixe en xaneiro e febreiro. “Decembro foi bo mes, pero xaneiro foi fatal en vendas. Houbo unha baixada moi grande no consumo de queixo e non sabemos como vai responder nestes vindeiros meses”, contan nunha queixería que fai Arzúa-Ulloa e Tetilla.

No consumo de queixo nótase moito a estacionalidade: “redúcese no inverno, empeza a despegar a partir da Semana Santa e dispararase moitísimo nos meses de verán, sobre todo desde fai uns anos para aquí”, explican.

Na Semana Santa acostuma relanzarse a saída de queixo, que adormece no inverno

Por iso os queixeiros galegos teñen as súas esperanzas postas na chegada das vacacións de Semana Santa, que marcan o pistoletazo de saída para o arranque da tempada de produción e venda. “É un momento de saída importante de produto, relánzanse as vendas, que adormecen no inverno, e este ano a Semana Santa vén cedo, a finais de marzo”, destacan.

Entrada de queixo de barra barato

En canto aos queixos de barra, é onde menos se nota esa parálise invernal, pero os fabricantes galegos seguen a ter que lidiar coa competencia dos queixos industriais baratos que chegan de países como Alemaña, Holanda ou Dinamarca.

“O queixo de importación sempre está máis barato ca o noso. Co mercado español eses países regulan a súa produción e está entrando sobre todo Gouda e Edam con ofertas moi rompedoras. O queixo de fóra pode atoparse nos supermercados a 7€ o quilo, cando un queixo galego de barra está nos 10-12 euros”, explica Lito Andión, da Cooperativa Hoxe, xunto con Larsa e Queixerías Prado os tres principais fabricantes de queixo barra galego.

Para facer un queixo de denominación de orixe son necesarios uns 8 litros de leite, fronte aos 10 que se precisan para elaborar un queixo de barra e cos prezos actuais do leite en orixe, as marxes redúcense moito.

Entrepinares mantén parada a liña de grandes bloques en Vilalba e TGT prefire importar queixo que fabricalo en España

Tanto que os principais fabricantes de queixo industrial en Galicia decidiron reducir a súa produción. Entrepinares, que fabrica en Vilalba para Mercadona, mantén parada a liña de grandes bloques destinados a raiado, fundido e loncheado, mentres que TGT, con planta en Santa Comba e Arzúa, e que fabrica a marca branca de Gadis e Familia, ten tamén parada unha planta en Madrid, segundo os datos que manexa o sector.

O grupo catalán é unha das empresas de queixo máis importantes de España e o seu principal negocio é precisamente a importación de queixo.

O mercado da barra ten ese problema, que estamos sempre sometidos á vontade dos queixos de fóra

“O mercado da barra ten ese problema, que estamos sempre sometidos á vontade dos queixos de fóra, por iso non é un mercado atractivo para novas queixerías. Condiciónante moito os prezos de importación”, explica Lito.

O queixo de importación pode verse ao corte en moitos supermercados pero onde máis se consume é na hostalaría. “Nas hamburgueserías e pizzerías sempre meten o máis barato”, quéixanse os fabricantes galegos.

Excedentes de leite

A paralización das vendas está a condicionar o funcionamento das queixerías, até o punto de que algúns fabricantes estanse a ver obrigados a desviar leite cara outros destinos, mesmo perdéndolle cartos. “As queixerías somos neste momento os operadores que máis estamos pagando o leite aos gandeiros. Estamos mercando aínda o leite no entorno dos 50 céntimos nas explotacións e despois ese leite, se nos sobra, temos que vendelo a 40-42 céntimos en cisternas a prezo de oportunidade”, explican.

As queixerías somos neste momento os operadores que máis estamos pagando o leite aos gandeiros

A estacionalidade na produción, sobre todo nos queixos galegos con Denominación de Orixe, obriga aos fabricantes a manter un elevado número de granxas provedoras durante todo o ano, para ter así cubertas as súas necesidades de aprovisionamento no verán. A opción de recorrer a primeiros compradores revelouse insegura no verán de 2022, cando a competencia xerada polos altos prezos dos produtos industriais deixou sen leite a moitas pequenas e medianas queixerías galegas. Pero esa estratexia de apostar polo autoaprovisionamiento xera excedentes de materia prima en momentos como o actual.

“Malia o stock existente, estamos tratando de manter os prezos dos queixos e procuramos non baixar os prezos finais no mercado para non baixar tampouco aos gandeiros e tratar de soster todo o sistema”, destacan. En total, sumando as diferentes subas efectuadas nos últimos dous anos, a revalorización do produto para as industrias fabricantes foi dun euro aproximadamente, segundo estiman desde as queixerías consultadas, ao que a distribución engadiu nalgúns casos ata dous euros máis.

As queixerías das principais denominacións de orixe galegas están vendendo neste momento o seu produto entre os 6 e os 7 euros o quilo ás cadeas de supermercados, que o colocan despois nos lineais no entorno dos 9-10 euros.

Entrepinares porá en marcha nos vindeiros meses a súa planta de queixo de mestura en Vilalba

No caso de Entrepinares, a principal queixería asentada en Galicia, que está a recoller neste momento uns 580.000 litros diarios nunhas 165 explotacións, os excedentes teñen un carácter coxuntural, á espera da posta en funcionamento esta primavera da nova planta de queixo de mestura que a empresa de Valladolid está a construír en Vilalba.

Está previsto que as obras rematen no mes de abril e despois comezarán as probas industriais. A intención é traer de Castela leite de ovella e cabra no canto de ter que desprazar desde Galicia leite de vaca, o maioritario nos queixos de mestura. Para cubrir as novas necesidades de materia prima a empresa recurrirá “ao crecemento natural e orgánico” das súas granxas, posto que moitas delas realizaron investimentos e melloras nos últimos anos para seguir incrementando a súa produción.

Moderación do consumo, que segue unha tendencia ascendente nos últimos anos

O consumo de queixo nos fogares españois aumentou no último ano un 2,9%, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Agricultura, se ben nos últimos meses a tendencia é a inversa.

Mirando o acumulado novembro 2022-novembro 2023 o crecemento da demanda dáse de maneira transversal en todos os tipos e variedades que queixo, agás no queixo fresco de vaca (-2,5%) e nos de ovella (-8,5%) e cabra (-14,2%).

Pero os datos do último mes cuantificado (novembro) mostran sen embargo unha caída do consumo de queixo nos fogares dun 3,6%. As maiores reducións corresponden ao queixo de ovella e cabra, con descensos do 82% e 62% respectivamente, aínda que a baixada no consumo foi xeralizada agás nos queixos de vaca curados e semicurados de marca branca.

O consumo per cápita de queixo sitúase en 7,54 kg por persoa e ano, dos que o 29% son queixo semicurado e o 25% queixo fresco

En canto ao consumo per cápita, sitúase en 7,54 kg de queixo por persoa e ano. Máis da metade correspóndese con queixo fresco e queixo semicurado. O 29% do consumo de queixo en España é queixo semicurado (8.400 toneladas ao mes), que se incrementou notablemente (un 9% no último ano) a costa do queixo fresco (que perdeu un 2,5% de cota de mercado no mesmo período) e representa o 25% do consumo (7.400 toneladas mensuais), dun total dunhas 30.000 toneladas de queixo consumido ao mes nos fogares españois. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información