“Larsa é a industria que lidera a presión dos prezos do leite á baixa”

Unións Agrarias pide unha intervención institucional para frear o descenso proposto pola compañía asturiana. “Situaríase en algo máis de 43 céntimos, a oferta máis baixa do mercado”, resume a organización agraria

“Larsa é a industria que lidera a presión dos prezos do leite á baixa”

As industrias lácteas decidirán na próxima semana cal é a proposta final de contrato que lle trasladan ás granxas a partir de agosto. Existe incertidume, pois as primeiras ofertas chegaron con baixadas de prezo importantes, e as granxas esperan a comprobar cal é a decisión final das industrias. Desde a perspectiva de Unións Agrarias, o principal problema a día de hoxe é Larsa, a compañía controlada pola asturiana Capsa.

“Larsa presentou a proposta de prezos máis baixa do mercado, pois cos prezos actuais dos produtos lácteos industriais, o seu prezo ás granxas estaría en pouco máis de 43 céntimos / litro”, resume Óscar Pose, o responsable da organización de produtores de leite de Unións Agrarias, Ulega. “É unha baixada de arredor de 4 -5 céntimos e se Larsa se atrinchera nesa posición, o resto de industrias, que plantexaban en xeral baixadas menores, xa nos avanzaron que terán que seguir unha liña similar a Larsa para non quedar fóra do mercado”, sinala.

Ante ese escenario, Unións valora accións nas cadeas de supermercados contra Larsa, algo que decidirá nos próximos días en reunións con gandeiros.

Diferenza Asturias e Galicia
A organización agraria envioulle tamén unha carta ó conselleiro do Medio Rural na que pide a súa mediación coa compañía asturiana. “Estamos vendo un importante diferencial entre os prezos que paga Capsa en Asturias e os que abona en Galicia. Non pode ser que esta situación, que xenera uns beneficios adicionais en Larsa, se traduza en que os cartos que terían que ir ás granxas galegas rematen nas granxas asturianas”, cuestiona Pose.

A organización plantexaralle a Medio Rural que a comparativa de prezos que abona unha industria nas diferentes comunidades autónomas nas que opera sexa un dos criterios a ter en conta á hora de conceder as axudas públicas a industrias alimentarias.

Desde Unións tamén lamentan que Larsa sexa unha das principais industrias que se nega reiteradamente a sentarse coa organización de produtores Ulega, que ten representación para negociar en conxunto os prezos do leite dos socios que ten en cada industria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información