Capsa inicia en Lugo o envasado de leite Hacendado para Mercadona

A compañía comeza a producir para a marca de distribución na planta de Outeiro de Rei. O sector interpreta que o crecemento das vendas obrigou á cadea de supermercados a ampliar os seus proveedores tradicionais de leite líquido, que ata agora eran principalmente Covap e Iparlat

Capsa inicia en Lugo o envasado de leite Hacendado para Mercadona

Planta de Capsa en Outeiro de Rei (Lugo), que iniciou o envasado de leite Hacendado.

A compañía asturiana Capsa, propietaria das marcas Central Lechera Asturiana e Larsa, comezou a envasar leite para Mercadona coa marca de distribución Hacendado, líder de consumo en España. O movemento vén dado polo aumento das vendas experimentado por Hacendado no último ano e medio, o que obrigou a Mercadona a garantirse o abastecemento cunha ampliación dos seus tradicionais proveedores de leite líquido, que ata agora eran principalmente a andaluza Covap e a vasca Iparlat.

Capsa xa iniciou o envasado de leite Hacendado na súa planta de Outeiro de Rei (Lugo), segundo detallan fontes de sector. Consultada sobre esta circunstancia, Capsa limítase a sinalar que “Mercadona é un cliente máis” e elude proporcionar información adicional por motivos de confidencialidade.

A compañía asturiana, igual que o resto de industrias, xa viña envasando habitualmente marcas brancas para outras cadeas de supermercados, pero a súa entrada en Mercadona supón un fito, pois representa unha alianza entre a cadea de supermercados líder e unha das industrias lácteas cunha marca de fabricante máis forte.

A entrada de Capsa en Mercadona representa un fito, pois a cadea de supermercados consolídase así como a principal referencia para o sector lácteo español

Capsa é unha das empresas lácteas líderes en España a nivel de facturación, xunto con Lactalis e Danone. As marcas de fabricante da firma asturiana (Clas e Larsa) destacan polo seu bo posicionamento no mercado. De feito, Central Lechera Asturiana (Clas) sitúase como o leite preferido polos consumidores en 7 comunidades autónomas, segundo a última enquisa de DataCentric.

Trasvase de consumidores ás marcas de distribución
Con todo, o encarecemento que experimentaron os prezos do leite no supermercado no último ano e medio impactaron de xeito forte nas marcas de fabricante -incluída Clas-, que perderon cota de mercado en favor das marcas da distribución, tamén coñecidas como marcas brancas.

O escenario de perda de vendas das súas marcas de fabricante explica o o movemento de Capsa con Mercadona, pois a través de Hacendado ten a posibilidade de darlle saída ós excedentes.

O encarecemento do leite no último ano e medio provocou unha forte perda de vendas nas marcas de fabricante, o que aupou aínda máis a Hacendado

Larsa, a marca galega de Capsa, mesmo lle comunicara recentemente a algunhas das súas granxas proveedoras que ía reducir a recollida a partir da próxima primavera, precisamente por esa perda de vendas, que no seu caso afecta tanto ós queixos coma ó leite líquido.

Queda agora por ver a dimensión que acada o abastecemento de leite de Mercadona a través de Capsa. No sector sinálase que Capsa xa está a enviar excedentes de leite de Asturias para envasar na planta de Outeiro de Rei (Lugo) para Mercadona e especúlase incluso con que a planta de Outeiro de Rei comece a traballar a tres turnos, a fin de cubrir as necesidades da cadea de supermercados.

Estabilidade de suministro para Mercadona
A outra lectura do acordo é o interese de Mercadona por contar cun proveedor da dimensión de Capsa, que lle asegura estabilidade no abastecemento. ¿Repercutirá o acordo de Mercadona e Capsa nos volumes de leite que a cadea de supermercados lle contrata ós seus tradicionais proveedores, Covap e Iparlat?. No sector non hai unanimidade ao respecto, se ben tanto Covap como Iparlat manifestan traballar con normalidade.

No caso de Iparlat, a firma vasca explica que para este 2024 incluso prevé aumentar o leite comercializado a través da marca Hacendado, pois subliñan que existe “boa sintonía” con Mercadona.

Consultada de xeito reiterado Mercadona por Campo Galego sobre a incorporación de Capsa como proveedor de leite líquido e sobre a situación do resto de proveedores, a cadea de supermercados non contestou.

Coa entrada de Capsa, a lista de proveedores de leite líquido de Mercadona queda conformada por Covap, Iparlat, Naturleite -a sociedade de Covap en Galicia-, Lactiber -cunha planta en León que xestionan ó 50% Covap e Iparlat-, Lactia en Cataluña -sociedade de Covap e dunha cooperativa catalana-, Lactazor (Murcia) e Capsa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información