A nova conselleira do Medio Rural asegura que os pagos dos ecorreximes da PAC ingresaranse antes do 30 de xuño

A nova conselleira do Medio Rural asegura que os pagos dos ecorreximes da PAC ingresaranse antes do 30 de xuño

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Foto: Cedida

Os pagos polos ecorréximes da PAC cubrirán en Galicia preto de 23.000 solicitudes na actual campaña, cun importe de case 15 millóns de euros, que se aboarán no prazo establecido, segundo avanzou este mércores a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión no Pleno do Parlamento.

A conselleira explicou que pediron estas achegas case o 67% dos solicitantes galegos da PAC, que o importe a pagar representa en torno a un 7% do total das axudas da Política Agraria Común en Galicia e que “estas achegas están dentro do prazo normal de pago”. Engadiu que os pagamentos pendentes da campaña 2023 “efectuaranse dentro do prazo fixado, antes do 30 de xuño de 2024”.

Todo isto, advertiu Gómez, malia o “pouco atractivo” dos ecorréximes para os produtores galegos. Así, a conselleira sinalou que “esta novidade da PAC, lonxe de representar un polo de captación de fondos, instaurouse en detrimento da nosa comunidade, xa que moitos dos ecorréximes ou non teñen aplicación en Galicia ou contan con requisitos moi dificultosos de acadar que non lles compensan ás explotacións, en consideración dos baixos importes que percibirían”.

Modificación da PAC

Por iso, censurou o enfoque dado polo Goberno central a esta cuestión, cunha “ollada posta no sur de España” e sen mirar cara Galicia. Nesta liña, María José Gómez lembrou que a Xunta demandou, en todas as propostas de modificación da PAC solicitadas ao Ministerio -desatendidas, en maior medida- o cambio dos ecorréximes. Así, manifestou que se procurou unha postura común coas comunidades da Cornixa cantábrica, así como coas principais asociacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia, a prol dunha modificación e adaptación da PAC á totalidade do territorio, fronte á súa orientación claramente “mediterránea”.

Nesta liña, Gómez engadiu que “Galicia non só demanda a adaptación dos ecorréximes, senón que tamén reclama a súa simplificación, e por iso aplicou na convocatoria de 2023 todas as axilizacións que permite a normativa estatal.”

“Así, reduciuse a un total de 90 días o período mínimo no continuo do pastoreo; estableceuse nos meses de xullo e agosto o período de non aproveitamento das superficies de pastos permanentes e temporais obxecto de sega sostible e consolidouse un período obrigatorio de catro meses -desde o 1 de decembro ata o 31 de marzo- no que a cuberta vexetal debe permanecer viva”, explicou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información