Entre as funcións que o Paquete Lácteo outorga ás Organizacións de Produtores está a negociación de prezos en conxunto en representación dos gandeiros socios para a formalización de contratos coas industrias e a regulación da oferta, de modo que están plenamente lexitimadas por Competencia para controlar os volumes de produción.
Francisco Fernández é o director de AGAPROL, a maior OPL de España, con importante presenza en Castela e León, Cataluña ou Castela-A Mancha, onde aglutina a metade da produción nestas comunidades, pero con escasa presenza aínda en Galicia.
A semana pasada estivo en zonas como A Mariña, Lugo, Ordes ou Santa Comba visitando a gandeiros socios e mantendo reunións coas industrias ás que entregan o leite de cara á renovación de contratos a partir de abril.
A súa proposta para lograr manter os prezos nos niveis actuais pasa por invertir a posición de forza na negociación en favor dos gandeiros por ter nas súas mans a materia prima que as industrias necesitan. “O control da produción será a única forma de manter os prezos”, asegura.
Agaprol aglutina a 600 gandeiros e máis dun millón de toneladas de leite, o 13% da produción láctea española
Agaprol considera que o prezo de renovación de contratos que diten os grandes operadores do sector en España virá marcado pola evolución do prezo do leite en países como Francia, Holanda ou Alemaña, pero, sobre todo, di Francisco, “pola dispoñibilidade ou non de leite que haxa en España”.
“Se as industrias detectan un crecemento superior á media non terán obstáculo para forzar novas baixadas de prezos”, asegura, polo que pretenden concienciar aos gandeiros de que “se aumentan a súa produción inexorablemente desencadearase unha baixada do prezo do leite que producen”.
O control da produción será a única forma de manter os prezos
O ano 2023 pechouse cunha estabilización da produción láctea no conxunto de España, con incrementos do 1% en Galicia, do 0,5% en Cataluña, do 2,4% en Castela-A Mancha ou do 3,9% en Navarra que compensaron os descensos do 0,5% en Andalucía, do 0,7% en Castela e León, do 1,9% en Asturias ou do 2,6% en Cantabria.
“O que marca o prezo do leite no seu conxunto é aquel que a industria está disposta a pagar polos últimos litros cos que enchen as súas cisternas e os seus almacéns”, asegura Francisco. “Nun país deficitario como é España, que importa unha cuarta parte dos produtos lácteos consumidos, esta situación non debería de existir, pero as industrias saben que poden ditar a súa lei coa condición de que sobre unha cisterna no mercado capaz de facer baixar o prezo da totalidade do leite”, insiste.
“A industria está a buscar o momento de maior crecemento da produción de todo o ano para aproveitar e volver baixar os prezos. Está nas mans dos gandeiros evitalo. Hai que concienciarlos de que cada vaca que deixen de muxir supón unha subida do prezo do leite das que sigan muxindo na granxa”, argumenta.
A ‘Operación Cisterna’ é unha medida necesaria diante da intención por parte da industria de novas baixadas de prezo para a primavera
O prezo das vacas de desvelle está repuntando, insiste Agaprol, polo que “podería aproveitarse a oportunidade para dar saída a aqueles animais que pola súa baixa produtividade poden minguar a rendibilidade das explotacións e, á súa vez, evitar un aumento perigoso da produción de leite”, recomenda Francisco.
Tensionar a demanda
Agaprol asegura que con esta campaña a favor da moderación na produción non pretenden “provocar unha situación de desabastecemento”, senón “controlar a oferta para que o gandeiro poida esixir polo seu leite o que realmente vale”.
“En España as subidas de prezos víronse vinculadas historicamente a lixeiras baixadas de produción que provocaban a tensión suficiente entre as industrias para que se visen obrigadas a pagar o que vale o leite antes de quedar sen materia prima para transformar e cumprir cos contratos de abastecemento que manteñen coa gran distribución”, argumentan.
O leite é moi sensible, de sobrar un litro para faltar un litro cambia totalmente o panorama
E pon como exemplo o ocorrido durante o verán e o outono de 2022. “Non é que faltase tanto leite, pero foi o suficiente para que as industrias se pelexasen entre elas por captar explotacións subministradoras e mira a que se montou, tanto que en poucos meses o leite púxose a 60 céntimos”, lembra.
Pero a situación inversa, dun pequeno excedente, xeraría agora o efecto contrario. “O leite é moi sensible, de sobrar un litro para faltar un litro cambia totalmente o panorama. O caldo de cultivo perfecto para a industria é que cada ano subamos un pouco a produción. Con só un pouco de leite de máis saben que o gandeiro está cautivo porque non ten posibilidade de cambiar de empresa e baixan os prezos. Pero iso non o poden facer no momento no que o leite está xusto ou falta algo”, argumenta.
Maior concentración na recollida
“A concentración da demanda está a ser determinante en todo este proceso. Cada vez son menos os operadores independentes con capacidade para influír no prezo dos contratos e iso afecta negativamente os gandeiros”, asegura Francisco.
Esa unificación de prezos por redución da competencia podería observarse xa en Galicia nos próximos contratos debido ao acordo entre Capsa e Mercadona para envasar leite Hacendado na planta de Outeiro de Rei. “Mercadona controlaría xa nestes momentos, directa ou indirectamente, uns 600 millóns de litros só en Galicia, sumando as recollidas de Naturleite, Entrepinares e Larsa”, calcula o director de Agaprol.
Tras o acordo con CAPSA, o 20% da produción galega e o 40% da española estaría en mans de empresas que fornecen a Mercadona
No conxunto de España estima que o volume de leite controlado pola cadea de supermercados de Joan Roig situaríase preto dos 3 millóns de toneladas, o que representa o 40% da produción láctea española.
“Covap manexa máis de 700 millóns de toneladas ao ano e Capsa outro tanto, só de brick. Se metes a Iparlat, estariamos xa en 2 millóns de toneladas. Se sumamos queixos e iogures, son case 3 millóns os que están baixo o paraugas de Mercadona, que controla máis do 30% do mercado do leite líquido de consumo (1,2 millóns de toneladas de brick dos 3 millóns que se consomen en España), o 40% da venda de queixos e o 45% do mercado de iogures”, detalla Francisco.
Mercadona é quen marca as pautas, a que di se hai que subir ou baixar e canto
“Capsa está metida de cheo na órbita de Mercadona. A join venture de Cataluña foi callando e estendeuse ao resto de plantas. Con iso Mercadona ten garantido o abastecemento e o crecemento para os próximos anos. Capsa perde en boa medida a súa identidade, pero non tivo máis remedio polo descenso do leite de fabricante”, indica.
Pero ese cambio de estratexia terá consecuencias no campo, augura. “A pinza Larsa-Lactalis acabouse. Antes os seus contratos vencían un mes antes e marcaban a tendencia. Agora Mercadona é o que marca as pautas, a que di se hai que subir ou baixar e canto”, asegura o director de Agaprol.
“Covap e Capsa ían facer unha central de compras, ao estilo de Compras e Suminstros Lactalis. Querían facer algo parecido, pero deulles medo por se tiñan problemas con Competencia. Cortáronse, pero dunha maneira ou outra haberá concertación de prezos”, augura.
Risco de contaxio na distribución
Agaprol mostra o seu temor ante unha baixada en cadea do prezo do leite desde o campo ao supermercado. “Ese é o risco maior que corremos. Se algunha industria decide optar por unha política agresiva de prezos, baixando o leite no campo para ofrecer ás grandes superficies o brick 4 ou 5 céntimos máis barato para rabuñar cota de mercado a outra industria que faga tamén marca branca podémonos cargar a cadea, que neste momento é sostible”, asegura.
A cadea láctea neste momento, tal como está, é sostible para todos
Afirma que “os supermercados tamén se atopan cómodos con esta situación”, pero advirte de que “se Carrefour, Día, Lidl ou outra gran superficie entra no xogo dalgunha destas industrias kamikace” habería un reflexo en toda a distribución.
“Mercadona non está por baixar o prezo pero se baixan as demais eles farano de forma inmediata. Todas as cadeas queren ter o leite ao mesmo prezo para que non condicione ao consumidor a que supermercado ir. Hai anos actuaba como produto reclamo; agora non”, asegura.
Por iso Francisco incide en evitar “que as industrias forcen unha baixada no campo e que esa baixada non se traslade despois á distribución”, porque “despois volver subir é dificilísimo”, advirte.
“Non por producir máis se gaña máis”
Desde Agaprol non pretenden dicirlle ao gandeiro o que ten que facer, pero lanzan un “aviso a navegantes”: “Se crecemos de forma desmedida podemos provocar unha baixada de 5-6 céntimos e volver aos 40 céntimos”.
“Se Galicia non subise a produción no último ano estou convencido de que esta primavera repetiriamos prezos sen ningún problema”, asegura Francisco, que insiste en que “non por producir máis se gaña máis”.
En Galicia os gandeiros que queden teñen que medrar, pero ten que ser un crecemento sostido e moderado
Recoñece que a situación en Galicia é diferente ao resto de comunidades en canto a redimensionamiento das granxas. “Fóra de Galicia hai pouca xente que teña ganas de medrar, porque os que quedan no sector xa o fixeron, pero en Galicia eses crecementos aínda se están producindo. Os gandeiros que queden teñen que medrar, pero ten que ser un crecemento sostido e moderado. Do contrario, médrase a base de investimento e iso é unha dinámica infernal”, asegura.
Ademais, explica, o límite de 850 UGM que fixa o Real Decreto de Ordenación de granxas de vacún supón un tope no caso das granxas de maior tamaño de comunidades como Cataluña, Castela e León, Andalucía ou Castela-A Mancha, pero permite aínda un considerable percorrido para as ganderías de tamaño medio en Galicia.
A ameaza da EHE
Pese ao peche de explotacións, existe un crecemento orgánico, indica o director de Agaprol, non só polo aumento de tamaño das granxas que quedan, senón pola maior profesionalización do sector. “Con menos vacas está a producirse máis leite por mellor manexo, alimentación, instalacións, xenética etc. Desde que se acabaron as cotas no conxunto de España aumentamos a produción de leite en 1 millón de toneladas con 7.000 gandeiros menos”, destaca.
A produción no inverno está a ser alta porque non fixo frío, pero a EHE podería reducir a produción en Galicia de cara ao verán
Para este ano, Francisco ve un risco importante na EHE. “O aumento da produción galega podería verse afectada este ano polo posible repunte da incidencia da Enfermidade Hemorrágica Epizoótica, que a campaña pasada practicamente non afectou as granxas lácteas da comunidade pero que co bo tempo e a humidade podería repuntar de forma considerable en toda a zona”, alerta, tras a experiencia vivida o ano pasado en Castela e León.
A ameaza da EHE podería frear as entregas de leite nos meses de verán, tras un inverno favorable á produción. “Este ano está a ser espectacular polo tempo, con medias de 2 litros máis por vaca, porque non houbo inverno e as vacas están en modo primavera todo o ano. A estacionalidade na produción é agora menor. Este ano vaise notar menos a subida na primavera, cando outros anos a produción dispárase porque vés dun inverno máis frio”, explica.
“Estamos moi preocupados porque en Galicia vai haber presión para baixar prezos e iso pódenos arrastrar aos demais”
Aínda que a súa presenza na comunidade limítase a unhas 30 granxas socias, Agaprol levará a cabo nas próximas semanas unha intensa campaña de concienciación na comunidade galega sobre a necesidade de conter as entregas debido ao seu peso na produción láctea española. “Galicia condiciónanos a todos”, asegura o seu director.
“A guerra que temos no resto de comunidades autónomas coas industrias é que nos ameazan precisamente con vir comprar o leite a Galicia porque é máis barato. Antes ameazábannos con traer leite de Francia e agora ameázannos con traer leite de Galicia, porque a media actual en Galicia está en 47 céntimos, mentres fóra de Galicia móvese entre 51,5 e 52 céntimos, son entre 4 e 5 céntimos de diferenza”, evidencia Francisco.
Dos contactos que mantivo coas distintas industrias, conclúe que “en Galicia hai moitas ganas por parte das industrias de baixar, e bastante, o leite no próximo contrato. Vai haber moita presión para baixar prezos e iso pódenos arrastrar aos demais”, alerta.
En Galicia hai moitas ganas por parte das industrias de baixar, e bastante, o leite no próximo contrato
“Todas as negociacións están interconectadas porque ao final todas as empresas compran en todos os sitios. Cando empezamos coa OPL fixémola en Castela e León pero démonos conta de que iso non servía, que hai que estar en todos os lados”, xustifica.
Por iso é polo que Agaprol foise estendendo e está presente hoxe xa en 11 comunidades. En Galicia, con todo, recoñece dificultades. “Noutras comunidades as explotacións grandes son as que están máis integradas na organización de produtores; en Galicia non pasa iso e as máis pequenas tampouco participan”, explica.
Impunidade das empresas
“Na maioría de sitios as industrias fan o que lles dá a gana e en Galicia máis”, afirma Francisco para defender a necesidade dunha maior unión entre os produtores e unha maior implicación tamén por parte da Xunta. “En Galicia as industrias están afeitas a facer auténticas barbaridades sen que pase absolutamente nada. As sancións ponas a AICA, pero o labor de inspección corresponde á Xunta”, aclara.
En Galicia as industrias fan barbaridades e non pasa nada. As multas ponas a AICA pero a inspección tena que facer a Xunta
“A folla de ruta que tiñan fixada as industrias era baixar dous céntimos en decembro e outros 2 en abril. En Galicia esa primeira baixada parouna a Xunta tras unha reunión coas industrias, mentres en Castela e León baixáronnos un céntimo coa desculpa de acurtar o diferencial con Galicia. Pero neste momento, sen o comodín do público, que eran as eleccións, en Galicia a intención das industrias é baixar agora de golpe, dunha tacada, eses 4 céntimos en abril”, advirte.
Necesidade de negociar prezos en conxunto
Agaprol acaba de cumprir 10 anos e o seu director defende a necesidade de que os gandeiros se integren en organizacións de produtores. “Xa non se pode negociar á antiga usanza, hai que profesionalizar eses procesos e dotalos de transparencia”, incide.
“Agora mesmo negociamos máis dun millón de toneladas pero o noso obxectivo é seguir crecendo para poder plantar cara ás industrias, que cada vez máis acumulan volumes incribles”, xustifica.
A Xunta parou a baixada de 2 céntimos en decembro porque había eleccións pero agora a intención das industrias é baixar de golpe 4 céntimos
Francisco anuncia “unha campaña forte en Galicia nas próximas semanas” porque, di, “agora mesmo onde está o pescozo de botella e onde hai que apertar para frear a baixada é en Galicia”. Aínda que recoñece que na comunidade que produce o 43% do leite de España, sumando a produción convencional e ecolóxica, o labor das Organizacións de Produtores é máis difícil: “En Galicia hai empresas kamikace que non atenden a ningunha razón”, denuncia.