En todo o 2023 a Xunta realizou 28 inspeccións e impuxo 7 sancións por incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

Foron impostas 7 sancións a industrias cárnicas, adegas e empresas lácteas por incumprir prazos ou cláusulas nos contratos asinados cos produtores

Os contratos entre viticultores e adegas son dos que máis sancións acarrean

Os contratos entre viticultores e adegas son os que máis inspecciona de oficio a Consellería

A Xunta de Galicia levou a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 un total de 28 inspeccións de oficio en relación ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, 20 delas no sector do viño, 7 no sector vacún de leite e 1 no de leite cru de ovella. Ademais foron revisados un total de 250 contratos.

Segundo os datos feitos públicos este mércores durante a reunión do Consello Asesor da AICA, a Comunidade Valenciana (0), Murcia (4), Navarra (11), Estremadura (12), Cantabria (13), Asturias (16), Canarias (18), Aragón (19), Baleares (20), País Vasco (20) e A Rioxa (27) levaron a cabo o ano pasado menos inspeccións de oficio que Galicia; fronte ás 44 de Cataluña, as 47 de Andalucía, as 49 de Madrid, as 73 de Castela-A Mancha ou as 324 de Castela e León.

Destas inspeccións deriváronse un total de 167 sancións, das que 7 foron impostas en Galicia, todas elas ao elo da cadea que representa a industria alimentaria: 4 delas á industria cárnica bovina por non formalizar contratos por escrito, 2 ás adegas vitivinícolas polo incumprimento dos prazos de pago e 1 á industria láctea por non incluír nos contratos todos aqueles extremos que por lei han de conter. En canto ás denuncias presentadas, en todo 2023 a Xunta de Galicia tan só investigou 2 no sector da produción avícola de carne.

O 62% das denuncias presentadas ante a AICA desde a súa creación acabaron en imposición de multas

Desde a súa creación, a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura e encargado de velar polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria coa colaboración das comunidades autónomas, recibiu un total de 210 denuncias, das que 130 acabaron en sanción. Un total de 23 destas multas corresponden ao sector lácteo, derivadas de 44 denuncias presentadas, a maior parte por produtores e organizacións de produtores. Outras 23 sancións corresponden ao sector vitivinícola, mentres a maior parte (57 en total) proceden do sector das froitas e hortalizas.

Un 40% máis sancións en 2023

Ao longo do 2023, a AICA impuxo un total de 382 sancións a operadores da cadea alimentaria, o que supuxo un aumento do 40,4% en comparación co ano precedente. Case a metade delas (un 48%) corresponderon a infraccións por incumprimento de prazos de pago, sobre todo, na parte maiorista.

O ano pasado a AICA impuxo 382 sancións ao amparo da Lei da cadea alimentaria, un 40,4% máis que en 2022, ás que hai que sumar outras 167 das comunidades autónomas (+33,6%)

Tamén foron obxecto de sanción a ausencia de contratos ou a falta, nos que si se realizaron, de elementos mínimos como, por exemplo, o prezo do produto motivo de transacción. As modificacións unilaterais non pactadas por contrato e a destrución de valor na cadea alimentaria tamén aparecen na listaxe dos principais motivos de penalización.

Por sectores, os que rexistraron máis infraccións con sanción foron o de froitas e hortalizas, que acaparou 165, seguido do vitivinícola (96), o de aceite de oliva (40), bovino (37), oliva de mesa (19) e lácteo (17).

A estas sancións hai que sumar as aprobadas polos organismos autonómicos que tamén teñen competencias no control e vixilancia do cumprimento da Lei da cadea alimentaria. O ano pasado impuxeron 167 sancións, un 33,6% máis que en 2022. Estas últimas recaeron principalmente en empresas do elo da industria alimentaria.

Reparto de competencias de inspección entre o Ministerio e as comunidades autónomas

Primera reunión del Consejo Asesor de la AICA de este año, celebrada esta semana

Primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano, celebrada esta semana

Todas as sancións impostas no 2023 son froito dos controis de oficio da AICA e as comunidades autónomas, así como das investigacións realizadas en ambos os casos tralas denuncias recibidas por supostos incumprimentos da Lei da cadea.

A AICA, en concreto, investigou durante o pasado exercicio 32 denuncias, un 39,1% máis que no 2022, e as comunidades autónomas, outras 18. O ministro de Agricultura, Luis Planas, subliñou durante a primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano a necesidade de que se traslade aos organismos de control e vixilancia do funcionamento da Lei da cadea alimentaria toda irregularidade comercial que se constate. Remarcou o carácter confidencial das denuncias e precisou que o ano pasado, case dous terzos das recibidas e investigadas terminaron en sanción.

A AICA vixía as relacións entre empresas de distintas comunidades e os gobernos autonómicos os contratos que se asinan dentro do seu territorio

En total, as denuncias e as actuacións de oficio durante 2023 traducíronse no control dun total de 2.371 relacións comerciais da cadea alimentaria, o que representa un 59,4% máis que nos doce meses anteriores, segundo o Informe da actividade inspectora e de control de AICA no ámbito da cadea alimentaria en 2023. A AICA ten competencia sancionadora en relacións comerciais que teñen lugar entre empresas con sedes en distintas comunidades autónomas ou nas que, por razóns de rastrexabilidade previsible do produto obxecto do contrato, exceda do ámbito autonómico.

Os organismos de inspección de cada comunidade autónoma, pola súa banda, controlaron no seu territorio outras 2.871 relacións comerciais, segundo o Informe da actividade das comunidades autónomas en 2023. O ministro, durante a sesión inaugural do encontro, resaltou “o bo funcionamento de cadea alimentaria”.

Descontos non acordados previamente nos contratos

O ministro aproveitou para lembrar que desde o 30 de xuño de 2023 é obrigatorio inscribir no Rexistro de Contratos Alimentarios, ao que se accede a través dunha aplicación da web de AICA, os contratos alimentarios con produtores primarios e agrupación de produtores. Ao seu xuízo, o devandito rexistro converteuse xa nunha “ferramenta determinante” para o labor de inspección deste organismo.

Ao longo de 2024 priorizarase o cumprimento de contratos alimentarios, con especial atención á modificación do prezo a partir de descontos

O ministro tamén avanzou que ao longo de 2024 a actividade da AICA priorizará a comprobación e o cumprimento dos contratos alimentarios, con especial atención á modificación do prezo a partir da aplicación de descontos non acordados previamente. Tamén se dará preferencia ao control dos sectores con máis risco de que as súas liquidacións e pagos non sexan superiores ao custo efectivo de produción, así como á vixilancia de cancelación de pedidos.

Cambios legais a nivel español e na UE

O ministro de Agricultura confirmou ademais durante a apertura da primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano que a conversión deste organismo en axencia estatal traducirase “nunha maior estrutura, con máis medios humanos e materiais para desempeñar as súas funcións”, o que lle permitirá “reforzar significativamente a súa capacidade inspectora”.

O ministerio quere dar unha resposta rápida a unha das principais preocupacións dos agricultores e gandeiros que se mobilizaron estas semanas, o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria en todos os elos, para que nas relacións comerciais, sobre todo nas que participan os agricultores e gandeiros, o prezo sexa xusto, supere o custo efectivo de produción e asegure a viabilidade económica dos operadores.

A conversión da AICA en axencia estatal dotaraa de máis persoal e medios para reforzar significativamente a súa capacidade inspectora

Luis Planas explicou que a posta en marcha da axencia estatal require da aprobación dunha norma con rango de lei, polo que o Goberno estuda na actualidade o menor percorrido temporal para a súa creación, ben a través dun texto legal ad hoc ou mediante a introdución dunha disposición adicional na futura Lei de prevención das perdas e o desperdicio alimentario. A futura Axencia Estatal de Inspección da Cadea Alimentaria manterá o acrónimo de AICA.

Prevense ademais modificacións lexislativas sobre prácticas comerciais na Unión Europea. De feito, a Comisión presentou a mediados do pasado mes de decembro unha serie de propostas a medio prazo para revisar a Directiva de prácticas comerciais desleais de 2019 e o Regulamento da Organización Común de Mercados Agrarios (OCM) que, en boa medida, seguen a senda emprendida a nivel nacional en países como Francia ou España. O Executivo comunitario propuxo a instauración do Observatorio de custos de produción, marxes e prácticas comerciais, e a implementación de novas regulacións para garantir o cumprimento das prácticas comerciais a nivel transfronteirizo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información