Primeiros movementos de cara á renovación dos contratos do leite na primavera, co envío por parte das industrias das ofertas preliminares ás explotacións. Algunhas delas, como as de Naturleite, Lactalis ou Entrepinares, recollen baixadas importantes, que marcan a tendencia no inicio das negociacións pero que non teñen por que plasmarse despois nos contratos finais asinados.
Como se está a converter xa en práctica habitual, cando menos nas renovacións levadas a cabo no últimos ano, as empresas acostuman saír con ofertas moi baixas, de puro trámite, que ningunha das dúas partes toma en serio, pois as propias empresas avisan aos gandeiros de que non será a proposta definitiva.
A presentación de ofertas ás granxas para a renovación dos contratos de compra do leite estase a volver un mero trámite, un simple formalismo legal
A Lei da Cadea Alimentaria e o Paquete Lácteo establecen que as empresas compradoras deben presentar ás ganderías das que se aprovisionan de materia prima unha oferta de renovación de contratos con dous meses de antelación á data de vencemento e as industrias buscan cumprir con este formalismo legal a través das propostas que están a remitir ás explotacións, para non arriscarse a recibir sancións por parte da AICA.
As empresas, ademais, presentan prezos baixos nas ofertas para ter logo máis marxe para negociar coas explotacións a medida que se achega o momento da renovación, en función de como evolucione o mercado, por exemplo, a nivel de demanda, ou de como actúe a competencia. Se o gandeiro non responde á oferta presentada decae no prazo de 15 días, o que dá inicio á negociación real, prevista para o vindeiro mes de marzo.
Globo sonda de Naturleite
Á hora de presentar ofertas ou contratos, as empresas apuran os tempos, moitas veces incluso máis aló do límite legal. Ningunha quere ser a primeira en mover ficha. Desta volta, Naturleite foi quen tirou a primeira pedra, cunha oferta de renovación cunha vixencia dun ano (1 de abril de 2024-31 de marzo de 2025) e un prezo base de 40 céntimos, 8 menos dos que a empresa está a pagar neste momento.
Legalmente as ofertas deben recoller unha duración mínima dun ano pero agárdase que os contratos se asinen por 6 meses
A oferta de Naturleite en Galicia chama aínda máis a atención se se compara cos prezos que a cooperativa COVAP, propietaria da planta de Meira, está a pagar noutros territorios nos que opera, por exemplo en Castela e León a través de Lactiber, con prezos por enriba dos 50 céntimos, ou en Andalucía, de onde é orixinaria, situados nos 55 céntimos neste momento.
A factoría de Meira envasa uns 110 millóns de litros de leite ao ano baixo a marca Hacendado para a cadea de supermercados Mercadona logo de ter ampliado nos últimos meses a súa recollida con algunha granxa, movéndose na actualidade cerca dos 300.000 litros diarios procedentes dunhas 250 ganderías.
Oferta indexada de Lactalis
Aínda que a maioría dos contratos que se asinan en Galicia son a prezo fixo, algunhas empresas están a apostar polo envío de ofertas indexadas a distintos índices, de maneira que o prezo de compra flutuaría ao longo dos 12 meses de vixencia do contrato.
É o caso da multinacional francesa Lactalis, que segue a ser a industria que máis leite recolle en Galicia, e que está a presentar unha oferta co 75% do prezo a 41,5 céntimos e o 25% restante vinculado á cotización do leite enteiro en pó (WMP) na UE, que pechou a semana pasada a súa última cotización en 36,7 céntimos, o que deixaría o prezo base final no caso do contrato de Lactalis en 40,3 céntimos, o que suporía tamén unha rebaixa importante, de 4 céntimos, a respecto do que está a pagar neste momento.
Os dous últimos contratos de Lactalis colleron de prezo base final o incluído para o 75% do leite na oferta inicial presentada
Aínda que se trata do primeiro contacto coas súas granxas, tendo en conta o precedente das dúas últimas renovacións, o prezo a partir de abril da multinacional francesa podería caer máis de tres céntimos, xa que os dous últimos contratos asinados por Lactalis colleron de prezo base final o incluído para o 75% do leite na oferta inicial presentada, neste caso 41,5 céntimos, cando o prezo base actual é de 44 céntimos.
Baixada dun céntimo de Entrepinares en Castela e León
Tamén aposta por unha oferta variable a queixería Entrepinares, proveedora da cadea Mercadona ao igual que Naturleite, cun prezo base no caso da planta de Vilalba de 43,5 céntimos pero vinculado á evolución do índice A3 publicado pola Inlac.
Entrepinares está a ser sinalada nos últimos días en Castela e León por baixar 1 céntimo o prezo de renovación dos contratos para os meses de febreiro e marzo, cunha baixada escalonada: 48,5 céntimos para este mes de febreiro e 48 para marzo.
As industrias comprometéranse coa Xunta a manter o prezo en Galicia para ir corrixindo o diferencial negativo a respecto doutras comunidades
O resto de empresas que operan na comunidade veciña, como Lactalis, Lactiber, García Vaquero ou Pascual, decidiron finalmente manter os prezos, o que xerou malestar no sector produtor coa queixería de Valladolid, que segue a manter con todo un diferencial positivo de entre 1 e 2 céntimos en Castela e León a respecto do que está a pagar en Galicia, debido a que na comunidade veciña conta con primas por volume que non paga ás granxas galegas.
Prudencia nos movementos do Grupo Lence
A oferta de renovación do Grupo Lence, a segunda empresa que máis leite recolle neste momento en Galicia, nunhas 360 explotacións, presenta unha baixada de 2 céntimos no prezo base, que quedaría en 41,7 céntimos, ao que habería que engadir as primas por calidades (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína), certificación de benestar animal (0,01 céntimos), bacterioloxía (a super A de Leite Río e Leyma sitúase en menos de 30.000 xermes e menos de 250.000 células e págase a 0,01 céntimos) e volume (de 40.000 a 60.000 litros 1 céntimo e máis de 60.000, 2 céntimos).
Leite Río busca non repetir o acontecido en outubro, cando quedou descolgada no prezo
Tamén está a presionar os prezos á baixa Reny Picot, que está a derivar unha parte da súa recollida ao envasado de leite debido á menor rendibilidade do leite en pó e a fabricación de queixo, o seu mercado principal; e Leche Celta, que volve apostar por unha oferta a prezo fixo pero escalonada ao longo do ano, con 3 meses a un prezo e 9 a outro, para a súa planta de Pontedeume, na que envasa leite para cadeas de distribución como Lidl.
Situación no resto de Europa
Mentres as ofertas presentadas en Galicia apuntan a unha posible baixada do prezo a partir da primavera, a situación en Europa foi ata o de agora por camiño oposto, a falta de ver o que sucede na primavera. O prezo medio na UE leva repuntando desde o mes de setembro e situouse en decembro en 46,14 céntimos, logo de aumentar 2,73 céntimos en tres meses.
Irlanda, Alemaña, Países Baixos e Polonia acumulan unha importante revalorización no prezo do leite nos últimos meses
Entre os principais países produtores, Irlanda presenta unha das subas máis notables, pasando de 40 a 44 céntimos; mentres en Alemaña o leite pasou de 41,3 a 44,3; en Holanda de 41,4 a 46,3 e en Polonia de 41 céntimos a 50. Francia e Italia mantéñense sen oscilacións, nos 46,8 céntimos no país galo e nos 48,5 no caso italiano, segundo os últimos datos publicados polo Observatorio Lácteo da UE, que reflicte tamén unha tendencia á revalorización dos produtos lácteos industriais.
Larsa anuncia que deixa de recoller leite a varias cooperativas a partir do 1 de abril
Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA), propietaria das marcas Central Lechera Asturiana e Larsa, que chegou a ser a segunda empresa con máis recollida en Galicia, está a perder peso na comunidade.
A planta de Outeiro de Rei, segundo se interpreta no sector, acusa as consecuencias da caída de vendas das primeiras marcas de leite. A empresa vén de anunciarlle a varias cooperativas coas que tiña acordos, entre elas Aira ou ganderías socias da Cooperativa Central de Frades, a redución da recollida a partir do 1 de abril.
Naturleite e o Grupo Lence aumentaron a recollida nos últimos meses
Nas renovacións levadas a cabo en decembro non houbera grandes movementos de granxas entre industrias e o máis salientable foi o abandono por parte de Nestlé doutras dúas rutas en Galicia. A multinacional suíza xa se vira obrigada a facer o mesmo na primavera pasada, ao igual que lle pasou a Pascual, outra das empresas que se están a ver afectadas pola caída da demanda de produtos de alta gama no mercado.
Transvase cara a marca branca
Pola contra, o leite de marca branca segue a gañar cota de mercado en España. Favorecidas pola inflación, as marcas de distribución levan meses comendo terreo ás primeiras marcas das industrias lácteas.
O brick segue ao mesmo prezo no supermercado pero as primeiras marcas están a sufrir
Mercadona, a cadea de supermercados que máis leite vende, controla arredor dun terzo do mercado de leite líquido e segue ampliando a súa necesidade de subministro, o que está a obrigar á compañía propiedade de Juan Roig a reforzar a súa cadea de proveedores.