O Caxigo é unha cooperativa de gandeiros ubicada no lugar de Vián (A Pastoriza, Lugo), da que os socios se benefician de diversos servizos, dende o apoio na xestión a servizo veterinario. É unha cooperativa que se mantivo fiel a súa esencia de servizo de proximidade, adaptándose ás necesidades de cada explotación, aínda que isto lle supoña ter un tamaño máis reducido.
A orixe do Caxigo sitúase no ano 1984, cando un grupo de gandeiros decidiu asociarse para facer a compra conxunta de abono. Un par de anos máis tarde xa se iniciaban os tramites de constitución da nova sociedade, sumando progresivamente novos servizos aos gandeiros, como a comercialización en conxunto do leite, un equipo veterinario propio, servizo de substitución ou asesoramento técnico e económico.
Nos últimos anos debido ao descenso de gandeiros en activo, algún servizo como o veterinario, foi exteriorizado.
“Chegamos a 115 explotacións entregando leite, hoxe somos 14 de leite e 19 de carne”
Esta sociedade centra a súa actividade en granxas da zona da Terra Chá e a súa traxectoria acompaña paralelamente á situación do agro galego. Explica Antonio Alvite, presidente dende o 2014, “actualmente a cooperativa está formada por 80 socios, principalmente de A Pastoriza, pero tamén de concellos veciños como Meira, Abadín, Riotorto ou Castro de Rei. En activo quedamos 14 explotacións de leite e 19 de carne, nalgúns anos chegamos a ser 115 granxas. Certo é que o volume de venda non experimentou ese descenso, pois entregamos mensualmente uns 400.000 litros de leite e utilizamos a cooperativa como figura intermediaria para a negociación en conxunto”.
Antonio lamenta o cambio da normativa de contratos lácteos desde o 2015, pois “dalgunha maneira quedamos desprotexidos, dado que a industria e o gandeiro tiñan que ter relación directa, polo que deixamos de actuar como primeiros compradores”.
O Caxigo é unha das tantas cooperativas que había espalladas pola xeografía galega e que posteriormente se foron integrando en grupos de maior tamaño. “Nalgunha ocasión valoramos a posibilidade de integrarnos, pero creo que o trato que pode recibir o gandeiro sería moi diferente. Temos que pensar que cooperativas como esta realizan unha importante labor social no entorno, en primeiro lugar porque sempre axudaron a ter mellores prezos e por outra parte, a proximidade da entidade co socio, xerando unha relación de confianza mutua”.
O Caxigo e a cooperativa O Xeixo colaboran na prestación de servizos ós seus respectivos socios
Esta entidade ofrece servizos propios, pero tamén colabora con outras cooperativas. O Caxigo tira man de Clun e Aira para o suministro de penso e compleméntase con outra cooperativa próxima, como O Xeixo (A Pastoriza), en diversos servizos.
“Nós temos un axente de substitución que poden solicitar socios de O Xeixo e igualmente nós podemos utilizar o servizo de calidade de leite ou o subministro de gasóleo que teñen eles. Somos pequenas entidades e debemos colaborar entre nós, pois algúns dos servizos non os poderiamos ofrecer de xeito individual”.
Dende un simple trámite de dar de alta ou baixa un animal, ata a xestión de subvencións ou recomendacións para a fertilización das parcelas, o asesoramento do Caxigo ós socios é amplo.
“É un traballo simple pero fundamental o de ter un apoio técnico para aquelas granxas que teñen dificultades para realizar trámites. Tamén ofrecemos axuda coa veciñanza en pequenos trámites administrativos, poñendo a cooperativa ao servizo do pobo. Ademais, tal e como se presenta o futuro, con esixencias como o caderno dixital ou o veterinario de explotación, cremos que debemos manter ou, na medida do posible, reforzar esta figura”, explica Antonio, cunha ollada no futuro máis próximo.
“As subvencións dannos mala imaxe, son partidario de que desaparezan e de que a nosa produción se pague polo que vale”
No contexto actual dos ultimos meses, marcado pola oposición do sector en toda Europa ás novas normativas, Antonio explica dende a súa propia perspectiva a situación actual do agro galego.
-Cales son as perspectivas a curto prazo, vendo a situación actual e os cambios que se veñen?
-Creo que o que se vai conseguir é que se acelere o peche de moitas explotacións. É necesario que teñamos uns controis, pero non vexo ben que despois o noso produto compita no mercado con outros procedentes de zonas con menores esixencias. Ademais dunha competencia desleal, considero que é un engano ao consumidor. Estamos nun mercado global e non podemos pechar as portas, pero temos que protexer o noso.
Para competir en igualdade de condicións, o consumidor debe saber a procedencia e os controis que hai detrás de cada produto que hai no supermercado.
“Vexo ben que se reduza o uso de antibióticos, pero non é normal que para tratar unha hipocalcemia teñamos que chamar a un veterinario”
En sanidade animal, en canto ás estratexias que se están a seguir para reducir o uso de antibióticos, véxoo ben porque están aparecendo na sanidade resistencias a algúns antibióticos. O que si que non é lóxico, e entra en contradición coas normativas de benestar animal, é que non poidamos utilizar sen unha visita previa do veterinario algo tan simple como un tratamento de calcio, por exemplo.
No momento en que encontramos unha vaca con hipocalcemia, deberiamos poder actuar canto antes, e calquera gandeiro sabe cando é preciso facer un tratamento deste tipo.
“O control da fertilización mesmo pode supoñer un aforro. É bo traballar en base ás necesidades do cultivo e a analíticas de solo”
No límite que pode haber no uso de fertilizantes, non creo que sexa un problema, senón que haberá que acostumarse a traballar de forma diferente e facer un plan de fertilización sobre unha analítica de solo e unhas necesidades para cada cultivo. Ademais, isto pode supoñer un aforro, por non estar abonando por encima das necesidades do cultivo.
– Como ves ó sector ante os cambios lexislativos?
– Vexo certo desánimo no sector, especialmente por gandeiros de certa idade, que nun sector con problemas de relevo xeracional, é unha parte maioritaria. É triste que desaparezan explotacións familiares porque directamente vai ir desaparecendo a xente dos pobos.
En Galicia temos os prezos máis baixos do estado e non entendo como sendo España un país que non produce o leite que consume, continuamente haxa problemas de prezo en orixe. E sinceramente, non creo que os lácteos de países de fora, como por exemplo de Holanda, cheguen aos supermercados a prezos inferiores aos de aquí.
Para que as explotacións sexan viables, os prezos non poden baixar. Ademais de todo o traballo diario que hai nunha explotación e as inversións que hai detrás, temos que adaptarnos a outros contratempos. Por exemplo, os vermes que atacan as pradeiras ou a enfermidade da hemorraxia epizoótica. Ao final son pequenos problemas que incrementan os custes de produción.
-Como gandeiro, que medidas cres que serían necesarias para manter a viabilidade e garantir o relevo xeracional?
-Vexo que o pouco relevo que temos non o coidamos, nin desde a administración, a industria ou a distribución. Este é un traballo digno como outro calquera, pero hoxe valórase moito a calidade de vida e unha explotación familiar, como a maioría das que hai hoxe en Galicia, require moitas horas.
O pouco relevo xeneracional que hai non o coidamos, nin desde a Administración nin desde a industria ou a distribución
É unha profesión que en primeiro lugar ten que gustar porque hai que ter unha dedicación constante. No caso de explotacións de gran tamaño e máis industrializadas, pódese organizar o traballo porque o cadro de persoal é mais amplo, pero temos que ser conscientes de que estas non son as que máis beneficio deixan no entorno.
A miña opinión é que as subvencións deberían desaparecer e a produción que temos ten que ser suficientemente valorada e remunerada. Creo que as subvencións crean unha mala imaxe do sector na poboación, a pesar de que todo o que recibe o gandeiro é unha forma de sufragar unha parte dos custes de produción e repercute en beneficios para toda a cadea do leite, incluído o consumidor.
– Como ves o futuro da cooperativa?
En canto á cooperativa, o futuro irá en consonancia co sector. Nalgunha ocasión consideramos a opción de transformar o noso leite, pero é unha situación complexa. É unha forte inversión e daríanos unha estabilidade e maiores posibilidades para defender o noso produto. É unha posibilidade, pero hai que poñer a mirada a longo prazo e reforzar o espírito cooperativista para facela viable. Hai un problema de relevo xeracional e iso é un problema fundamental para un proxecto deste tipo.