Principais cambios trala flexibilización das normas para granxas de vacún

A obriga de designar un veterinario de explotación antes do próximo 18 de maio aprázase un ano e o Plan de Benestar Animal ata 2027. O Ministerio aproveitará este compás de espera para aclarar aspectos como a obrigatoriedade de saída ao exterior das vacas estabuladas

CAPON HOLSTEIN SC (Chantada) vacas producion comedeiro cornadizas

As protestas de agricultores e gandeiros levaron tanto á Comisión Europea como aos Gobernos da maioría de países a reaccionar. En España, o Ministerio de Agricultura anunciou un paquete de 43 medidas que contan co beneplácito de organizacións agrarias como UPA ou Unión de Unións, pero que son consideradas insuficientes por COAG e Asaja.

Algúns dos cambios máis destacados afectan ás granxas de vacún, modificando as últimas normativas aprobadas, ben nos prazos da súa entrada en vigor ou nos requisitos esixidos, flexibilizando deste xeito a súa aplicación.

Repasamos a continuación os principais cambios tanto para ganderías de leite como de carne:

O veterinario de explotación atrásase un ano

Unha das modificacións anunciadas terá aplicación inmediata. É a relativa á designación de veterinario de explotación por parte de todas as granxas de gando vacún con máis de 5 UGM.

A obrigatoriedade de nomear a un facultativo como responsable da granxa antes do próximo día 18 de maio posponse un ano, ata o 1 de xuño de 2025, “co obxectivo de proporcionar máis tempo aos titulares das explotacións para adaptarse á normativa”, argumenta o Ministerio.

A designación dun facultativo de referencia será obrigatoria a partir do 1 de xuño de 2025 e desde o 1 de xullo do 2025 levarase a cabo a identificación electrónica dos animais nados na granxa

Así mesmo, prorrógase durante un ano a esixencia de contar con Plan Sanitario Integral. Trátase dun documento previsto no Real Decreto 364/2023 que integra medidas sanitarias, de hixiene, bioseguridade e uso racional de medicamentos, que deberá ser elaborado polo veterinario de explotación e que forma parte do Sistema Integral de Xestión das Explotacións (SIGE), ao que deberán adherirse as granxas de vacún que conten con 20 ou máis UGM.

Modificarase tamén o Real Decreto 787/2023 aprazando un ano a obrigatoriedade da identificación electrónica en bovino, prevista para os animais nados a partir do 30 de xuño deste ano e que pasará a aplicarse aos animais nados a partir do 30 de xuño de 2025.

Plan de Benestar Animal a partir de 2027

Outro dos cambios afecta a aspectos relativos á normativa de benestar animal incluídos no Real Decreto 1053/2022 de Ordenación de Granxas Bovinas. O Plan de Benestar Animal, esixible a todas as explotacións de vacún, aplicarase a partir de 2027 en todos os casos, eliminando a súa entrada en vigor con anterioridade no caso das granxas de nova creación (que estaba previsto para 2026) e nas xa existentes de maior tamaño (o 1 de xaneiro de 2025 nas de máis de 180 UGM).

O Ministerio regulará as características que deberán ter os patios exteriores ao que deberán ter acceso os animais estabulados

Durante este impasse de tempo, o Ministerio procederá a clarificar diversos aspectos da normativa, relativos á mobilidade dos animais entre as explotacións e o acceso a un ambiente exterior, xa que en lugares con climatoloxía adversa como Galicia a viabilidade destes patios exteriores fora posta en dúbida polos representantes do sector

En canto ás explotacións que realizan pastoreo cos seus animais, o Goberno comprométese á posta en marcha dun Foro de gandería extensiva, no que participarán tamén as organizacións agrarias e as comunidades autónomas co obxectivo de que as súas conclusións sirvan para reorientar a lexislación aplicable e propoñer medidas para garantir a continuidade e rendibilidade das granxas facendo fronte a desafíos sanitarios como a Enfermidade Hemorrágica Epizoótica. O MAPA avanza, neste sentido, que participará no financiamento dos gastos sanitarios que se deriven do tratamento da EHE por parte das explotacións.

Caderno dixital voluntario e incentivado

Como xa anunciara o Ministerio, a posta en marcha do caderno dixital, prevista para o mes de setembro deste ano en explotacións de máis de 30 ha declaradas na PAC, terá carácter voluntario.

Concederanse axudas tanto á creación e prestación de servizos de asesoramento dixital aos agricultores e gandeiros, así como á formación e intercambio de coñecementos, de modo que estes servizos sexan gratuítos para os produtores.

Do mesmo xeito, o Ministerio reitera, ainda que sen concretalos, que concederá incentivos directos aos agricultores e gandeiros que utilicen o caderno dixital de maneira voluntaria, simplificando ademais o contido e información que se deberá envorcar nel.

Máis tempo para enterrar o esterco nas fincas

En relación ao Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas, o Ministerio ofrece “flexibilizar as condicións de apilamiento de estercos na explotación e a ampliación do prazo para a aplicación no solo mediante enterramento”, fixado actualmente na normativa nas 12 horas posteriores, aínda que sen aclarar un novo prazo.

Para a aplicación de xurros, tamén se propón “flexibilizar os requisitos en determinadas zonas onde non é posible o uso de medios de aplicación mellorados”, o que abre a porta para permitir a utilización de cisternas convencionais en fincas de pequeno tamaño e a autorizar como alternativa a inxectores e tubos colgantes outros sistemas como o prato invertido.

A obrigatoriedade de contar con plans de abonado e analíticas de chans atrásase a setembro de 2025

En canto aos prazos establecidos na normativa para que as explotacións de máis de 10 ha de superficie se doten de plans de abonado, nos que se realice unha estimación dos nutrientes necesarios en cada parcela, atrásase un ano esta obriga, de modo que queda establecida a partir de setembro deste ano para granxas situadas en zonas vulnerables a nitratos e a partir de setembro de 2025 no resto dos casos. Tal como está recollido na normativa, o plan de abonado deberá contar con análise de chan de cada parcela así como con analíticas sobre a composición dos abonos orgánicos que se apliquen.

Tamén se apraza un ano a necesidade de contar con asesoramento técnico, de forma que as explotacións situadas en zonas non vulnerables deberán contar cun asesor en fertilización (ou no seu caso cunha aplicación informática validada oficialmente) a partir do 1 de setembro de 2026.

Marcha atrás na condicionalidade reforzada e modificación dos ecorreximes da PAC

millo_ensilado_cañotas_2

Poderase sementar durante tres anos millo na mesma finca e no cuarto rotar con pradeira

Outro dos bloques principais nos que o Ministerio actuará para satisfacer as demandas dos produtores será na aplicación da PAC, mediante diversas modificacións do Plan Estratéxico español (PEPAC).

Estes cambios tocan algúns dos aspectos clave introducidos para o novo período 2023-2027, como son o cumprimento da condicionalidade reforzada para o dereito a cobro das axudas, da que se exime ás granxas de menos de 10 ha e suavízase para o resto de explotacións, ou os incentivos establecidos mediante prácticas beneficiosas para o medio ambiente (ecorreximes), cuxos requisitos se volven tamén menos esixentes.

Da exención da condicionalidade reforzada nas explotacións de menos de 10 hectáreas beneficiaranse 345.000 produtores, máis da metade do total de perceptores da PAC en España

Algúns destes cambios (como as excepcións establecidas á cobertura mínima do chan en terras de cultivo, a eliminación da obrigatoriedade de manter un 4% de superficie como non produtiva ou os cambios nas rotacións de cultivos esixidas) teñen efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2024, polo que se aplicarán xa á actual campaña de solicitude da PAC deste ano, que xa está en marcha.

Rotación de cultivos

O cambio máis significativo para as explotacións lácteas galegas introdúcese na BCAM 7 sobre rotación en terras de cultivo, de forma que se dá a posibilidade de cumprir con esta esixencia ben mediante a rotación de cultivo na parcela tras tres anos do mesmo cultivo ou ben mediante a diversificación, cos mesmos limiares de cultivos principais definidos para o pago verde no período PAC anterior.

Non será necesario deixar un 4% da superficie sen cultivar para poder cobrar a PAC

No caso de que a explotación opte pola rotación, o ano de referencia para comezar a computar será 2023 no canto de 2021, de modo que unha granxa poderá sementar unicamente millo na mesma finca en 2023, 2024 e 2025 sempre que rote en 2026. Así mesmo, admitirase o uso dun cultivo secundario dentro do mesmo ano (por exemplo unha rotación intraanual millo-herba) para cumprir nunha campaña co requisito de rotación sen que a explotación tivese que facer uso deste cultivo secundario nas dúas campañas anteriores, tal como se establecía até o de agora.

A obriga de rotación de cultivos iguálase ás condicións do pago verde anterior

En canto aos ecorreximes, a porcentaxe de elementos non produtivos necesarios para o cobro do ecorrexime de illas de biodiversidade redúcese do 7% ao 4% da superficie de pastos a explotación. Do mesmo xeito, para cumprir cos requisitos fixados no ecorrexime de sega sostible, o gandeiro poderá decidir o período de 2 meses no que non realizará a sega e non se limitará o número de cortes fóra dese período.

Unha única inspección anual por granxa

O Ministerio propoñerá á Comisión Europea que se elimine a obriga de que os agricultores tomen fotos xeorreferenciadas das distintas parcelas para demostrar o estado dos seus cultivos, polo que cando a Administración responsable (no caso de Galicia o FOGGA) requira estas fotos para realizar un control, o seu envío será voluntario, e en caso de negarse o agricultor a realizar esta tarefa, a Administración deberá realizar o control por outros medios. Cando haxa indicios de incumprimento, descontarase a parcela obxecto da incidencia, sen que se apliquen penalizacións.

Os titulares das explotacións non estarán obrigados a enviar fotos xeorreferenciadas das parcelas para demostrar os cultivos existentes

De igual forma, preténdese que as comunidades autónomas acaden o compromiso de coordinar aos seus servizos de inspección de maneira que se unifiquen todos os controis a realizar nunha explotación nunha única visita que concentre os distintos aspectos a comprobar, con independencia do tipo de control e a normativa de aplicación.

A nivel fiscal, os ecorreximes manterán a súa exención de tributación ata 2027 e ampliarase de 20.000 a 25.000 euros o límite para o cobro de axudas de minimis para agricultura e gandería tanto a nivel de subvencións convocadas a nivel estatal como de comunidades autónomas ou outras administracións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información