“Bodegas Marqués de Vizhoja vai plantar 50 novas hectáreas de viñedo en Rías Baixas e relanzar a oferta de enoturismo”

Entrevista a Javier Peláez, propietario e director técnico de Bodegas Marqués de Vizhoja. Anuncia que van plantar 50 hectáreas máis de viñedo á beira das 40 que xa posúen en Arbo (Pontevedra) e a relanzar o seu proxecto de enoturismo. O seu viño Marqués de Vizhoja é un dos máis vendidos de Galicia, con case 2 millóns de botellas

Publicidade
“Bodegas Marqués de Vizhoja vai plantar 50 novas hectáreas de viñedo en Rías Baixas e relanzar a oferta de enoturismo”

Javier Peláez, propietario e director técnico de Bodegas Marqués de Vizhoja

-Estamos en Bodegas Marqués de Vizhoja, nunha contorna histórica e rodeados dunha das maiores plantacións de viñedo de Rías Baixas. Cal é a historia que hai detrás desta adega?
Bodegas Marqués de Vizhoja xurdiu no ano 1968 e aínda non existía a DO Rías Baixas e o meu pai e o meu avó elaboraban este viño, comprando tamén uvas na zona do Tea. Houbo un premio moi importante e o premio foi unha folla de parra, e de aí o meu pai viu que a folla ía ser o selo de Marqués de Vizhoja. Observou ao seu ao redor e viu que todo eran marqueses e condes e por iso decidiu que ía ser o marqués da vide e da folla. Cando fixo as etiquetas coa folla do premio, déronse conta que puxeron o D por unha Z e ao meu pai gustoulle máis e deixárono así. Foi un erro pero saíu xenial e fonéticamente escoitábase mellor.

-Contades con 40 hectáreas de viñedo, poucas adegas en Rías Baixas poden presumir de contar con tanto viñedo propio. Como foi o proceso de adquisición e plantación de viñedo no voso caso?
Estamos en Galicia, e por tanto na terra do minifundio. E en Arbo, máis minifundio aínda… Nós queremos concentrar case todos os viñedos ao redor da adega, como os pagos franceses. Ter un castelo, no noso caso, aquí en Galicia é un pazo, cos viñedos ao redor.

Agora mesmo temos unha ampliación de 50 hectáreas novas nun terreo por riba da adega, é dicir, seguimos no mesmo municipio, no mesmo pobo. Iso non é nada fácil co minifundio galego, ás veces compramos terreos de 500 ou 1000 metros cadrados.. É unha das grandes problemáticas e agora mesmo creo que se está dotando dunha serie de ferramentas para que a parte do campo en Galicia podámola atender mellor porque do contrario a xente non vai vir ao rural.

Logo temos a problemática dos incendios, aquí padecémolo moito, un ano queimóusenos media hectárea, pero iso pásanos a todas as adegas.

-Nos últimos anos grandes adegas de fóra de Galicia están a tentar asentarse tamén na DO. Rías Baixas. Coas características da vosa adega supoño que teriades máis dunha oferta de compra….Pódesnos comentar algo? Como valoras o momento actual que está a vivir a DO?
A DO está a vivir uns anos moi bos, está a facelo francamente ben, co formato, inducidos tamén polas adegas….E estamos a competir cun prezo para dar o caché que necesita Rías Baixas. A uva ten un prezo bastante alto para o que é a uva a nivel de España. As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia. Pero ninguén me veu chamar á porta para comprar a adega, supoño porque van buscando adegas máis pequenas e alcanzables de comprar que a nosa.

 As adegas de fóra claro que queren vir a Rías Baixas, é o branco español por referencia

-Descríbenos como son os vosos viñedos e que características destacarías…
Nós fomos uns pouco pioneiros no de ir a espaldeira e non a parra. O meu pai foi das primeiras persoas que apostaron polo sistema de espaldeira en Galicia. Temos un chan e orientación moi boa, chan granítico, estamos rodeados dun val, por iso queremos todo ao redor do noso propio val, aos pés do Río Miño, o cal nos dá unhas pequenas humidades, e estamos no interior de Rías Baixas, éntranos un pouco da brisa do Atlántico a traves do Miño pero somos unha zona de interior e cremos que a zona de Tea e Arbo é a mellor zona da DO. Rías Baixas e por iso aquí queren vir outras adegas e estanse asentando ao redor de O Condado.

-Estamos no arranque da colleita 2024. Como foron os labores de poda e as primeiras fases do ciclo vexetativo desta campaña?
Esta campaña como todas, temos moi claros as nosas formulacións e protocolos de traballo, están suficientemente claro como temos que actuar pero ás veces a climatoloxía xóganos boas ou malas pasadas. Este ano ía todo moi ben ata que veu un xaneiro que parecía verán case, chegando a temperaturas de case 30º na zona e empezou co seu ciclo vexetativo, daquela os fríos están a paralo un pouquiño e agora empezan os primeiros brotes. A climatoloxía é a que nos vai a dar os pasos a seguir, pois os nosos protocolos de actuación van en función da climatoloxía.

-A fertilización xoga un papel clave o a produción e calidade da uva. Que protocolos seguides?
Todos os anos facemos moitas analíticas de campo, de zonas. Hai que facelas e sobre iso actuamos. Cos abonos, con todo, imos estudando a planta día a día e imos facendo cambios. O que non se usa desde hai moitísimos anos son herbicidas nin abonos naturais de cabalo, coello… Porque creo que hai restos que non son bos, antibióticos… Usamos unhas técnicas moi exactas para conservar o medio ambiente e ter un solo que se protexa a si mesmo, trátase de volver á cultura dos nosos avós, e iso non o consegues nin nun ano, nin en dous nin en tres. Tentamos ser o máis ecolóxicos posibles.

-Empregades abonos e emendas de Ecocelta. Que vos levou a empregar os seus fertilizantes e que vantaxes valorades?
É unha moi boa compañía que aposta por ser o máis natural posible e potenciar os nosos solos, e son un dos nosos provedores.

-En canto ao laboreo do chan, que protocolos seguides para o control da cuberta vexetal?
Creo que o mundo, xa non só falo de Galicia, está a darse conta de que hai que ter chans vexetais, non podemos arar os solos e deixalos secos. Pola contra, se deixamos capas vexetais hai humidade, natureza, insectos… Teñen que ter vida, se os deixamos desprotexidos todo vai ser deserto, e co cambio climático moito peor. Por iso hai que seguir protocolos dependendo das zonas, non é igual unha zona máis alta ou unha zona máis baixa, ou segundo o tipo de inclinación.. Pero reitérome en que ten que haber capa vexetal e natureza sempre.

-Que estratexias seguides en Marqués de Vizhoja para controlar o mildiu?
Como todas as adegas, sulfatamos, non nos queda outra. Pero hai unha cousa clave, en 12 horas somos capaces de tratar todo o noso campo e iso é algo importantísimo. Porque pode chover, entrar fin de semana…e como entre a espora é moi difícil combatela. O ano pasado houbo zonas que foi un verdadeiro desastre, houbo xente que como nós, tivo unha colleita magnífica, de feito a DO aprobou un aumento de produción en campo, pero houbo xente que non chegou a recoller nada, porque se tardas dous días e éntrache a espora, estás acabado, e máis se entra o fin de semana e empezas a traballar o luns. Xa non es capaz de erradicala. Iso si, hai que investir en campo, traer tractores, desbrozadoras…

Co mildio se tardas dous días en tratar e entra a espora, estás acabado

-Estamos nunha zona onde xa foi detectada pola Xunta a presenza da Flavescencia Dourada. Como valorades as medidas adoptadas para frear a súa propagación?
É outra enfermidade máis. O que vive do campo ten que convivir con isto. Isto non é novo e xa vén doutros países que o están combatendo. A Xunta está a xogar un bo papel, está a pór detectores polas zonas do Río Miño, pois vennos a través de Portugal, e hai que estar moi atentos, vixiar e educar ao persoal que temos en campo para que eles tamén vexan como é e sobre todo traballar con trampas que hai que estar a controlar constantemente.

É unha cousa moi perigosa e temos que estar todos moi de acordo nos protocolos a seguir, porque do contrario poden vir os viñedos abaixo e sería un desastre económico para todos.

-Que outras técnicas aplicades para mellorar a calidade da uva?
O primeiro, cada planta é cada planta. Ti tes que estudar á planta, cada planta é única, como as persoas. Hai plantas moi antigas e outras que son máis novas, temos de todo tipo de idades, é un protocolo de aprender a observar á planta para sacarlle unha boa uva. E logo hai que facer podas en verde, tirar acios ao chan, e iso doe ás veces un pouquiño, pero hai saber que cargas lle podemos dar a cada planta, especialmente despois da floración.

-Que rendementos logrades nun ano normal nos vosos viñedos? Comprades tamén uva a viticultores?
Si, compramos uva, pero sempre ao redor da adega. Non compramos uva de fóra do Condado do Tea. Os rendementos en campo van variando, cada ano é distinto. O ano pasado foi bo, pero unha media normal pode ser entre 8 ou 10 mil quilos por hectárea. Pero reitérome en que depende da climatoloxía, é moi complicado. Este ano non sabemos pero gustaríame sabelo.

-O voso viño máis coñecido é Marqués de Vizhoja. Que destacarías da súa elaboración e características? Cantas botellas vides elaborando e onde están os seus principais mercados?
É un viño fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas por temas comerciais. É un viño afrutado, novo, un viño que nunca falla e que sempre che vai deixar quedar moi ben. Logo ten moi boa presentación e un prezo moi razoable, por iso véndense case 2 millóns de botellas.

Logo está a Torre La Moreira, un albariño 100% que se elabora a partir das uvas das viñas de ao redor da adega e coas novas ampliacións. En canto a Señor da Folla Verde é o noso viño típico da subzona do Condado, é a nosa marca máis elitista, máis alto de gama e máis especial.

-O prezo de venda ao público da botella de Marqués de Vizhoja está nos 4,65 euros. Como logrades ser tan competitivos en prezo mantendo a calidade?
Con moito traballo, amor e ganas.

“A decisión de deixar o viño Marqués de Vizhoja fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas foi por estratexia comercial pura e dura”

-Este viño tamén se atopa fóra de DO. Rías Baixas. Que vos levou a non amparalo baixo o Consello Regulador?
No ano 1985 o meu pai adquiriu o que é a finca A Moreira e aí é onde decidimos montar as adegas Marqués de Vizhoja que antes as tiñamos en Vigo. Desde aí foron pasando os anos e apareceu a DO Rías Baixas e o meu pai nun principio non quixo meterse por estratexia comercial e un tema de prezos. Marqués de Vizhoja xa vendía unha boa cantidade de viño por medio mundo e decide deixar que ese viño de autor seguise o seu camiño, e facer dúas novas liñas comerciais: unha Torre La Moreira, que é 100% albariño, e un Señor da Folla Verde que é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureira e 15% treixadura. Esa foi un pouco a estratexia comercialmente, por iso temos viños dentro da DO e Marqués de Vizhoja está fóra da DO, foi estratexia comercial pura e dura.

-Dentro de DO tedes “Torre La Moreira” e “Señor da Folla Verde”. Que destacarías destes viños -elaboración, cata, número de botellas- e como está a ser a súa acollida no mercado?
Torre La Moreira é 100% albariño, está na DO só se vende en hostalaría e tendas especializadas e anda nunha franxa de 8-10 euros.

Señor da Folla Verde é un viño típico da zona de aquí, no noso caso 70% albariño, 15% loureiro e 15% treixadura. É o noso viño máis elitista, comercialmente andará entre uns 13-15 euros.

Estes dous viños son elaborados 100% con uvas dos nosos viñedos e implican coidados diferentes.

-Completades o voso portfolio coa elaboración de licores, con formatos novos. Que vos levou a dar este paso e que destacarías destes produtos?
No mundo licores temos o que hai que ter: augardente, licor de herbas, licor café e a nosa famosa e recoñecida crema. Decidimos facer unhas monodoses para os carajillos e sobremesas. Na hostalaría reenchíanse moitas botellas e o consumidor non sabe o que está a beber por iso fixemos estas monodoses antichorreo, é un invento que recibiu moitos premios a nivel mundial, é unha cousa moi específica que non hai en moitos sitios e é a mesma tecnoloxía que se usa no mundo farmacéutico. Fixámonos nos monodoses das salsas nas hamburgueserías e pensamos en facer algo parecido pero cunha tecnoloxía que asegure a calidade do produto.

 “As nosas monodoses de licor de herbas, licor café e augardente garanten ao cliente a autenticidade do produto”

A crema é o que máis nos custou elaborar, é a única crema galega de 19º. Hai moitas cremas no mercado que parecen leite ou nata, entón quixen elaborar unha moi boa crema.

-Bodegas Marqués de Vizhoja tamén aposta polo enoturismo, unha área de negocio en Galicia na que aínda queda camiño para a súa profesionalización. Que destacarías da vosa experiencia e cales consideras que son as claves para que sexa unha actividade rendible para unha adega?
Estamos vinculados co enoturismo porque temos un marco impresionante, un pazo, viñedos ao redor, e traballamos moito o enoturismo. Agora témolo paralizado porque estamos a preparar o pazo e un proxecto moi importante a nivel enoturismo. É un turismo que está en auxe, polo que temos que seguir sendo punteiros, e máis coa contorna impresionante que temos aquí.

“Imos plantar 50 novas hectáreas de viñedo”

-En que proxectos de futuro estades a traballar?
As novas 50 hectáreas que temos para poder plantar e tamén hai uns marcos de plantacións, variedades, algúns cambios en tema campo. E logo o gran proxecto de enoturismo que temos entre mans.

-Como ves a adega dentro de 10 anos?
Vai seguir sendo unha adega 100% familiar e seguirei traballando pois terei 60 anos, e seguirán formándose e traballando os meus sucesores para cando chegue o día do relevo.

-Por último e non menos importante, a viticultura é unha actividade que xera moita riqueza e emprego no rural. De que cifras estamos a falar no caso de Bodegas Marqués de Vizhoja?
O rural hai que asentalo, somos galegos, vivimos diso. Nós, como empresa, queremos loitar por asentalo. Estamos nunha facturación duns 7 millóns de euros, unha das adegas máis importantes de Galicia. Temos 30 traballadores e no novo proxecto entrará un bo número de persoas que amen a terra.

-Algo máis que queiras engadir?
Convidar aos consumidores que sigan consumindo Marqués de Vizhoja, viños da DO Rías Baixas e viños galegos, seguir triunfando no mundo enteiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información